Categoría: Contact Center

  • CCOO informa dun novo impagamento de nóminas en Abante BPO Lugo e presenta unha denuncia na Inspección de Traballo

    A Federación de Servizos de CCOO de Galicia denuncia que continúan os incumprimentos de Abante BPO Lugo no que respecta ao pagamento dos salarios. Segundo o sindicato, a día de hoxe a empresa aínda non pagou a extra de decembro nin tampouco a nómina ordinaria do mes de febreiro. CCOO amosa a súa preocupación polo rumbo de Abante ante a «nefasta xestión» da súa dirección, o que lle valeu ata o momento dúas denuncias na Inspección de Traballo.

    Desde que os actuais xestores se fixeron cargo de Abante, o comité só conseguiu reunirse en dúas ocasións coa dirección. A primeira, o pasado 13 de decembro, cando se anunciou a compra. A segunda, o 3 de febreiro, cando a dirección informou de que estaba a facer as xestións oportunas para poder pagar a extra de decembro, non aboada «por problemas de liquidez».

    Constatado tamén o atraso no pagamento da mensualidade de febreiro, a sección sindical de CCOO tentou poñerse en contacto coa empresa en reiteradas ocasións para instala a reunirse co comité. A resposta foi que se estaban a facer «esforzos» para o pagamento e declinando convocar xuntanza ningunha.

    Ante esta situación, CCOO presentou unha nova denuncia na Inspección de Traballo, que se suma á interposta xa o pasado mes de decembro.

  • A patronal de Contact Center resístese a aplicar a Reforma Laboral

    O 21 de febreiro levouse a cabo unha asemblea de delegados/as do sector de Contact Center de Galicia na que interviron a secretaría xeral da Federación de Servizos de Galicia, Lucía Trenor, o secretario de acción sindical Juan Zas, o responsable do sector de Contacr Center en Galicia Xosé González, e o responsable de Servizos Técnicos Iván Cordeiro.

    Nas intervencións expuxéronse ante os participantes, delegados e delegadas do sector en todas as provincias da comunidade autónoma, temas de total actualidade no sector, tales como:

    • Situación da negociación colectiva no Contact Center.
    • Calendario de mobilizacións para defender a plataforma sindical.
    • Importancia do labor da Representación Legal das Persoas Traballadoras RLPT nas empresas.
    • Afectación dos últimos decretos do Goberno: Reforma Laboral; Plans de Igualdade e Auditoría Salarial; Salario Mínimo Interprofesional.

    Ler máis

    Durante a asemblea realizouse un debate sobre os temas abordados, con participación das persoas asistentes nos cales se lembrou a importancia de facer chegar ao persoal a necesidade de participar nas mobilizacións que se van a levar a cabo durante o mes de marzo para conseguir o obxectivo marcado: un convenio colectivo que acabe coa precariedade do sector.

    Estas mobilizacións empezaron hoxe cunha concentración ante o Hotel Ritz de Madrid, hotel de Gran Luxo 5 estrelas, onde con total desvergoña, a patronal do sector, CEX, decidiu realizar o seu congreso. Todo isto mentres pretende coas súas propostas de convenio, condenar a un persoal profesionalizado e responsable á precariedade e a cobrar salarios coincidentes co SMI.

  • CCOO denuncia a falta de pagamento de nóminas en Abante BPO

    CC.OO denuncia a falta de pagamento da nómina extraordinaria de decembro na empresa ABANTE BPO LUGO tras o cambio de propietarios anunciado en decembro.

    Desde o pasado 13 de decembro de 2021, despois de que o Comité de Empresa se reunise coa nova dirección, non se tiveron máis noticias por parte de ABANTE BPO LUGO. A Sección Sindical de CCOO tentou en numerosas ocasións pórse en contacto coa empresa para obter máis información sobre a súa situación real, non obtendo ningunha resposta.

    Ante o incumprimento do abono da paga extra e a falta de noticias, a Sección Sindical de CCOO procedeu a pór unha denuncia ante Inspección de traballo reclamando que se obrigue á empresa a facer fronte ás súas obrigas de pago. CCOO considera que a falta de pagamento da paga extra de decembro supón un grave prexuízo para o persoal nunhas datas tan sinaladas como o nadal e nun sector onde se cobra a xornada completa apenas 1000 euros mensuais.

    A Federación de Servizos de CCOO en Galicia ve con preocupación a situación que atravesa ABANTE BPO, empresa do sector de Contact Center que chegou a dar traballo na provincia de Lugo a máis de 450 persoas e que a día de hoxe conta con escasas 100 persoas empregadas.

  • Seguimento do 90% da folga de Bosch en Vigo

    Transcorridas xa as dúas primeiras xornadas de folga no centro de traballo de Vigo de Bosch Service Solutions, a convocatoria foi seguida por case o 90% do persoal, segundo informa o comité de empresa.

    Bosch Service Solutions é unha empresa do sector de centros de chamadas (contact center) que presta servizos a clientes como Vodafone, Repsol, Orange ou Iberdrola.

    Desde o 2019, antes da pandemia, a empresa encadeou varios ERTE que afectaron principalmente á campaña para Vodafone. A finais do pasado decembro, a empresa presentou un ERE para eses mesmos servizos, alegando unha hipotética redución de carga de traballo futura. Ler máis

    O comité negouse a negociar ese «ERE preventivo», polo que a empresa se comprometeu a retiralo sempre que a representación legal do persoal aceptase pactar unha modificación substancial das condicións de traballo para todo o persoal asignado a Vodafone.

    Novamente, o comité rexeitou a «chantaxe» proposta pola empresa. Con todo, Bosch retirou o ERE e abriu un período de consultas para a devandita modificación das condicións de traballo.

    Folga e concentración

    Ante isto, o comité decidiu convocar os case 1600 traballadores e traballadoras de Bosch (a segunda maior empresa de Vigo por cadro de persoal) a tres días de folga en defensa das condicións de traballo. As dúas primeiras tiveron lugar o mércores e venres desta semana e a terceira será o vindeiro luns, 10 de xaneiro.

    Precisamente, durante a folga do venres houbo unha numerosa concentración diante das instalacións de Bosch en Vigo, na que o persoal denunciou que a empresa pretenda deteriorar as súas condicións laborais.

  • O persoal de Universal Support volve a mobilizarse por acumulación de irregularidades

    O comité de empresa de Universal Support (grupo Konecta), que se dedica ao sector dos centros de chamadas, convocou unha xornada de mobilización hoxe luns día catro. O obxectivo, reclamar a subsanación das numerosas incidencias detectadas na campaña Superlínea:

    • Obrigatoriedade de traballar os festivos estatais
    • Traballo en fin de semana
    • Pésima calidade e escasa cantidade de formación
    • Non respecto á regulación do convenio das xornadas irregulares
    • Denegación de días de libranza
    • Denegación da consolidación das ampliacións de xornada
    • Inexistencia de tempo entre chamadas
    • Premios e incentivos inalcanzables e mal remunerados
    • Existencia da figura de apoio non recollida no convenio e polo tanto non remunerada
    • Non publicación de postos libres de coordinación e quality
    • Non consolidación da categoría de coordinador en teleoperadores que levan máis de 6 meses prestando ese servizo
    • Existencia de persoal con contrato eventual máis tempo do autorizado por convenio

    Acordouse convocar mobilizacións tamén os días:

    Paros día 11/10/2021 de 11:00 a 13:00 e de 17:00 a 19:00. Concentración no centro de Bergondo

    Paros día 18/10/2021 de 11:00 a 13:00 e de 17:00 a 19:00. Concentración no centro de Bergondo

     

    Imaxes das mobilizacións