Categoría: Contact Center

  • O persoal de Universal Support mobilízase contra os traslados

    O comité de empresa de Universal Support (grupo Konecta), que se dedica ao sector dos centros de chamadas, convocou esta semana dúas xornadas de mobilización, o luns día 20 e hoxe mesmo, xoves 23. O obxectivo, rexeitar o traslado de 81 traballadores e traballadoras da Coruña a Bergondo.Ler máis

    As concentracións do luns tiveron lugar en horario de 10 a 12 horas e de 15 a 17 horas diante do centro de traballo actual, no polígono coruñés de Pocomaco. Hoxe repítense as mobilizacións no mesmo horario, pero diante das instalacións de Konecta no polígono de Bergondo (rúa Parroquia de Rois, n.º 188).

    O persoal afectado polo traslado está adscrito ao servizo que Universal Support presta para Pull&Bear (Inditex). Xa o pasado xuño, a empresa notificáralle ao persoal que estaba teletraballando a súa intención de recuperar a presencialidade, pero en Bergondo. Naquela ocasión, a sección sindical de CCOO e do comité de empresa presionaron e evitaron que se desprazase as traballadoras e traballadores.

    Tras uns meses de calma, a empresa recupera a idea. Desde CCOO sinalan que o cambio de centro de traballo supón un «trastorno importante», xa que entre o centro de traballo actual e o novo hai máis de vinte quilómetros. Nalgúns casos, isto obrigaría a algunhas das persoas afectadas a abandonar o posto de traballo por careceren dunha combinación de transporte público.

    A sección sindical de CCOO rexeita enerxicamente este cambio de centro de traballo, «máis aínda tendo en conta que, desde o inicio da pandemia, se teletraballou sen incidencia ningunha». Ademais, lamentan a falta de solucións por parte da empresa, coñecedora dos prexuízos que esta medida ocasionaría.

    Imaxes das concentracións

  • A Xustiza dálle a razón a CCOO e rexeita os contratos temporais ligados a subcontratas

    A Audiencia Nacional dálle a razón á Federación estatal de Servizos de CCOO e considera nulos os contratos temporais ligados a unha subcontrata no sector dos centros de chamadas. Isto significa que unhas 40.000 persoas en todo o Estado poderán pasar a ter un contrato indefinido. Ler máis

    En decembro de 2020, o Tribunal Supremo ditaminara que, nas empresas cuxa actividade esencial é a prestación de servizos, os contratos deben ser indefinidos. Tras esta sentenza, CCOO foi o primeiro sindicato en presentar unha denuncia ante a Audiencia Nacional pola adaptación do convenio sectorial á normativa europea e a esta sentenza.

    A Audiencia estima a demanda formulada por CCOO, polo que anula e deixa sen efecto o seguinte parágrafo do artigo 14, b) do convenio colectivo do sector de centros de chamadas:

    «A tales efectos entenderase que teñen substantividade propia todas as campañas ou servizos contratados por un terceiro para a realización de actividades ou funcións de contact center cuxa execución no tempo é, en principio, de duración incerta e cuxo mantemento permanece ata a finalización da campaña ou o cupmrimento do servizo obxecto do contrato».

    Grazas a esta sentenza gañada polos servizos xurídicos de CCOO, milleiros de persoas que teñen contratos por obra e servizo poderán pasar a ter un contrato indefinido, dando estabilidade aos seus postos de traballo.

    Segundo CCOO-Servizos, a patronal do sector consideraba que esta cuestión non se debía dirimir nun xulgado, xa que se está a negociar o novo convenio. Non obstante, o tribunal sentenciador si recoñece que o seu pronunciamento pode incidir nas negociacións, pero trátase dun acontecemento «inevitable» pola tardanza das partes en chegar a acordo sobre o convenio vixente, xa caducado.

    Desde CCOO-Servizos agardan que a patronal «entre en razón» e entenda que «o mantemento do sector pasa por darlle estabilidade ao emprego».

  • CCOO alerta do recorte de persoal na adxudicación do servizo de rastrexadores da Xunta

    A Federación de Servizos de CCOO de Galicia denuncia que a adxudicación do servizo de rastrexadores da Xunta de Galicia a unha nova empresa vai provocar unha importante deterioración deste servizo público. Malia se producir a adxudicación o pasado 29 de xullo, a data de hoxe non se lle facilitou á representación sindical a información sobre a data e condicións do traspaso do servizo, nin tampouco sobre o persoal afectado.

    Segundo a información de que dispón CCOO, no servizo de rastrexadores hai traballando unhas 650 persoas. Porén, co cambio de adxudicación preténdese comezar a campaña no mes de setembro cunhas 250 persoas, estando en risco a perda duns 400 postos de traballo. Todo isto, nunha situación actual onde o volume de casos de covid non deixa de aumentar.

    A Federación de Servizos de CCOO solicita unha reunión urxente coa Xunta de Galicia para esixir o mantemento do número de rastrexadores, entendendo que non é este o momento de recortar persoal.

  • A Xunta precariza o emprego: cambia a empresa de rastrexo COVID por unha máis barata

    A Federación de Servizos de CCOO de Galicia lamenta que a adxudicación dun servizo esencial como o dos rastrexadores para o Sergas se tomou primando os custos sobre os aspectos técnicos.

    Segundo a documentación pública da adxudicación, a empresa que viña prestando os servizos até a data reunía unha puntuación técnica máis elevada, con todo viuse superada en puntuación na parte económica pola empresa que finalmente levou o servizo.

    Desde CCOO quérese denunciar o feito de que os principais impulsores da precariedade laboral sexan as administracións públicas. Basear a adxudicación de calquera servizo público no abaratamento de custos en lugar da calidade técnica é non velar porque se respecten as condicións laborais do persoal e acaba repercutindo na calidade dos servizos públicos.

    O sector de Contact Center ocupa a máis de 90.000 persoas en todo o Estado español e aproximadamente 9.000 na CCAA de Galicia. Desde este sector préstanse servizos esenciais como os enerxéticos, telecomunicacións, bancarios e mesmo de asistencia sanitaria en servizos como os rastrexadores, urxencias ou atención telefónica de primeiro nivel en materia de información do COVID19.

    É hora de que tanto as administracións públicas como as empresas privadas deixen de precarizar este sector, obrigando ás empresas a competir en prezos á baixa e fomentando o dumping empresarial. Débense eliminar estas políticas de adxudicacións a baixo custo xa que os últimos prexudicados son os cidadáns/as e o persoal que ve constantemente precarizadas as súas condicións de traballo.

  • Concentración e folga en Bosch Service Solutions Vigo

    O comité de Bosch Service Solucions, a segunda maior empresa de Vigo por volume de traballadores e traballadoras, convocou folga para hoxe, 16 de xullo, e tamén unha concentración diante da sede da empresa.

    Á folga están chamados os máis de 1900 empregados e empregadas da firma, que rexeitan a continua deterioración das condicións laborais.

    Entre as principais reivindicacións están o recoñecemento das categorías profesionais conforme ás funcións realizadas e sen precisar acudir ao xulgado, unha compensación xusta dos gastos ocasionados polo teletraballo desde o comezo da pandemia, rematar coa «práctica habitual» da empresa de impoñer determinados días de vacacións ou o atraso na presentación da documentación ante o SEPE para o persoal que entrou en ERTE no mes de xuño —a día de hoxe, estas persoas non teñen garantido sequera cobrar no mes de agosto.

    Imaxes da concentración