Categoría: Comercio Galicia

  • Asinado o I Plan de Igualdade de Joyerías José Luís

    Despois de varios meses de negociación interrompidos pola pandemia, hoxe 22 de novembro de 2021 asinamos o Plan de Igualdade de Joyerías José Luís. Un Plan que afecta a case 400 persoas repartidas maioritariamente por puntos de venda en toda España.

    As medidas máis destacadas son:

    • Crear un rexistro co persoal a xornada parcial que desexe incrementar a súa xornada
    • As persoas con xornadas parciais terán preferencia para aumentar a súa xornada dentro do seu centro e provincia
    • Garantir que os permisos por conciliación se cumpran impedindo que o seu exercicio supoña discriminación na promoción, ascensos, retribución, formación.
    • Conceder 8 horas anuais para as persoas en tratamentos de reprodución asistida
    • As persoas traballadoras terán 15h anuais para adaptacións escolares
    • Revisar e adaptar o código de conduta para asegurar un ambiente de respecto entre as persoas traballadoras
    • Habilitarase un espazo ou mobiliario adecuado para os descansos das mulleres embarazadas
    • As mulleres vítimas de violencia de xénero que como consecuencia teñan mobilidade xeográfica terán unha axuda económica de até 300€
    • O persoal terá dereito á desconexión dixital. Unha vez finalizada a xornada a empresa comprométese a non enviar mails, WhatsApp, recoñecendo o dereito a non contestar. Non poderá adoptase medidas sancionadoras por este motivo.

    Desde CCOO valoramos este acordo de maneira positiva, xa que establece un gran avance en medidas de promoción, formación, conciliación, violencia de xénero, acoso laboral, por razón de sexo e en dixitalización entre outras medias.

  • Carrefour Ourense deberá aumentarlle a xornada a unha traballadora e indemnizala polo lucro cesante

    O Xulgado do Social núm. 1 de Ourense condena a Centros Comerciales Carrefour, S. A., de Ourense a lle aumentar a xornada laboral a unha traballadora e a indemnizala economicamente polo lucro cesante. A empregada, con máis de 25 anos de antigüidade, tiña xornada a tempo parcial e solicitara ampliala para traballar a tempo completo, ao considerar que se reunían os requisitos fixados no convenio colectivo. Ler máis

    Segundo o artigo 9 do convenio, en caso de aumento do cadro de persoal ou vacante para cubrir, os traballadores ou traballadoras a tempo parcial «terán preferencia nas novas contratacións a tempo pleno», coa finalidade de poder ampliar a súa xornada ata o máximo permitido.

    Isto é o que fixo a denunciante, asesorada por CCOO, pero a empresa negouse a atender a súa petición. Por esta razón, a sentenza afirma que Carrefour incumpriu o disposto no convenio. A resolución xudicial tamén coida probado que a empresa ten a recorrente necesidade de ampliar o cadro de persoal, algo que fixo con ducias de contratos a tempo parcial formalizados nos últimos anos.

    Polo tanto, no caso levado a xuízo, «enténdese que concorren todos os requisitos» para que a denunciante poida ver ampliada a xornada laboral de 36 a 39 horas, «condenando a empresa demandada a estar e pasar por esta declaración», sinala a sentenza. Así mesmo, tamén obriga a que «lle aboe os salarios deixados de percibir como consecuencia do dito incremento desde o 14 de maio do 2020».

    Loita contra a precariedade

    Para a Federación de Servizos de CCOO, a Xustiza continúa a darlle a razón ao sindicato na súa loita contra a precariedade laboral, «que se ceba principalmente coas mulleres traballadoras», como pode comprobarse en empresas como Carrefour Ourense, onde máis do 80 % dos contratos a tempo parcial están cubertos por mulleres, ou onde a proporción de mulleres no equipo de mandos é do 16 %.

  • Asinado o convenio colectivo do comercio de alimentación de Ourense

    Como principais características, o novo convenio terá vixencia para o período 2021-2024, reducirá a xornada laboral a 1812 horas anuais —equiparándose ao resto de convenios provinciais— e recollerá incrementos salariais por riba do 2,5 %. Ler máis

    O novo convenio consegue anticipar o peche dos días 24 e 31 de decembro ás 19:00, fixa no 31 de xaneiro a data máxima de entrega dos calendarios de vacacións —estaba no 31 de marzo—, mellora a licenza do artigo 7.2 —agora só contará os días laborables en caso de falecemento ou enfermidade grave de descendentes ou cónxuxe—, incorpora unha nova licenza retribuída para se examinar do permiso de conducir e mais un novo artigo de desconexión dixital.

    Canto aos incrementos económicos, serán de 25 euros mensuais para o 2021, aos que se sumarán subas de 27, 30 e 30 euros mensuais nos restantes anos de vixencia do convenio. Estas cantidades supoñen para a maioría do persoal —encadrado no grupo III B— uns incrementos do 2,58 %, 2,72 %, 2,94 % e 2,86 % para cada un dos anos de vixencia. Neste grupo, o salario anual para o 2021 sería de 14.893,50 euros e de 16.198,50 ao remate da vixencia.

    Por último, cabe sinalar que o convenio deixa o salario anual para o grupo máis baixo —grupo IV— en 14.489,55 euros anuais no 2021 e en 15.794,55 €/ano ao remate da vixencia, moi por riba dos 13.300 euros anuais do actual salario mínimo interprofesional.

    Novidades convenio Comercio Alimentación Ourense

  • H&M presenta as súas propostas, CCOO responde con mobilizacións e esixe a retirada da modificación das condicións de traballo

    O día seis, na terceira na reunión negociadora do ERE, H&M realizou propostas insuficientes:

    • Non afectación a maiores de 50 anos
    • Adscrición voluntaria limitada
    • Oferta de vacantes a tempo parcial

    En materia de indemnización, non expoñen unha contía pero seguirán os parámetros doutros procesos que se produciron anteriormente na empresa.

    CCOO analizará con detalle as vacantes que expuxo a empresa, pero nunha primeira revisión observamos que se ofrecen vacantes en tendas afectadas por despedimentos, cuestión que nos parece incoherente e que reafirma a nosa posición de que as causas alegadas pola empresa seguen sen justificar os despedimentos expostos, así como o número tan elevado de tendas que se van a pechar. Ler máis

     

    foto concentración H&M

    CCOO, como sindicato maioritario en H&M, reiterou a súa negativa a admitir que H&M utilice estes procesos para precarizar as condicións laborais e pásese ao emprego “low cost” e que a transición dixital se faga á conta das persoas. Por iso, a súa posición vai ser frontal ante estas pretensións e actuará desde unha tripla estratexia: de negociación, de comunicación e de mobilización.

    Por todo iso, CCOO e UGT planificaron unha escalada conxunta de mobilizacións en paralelo ao proceso de negociación, que finalizará o domingo 23 de maio, incluíndo concentracións, paros parciais e folgas de forma graduada.

    CCOO insiste en que non existen causas que xustifiquen un número tan elevado de despedimentos.

    O día sete, constituiuse a mesa negociadora da modificación substancial das condicións de traballo (MSCT) vía art. 41 ET para reducir as horas contratadas de 45 persoas en 24 tendas cuxo fin é afianzar a aposta polo emprego “low cost”

    Para CCOO non existen causas que acrediten a apertura dunha MSCT, ademais tendo en conta que a empresa xa está inmersa na negociación dun ERE vía art. 51 ET que pretende acabar co posto de traballo de máis de 1.066 persoas alegando o peche de 30 tendas e redución do persoal noutras 94.

    Por todo iso, a organización sindical esixiu a retirada do procedemento de modificación substancial de condicións de traballo xa que non existen causas suficientemente xustificadas para a viabilidade do mesmo.

    CCOO quixo deixar claro que o seu obxectivo primordial é o mantemento e mellora do emprego en H&M e que non é viable un futuro para a empresa sen contar co seu persoal porque as persoas foron, son e serán o principal activo da compañía e mentres a dirección da empresa non entenda isto os seus plans de viabilidade reduciranse sempre ao mesmo: a precarización do emprego.

    Vídeo lectura do manifesto

  • Un ano máis, volven os despedimentos a Media Markt Vigo!

    O Comité de Empresa de Media Markt Vigo, considera necesario manifestar publicamente a súa indignación e rexeitamento polos despedimentos inxustificados na nosa tenda. Unha vez mais a Empresa decide prescindir de persoas traballadoras cualificadas e cunha longa traxectoria na compañía, coa excusa de que non son produtivos.

    Esta multinacional está a afacerse a que os/as profesionais traballen baixo presión para conseguir os resultados que esperan, presionando para que vendan todo tipo de servizos sen importar como, e utilizando daquela as súas estatísticas para marcar a uns e premiar a outros inxustamente.

    Este caso é aínda mais sanguento se cabe, xa que os despedimentos coinciden coa incorporación á tenda dos estudantes de Formación Dual, que aínda que deberían de completar a súa formación na Empresa normalmente son utilizados para substituír as persoas traballadoras.

    Ademais estes días Media Markt presume nos medios de comunicación de incorporar algunhas tendas da competencia á súa marca e manter o emprego das mesmas, con todo vemos que non fai o mesmo cos traballadores/as que levamos anos dándoo todo por eles e situándoos como líderes no sector.

    Solicitamos por iso que se reincorpore aos traballadores despedidos e o cesamento da presión sobre os/as compañeiros/as para conseguir os obxectivos. Con esta actitude a Empresa empeza mal o camiño para conseguir ser un "BEST PLACE TO WORK", e unha Empresa con traballadores que crean nela para dar o mellor servizo aos seus clientes.

    BASTA DE DESPEDIMENTOS EN MEDIA MARKT, QUEREMOS TRABALLAR EN CONDICIÓNS E SEN PRESIÓNS INDISCRIMINADAS, SOMOS TRABALLADORES NON NUMEROS!