Categoría: Accion sindical

  • Concentración contra o ERTE anunciado por Bosch en Vigo

    Hoxe venres, quince de marzo, concentrámonos diante de Bosch Services Vigo para expresar o noso rexeitamento polo ERTE anunciado para ese centro de traballo.

     
    A empresa achegou documentación xustificativa para esta regulación de emprego. Con todo, para nós non abonda, xa que se alude a causas organizativas que non fican demostradas sobre o papel.

    A causa probable estaría relacionada co ERE de Vodafone, un dos seus principais clientes, pero Bosch non detallou o impacto que tería para a súa empresa e, sen resolver iso, presenta o ERTE.

    O ERTE afectaría a 800 persoas, con períodos de suspensión entre os dez días e os dous meses. Así mesmo, foron despedidas 200 persoas que prestaban servizos a través de empresas de traballo temporal.

    Vídeo

  • CCOO convoca unha folga en DIA

    Tras a negativa por parte da empresa de retirar o ERE e a súa falta de claridade en canto a unha posible prórroga do prazo de negociación, CCOO convocou ao persoal de DIA a mobilizarse, con concentracións en tendas e almacéns o día 13 e con dous paros parciais o 20 de marzo en todos os seus centros de traballo.
     
    CCOO considera que non hai razón para manter o ERE proposto pola dirección do Grupo DIA, máis aínda tras o constante cambio de escenarios que se están producindo nos últimos días. É necesario un ERE cando a empresa segue contratando persoal eventual para cubrir a evidente falta de persoal? Cando están a vender tendas e, segundo anuncia a propia empresa en prensa, a venda vai moi ben? Cando onte asumen a rebaixa de persoas e tendas afectadas sen seguir achegando nin un dato de porque se sinalaron eses centros? Ler máis
     
     
     
    Para CCOO, presentar un ERE sen que se coñezan datos «básicos» sobre a empresa, comezando por quen a dirixirá a partir da semana que vén, «non ten sentido». Porén, a distribuidora de alimentación decidiu seguir adiante coas súas intencións, que pasan por eliminar máis de 1500 postos de traballo en toda España. 
     
    É totalmente incoherente que siga un ERE sobre a mesa cando: 
     
    Aínda non sabemos o que vai suceder na Xunta de Accionistas do día 20.
    Aínda non sabemos, por tanto, cal vai ser a ampliación de capital nin quen vai seguir dirixindo a empresa.
    Aínda non sabemos se a venda de tendas vai por bo camiño
     
    Só cando haxa resposta a estas preguntas poderase falar sobre a necesidade de reestruturar o persoal ou se sería suficiente unha recolocación do persoal, ben por funcións ou ben por traslados, ou outras medidas que non esixan despedimentos. 
     
    A empresa debe ser consciente de que a mellora da calidade só pode vir dunha man de obra suficiente e cualificada, sería un gravísimo erro pola súa banda non ser capaces de reter o talento dun excelente equipo humano do que, agora, queren desfacerse. 
     
    CCOO considera que a situación actual é unha oportunidade para dotar ás tendas de persoal estable e suficiente, de reforzar a cualificación das persoas que van sacar a DIA desta situación, que non son outras que as súas traballadoras e traballadores. 
     
    Por estas razóns, CCOO convou dous paros parciais o próximo día 20 en todos os centros de traballo, de 10 a12h e de 17 a 19h. Antes, o día 13 de marzo.

    Vídeo

  • Teleperformance A Coruña en folga

    O luns 4 de marzo de 2019 reunido o Comité de Empresa decídese por unanimidade de todas as
    Seccións Sindicais representadas neste Comité convocou paros de folga para o luns once de marzo en quendas de mañá de 12:00 a 13:00 horas e de tarde de 18:00 a 19:00 horas. Polos sobrados motivos que pasamos a detallar:
     
    • Despedimentos disciplinarios inxustificados.
    • Abuso da contratación eventual e precaria.
    • Denegación das reducións de xornada de concrecións horarias.
    • Plans de incentivos inalcanzables.
    • Presións constantes nas campañas.
    • Incidencias reiteradas en nóminas.
    • Falta de control e transparencia ante os cambios constantes do persoal entre campañas, en determinados casos con perdas de categorías.
    Promóvese a declaración de folga xa que até o día de hoxe resultaron infrutuosas todas as negociacións (requirimentos, reunións coa empresa, etc..) realizadas para tentar chegar a un acordo sobre dás distintas problemáticas no centro de traballo.

    Vídeo das mobilizacións

  • DxC Technology A Coruña: mobilizámonos de novo e esiximos solucións

     Despois da primeira xornada de mobilizacións levadas a cabo o pasado 18 de febreiro, desde a dirección de RRHH/RRLL de DxC Technology séguese xogando co futuro dos postos de traballo do persoal do centro da Coruña.

    A día de hoxe segue sen existir un compromiso firme e por escrito garantindo os postos de traballo de todo o persoal de DxC Technology. As únicas noticias recibidas no día de onte e de palabra son as supostas intencións de recolocación dos contratos indefinidos e a finalización dos contratos por obra.

    Desde o Comité de Empresa de DXC Technology na Coruña xunto co seu persoal rexeitamos esta solución, esiximos á empresa o mantemento do 100% do persoal e que se realice o desvío de carga de traballo desde outros centros que DXC Technology ten no territorio español.

    Denunciamos así mesmo a precarización das condicións de traballo ás que tanto DXC Technology como Teleperformance España está a empuxar a un persoal que desde hai anos presta os seus servizos e que demostrou en múltiples ocasións o seu compromiso, respondendo sempre que foi necesario realizar un esforzo engadido para sacar adiante o traballo comprometido cos clientes.

    De novo esiximos que toda aquelas persoas contratadas por TELEPERFORMANCE ESPAÑA sexan subrogadas con todos os seus dereitos tanto salariais como sociais, recoñecemento e mantemento das súas antigüidades e que DXC TECHNOLOGY manteña todos aqueles postos de traballo das persoas que decidan permanecer na empresa.  

    Vídeo

  • CCOO rexeita o ERTE anunciado por Bosch en Vigo e reúne apoios dos partidos políticos

    Comisións Obreiras rexeita o expediente de regulación temporal de emprego (ERE) anunciado polo centro de chamadas Bosch para as súas instalacións de Vigo. O sindicato iniciou unha rolda de contactos cos diferentes partidos políticos para recabar o seu apoio. O primeiro dos encontros tivo lugar este luns con Yolanda Díaz, deputada de En Marea no Congreso. Ler máis

    Após a reunión, Díaz e representantes de CCOO deron unha conferencia de prensa conxunta. Juana Taboada (CCOO), traballadora de Bosch, explicou que a empresa achegou documentación xustificativa para esta regulación de emprego. Con todo, apuntou que «para nós non abonda», xa que se alude a causas organizativas que non fican demostradas sobre o papel.

    A causa probable estaría relacionada co ERE de Vodafone, un dos seus principais clientes, «pero Bosch non detallou o impacto que tería para a súa empresa e, sen resolver iso, presenta o ERTE», lamentou a traballadora.

    Tabaoda tamén explicou que o ERTE afectaría a 800 persoas, con períodos de suspensión entre os dez días e os dous meses. Así mesmo, lembrou que foron despedidas 200 persoas que prestaban servizos a través de empresas de traballo temporal.

    Pola súa parte, Yolanda Díaz salientou a gravidade para unha cidade como Vigo dunha regulación de emprego na que se manexan cifras desta envergadura.  A representante de En Marea criticou que as grandes multinacionais estean «facendo coa xente o que lles peta», e lamentou que o marco laboral llelo permita.

    Precisamente, En Marea presentou a pasada semana unha proposición de lei antideslocalización, para situar España ao nivel doutros países europeos, colcoando atrancos para que as grandes multinacionais deslocalicen e se comprometan cos territorios onde teñen centros de traballo.

    Por último, Díaz aseverou que «estamos en tempo de desconto» ?o 5 de marzo disólvense as Cámaras?, «pero seguiremos presentando iniciativas», concluíu.