Categoría: Comercio

  • A Xustiza volve condenar a Froiz Supermercados por sancionar sen motivo unha delegada de CCOO en Lugo

    A cadea Froiz Supermercados foi condenada por segunda vez por sancionar sen xustificación a unha delegada sindical de Comisións Obreiras (CCOO). Esta nova resolución xudicial chega tras unha primeira sentenza do Xulgado do Social n.º 1 de Lugo, emitida en setembro, que xa recoñecera a vulneración de dereitos sindicais contra a presidenta do comité de empresa en Lugo, tamén delegada de CCOO.
     

    Anulación da sanción e indemnización

    A recente sentenza obriga á empresa a anular a sanción de catorce días sen emprego e soldo imposta á traballadora, reintegrarlle os salarios non percibidos durante ese tempo e indemnizala polos danos morais causados. A xustiza considera acreditado que houbo unha clara vulneración dos dereitos sindicais, tipificada como infracción grave.
     

    Froiz actuou en represalia polas funcións sindicais

    Segundo a sentenza, quedou probado que a sanción foi unha represalia polas tarefas sindicais desenvolvidas pola delegada no marco do conflito vinculado á negociación do convenio provincial de alimentación. A resolución tamén destaca que esta conduta de Froiz afecta a máis representantes sindicais, o que implica unha afectación colectiva e non só individual.
     

    CCOO reclama o fin das prácticas antisindicais

    Desde a Federación de Servizos de CCOO de Galicia, esperamos que esta segunda sentenza leve á empresa a corrixir estas actuacións. Reclamamos que Froiz respecte o dereito á representación sindical e cesen os castigos ao persoal que exerce a defensa dos seus dereitos laborais.

  • Abonda XA! O persoal de Stradivarius Ourense ten a mesma dignidade e dereitos que outras tendas do grupo Inditex

    angry Non somos menos que outras tendas de Stradivarius! Esiximos os horarios 3-2-1 (3 tardes, 2 mañás e 1 día libre) para poder conciliar a nosa vida laboral e persoal.

    •  A situación económica do noso centro non é peor ca doutras tendas onde xa se aplican estes horarios. É só unha cuestión de vontade empresarial!
    • Inditex discrimínanos en Ourense. Négase a aplicar un modelo xusto e mantennos como traballadoras de segunda dentro do grupo.
    • NON O IMOS PERMITIR. Queremos os mesmos dereitos que as nosas compañeiras doutras provincias.

     

    CONCENTRACIÓN

    Xoves 3 de abril
    12:00 h
    Centro Comercial PonteVella

    enlightenedAcode e fagámonos escoitar! Xuntas somos máis fortes.

  • Despedimentos inxustificados e cargas de traballo excesivas: CCOO Servizos concentrámonos contra a explotación laboral en JOALPER (franquicia Eroski)

    Desde CCOO Servizos convocamos unha concentración para protestar pola situación laboral en JOALPER. Celebrouse hoxe, 14 de xaneiro de 2025, ás 11:30 horas, diante do supermercado Eroski en Ponteceso (Av. Eduardo Pondal 21, 15110, A Coruña), pertencente á empresa JOALPER, franquiciado para EROSKI na Costa da Morte.

    Desde CCOO denunciamos os despedimentos inxustificados que a empresa ven realizando nos últimos meses. Estos despedimentos veñen a agravar a situación de sobrecarga de traballo que sofre o personal dende hai meses, debido principalmente á escaseza de persoal.
     

    Por todo isto, CCOO Servizos convocamos esta concentración en contra da explotación laboral existente en JOALPER, esixindo que se poña remedio inmediato a sobrecarga de traballo que deteriora a saúde das persoas traballadoras e poñan fin aos despedimentos inxustificados.

    concentración JOALPERConcentración JOALPERconcentración JOALPER Eroskiconcentración JOALPER

    Noticia en Diario de Bergantiños

  • Persoal de Froiz, da tenda Juan de Austria (Caranza), mobilizámonos ante a falta de medidas fronte aos roubos e intimidacións

    Na tenda de Froiz, en Juan de Austria, Caranza (Ferrol), o persoal está a sufrir unha situación insostible debido a unha oleada de roubos e actos de intimidación que afectan tanto á nosa seguridade como á dos clientes. Esta situación, que se prolonga desde hai semanas, agrávase pola inacción da empresa, que ata o momento ignorou as nosas demandas para implementar medidas de protección eficaces.

    Ante esta falta de resposta, vimos na necesidade de manifestarnos hoxe diante da tenda para visibilizar o noso problema e reclamar solucións inmediatas.
     

    Unha situación que afecta a todas as persoas

    Os roubos non só prexudican o persoal, senón que xeran unha sensación de inseguridade entre a clientela, que moitas veces presencia situacións de risco sen que haxa protocolos claros de actuación. Como traballadores e traballadoras, sentímonos abandonados pola empresa, que non tomou ningúnha medida efectiva para garantir a seguridade no establecemento.
     

    As nosas demandas

    Desde a sección sindical solicitamos de forma urxente:

    1. Instalación de medidas de seguridade como vixilancia privada e sistemas de control máis eficaces.

    2. Formación ao persoal para actuar de maneira segura e eficiente en situacións de conflito.

    3. Creación dun protocolo de actuación que contemple o apoio inmediato ao persoal afectado por situacións de intimidación.
       

    Por que nos manifestamos?

    Esta mobilización é unha acción necesaria. Queremos deixar claro que non pedimos luxos, senón dereitos básicos: traballar nun entorno seguro e respectuoso.
    Se a empresa non actúa, seguiremos incrementando as medidas de presión sen descartar xornadas de folga.

    Para máis información, visita esta web ou síguenos nas nosas redes sociais, onde compartiremos actualizacións sobre a situación e próximas accións.

    Concentración FroizConcentración FroizConcentración Froiz

    Noticia en Diario de Ferrol
    Noticia en La Voz de Galicia

  • Os supermercados disparan as vendas no Nadal mentres os seus cadros de persoal afogan na precariedade

    Desde CCOO Servizos facemos un chamamento ás empresas do sector da distribución alimentaria para que reforcen os cadros de persoal no Nadal, consonte o aumento de carga de traballo que se produce nesta época. Ao tempo, denunciamos que o incremento da facturación non se traduce en melloras económicas para as traballadoras e traballadores, que seguen sufrindo un salario inferior á media en España, ademais do impacto da inflación.
     

    Aumentan as vendas, pero tamén a precariedade laboral

    O Nadal supón un aumento significativo das vendas no sector da alimentación, mais tamén implica maiores ritmos de traballo, quendas máis longas e traballo de luns a domingo. Estas dinámicas levan a unha sobrecarga laboral importante para o persoal, sen que as empresas prioricen o benestar das persoas traballadoras.

    A situación agrávase coa destrución de postos de traballo: durante o último trimestre de 2023, elimináronse 18.000 empregos no comercio de alimentación en toda España, evidenciando unha falta de estabilidade no sector.
     

    Salarios un 26 % inferiores á media

    Un dos problemas máis graves do sector é a gran desigualdade salarial. As traballadoras e traballadores dos supermercados perciben un salario anual que é un 26 % inferior á media española, o que supón uns 7.000 euros menos ao ano.

    Esta situación é especialmente preocupante no contexto actual de inflación, con subas significativas nos prezos dos alimentos desde 2021. Ademais, no Nadal, as familias incrementan de media entre un 25 % e un 30 % o seu gasto en alimentación, mentres o persoal segue soportando condicións laborais moi precarias.
     

    Xornada parcial e desigualdade de xénero

    A parcialidade laboral tamén é un problema estruturado no sector. Catro de cada dez traballadores/as teñen unha xornada parcial, sendo a maioría mulleres. A escasa prevalencia do emprego fixo-descontinuo, que apenas alcanza o 2 %, contribúe a unha maior inestabilidade laboral.
     

    Reivindicacións de CCOO Servizos para mellorar as condicións laborais

    Desde CCOO Servizos propoñemos unha serie de medidas para mellorar a situación laboral nos supermercados:

    • Salarios xustos: Establecer unhas condicións mínimas de retribución que reduzan a desigualdade salarial.
    • Contratación estable: Incrementar os empregos indefinidos e reducir os niveis de parcialidade.
    • Quendas máis xustas: Limitar as horas presenciais, reducir as xornadas partidas e establecer quendas fixas anuais.
    • Conciliación laboral e persoal: Aumentar os fins de semana libres e garantir períodos de descanso adecuados.

    Estas medidas buscan limitar a sobrecarga laboral e mellorar a calidade de vida das persoas traballadoras no sector da distribución alimentaria.
     

    Conclusión: Un Nadal xusto tamén para as traballadoras/es

    O aumento da facturación no Nadal debe ir acompañado de condicións laborais dignas. Desde CCOO Servizos, seguiremos loitando por un sector máis xusto, no que o benestar do persoal sexa unha prioridade real.