Categoría: Contact Center

  • Concentración o vindeiro luns contra a destrución de emprego en Teleperformance

    O comité de empresa de Teleperformance na Coruña convoca unha concentración de delegadas e delegados o vindeiro luns, 11 de marzo, das 13 ás 14 horas fronte ás instalacións da empresa. Con esta acción queremos denunciar a destrución de emprego na delegación coruñesa da compañía.

    «Fomos espectadores da desaparición de servizos históricos nesta delegación», o que motivou que se pasase de case mil persoas traballando a só 515. A iso sumouse a deslocalización a Colombia do servizo de atención ao cliente de Unión Fenosa Distribución e un ERE estatal que motivou a saída de 38 persoas —300 en todo o Estado.

    «E agora seguimos vivindo un goteo constante de despedimentos» que a empresa cualifica como disciplinarios, pero todos eles «acabarán sendo declarados improcedentes», vaticina o comité.

    A situación está sumindo o persoal na constante «intercerteza» sobre o seu futuro, traballando «baixo ameazas e presións constantes, e co temor de ser ou non o seguinte en saír despedido».

  • CCOO Servizos mobilizámonos en CIBERNOS BPO: Concentración en defensa de dereitos laborais e sindicais

    CCOO Servizos anunciamos a convocatoria dunha concentración o próximo 8 de xaneiro, en horario de 11:30 a 12:30, fronte ás instalacións da empresa CIBERNOS BPO, situada no Polígono de A Grela, Rua Newton 1-3, A Coruña.

    CIBERNOS BPO, dedicada á prestación de servizos de Contact Center, ten como principal cliente a galega R Telecomunicacións (grupo MasMovil), ademais de ofrecer servizos para outras empresas do grupo como Virgin Teleco.

     

    Denuncias nos xulgados e Inspección de Traballo

    Esta convocatoria enmárcase nunha serie de accións legais e sindicais emprendidas polo sindicato para denunciar a deterioración das condicións e relacións laborais na empresa. Dende hai tempo, denunciouse ante a Inspección de Traballo e os xulgados a preocupante limitación imposta pola empresa en asuntos cruciais como a conciliación da vida laboral e familiar. Tamén se denunciou o impedimento no goce de permisos retribuídos para o coidado de familiares enfermos ou hospitalizados, así como o incumprimento de acordos previamente asinados coa representación legal das persoas traballadoras.

     

    Sanción ao traballo sindical

    Un dos aspectos máis alarmantes é o intento de restrinxir o dereito á acción sindical por parte da empresa, que sancionou a tres delegadas sindicais de CCOO por exercer o seu crédito sindical. Estes feitos foron denunciados ante os xulgados en busca dunha rectificación xusta. Ademais, súmase á problemática a práctica inexistencia de comunicación por parte da empresa coa representación legal das persoas traballadoras, incumprindo de maneira constante o seu deber de información e consulta.

    Visibilización do conflito

    A concentración do 8 de xaneiro busca facer visible e sensibilizar á opinión pública sobre estas irregularidades laborais e sindicais, así como expresar o rexeitamento ás prácticas que atentan contra os dereitos fundamentais das persoas traballadores. O sindicato insta á empresa CIBERNOS BPO a rectificar e buscar solucións dialogadas que respecten os dereitos laborais e promovan un entorno laboral xusto e equitativo.

    Imaxes da concentración

  • CCOO Servizos convoca mobilizacións en Sarria en contra do ERE de Inelcom Operaciones Técnicas

    Sarria, 25 de maio – O Comité de Empresa do centro de traballo de Sarria, integrado por delegadas e delegados da Federación de Servizos de CCOO en Galicia, convocou unha serie de accións en resposta ao proceso de negociación do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) presentado pola empresa Inelcom Operaciones Técnicas, que afecta aos seus dous centros de traballo situados en Xativa (Valencia) e Sarria (Lugo).

    Despois de sete reunións de negociación entre a parte social e a empresa, as posicións aínda se atopan afastadas. A última oferta presentada pola empresa inclúe o despedimento de 58 persoas cunha indemnización de 24 días por ano traballado, proposta que é considerada inasumible pola parte social.

    Segundo informou o Comité de Empresa, a decisión de levar a cabo estas mobilizacións foi tomada de forma conxunta cos traballadores e traballadoras do centro de Xativa, tras a realización de asembleas nas cales se lles transmitiu o apoio ás accións propostas.

    Unha manifestación está programada para o día 30 de maio ás 20:30 horas, a cal percorrerá o centro de Sarria. O punto de partida será o centro de traballo situado na Rúa Liberdade, 212 (antiga rúa Calvo Sotelo), e a marcha concluirá na Praza da Vila. Ademais, unha folga de 24 horas está convocada para o día 1 de xuño, xunto cunha concentración diante do centro de traballo ás 11:30 horas.

    É por iso que o Comité de Empresa fai un chamamento á sociedade de Sarria e vilas próximas para que se unan masivamente á manifestación, co obxectivo de mostrar un rexeitamento frontal ás medidas anunciadas pola empresa. É hora de demostrar unha unidade solidaria en defensa dos postos de traballo e dos dereitos laborais.

  • CCOO Servizos reúnese co comité de empresa de Inelcom e co alcade de Sarria para tratar o ERE anunciado pola dirección

    O Comité de Empresa de Inelcom en Sarria xunto co responsable de Servizos Técnicos dá Federación de Servizos de CCOO en Galicia, Iván Cordeiro, mantiveron unha xuntanza con alcalde de Sarria, Claudio Garrido, onde lle trasladaron a súa preocupación polo ERE anunciado pola dirección de INELCOM.

    Durante a xuntaza o rexidor trasladoulle á representación legal das persoas traballadoras o seu total apoio e interese pola situación que se pode derivar das decisións empresariais que se adopten. 
    Na xuntaza acordouse seguir mantendo un contacto estreito co Concello para facer un seguimento da evolución desta negativa decisión tomada pola empresa.

    A Federación de Servizos de CCOO en Galicia quere denunciar publicamente o impacto que dita decisión pode supoñer tanto para o emprego na provincia de Lugo como para as condicions de traballo e vida persoal das persoas traballadoras que puideran verse afectadas.

  • CCOO rexeita o ERE en Inelcom, unha das meirandes empresas de Lugo

    A Federación de Servizos de CCOO rexeita o ERE anunciado por Inelcom, empresa situada en Sarria, unha das compañías máis grandes de Lugo por volume de persoal. Dedícase ao sector de centros de chamadas, prestando servizos a Telefónica ou Hola Luz, entre outras.

    A comezos de mes, a dirección notificoulle ao comité de empresa a apertura do período de negociacións para un ERE en todo o Estado que atangue tanto ao centro de traballo de Sarria como ao de Xàtiva (País Valenciano). Entre ambos os dous suman máis de 500 persoas.

    A día de hoxe, non se sabe como afectaría a regulación de emprego a cada un dos centros. No entanto, CCOO informa de que este mércores haberá unha primeira xuntanza do comité de empresa co alcalde de Sarria, a quen lle trasladará na súa preocupación polo futuro da compañía e do emprego.