Categoría: Comercio

  • CCOO insta as administracións locais e autonómica a que acorden en diálogo social medidas de choque polo emprego

    Desde a Federación de Servizos, que engloba os sectores de hostalaría e comercio, especialmente afectados pola pandemia, propomos que todas as Administracións poñan en marcha medidas para soster o emprego e o tecido produtivo, e reclamámoslle tamén ao Goberno de España melloras na coordinación.

    CCOO expón unhas liñas de proposta para debater desde a Administración pública, tanto nos marcos de diálogo social autonómico, como desde a Administración local, con fin de evitar que se siga destruíndo emprego e tecido produtivo.

    Para o sindicato é unha prioridade absoluta evitar que se perda tecido empresarial, polo que se propón apostar por mecanismos de financiamento, axudas, moratorias e liquidez, que permitan o sostemento das empresas, maioritariamente de autónomos e pemes, pero en termos recíprocos: as empresas deben comprometerse a soster o emprego. Ler máis
     

    CCOO considera que estas axudas deben estar equilibradas, é dicir, que existan axudas directas tanto para empresas como para os sectores e as persoas traballadoras. As propostas de CCOO articúlanse nos distintos niveis de actuación: laboral, seguridade sanitaria, fiscal e institucional. Entre elas, destacamos:
    •    Axudas para a contratación de persoas que quedaron no paro por mor da COVID-19.
    •    Promover medidas de mediación para renegociar temporalmente o prezo do alugueiro cos propietarios dos inmobles.
    •    Subvencións para a modernización e dixitalización.
    •    Axudas a empresas de sectores relacionados co turismo e a súa actividade.
    •    Mecanismos para adiar o pagamento de débedas tributarias de pemes e autónomos, así como adiamento temporal, reducións ou eliminación temporal dos pagamentos dos impostos locais.
    •    Axilizar a liquidación de axudas económicas ás pemes e autónomos.
    •    Programas para fomentar o consumo na hostalaría e o comercio local.

    Entendemos que estas axudas deben ir ligadas a unha serie de requisitos por parte das empresas:
    •    Que non foran sancionadas pola inspección de traballo (fraude ERTE).
    •    Que estean ao día no pagamento de nóminas, obrigas con Facenda e Seguridade Social.
    •    Que teñan plans e medidas de seguridade na empresa e favorezan a igualdade, a conciliación e non discriminación por razón de sexo, amais dun compromiso co medioambiente e a saúde pública.
     

      |  Nota de prensa

  • Reunión da mesa do convenio de Comercio Alimentación Coruña

    Tras varias reunións, a patronal de Alimentación da Coruña teimaba en non entrar a discutir a plataforma sindical e só se dedicaba a informar sobre a situación económica xerada pola COVID-19, sobre o incremento de gastos en epi e a repercusión negativa nas vendas.

    Non tiña en conta o esforzo feito polos cadros de persoal, nin os fortes incrementos de vendas e carga de traballo durante o confinamento, nin o risco persoal como sector esencial de abastecemento da poboación, nin que esta pandemia debe tratarse como o que é: un problema temporal que non pode utilizarse para rebaixar as condicións do convenio. Ler máis

    Por fin, na última reunión do 20 de outubro, vimos un pequeno avance. A patronal presentounos dúas propostas:

    1. Manter o actual convenio con vixencia para os anos 2020-2021, cun incremento do 0,25 % dos salarios e sen modificar nada do seu texto.

    Para CCOO, ante o esforzo dos traballadores e traballadoras durante a pandemia e o confinamento, un incremento salarial do 0,25 % é INACEPTABLE.

    2. Tratar unha parte da plataforma sindical, especialmente centrándose en categorías, xornada, licenzas, horas complementarias, pero sen presentar de momento unha proposta de incremento salarial.

    Desde CCOO entendemos que este pode ser un primeiro paso para entrar de vez e de forma seria na negociación, e lembramos que para nós existen temas importantes aos que hai que dar unha solución:

    • Por que temos unha das xornadas máis alta de todo o sector?: 1812 horas anuais

    • Como é posible un control de presenza asinado nunha folla de papel?, estamos na época das cavernas ou en plena era dixital?

    • Por que un exceso de horas complementarias convertidas case nunha xornada completa, pero con horarios irregulares que impiden a conciliación da vida laboral e familiar?

    • Por que non se implantan xornadas continuas e se teima en manter xornadas partidas, cando a pandemia demostrou que son totalmente realizables?

    • Que pasa cos cadros de persoal que fan traballos profesionalizados pero seguen no GRUPO SALARIAL IV, o que ten o salario máis baixo?

    • Que pasa coas persoas obrigadas a asumir responsabilidades de 2º encargado/a e sen recoñecemento salarial?

    • Que pasa cos gastos de quen debe desprazarse a outros centros de traballo?

    • Cando imos adaptar as sentenzas xudiciais sobre licenzas para que estas se gocen en días hábiles de traballo?

    • É imprescindible un INCREMENTO SALARIAL XUSTO, que recoñeza o esforzo das traballadoras e traballadores polo risco que están asumindo, a tremenda carga de traballo e o altísimo estrés.

    • E MOITOS OUTROS TEMAS QUE TEÑEN IMPORTANCIA E QUE TEMOS QUE TRATAR.

    Seguiremos informando

  • Mobilizacións en Celso Míguez pola «insostible» situación da empresa

    O persoal de Pinturas Celso Míguez mobilizarase na Coruña mañá mércores, 30 de setembro, pola «insostible» situación da empresa. CCOO denuncia atrasos de varios meses na percepción dos salarios e unha completa «inacción» por parte da dirección, á que lle esixen un plan de viabilidade económica.

    Ademais do atraso no cobro das nóminas, estanse a dar casos de traballadores que «están causando baixa da empresa ante a gravidade da situación», apunta o sindicato. A isto cómpre engadir o «desabastecemento» que se padece nas tendas, que incide negativamente nas vendas e nos ingresos.

    Por todo isto, a primeira das mobilizacións previstas foi este mércores, de 11 a 13 horas diante da tenda situada na avenida Alcalde Pérez Arda.

  • Cuarta e Quinta reunión da Mesa do Convenio de Comercio Alimentación Pontevedra

    Nesta cuarta reunión por primeira vez a patronal presentou a súa proposta de negociación, na que modifica e fai unha distribución distinta do articulado do convenio que teremos que ver en profundidade. De inicio destaca a conxelación da antigüidade, a compensación e absorción das condicións máis beneficiosas, unha modificación dos grupos profesionais, en principio tendo como base o establecido neste senso no Convenio da provincia de Coruña, e modificación nas licenzas.

    CCOO negociaremos cada un dos apartados cando corresponda, tendo en conta a nosa plataforma e o obxectivo de mellora das condicións do convenio, sen aceptar nada que poida supoñer un retroceso.Ler máis

    Comezamos a negociación por orde dos artigos de convenio, o que nos levou a valorar o ámbito de aplicación e a duración, a clasificación profesional e a contratación.

    CCOO deixamos claro como aspectos principais nestas materias que queremos unha clasificación profesional moderna e que garanta o encadramento profesional de cada categoría, creando o mesmo tempo as categorías de seccións. Ademais aclaramos que non vamos a aceptar a compensación e absorción e na contratación queremos máis garantías e estabilidade para as persoas que están a tempo parcial.

    CCOO apostamos por unha negociación áxil. Con isto esgotamos a sesión de negociación e quedamos para a seguinte reunión, na que comezamos co capitulo de xornada, vacacións e licenzas.

    O luns, vinte e un de setembro, celebrouse a quinta reunión de negociación na que fixemos unha breve revisión dalgunhas materias tratadas na reunión anterior. A parte patroal comunícanos que vai facer unha proposta diferente á que se presentou no seu día e que supoñíamos conxunta. Nestes momentos temos unha proposta de ASAP, que engloba basicamente os supermercados, e unha futura que presentará FEGACOIN, a outra patronal que integra a mesa negociadora.

    As principais novidades da proposta da patronal na materia de xornada son:

    • Que no descanso semanal se acumulen os medios días, e se gocen nun período de ata catro semanas
    • Que os 16 días mínimos de vacacións que establece o convenio actual a gozar entre xuño e setembro nos centros de traballo de máxima actividade non se gocen nese período
    • Unha modificación nas licencias aumentando os días para algunhas cuestións e diminuíndoas ou poñendo trabas noutras.

    Por parte de CCOO expuxemos o recollido na nosa plataforma facendo fincapé:

    • Na necesidade de establecer a xornada máxima anual que ciframos en principio en 1753 horas, e que se garanta o goce dos festivos que estean establecidos por lei, que en moitos casos non teñen que coincidir parcialmente con vacacións.
    • No relativo ás vacacións solicitamos que se abonen todos os conceptos económicos cando se gozan, incluído algúns como a nocturnidade, cuestión esta que está xa recollida tamén na proposta da patroal.
    • A posibilidade de en caso de desacordo na fixación das vacacións, que a persoa traballadora poida elixir cando gozar cando menos 15 días.

    Sobre a réplica da patroal nesta materia e deixando a un lado a súa proposta sobre licencias que queremos valorar en profundidade, manifestamos o noso total desacordo con que unhas persoas por estar os seus centros de traballo nunha zona concreta non poidan gozar de un período mínimo de vacación en época estival, e entendemos que os 16 días establecidos actualmente no convenio son perfectamente asumibles polas empresas incluso nestas situación de máxima actividade.

    Rematada a sesión, quedou fixada a próxima para o luns 28 ás 16:30, na que continuaremos a negociar por artigos.

    Nestes comunicados pretendemos ser o mais concisos posible, pero calquera información que queirades ampliar estamos o voso dispor por medio das nosas delegadas ou delegados ou no propio sindicato.

     

  • Carta á Xunta de Galicia rexeitando a apertura de domingos e festivos no Comercio Galego

    Unha vez máis, como cada ano, desde a Xunta de Galicia e en cumprimento da lei de horarios comerciais, solicítasenos que entreguemos unha relación de dez domingos e festivos que puidesen considerarse como de posible apertura comercial.

    A apertura de domingos e festivos en comercio, permite e fomenta unha loita desigual entre as grandes superficies e o pequeno comercio de proximidade, e coa escusa do incremento de postos de traballo, precariza as condicións das traballadoras e traballadores do sector. Ler máis

    A estas alturas, a experiencia xa nos indica claramente que o incremento de horas comerciais non implica un aumento substancial do emprego, senón que máis ben lévanos á precarización das condicións laborais con incrementos abusivos de xornada, con aumento do número de horarios irregulares e impedindo a conciliación da vida laboral e familiar.

    Ademais a apertura de domingos e festivos, potencia unha perniciosa identificación entre lecer e consumismo desmedido.

     

    A Federación de Servizos de CCOO, unha vez máis, realizou un escrito de contestación situándose contra a apertura de domingos e festivos.

    Carta contestación Xunta de Galicia