Categoría: Comercio Galicia

  • Froiz despide por enfermar

    Beatriz levaba traballando varios anos como charcuteira de Froiz en Brión, cortando friame de xeito continuado durante moitas horas todos os días de luns a sábado. Seguramente vos terá  atendido a moitas/os de vós. 

    Beatriz enfermou. Despois de anos de repetir o mesmo movemento o seu ombro non puido máis e os médicos prescribiron unha baixa que se prolongou durante varios meses. Cando se incorporou, Froiz non lle deu alternativa e asignouna de novo a cortar friame durante horas sen descanso. Aos cinco días despediuna por considerar que cometera un acto de indisciplina ao baixar o seu rendemento "de xeito voluntario". Ningunha compañeira percibiu esa baixada de rendemento a pesares da dor coa que traballaba.

    A varias compañeiras de toda Galicia lles pasou exactamente o mesmo que a Beatriz. Froiz sempre di que os xefes da empresa son os clientes. Pois valoren vostedes se queren mercar en Froiz. Esiximos readmisión!!

    Vídeo

  • Acordo histórico en Inditex: a igual traballo, igual salario

    CCOO, como sindicato maioritario no Grupo Inditex, alcanzou un acordo histórico que homologa salariamente todas as marcas e territorios, en retribucións fixas e variables, concretando salarios fixos garantidos de entre 18 000 e 24 500 euros, a través dun complemento que se revalorizará no futuro baseándose no IPC. Ademais, conseguíronse avances de moito calado en condicións sociais e o compromiso de negociar medidas sobre parcialidade e tempos de descanso no marco da negociación do plan de igualdade de grupo. Ler máis

    Desde o noso 53 % de representación global en Inditex, vimos reivindicando desde hai anos a equiparación de condicións laborais no grupo. Con 50 convenios provinciais e sete marcas distintas, a situación ata o de agora era que persoas que facían o mesmo traballo na mesma empresa tiñan condicións laborais distintas. Esta situación de desequilibrio corrixiuse por fin, despois de anos de traballo sindical.

    A finais de 2019, CCOO solicitou a Inditex reunións de ámbito estatal, dada a importancia de iniciar conversas sobre materias comúns a todas as cadeas e territorios, como eran a dixitalización, temporalidade, parcialidade ou a necesidade de abordar a negociación do Plan de Igualdade do Grupo Inditex.

    Esta reivindicación de negociar no ámbito estatal, impulsada por CCOO e da que fixemos bandeira, levou aos acordos para o desconfinamento tras o estado de alarma e, posteriormente, ao acordo marco estatal do proceso de transformación dixital, asinado o 26 de outubro de 2020, no que se regulan as condicións ante o proceso de peche de tendas. Un acordo que priorizaba o mantemento do emprego durante a transformación dixital da empresa. 

    Esta negociación inicia un camiño cara á negociación de alcance estatal, que foi aínda máis aló co arranque da negociación do I Plan de Igualdade do Grupo desde o 21/6/2022, con nove representantes de CCOO dun total de trece, e co acordo do 18/11/2022 no que se recuperaba o incentivo de dependentas/es, incrementando a súa contía a 1000 euros, amais de comprometer a negociación sobre retribucións que culminou co acordo de onte e aumentar a contía do complemento sede da Coruña.

    Grazas a este percorrido, asinouse un acordo histórico, unha aposta pola homologación salarial fixa e variable en todas as marcas da cadea e en toda España.

    O salario fixo de entrada, a tempo completo, sitúase na emblemática cifra de 18 000 € (un 19 % por encima do SMI), que está a reivindicar CCOO como salario mínimo en todos os subsectores de comercio, ao que se lle suma o incentivo de 1000 € e unha pinza estimada de cobramento de comisións, ata totalizar entre 21 500 e 22 500 euros anuais. No caso de dependentas/es con catro ou máis anos de servizo, o salario fixo sitúase en 22 000 € que, sumando os variables, alcanzarían o salario medio do conxunto da economía española (ao redor de 26 000 €).

    Estes salarios fixos garánteos Inditex a través dun complemento que se actualizará en 2024 e 2025 en función do IPC.

    Desde CCOO conseguimos, ademais, un avance substancial en melloras sociais, que xa existían na parte de produción e loxística, equiparando na súa aplicación a todo o persoal de comercio; isto supón acabar cunha diferenza de condicións histórica.

    Inditex comprometeuse tamén a acometer na negociación do plan de igualdade dúas cuestións claves para un persoal moi feminizado: avanzar na erradicación do traballo a tempo parcial non voluntario e garantir descansos semanais de calidade.

    CCOO considera que este acordo, histórico e de referencia, mellora claramente as condicións laborais das preto de 30 000 persoas en persoal do Grupo Inditex, sobre a base da aposta pola equidade retributiva («igual traballo, igual salario»), a eliminación de fendas salariais e avances globais que terán unha segunda parte cos acordos que se alcancen na negociación do plan de igualdade.

  • Parálise no convenio comercio vario de A Coruña

    Desde CCOO indicamos na mesa de negociación á patronal e resto de sindicatos que era imprescindible axilizar as reunións, e de ser necesario, celebrar unha semanalmente co fin de avanzar na negociación e tentar conseguir un acordo antes de finalizar o ano.

    En decembro 2022, tivemos reunións os días 12, 16 e 22. En xaneiro 2023, os días 3 e 19. E en febreiro, cancélase a reunión prevista para o pasado martes día 7.

    Para CCOO é incomprensible a retardación da negociación, que desde o día 22 de decembro se paraliza de forma notable, despois de tratar na mesma como tema exclusivo a inclusión no convenio do Plus Compensatorio de Beneficios que só afecta a INDITEX, dando a impresión de que unha vez alcanzado este obxectivo, xa non hai tanta présa en manter a axilidade da negociación e poder así alcanzar canto antes un acordo no resto de temas que afectan ás 22.000 persoas que están baixo o paraugas deste convenio.

    Esta paralización é moi grave para o sector desde o punto de vista de CCOO, porque non só repercute na perda de poder adquisitivo do persoal, senón que ademais pon en risco o abono de atrasos de convenio, sen ter en conta o resto de medidas que se negocian no mesmo e que tardarán máis en entrar en vigor.

    Ante esta situación non nos queda outra alternativa que expor a posibilidade de convocar mobilizacións no sector, en CCOO temos claro que non podemos permitirnos un novo ano en branco

  • Peche de tendas INDITEX

    Ante a comunicación de peche das tendas a continuación relacionadas:

    BERSHKA PONTEVEDRA: c/ Benito Corbal

    BERSHKA VILAGARCÍA: c/ Arzobispo Lago

    OYSHO SANTIAGO: C.C. As Cancelas

    MASSIMO DUTTI SANTIAGO: C.C. As cancelas

    KIDDYS CLASS VIGO: C.C. Travesía

    Queremos informar de que como membros da Comisión de Seguimento do Acordo Marco Estatal, aínda vixente, e en liña co asinado no que respecta ao compromiso de garantía do emprego, esixiremos á dirección de INDITEX, na reunión a manter respecto das recolocacións, a necesidade de manter as mesmas condicións que viña gozando o persoal até a data e no centro máis próximo ao de peche.

    Queremos lembrar que este acordo marco, asinado por CCOO e UGT, segue tendo como obxectivo o mantemento dos postos de traballo e as súas condicións, ante calquera peche, evitando a aplicación de medidas máis traumáticas.

    Así se conseguiu en situacións de peche anteriores e seguiremos esixindo que se faga nas actuais.

  • Nova reunión do convenio comercio vario de A Coruña

    A situación da negociación en reunións anteriores, máis a celebrada no día de hoxe 03/01/22 resúmese nos seguintes avances:

    • Incorporar ao convenio a todo o persoal do sector do moble.
    • Incrementar a licenza de matrimonio ou parella de feito a 20 días.
    • Acompañamento de menores, 10 h/ano.
    • Mellorar licenza por falecemento ou enfermidade, para todos os casos mínimo 5 días.
    • 6 sábados libres para fins de semana de calidade.
    • Domingos e festivos: 25€ para ano 2023-2024 e 30€ a partir do 2025.
    • Tardes dos días 24 e 31 de decembro 12€/h desde as 14:00.
    • Importes dos seguros de invalidez e morte 35.000€ en 2023 e 40.000€ a partir de 2024.
    • Plus compensatorio beneficios: 200€/mes para empresas con persoal en Coruña de máis de 1000 persoas e beneficios no últimos tres anos.
    • Creación da categoría de encargada con salario inicial de 1125,73€, (sobre táboas de 2019, actualmente 1080,64€) á que se aplicarían os incrementos que se pacten.
    • Axudante de dependenta, promoción a dependenta aos 6 meses.
    • Todas as dependentas a salario de dependenta maior.
    • Incremento Salarial: 2021- 4% 2022 – 3,5% 2023 – 2´5 % 2024 – 2% 2025- 2%
    • Aceptan pactar un mecanismo de revisión salarial en función do IPC pero non do 100%.

    Na reunión de hoxe indicamos que valoraremos a proposta de incremento do 4% – 2021, en función doutros factores como o mecanismo de revisión salarial que aínda non definiu a patronal e que o incremento do 2022 ten que ser sobre a realidade do IPC, que á espera do dato definitivo está agora nun 5,8%.

    Tamén incidimos en que hai de rematar outros aspectos da plataforma que aínda non están pechados como, redución de xornada, pluses, contratación, transición e desconexión dixital, etc.

    A próxima reunión queda fixada para o vindeiro xoves 19 de xaneiro