Categoría: Hostalaría

  • Convenio de hostalaría de A Coruña: A patronal di NON a todo

    Onte celebrouse a segunda reunión de negociación do Convenio da Hostalaría da Coruña 2025 no Consello Galego de Relacións Laborais.

    Durante a sesión, presentouse a plataforma conxunta elaborada polos tres sindicatos da mesa negociadora. Porén, a resposta da patronal foi negativa, rexeitando todas as propostas e mantendo a súa postura habitual de inmobilismo.

    enlightenedObxectivo: Mellorar Condicións Laborais e Salariais

    Dende os sindicatos seguimos defendendo a necesidade de:
    yes Subir os salarios na hostalaría da Coruña.
    yes Mellorar as condicións de traballo no sector.
    yes Facer da hostalaría un sector máis atractivo e sostible.

    A pesar das diferenzas, avanzamos en varios puntos de carácter social, que se tratarán na próxima reunión o 28 de abril de 2025.

    Seguiremos informando sobre os avances do convenio da hostalaría. Mantente ao día para coñecer todas as novidades!

  • Negociación do Convenio de Hostalaría de A Coruña: Plataforma Conxunta

    Desde CCOO consensuamos una plataforma conxunta con UGT e CIG para negociar o novo Convenio Colectivo de Hostalaría da Coruña. O obxectivo principal é mellorar as condicións laborais do sector, aproveitando o seu crecemento e os beneficios acadados.

    Principais materias a tratar:

    • Ámbito funcional e vixencia do convenio.
    • Condicións salariais:
      • Incremento do 5% anual en todos os conceptos.
      • Creación de novos pluses para persoal con funcións adicionais, idiomas ou estudos de ciclo medio ou superior.
    • Xornada laboral:
      • Redución a 35 horas semanais (1685 horas anuais).
      • Descanso de 20 minutos dentro da xornada como tempo efectivo de traballo.
      • Dereito a un fin de semana libre ao mes.
      • Dous días de libranza semanais.
    • Licenzas e excedencias: Adaptación á lexislación vixente.
    • Plus de vestimenta: 15 euros/mes para limpeza e mantemento e 2 pares de calzado ao ano (ou 80 euros por calzado).
    • Saúde laboral:
      • Procedementos anuais de control de riscos psicosociais.
      • Protocolos de comunicación e suspensión por embarazo.
      • Adaptacións de xornada por garda legal e coidado de familiares.
      • Protocolos contra o acoso e a discriminación LGTBI.
    • Outras disposicións:
      • Festivos e día da patroa.
      • Contratación.
      • Enfermidade.
      • Xubilación.
      • Seguros.
      • Preaviso de cese.
      • Dereitos sindicais.
      • Roupa de traballo.
      • Desconexión dixital.
      • Igualdade.
      • Táboas salariais.

    Este proceso de negociación busca recoñecer a profesionalización do sector e mellorar as condicións laborais dos traballadores e traballadoras da hostalaría na Coruña.

  • Chega a hora de dignificar o convenio de hostalaría de A Coruña: O persoal non rexeita traballar, rexeita a explotación

    Onte, 6 de marzo de 2025, constituíuse a mesa negociadora do Convenio Colectivo de Hostalaría da Coruña, un paso clave para mellorar as condicións laborais do sector.

    Na negociación participan as centrais sindicais CCOO, CIG e UGT, representando ás persoas traballadoras, e as principais organizacións patronais: Unión Hostaleira Compostela, Asociación Empresarial de Hospedaxe da Coruña, Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría de Ferrol, Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría da Coruña e a Asociación de Turismo e Hostalaría Compostela.
     

    CCOO loita por condicións laborais dignas no sector da hostalaría

    Desde CCOO Hostalaría A Coruña, traballaremos para que o novo convenio colectivo garanta melloras salariais, estabilidade laboral e condicións xustas para o persoal da hostalaría. O sector non pode seguir baseado en precariedade: salarios baixos, xornadas abusivas e falta de conciliación.

    A patronal debe comprender que a falta de traballadores/as non se debe á falta de vontade, senón ás malas condicións laborais. A realidade é clara: o turismo e a hostalaría están en auxe tras a pandemia, con beneficios en constante crecemento. Agora é o momento de que este éxito se traduza en mellores condicións para as traballadoras e os traballadores.
     

    A profesionalización da hostalaría, clave para o futuro do sector

    Se queremos unha hostalaría galega profesional e atractiva, é imprescindible garantir salarios dignos, xornadas equilibradas e dereitos laborais respectados. O novo convenio é a oportunidade para transformar o sector e asegurar un futuro sostible para as persoas traballadoras e as empresas.

    enlightened Síguenos para máis actualizacións sobre a negociación do Convenio de Hostalaría da Coruña. Comparte e fai que a túa voz se escoite!

  • Tras demanda de CCOO, unha traballadora con fibromialxia logra que a Xustiza lle recoñeza a incapacidade absoluta

    O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ratificou unha sentenza que recoñece a incapacidade permanente absoluta para unha traballadora de 59 anos que padece fibromialxia, síndrome de fatiga crónica e múltiples síntomas severos. A defensa correu a cargo de Matilde Mallo Nieves, Graduada en Dereito e Graduada Social na asesoría xurídica na Unión Comarcal de CCOO Santiago-Barbanza.

    A afectada, cociñeira de profesión, experimenta unha serie de síntomas graves e debilitantes, como dores en todas as articulacións, fatiga extrema, depresión maior crónica, dificultades de concentración, insomnio e perda severa de peso (26 quilos en cinco meses). En 2019, obtivo a baixa laboral e, dous anos despois, o INSS concedeulle unha incapacidade total que só cubría o 75% da súa base de cotización. Sen embargo, dado o avance dos seus síntomas, a traballadora decidiu loitar polo recoñecemento da incapacidade absoluta, que lle permite recibir o 100% da base reguladora.

    O tribunal conclúe que os graves síntomas lle impiden desenvolver calquera traballo con eficacia, mesmo ocupacións non físicas. O TSXG entende que a incapacidade non se limita á imposibilidade de realizar un traballo concreto, senón que tamén inclúe aqueles casos nos que a persoa non pode levar unha vida laboral activa debido á gravidade da súa doenza.

    A sentenza, ao ser firme, marca un importante precedente para o recoñecemento de enfermidades incapacitantes como a fibromialxia. A Graduada en Dereito, Matilde Mallo, sinala que este é un gran paso para visibilizar unha enfermidade que afecta a moitas persoas en condicións similares.

    Desde CCOO Servizos queremos salientar a importancia desta sentenza, que supón un paso máis nun sector como o da hostalaría, no que se sofren múltiples doenzas músculo-esqueléticas debido ás longas xornadas de traballo de pé e en movemento, sen que estas cheguen a ser recoñecidas como enfermidades laborais.

    En La Voz de Galicia

  • Pesar polo falecemento dunha traballadora no Hotel Balneario de Mondariz

    CCOO Servizos trasladamos as nosas condolencias aos familiares, compañeiros/as e amizades da traballadora, que perdeu a vida nun accidente laboral nas instalacións do Hotel.

    A Federación de Servizos de CCOO de Galicia sinalamos que a protección da seguridade das persoas e traballadoras é «unha das prioridades» nas relacións laborais nun estado de dereito. Por esta razón, «queremos lembrar a importancia e necesidade de reforzar nestas datas todas as medidas de Prevención de Riscos que permitan evitar situacións de tensión térmica que poidan derivar en situacións fatídicas».

    Á espera de confirmar oficialmente as causas do falecemento da traballadora, CCOO alerta do incremento «xeneralizado» da sinistralidade laboral no noso país, razón pola cal o sindicato reivindica políticas públicas en saúde laboral e un maior control por parte da Administración sobre a aplicación das ferramentas de prevención de riscos laborais en todas as empresas. Insistimos na necesidade de colaboración entre os diferentes axentes involucrados na prevención para evitar que traballadores e traballadoras sigan perdendo a vida a causa de accidentes laborais e esiximos a pronta e exhaustiva investigación do falecemento e a depuración de responsabilidades se as houbese.

    Onda de calor e traballo

    CCOO Servizos volvemos reclamar, como o levamos facendo desde hai moitos anos, que se actúe ante as temperaturas extremas no entorno laboral, pois as persoas traballadoras son un colectivo vulnerable. Debe actuarse, non só cando hai ondas de calor, senón que hai que previlas e estar preparado todo o ano. Co cambio climático estes episodios son cada vez máis numerosos e frecuentes, mesmo fóra dos períodos estivais. De feito, no mes de abril de 2024 soportamos as primeiras temperaturas anormalmente elevadas, sen chegar a ser cualificadas como onda de calor.

    Evitar a tensión térmica é unha obrigación para todas as empresas desde que existe a Lei de Prevención de Riscos Laborais. O Real Decreto de seguridade e saúde nos lugares de traballo, modificado o ano pasado, permite paralizar a actividade laboral ante unha alerta vermella ou laranxa para calquera risco relacionado con fenómenos meteorolóxicos adversos, incluídas as temperaturas extremas. Ampara a calquera persoa traballadora, especialmente ás que desenvolven a súa tarefa ao aire libre ou en lugares de traballo pechados non climatizados, se a aplicación de medidas preventivas non é suficiente para poder garantir a súa saúde.

    Este ano existe unha novidade importante no Plan nacional de actuacións preventivas dos efectos do exceso de temperaturas sobre a saúde (Ano 2024), que desenvolve o Ministerio de Sanidade para evitar os danos á saúde de toda a poboación. Nel inclúense como zonas isoclimáticas as que marca a AEMET, posto que non todas as rexións teñen o mesmo limiar de temperatura máxima para dar os seus avisos por calor (non afectan da mesma maneira 35 graos en Madrid que en Mondariz).

    *Mapa de niveis de risco para a saúde: https://www.sanidad.gob.es/excesoTemperaturas2024/meteosalud.do

    Desde o punto de vista da protección da saúde, tamén para a poboación traballadora, é necesario incluír estas alertas epidemiolóxicas, que se incluíron na páxina de AEMET como alertas METEOSALUD, nos plans fronte á calor das empresas, posto que se demostrou que os danos á saúde comezan moitas veces antes de que se disparen as alertas meteorolóxicas por ondas de calor.