Categoría: Contact Center

  • CCOO consegue a mellora de condicións de case 500 traballadores e traballadoras de Prosegur AVOS en Galicia

    A Federación de Servizos de CCOO consegue a mellora de condicións laborais de case 500 traballadores e traballadoras de Prosegur AVOS en Galicia. Esta semana asinouse na Audiencia Nacional o acordo que remata co conflito colectivo iniciado en 2018 e que implica importantes novidades para todo o persoal, algo máis de 400 persoas na Coruña e máis de 80 en Vigo.

    Mediante este acordo, queda sen efecto o convenio de empresa con data retroactiva ao 1 de xuño deste ano, pasando todo o persoal a rexerse polo convenio estatal de centros de chamadas (contact center), o que implica subas salariais e maiores dereitos sociais. Segundo informa CCOO-Servizos, os incrementos salariais derivados do presente acordo, así como o pagamento de atrasos, non se fará efectivo ata a nómina do mes de xullo.

    Asemade, mantense a aplicación do convenio de oficinas e despachos para os colectivos procedentes da subrogación de persoal de HP Procesos de Negocio e CISER. Tamén se manteñen os acordos de mellora asinados pola empresa e os distintos comités: horarios reducidos en semana grande de agosto ou nos días 24 e 31 de decembro, permiso retribuído para asistencia a médica a centros privados de determinadas especialidades, acompañamento de menores e maiores a cargo ou pagamento de festivos, entre outros.

    Por último, cabe salientar que todo o persoal dado de alta na empresa a data do asinamento do acordo terá tamén dereito a gozar de vinte e catro días laborables de vacacións.

  • Teleperformance aproveita o teletraballo para precarizar aínda máis ao persoal

    O Comité de empesa de Teleperformance Coruña denuncia que aproveitando a crise sanitaria de Covid-19 quere implantar o teletraballo de forma unilateral e abusiva.

    Teleperformance obriga ós seus traballadorxs a asumir todos os custos xerados polo traballo no domicilio (equipos, conexión a internet, luz…) sen recibir ningunha contraprestación.

    Asemade desconta das nóminas das persoas traballadoras importes de ata 200€ por incidencias informáticas responsabilidade de Teleperformance derivadas da falla de inversión á hora de implementar o teletraballo. As persoas traballadoras están pagando por traballar.
    Esta ilegalidade púxose en coñecemento de Inspección de Traballo e o Comité de empresa no día de hoxe, decidiu interpoñer conflicto colectivo.

    Teleperformance emprega unha medida preventiva prioritaria na crise do Covid -19, como é o teletraballo, necesaria para velar pola salúde das persoas traballadoras,como medida de coacción a cambio de manter a súa rendabilidade a toda costa. PENALIZA retirando do teletraballo se non se cumpren as esixencias de Teleperformance en canto ó cumprimento de obxectivos.

    O COMITÉ DE EMPRESA DE TELEPERFORMANCE CORUÑA XA EMPRENDEU AS ACCIÓNS LEGÁIS NECESARIAS EN DEFENSA DOS DEREITOS DE TODAS AS PERSOAS TRABALLADORAS

  • CCOO Servizos velaremos polas garantías laborais do ERTE de Bosch SS Vigo

    Con data 19 de marzo a empresa Bosch Services Solution, situada en Vigo, notificou á representación sindical existente na empresa a súa intención de iniciar un Expediente de Regulación de Emprego Temporal (ERTE) que afectaría a unhas 1309 persoas dun total de 1549 persoas e a finalización dos contratos existentes a día de hoxe por ETT.

    Na notificación realizada á RLT fundamenta a necesidade de levar a cabo o ERTE baseado en causas obxectivas organizativas e produtivas derivada da situación de alerta sanitaria decretada polo Goberno de España. A intención da empresa é levar a cabo devandito ERTE durante un prazo máximo de 6 meses.

    Desde a Federación de Servizos velaremos por que se dean todas as garantías laborais durante este proceso e esixiremos que a duración do ERTE anunciado non se prolongue máis aló da situación de alarma sanitaria existente no noso país. Así mesmo esixiremos á empresa que garanta o 100% dos salarios, facéndose cargo da diferenza entre as prestacións abonadas polo SEPE e o salario real do persoal.

  • CCOO insta a Bosch e Unísono a garantiren a seguridade e saúde laboral nos seus centros de Vigo

    17-3-2020.- A Federación de Servizos de CCOO dirixiuse ás empresas Bosch e Unísono para esixirlles medidas que garantan a seguridade e saúde laboral nos seus centros de traballo de Vigo. Nestas empresas, un numeroso cadro de persoal comparte espazos moi próximos, sen que se teñan tomado medidas especiais para previr un contaxio por coronavirus COVID-19. Por esta razón, o sindicato puxo os feitos en coñecemento da Inspección de Traballo. Ler máis

    No día de onte, Bosch manifestou a súa vontade de implementar medidas de contixencia e permisos para o persoal. Porén, hoxe responde que só se fará «en casos excepcionais», polo que actualmente as traballadoras e traballadores fan o seu laor habitual, sen que se teña en conta a normativa actual relativa ao COVID-19.

    Canto a Unísono, o persoal entrou e saíu dos seus postos de traballo sen poder manter a distancia de seguridade. Os postos non foron hixienizados e están a unha distancia inferior a un metro. Tampouco hai a disposición xeles para as mans.

    CCOO pediulle á Inspección de Traballo e Seguridade Social que transmita as pautas de actuación a seguir, co obxectivo prioritario de actuar «coa máxima dilixencia posible» nos centros de chamadas no caso de que se confirme algún caso de contaxio por coronavirus.

     

    Medidas solicitadas por CCOO

    CCOO-Servizos pídelles ás empresas do sector dos centros de chamadas que implanten o teletraballo como fórmula prioritaria para todas as campañas, sempre de xeito voluntario. Tamén, a adaptación de horarios e flexibilización nas entradas e saídas; o establecemento de 1,5 metros de seguridade entre persoas, o que implica deixar un posto baleiro entre cada traballador ou traballadora; fornecer xeles desinfectantes hidroalcohólicos; a apartura das portas dos centros de traballo, para evitar riscos innecesarios; a limpeza completa de todos os elementos dos postos nos cambios de quendas; facilitar cascos e auriculares individuais como medida adicional; limpeza exhaustiva todos os días, previa ventilación do centro de traballo; e o permiso retribuído para persoas inmunodeprimidas ou en situacións vulnerables de risco.

    Segundo CCOO, desde o primeiro momento desta crise sanitaria, o sindicato bateu coa negativa das empresas a realizar teletraballo aludindo a motivos de protección de datos. Por esta razón, Comisións tamén se dirixe aos seus clientes —entre os que están Administracións e grandes empresas como Iberdrola, BBVA, Teléfonica ou Orange— para lembrarlles que as medidas sanitarias «son para toda a sociedade, sen distincións».

    CCOO agarda que se produza unha pronta rectificación na actitude das empresas, xa que nalgúns centros de chamadas galegos xa tivo que acudir a policía para levantar acta e mesmo, no caso máis grave, obrigar a pechar o centro de traballo.

  • Magníficos resultados nas primeiras eleccións de CCOO en Prosegur AVOS Vigo

    Con data vinte de novembro celebráronse eleccións no centro de Prosegur Avos en Vigo cuxos resultados foron en número de delegadas/os de CCOO 2 e CIG 3.

    Esta son as primeiras eleccións nas que CCOO obtén representación no centro de Vigo e nas que até a data existía un comité composto por tres delegadas de CIG e dúas delegadas de UGT.

    Damos os nosos parabéns ao traballo realizado pola nosa candidatura e máis tendo en conta que a cabeza de lista se atopa inmersa nun proceso por despedimento loitando pola nulidade do mesmo.

    Desde a Federación de Servizos agradecemos tanto ás persoas que nos deron o seu apoio como ao resto do persoal pola participación nesta xornada electoral. Desde aquí trasladamos o noso compromiso para levar a cabo o mellor traballo posible en defensa dos intereses de todo o persoal.