Non somos menos que outras tendas de Stradivarius! Esiximos os horarios 3-2-1 (3 tardes, 2 mañás e 1 día libre) para poder conciliar a nosa vida laboral e persoal.
A situación económica do noso centro non é peor ca doutras tendas onde xa se aplican estes horarios. É só unha cuestión de vontade empresarial!
Inditex discrimínanos en Ourense. Négase a aplicar un modelo xusto e mantennos como traballadoras de segunda dentro do grupo.
NON O IMOS PERMITIR. Queremos os mesmos dereitos que as nosas compañeiras doutras provincias.
CONCENTRACIÓN
Xoves 3 de abril
12:00 h
Centro Comercial PonteVella
Acode e fagámonos escoitar! Xuntas somos máis fortes.
Desde CCOO Servizos convocamos unha concentración para protestar pola situación laboral en JOALPER. Celebrouse hoxe, 14 de xaneiro de 2025, ás 11:30 horas, diante do supermercado Eroski en Ponteceso (Av. Eduardo Pondal 21, 15110, A Coruña), pertencente á empresa JOALPER, franquiciado para EROSKI na Costa da Morte.
Desde CCOO denunciamos os despedimentos inxustificados que a empresa ven realizando nos últimos meses. Estos despedimentos veñen a agravar a situación de sobrecarga de traballo que sofre o personal dende hai meses, debido principalmente á escaseza de persoal.
Por todo isto, CCOO Servizos convocamos esta concentración en contra da explotación laboral existente en JOALPER, esixindo que se poña remedio inmediato a sobrecarga de traballo que deteriora a saúde das persoas traballadoras e poñan fin aos despedimentos inxustificados.
Na tenda de Froiz, en Juan de Austria, Caranza (Ferrol), o persoal está a sufrir unha situación insostible debido a unha oleada de roubos e actos de intimidación que afectan tanto á nosa seguridade como á dos clientes. Esta situación, que se prolonga desde hai semanas, agrávase pola inacción da empresa, que ata o momento ignorou as nosas demandas para implementar medidas de protección eficaces.
Ante esta falta de resposta, vimos na necesidade de manifestarnos hoxe diante da tenda para visibilizar o noso problema e reclamar solucións inmediatas.
Unha situación que afecta a todas as persoas
Os roubos non só prexudican o persoal, senón que xeran unha sensación de inseguridade entre a clientela, que moitas veces presencia situacións de risco sen que haxa protocolos claros de actuación. Como traballadores e traballadoras, sentímonos abandonados pola empresa, que non tomou ningúnha medida efectiva para garantir a seguridade no establecemento.
As nosas demandas
Desde a sección sindical solicitamos de forma urxente:
Instalación de medidas de seguridade como vixilancia privada e sistemas de control máis eficaces.
Formación ao persoal para actuar de maneira segura e eficiente en situacións de conflito.
Creación dun protocolo de actuación que contemple o apoio inmediato ao persoal afectado por situacións de intimidación.
Por que nos manifestamos?
Esta mobilización é unha acción necesaria. Queremos deixar claro que non pedimos luxos, senón dereitos básicos: traballar nun entorno seguro e respectuoso. Se a empresa non actúa, seguiremos incrementando as medidas de presión sen descartar xornadas de folga.
Para máis información, visita esta web ou síguenos nas nosas redes sociais, onde compartiremos actualizacións sobre a situación e próximas accións.
Desde CCOO Servizos facemos un chamamento ás empresas do sector da distribución alimentaria para que reforcen os cadros de persoal no Nadal, consonte o aumento de carga de traballo que se produce nesta época. Ao tempo, denunciamos que o incremento da facturación non se traduce en melloras económicas para as traballadoras e traballadores, que seguen sufrindo un salario inferior á media en España, ademais do impacto da inflación.
Aumentan as vendas, pero tamén a precariedade laboral
O Nadal supón un aumento significativo das vendas no sector da alimentación, mais tamén implica maiores ritmos de traballo, quendas máis longas e traballo de luns a domingo. Estas dinámicas levan a unha sobrecarga laboral importante para o persoal, sen que as empresas prioricen o benestar das persoas traballadoras.
A situación agrávase coa destrución de postos de traballo: durante o último trimestre de 2023, elimináronse 18.000 empregos no comercio de alimentación en toda España, evidenciando unha falta de estabilidade no sector.
Salarios un 26 % inferiores á media
Un dos problemas máis graves do sector é a gran desigualdade salarial. As traballadoras e traballadores dos supermercados perciben un salario anual que é un 26 % inferior á media española, o que supón uns 7.000 euros menos ao ano.
Esta situación é especialmente preocupante no contexto actual de inflación, con subas significativas nos prezos dos alimentos desde 2021. Ademais, no Nadal, as familias incrementan de media entre un 25 % e un 30 % o seu gasto en alimentación, mentres o persoal segue soportando condicións laborais moi precarias.
Xornada parcial e desigualdade de xénero
A parcialidade laboral tamén é un problema estruturado no sector. Catro de cada dez traballadores/as teñen unha xornada parcial, sendo a maioría mulleres. A escasa prevalencia do emprego fixo-descontinuo, que apenas alcanza o 2 %, contribúe a unha maior inestabilidade laboral.
Reivindicacións de CCOO Servizos para mellorar as condicións laborais
Desde CCOO Servizos propoñemos unha serie de medidas para mellorar a situación laboral nos supermercados:
Salarios xustos: Establecer unhas condicións mínimas de retribución que reduzan a desigualdade salarial.
Contratación estable: Incrementar os empregos indefinidos e reducir os niveis de parcialidade.
Quendas máis xustas: Limitar as horas presenciais, reducir as xornadas partidas e establecer quendas fixas anuais.
Conciliación laboral e persoal: Aumentar os fins de semana libres e garantir períodos de descanso adecuados.
Estas medidas buscan limitar a sobrecarga laboral e mellorar a calidade de vida das persoas traballadoras no sector da distribución alimentaria.
Conclusión: Un Nadal xusto tamén para as traballadoras/es
O aumento da facturación no Nadal debe ir acompañado de condicións laborais dignas. Desde CCOO Servizos, seguiremos loitando por un sector máis xusto, no que o benestar do persoal sexa unha prioridade real.
Convocamos a todos os traballadores e traballadoras a mobilizarse este luns 16 de decembro, ás 12:00 horas diante do GADIS da rúa Concello (Ourense).
NON IMOS CALAR! Mentres GADIS acumula millóns en beneficios, o seu persoal sofre explotación, incumprimentos legais e acoso laboral. Por iso, organizámonos e loitamos por un cambio que non pode esperar.
Cal é o problema?
GADIS está vulnerando os nosos dereitos básicos como traballadores:
Non quere negociar co comité de empresa os asuntos salariais, remítenos ao convenio colectivo de alimentación.
Non respecta os descansos semanais obrigatorios, incumprindo o convenio colectivo.
Ameaza con peches de tendas e endurecemento dos horarios cando lle esiximos que cumpra coa lei.
Obriga a soportar unha sobrecarga laboral insostible, porque non cobren baixas, vacacións ou permisos.
Non paga os excesos de xornada realizados, un auténtico abuso que só agrava a precariedade.
Ademais, moitos compañeiros e compañeiras denuncian situacións de acoso laboral por parte dalgúns encargados/as, que actúan como se non houbese normas nin respecto polas persoas traballadoras.
Por que nos mobilizamos?
Os traballadores e traballadoras de GADIS decidimos dicir: Abonda xa! Non estamos dispostos a seguir sendo tratados como escravos modernos. Loitamos por:
Respecto: Condicións laborais saudables, sen acoso nin abusos.
Cobertura das ausencias: Substitución de baixas, vacacións ou permisos, evitando a sobrecarga dos equipos.
Compensación económica xusta: Que se recoñeza a antigüidade e se paguen os excesos de xornada.
Melloras salariais: Revisión xusta que reflicta o custo da vida actual e o esforzo realizado en áreas como pescadería, carnicería ou reposición.
Chamamos á solidariedade de todos e todas
A explotación ten límites! Non podemos aceptar que GADIS, mentres se enriquece ás nosas costas, nos leve á precariedade laboral e á deterioración da nosa saúde física e mental.
Se ti tamén estás farto/a de que as empresas abusen do seu poder, únete a nós este luns, 16 de decembro, ás 12:00 horas, diante do GADIS da rúa Concello en Ourense.
Xuntos somos máis fortes. Non temos medo!
Organizan: CCOO, USO, CIG
____________________________________
Actualización: O 16 de decembro concentrámonos contra a explotación en GADIS. Imaxes e vídeo da concentración: