Categoría: Contact Center

  • O Grupo Común da Esquerda coincide con CCOO na situación dos centros de chamadas

    Este mércores tivo lugar unha xuntanza entre Comisións Obreiras e o Grupo Común da Esquerda para tratar a situación dos centros de chamadas en Galicia, especialmente tras a decisión de Naturgy de finalizar o contrato con Unitono-Ourense. Ler máis

    Segundo expuxo CCOO na reunión, o sector dos contact center (centros de chamadas) dá traballo a máis de dez mil persoas en Galicia. O grupo parlamentario coincidiu co sindicato na necesidade de que as Adminstracións públicas impusen políticas activas de emprego no sector e garantan a prestación de servizos de atención en galego desde a nosa comunidade, non desde outras.

    Así mesmo, concordaron en esixir cláusulas de garantía de creación ou mantemento de emprego nas licitacións públicas, obrigando á devolución das subvencións por parte daquelas empresas que incumpran os compromisos adquiridos.

    De igual maneira, ven necesario fomentar políticas de responsabilidade social corporativa, que han comezar polo coidado das condicións laborais; e que a nivel lexislativo se promovan leis que impidan a fuga de datos, suxeitos ao Regulamento de protección de datos europeo, cara a terceiros países que non teñan as mesmas garantías de privacidade.

  • CCOO rexeitamos a rescisión do contrato con Unitono-Ourense por parte de Naturgy

    A Federación de Servizos de Comisións Obreiras de Galicia rexeitamos a rescisión do contrato con Unitono-Ourense por parte de Naturgy, que se producirá a partir do 15 de novembro. Desde comezos de ano, viñamos denunciando a política de deslocalizacións da compañía enerxética, reducindo carga de traballo nos centros de chamadas da Coruña e Ourense. Ler máis

    No ano 2018, entre Teleperformance (A Coruña) e Unitono (Ourense) sumaban máis de 460 postos de traballo. A día de hoxe mantéñense 150 empregos na primeira, mentres que a segunda podería perder máis de cen, ficando en preto de cincuenta.

    Mantivemos reunións coa Xunta de Galicia para que actuase de intermediaria entre o comité de empresa de Unitono-Ourense e Naturgy. Froito desta mediación, a compañía enerxética comprometeuse co mantemento do servizo en Galicia e, concretamente, en Ourense.

    Porén, a dirección de Unitono acáballe de comunicar ao comité de empresa a perda do servizo prestado a Naturgy. Con todo, ata o asinamento da adquisición da empresa por parte do grupo GSS, que se prevé para comezos de novembro, non se aplicaría medida ningunha canto ao persoal.

    Comisións rexeitamos a destrución de emprego que se está a producir no sector dos centros de chamadas, que responde a intereses «puramente económicos que non valoran a calidade dos servizos que se prestan aquí», apunta Iván Cordeiro, responsable da Agrupación de Servizos Técnicos de CCOO.

  • Konecta despide un delegado sindical de CCOO por poñerse enfermo

    A Federación de Servizos de Comisións Obreiras de Galicia denuncia que a empresa Konecta Comercializadora despediu un delegado sindical desta organización por poñerse enfermo. A empresa aplicou o artigo 52 do Estatuto dos Traballadores, modificado coa reforma laboral do PP en 2012, que considera o absentismo xustificado como causa de despedimento obxectivo.

    «É unha mostra máis do grao de deshumanización ao que nos ten acostumados o grupo Konecta», critica CCOO, que censura este aspecto da reforma laboral por antepor os intereses económicos e empresariais á protección da saúde das persoas traballadoras.

    CCOO-Servizos defende que un dos principios fundamentais da responsabilidade social corporativa dunha empresa ha ser o dereito á saúde das persoas que traballan para ela. «Non somos simples números nas súas estatísticas de absentismo», denuncia o sindicato.

    Concentración de apoio

    CCOO esixe a readmisión do compañeiro despedido e por iso convoca unha concentración para o venres, 8 de novembro, ás 12 horas, diante das instalacións de Konecta Comercializadora no polígono de Bergondo (parcela B18).

  • As centrais sindicais convocan manifestación o 22 de outubro contra o traslado de servizos e emprego iniciado por R Cable

    As centrais sindicais CCOO, CGT, CIG e UGT convocan unha manifestación o vindeiro martes 22 de outubro, para esixir a R Cable a paralización inmediata do proceso de traslado de servizos e do emprego fóra de Galiza. Unha deslocalización que, no caso do servizos de que operación e mantemento de rede, previsibelmente se fará efectiva a data de 31 de outubro, afectando a numerosas empresas e a centos de traballadores e traballadoras en toda a provincia.

    A manifestación do día 22 sairá ás 19:00 horas da tenda de R situada na rúa Compostela (zona da Praza de Lugo) e rematará fronte ao edificio de R Cable situado no Obelisco.

    Previamente, o mércores 16 de outubro, terá lugar ás 12 horas unha concentración na Coruña diante do edificio administrativo da Xunta en Monelos, onde os sindicatos emprazarán por escrito o conselleiro de Industria para que exerza dunha vez a súa responsabilidade e convoque unha reunión con todas as partes implicadas (R Cable, auxiliares, sindicatos e Administración) co obxectivo de abordar o futuro dos empregos.

    As centrais sindicais reclamamos que a Xunta se implique activamente no conflito para impedir que se consume esta deslocalización e para que obrigue a R Cable e a súa propietaria Euskaltel, a negociar coa representación social.

    A Xunta non pode inhibirse diante deste novo ataque ao emprego e ten que actuar para garantir os postos de traballo e a calidade duns servizos de telecomunicacións que se construíron a conta dos cartos públicos de todas as galegas e os galegos. A utilización dese diñeiro ten que reverter no noso desenvolvemento económico, social e tecnolóxico e non pode servir para que empresas privadas se lucren e incrementen beneficios a base avanzar na deslocalización da súa actividade e a precarización das condicións laborais.

    + Para máis información:

    • Ivan Cordeiro , da Federación de Servizos de CCOO: 660 505 349

  • As mobilizacións contra a deslocalización de R empezan a dar froitos

    Tras dous meses de mobilizacións do persoal de empresas auxiliares de R, a Federación de Servizos de CCOO constata que están a dar os seus primeiros froitos.

    Hai unhas semanas transcendía a noticia da existencia de diversos postos de traballo para a empresa de Contact Center Lanaldel en Euskadi que buscaba persoal que falase galego.

    Tras denunciar este feito en varios ámbitos, tanto políticos como medios de comunicación, desde CCOO trasládase recibir a noticia que Euskatel retirou dita oferta de traballo.

    Desde a Federación de Servizos de CCOO séguese reivindicando unha reunión urxente coa dirección de Euskaltel que permita solucionar o conflito existente a día de hoxe no persoal das empresas auxiliares de R.

    É por iso que nas próximas semanas CCOO fará públicas as mobilizacións que se levarán a cabo no mes de outubro e fai un chamamento á unidade sindical de todos os sindicatos implicados no conflito.