A Federación de Servizos de CCOO de Galicia (CCOO-Servizos) rexeita
a liberalización de horarios comerciais porque só beneficia as
grandes superficies e prexudica o pequeno comercio. Neste sentido, o
sindicato acolle positivamente a recente sentenza do Tribunal
Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que rexeita o recurso da
patronal ANGED contra a decisión do Concello da Coruña de
restrinxir a apertura en domingos e festivos. Así mesmo, CCOO
rexeita as tentativas de aprobar en Vigo a dita flexibilidade. Continúa
A
pretensión de ANGED baséase nunha norma estatal que flexibiliza os
requisitos de apertura nas zonas consideradas de «especial afluencia
turística». Co precedente da Coruña e tamén coa situación creada
en Vigo, onde a Xunta solicitoulle ao Concello a determinación da
zona de afluencia turística, o sindicato insiste en rexeitar estas
iniciativas.
As
aperturas en domingos e festivos están restrinxidas, como regra
xeral, a dez ao ano. CCOO sinala que esta posibilidade non se
traduciu por agora na creación de emprego, senón que se deteriorou
o existente, obrigando o persoal a prolongar a súa xornada laboral.
Isto prodúcese, ademais, «sen contraprestación de ningún tipo e á
custa de dificultar a conciliación da vida persoal, familiar e
laboral», censura Isabel Castaño, secretaria de Acción Sindical de
CCOO-Servizos.
CCOO
considera que a apertura de máis domingos e festivos non é unha
demanda da cidadanía, senón das grandes cadeas de distribución -representadas por ANGED-. Neste senso, Castaño lembra que xa
existe unha lei de horarios comerciais que lles permite a
liberalización de horarios aos establecementos cunha superficie de
ata 300 metros cadrados.
Desde
a Federación de Servizos de CCOO de Galicia sosteñen que a
liberalización de horarios carrexaría a morte do pequeno comercio,
«coa consecuente destrución de emprego estable e con dereitos», a
cambio de mudar e modificar as condicións laborais e «precarizar,
aínda máis o emprego nas grandes superficies».
CCOO,
como sindicato máis representativo do sector, reuniuse coa
concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico, Emprego,
Comercio e Turismo do Concello de Santiago, Marta Lois, e co
concelleiro de Emprego e Economía Social do Concello da Coruña,
Alberto Lema. Ambos os edís manifestáronlle ao sindicato o total
rexeitamento dos seus respectivos grupos de goberno á posibilidade
de ampliar os horarios de apertura comercial.
Por
último, CCOO sinala que a Federación Galega de Comercio (FEGA),
máxima entidade representativa do pequeno e mediano comercio -200
asociacións de comerciantes e máis de 70.000 comercios integrados-,
elaborou tamén un informe en que se rexeita a ampliación dos
horarios de apertura.
+
Para máis información: