Categoría: Enxenerías Inspección Técnica

  • CCOO reclamamos á Xunta medidas urxentes e compromiso co futuro do CTAG

    Reunión entre CCOO e a Xunta de Galicia polo CTAG

    Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2025.
    O secretario xeral da Federación de Servizos de CCOO de Galicia, Iván Cordeiro Fernández-Noriega, xunto coa secretaria xeral do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, Amelia Pérez Álvarez, e representantes da sección sindical de CCOO no Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), mantivemos unha reunión coa Xunta de Galicia para abordar a situación actual do centro.

    Na xuntanza participaron por parte do Goberno galego Pablo Fernández López (secretario xeral de Emprego), Covadonga Toca Carús (directora xeral do IGAPE) e Zeltia Lado Lago (directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego).

    CCOO alertamos sobre a perda de proxectos e os despedimentos no CTAG

    Durante o encontro, CCOO trasladamos a nosa preocupación pola perda de proxectos estratéxicos e polos 23 despedimentos executados nos últimos meses. Estes recortes supoñen unha descapitalización sen precedentes nun centro que, en máis de 20 anos de traxectoria, nunca afrontara unha crise similar.
    Lembramos que parte destas dificultades están ligadas á redución de encargas por parte dalgunhas empresas do padroado.

    Propostas de CCOO para garantir o futuro do CTAG

    Ante este escenario, CCOO reclamamos á Xunta:

    • Axilizar as liñas de financiamento público para dar resposta inmediata ás necesidades do centro.

    • Impulsar novos proxectos estratéxicos que aseguren estabilidade e futuro.

    • Apostar por novas áreas de negocio e reforzar o papel do CTAG como motor tecnolóxico e innovador da automoción en Galicia.

    Advertimos de que non abonda con medidas de curto prazo: é preciso un compromiso firme para consolidar o futuro do centro.

    Resposta da Xunta de Galicia

    A representación da Xunta expresou a súa vontade inequívoca de colaboración e subliñou que para o Goberno galego o CTAG é un centro estratéxico que “non se vai deixar caer”.
    Ademais, comprometeuse a explorar fórmulas de apoio que dean resposta ás necesidades inmediatas e consoliden a súa viabilidade a longo prazo.

    CCOO comprometémonos co persoal do CTAG

    Desde CCOO seguiremos defendendo o cadro de persoal con firmeza e responsabilidade, e reclamando a implicación de todas as partes para que o CTAG siga sendo referencia de innovación e emprego cualificado en Galicia.

  • CCOO Servizos alertamos da descapitalización do CTAG e esiximos a reacción inmediata do padroado e da Xunta

    Vigo, 2 de setembro de 2025 – A Federación de Servizos de CCOO de Galicia expresamos a nosa profunda preocupación pola descapitalización que atravesa o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), derivada da perda de persoal cualificado, proxectos e recursos. En apenas mes e medio, a entidade executou 23 despedimentos (8 disciplinarios en xullo e 15 en agosto), unha situación inédita nos 23 anos de traxectoria do centro.

    Desde CCOO alértase de que estes despedimentos supoñen unha perda de capital humano e técnico,  que sostén a capacidade de innovación e competitividade do CTAG nun momento crítico para o sector da automoción.
     

    Inacción do padroado

    Criticamos a falta de implicación dos membros do padroado da Fundación CTAG, entre os que se atopan a Xunta de Galicia, Stellantis, Zona Franca, Borgwarner e outras entidades estratéxicas. O padroado permanece inactivo mentres o centro perde recursos e cadro de persoal, o que acelera un proceso de descapitalización que pode poñer en risco o seu futuro.
     

    Reclamacións sen resposta da Xunta

    CCOO Servizos solicitamos en dúas ocasións unha reunión urxente coa Consellería de Economía, Industria e Innovación, dirixida por María Jesús Lorenzana, sen obter até o momento resposta. Consideramos incomprensible a falta de reacción da Xunta, que forma parte do padroado e debería velar pola estabilidade dunha entidade estratéxica para Galicia.
     

    Intervención da Inspección de Traballo

    A denuncia interposta por CCOO a comezos de xullo perante a Inspección de Traballo por un posible ERE encuberto xa deu resultados: a autoridade laboral abriu actuacións e citou formalmente a empresa, obrigándoa a presentar documentación extensa sobre os despedimentos, xornada e salarios. CCOO consideramos este paso unha garantía para verificar se se están a cumprir as obrigas legais

    O CTAG é un centro estratéxico para Galicia. Non podemos permitir que a descapitalización e a inacción das institucións poñan en risco o seu futuro. CCOO seguirá defendendo o cadro de persoal con firmeza, responsabilidade e transparencia.

    Noticia en prensa:

    Cadena SER: CC.OO. denuncia la "descapitalización" del CTAG en O Porriño

    Diario de Santiago: CCOO alerta de «descapitalización» del centro tecnológico del automóvil de O Porriño

    Galicia Confidencial: CC.OO. alerta da "descapitalización" do CTAG e pide a "reacción" do seu padroado, no que se inclúe a Xunta

    GaliciaPress: El lento languidecer del CTAG, "descapitalizado por la Xunta", denuncia CC.OO.

    La Voz de Galicia: CC.OO. denuncia los despidos en el CTAG y reclama a la Xunta que actúe

  • CCOO consegue en CTAG unha mellora salarial do 6,3 %, acordo de teletraballo e flexibilidade horaria

    CCOO CTAG foi o único sindicato que introduciu a variable económica como imprescindible para asinar o conxunto de acordos de teletraballo e flexibilidade. Hai un mes xa se daba por «pechada a negociación» que, ao cabo, se consegue manter viva para completar con medidas que foran descartadas inicialmente pola dirección. Ler máis

    Tras quince meses de negociación, CCOO fixo valer a súa condición de sindicato maioritario en CTAG e o apoio en asemblea do cadro de persoal para acadar un paquete de medidas innovadoras e históricas. 

    O teletraballo, que xa estaba implantado na empresa como medida de protección covid, finalizaría este xoves 10. Co acordo de teletraballo, regúlanse as condicións do persoal teletraballador e dáse continuidade a unha modalidade de traballo moi valorada polo persoal técnico. CCOO consegue finalmente teletraballo ao 100 %, cláusula para evitar a deslocalización e compromiso para ampliar o comedor do persoal na modalidade presencial.

    En materia de flexibilidade, CCOO conseguiu que o cadro de persoal dispoñan dun intervalo de entrada de 6:30 a 9:45 e que poida axustar a xornada ordinaria diaria entre 7 e 10 horas diarias, respectando o total semanal de 40 horas. Trátase dunha medida de flexibilidade horaria pioneira en Galicia.

    Canto a salarios, conséguese un incremento inmediato do 6,3 %, que será conxugado con futuras melloras do convenio sectorial de enxeñerías. CCOO CTAG sempre defendeu que a revisión salarial era inaprazable, e conseguimos adicionalmente acordar coa dirección que se abra unha mesa de diálogo sobre adecuación salarial colectiva en CTAG que complemente o convenio sectorial de enxeñerías. O incremento salarial anterior só ten que ser unha medida de contención. 

    Con estas medidas, CCOO CTAG pretende axudar a dirección a frear a fuga de traballadores a outras empresas con mellores condicións. No último semestre, CCOO ten rexistrada a escapada de, polo menos, 34 enxeñeiros e enxeñeiras que atesouraban un total de 300 anos de experiencia. Isto está producindo un intercambio de persoal altamente cualificado e elevada experiencia por persoal bolseiro sen experiencia. Polo tanto, as esperanzas de supervivencia do centro dependen necesariamente de que se adecúen os salarios ao mercado e así poder reter o talento. 

  • Reunión coa conselleira de Promoción de Emprego e Igualdade

    A secretaria xeral da Federación de Servizos de CCOO, Lucía Trenor e o responsable de Servizos Técnicos, Iván Cordeiro, mantiveron hoxe unha reunión coa conselleira de Promoción de Emprego e Igualdade, Mª Jesús Lorenzana e a directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha para tratar a situación dos sectores de Centros de Chamadas, TICS, Enxeñerías e Servizos de Prevención. Ademais solicitouse a revisión dos pregos de contratación e a verificación de que se respecta a lexislación laboral e as condicións de traballo dos sectores.

    Os cadros de persoal estanse vendo empobrecidos pola negativa das súas patronais a realizar unha subida salarial nun contexto de inflación desorbitada. O volume de negocio que prestan estas empresas viuse incrementado durante o tempo de pandemia, e por tanto, tamén o seu nivel de facturación. Ademais, estas patronais coinciden en que non poden repercutir as subidas salariais ás súas empresas clientes, referíndose en numerosos casos á propia Administración Pública.

  • CCOO Servizos volve a ser o sindicato máis votado en CTAG

    Tras celebrarse no día de onte as eleccións sindicais no Centro Tecnolóxico do Automóbil en Galicia (CTAG), a candidatura presentada por CCOO foi novamente a máis votada polo persoal.

    Este resultado é consecuencia do gran traballo realizado durante o últimos catro anos dentro da empresa. Cunha participación do 70% do persoal o novo comité estará composto do seguinte xeito: CCOO: 8 delegadas /vos. 203 votos, CIG: 7 delegadas/vos.162 votos, IdeC: 6 delegadis/as.143 votos

    Tras unha campaña intensa onde tivemos que lidar con prácticas antidindicales doutras candidaturas, desde CCOO Servizos queremos agradecer ao persoal a súa participación nas eleccións e o apoio recibido tal como amosan os resultados.

    Desde CCOO Servizos comprometémonos a seguir traballando como sempre en beneficio de todo o persoal durante os seguintes catro anos.