Categoría: Hostalaría

  • Continuaremos a loita polos dereitos das persoas traballadoras de Paradores

    En reunión da Sección Sindical de CCOO de Paradores de Galicia, analizamos o estado da situación despois da concentración do pasado 29 de maio en Madrid e as posibles actuacións futuras.

    A valoración que facemos desta concentración en Madrid é totalmente positiva. CCOO conseguiu reunir a un número importante de persoas traballadoras de Paradores (a pesar da dificultade pola dispersión dos centros de traballo), todas gritando ao unísono que queremos "negociación seria e efectiva, mellora das condicións de traballo nos paradores e cumprimento do convenio e da lexislación nos centros de traballo".

    O único que botamos en falta é a participación das outras centrais sindicais presentes na negociación do convenio. Pero esperamos que poidamos contar con elas nas seguintes mobilizacións que se leven a cabo mentres non mellore a situación.

    Como cuestión principal, entendemos que isto non se pode quedar aquí, que temos o deber de continuar expresando o noso malestar pola situación que se vive nos paradores e esixindo un cambio substancial na dinámica da negociación do convenio.

    Non é de recibo que levemos tantos anos sen poder acadar un acordo cando os resultados económicos son cada día mellores. Entendemos que os que a dirección chama continuamente o "principal activo de Paradores" seguimos sen recibir o que nos pertence polo esforzo realizado para conseguir eses resultados e para que esta empresa pública siga mellorando en todos os sentidos. Por iso debemos seguir esixindo unha negociación real e efectiva na que se nos dea o que nos pertence.

    Non é de recibo que haxa Paradores nos que non se cumpre o convenio en horarios, calendarios laborais, dereito ás licenzas retribuídas, dereito a unha conciliación efectiva, dereito á desconexión dixital, dereito a unha saúde laboral efectiva incluíndo uns ritmos de traballo razoables que non danen a nosa saúde, etc. Por iso debemos esixir en todos os centros de traballo os mínimos dereitos que temos, utilizando os medios ao noso alcance e sen ceder no máis mínimo.

    Por todo isto, entendemos que temos a obriga, tanto a representación sindical como as persoas traballadoras desta empresa, de seguir reivindicándonos cada vez con máis forza ata que nos fagan caso. Non debemos permitir que isto se quede nunha concentración diante da sede da empresa e nada máis; a reivindicación ten que continuar.

  • Paradores: Concentrámonos polo desbloqueo da negociación do convenio

    Despois de 4 anos de negociacións infrutuosas do Convenio e de non recoñecer o fondo existente de 1.700.000 € para a constitución do Plan de Pensións, o 29 de maio CCOO concentrámonos na sede de Paradores en Madrid para reivindicar un cambio de actitude por parte da Hoteleira Pública. Ler máis

     

     

    Cuns resultados económicos históricos da empresa pública Paradores e tras anos de negociacións sen ningún tipo de resultado, CCOO dixo "abonda xa!" e expuxo unha serie de mobilizacións co fin de forzar un cambio na actitude da empresa pública. A primeira destas accións desenvolveuse fronte á sede da compañía en Madrid, na rúa José Abascal, 2-4, o mércores 29 de maio ás 12:00 h.

    Paradores é unha hoteleira pública con centros en todas as provincias do noso país, que se concreta en 97 Paradores Nacionais e un cadro de persoal de máis de 5.300 persoas, das cales, un 60 % son mulleres.

    O convenio colectivo atópase caducado e en negociación desde hai catro anos, e o Plan de Pensións comezou a funcionar hai máis de vinte anos, pero a Empresa négase a recoñecer as achegas acumuladas, que suman 1.700.000 €. Ademais, a conflictividade está disparada, tanto colectivamente como individualmente, o que leva a xudicializar a inmensa maioría dos conflitos.

    O cadro de persoal de Paradores leva anos arrastrando unha perda de poder adquisitivo con respecto ao sector público, e en moitos casos estando por debaixo dos convenios provinciais de Hostalería. Persoal que ve como a Empresa saca peito dos seus resultados económicos e de actividade, mentres que nunca é bo momento para abordar de forma seria os seus problemas. Isto provoca unha fuga de talento que pon en perigo a viabilidade e o futuro da empresa. CCOO reivindicamos a Paradores como unha empresa pública, cuns valores máis alá dos propiamente económicos (o cal é moi positivo) que contribúen a un desenvolvemento social e sostible das zonas onde se atopan situados, e que serven como motor turístico e económico, ademais de protexer e manter un patrimonio de gran valor histórico-artístico.

  • CCOO Servizos asinamos as novas táboas salariais da hostalaría de Lugo, con importantes subas e pagamento de atrasos

    Acabamos de asinar coa patronal do sector as novas táboas salariais do convenio provincial de hostalaría de Lugo, que recolle importantes subas económicas e o pagamento duns atrasos que se poden remontar ao 1 de xaneiro deste ano. Destacamos, ademais, que o incremento económico é superior ao que recollía o convenio colectivo para evitar distorsións derivadas do novo salario mínimo (SMI).

    No 2023 foi preciso incrementar moitos dos salarios deste convenio para adecuarse á suba do salario mínimo interprofesional, para evitar que quedasen por baixo do fixado legalmente.

    Adiantámonos á situación que se produciría nos anos seguintes co incremento do SMI, polo que propuxemos que os soldos se actualizasen en primeiro termo conforme ao salario mínimo e, despois, se aplicase a o incremento salarial pactado no convenio.

    Deste xeito, as categorías máis baixas, ao equipararse ao SMI, igualaron as que estaban por riba. Polo tanto, e de acordo con todas as partes asinantes, aprobáronse subas superiores ao establecido no convenio para poder manter a diferenza salarial entre as categorías inferiores e as superiores. Deste xeito, as táboas asinadas por CCOO supoñen para 2024 entre un 3% e un 5,66% máis ca o ano pasado, en función de cada categoría profesional.

    Por último, sinalamos que unha vez se publiquen as novas táboas no Boletín Oficial da Provincia de Lugo, serán de aplicación obrigatoria. Así mesmo, as empresas que non o fixesen xa voluntariamente, deberán pagar os atrasos con efectos desde o 1 de xaneiro do 2024.

    Noticia en:
    El Progreso

    GaliciaPress

    La Voz de Galicia

  • Acordo salarial convenio hostalaría Pontevedra

    Co obxectivo de evitar atrasos derivados das dilacións nas negociacións, CCOO Servizos xunto con outras organizacións sindicais formalizamos esta mañá coa patronal un acordo exclusivamente centrado nos salarios para os anos 2022 e 2023. Comprometémonos a continuar as negociacións referentes ao texto do acordo e aos demais incrementos no mes de xaneiro de 2024.

    O acordo contempla un incremento en táboas do 8% para os anos 2022 e 2023, ademais dunha paga lineal de 1.250€ proporcional a xornada e tempo traballado. Se a suma dos IPCs 2022-2023 é superior ao 8% de incrementos acordados, a diferenza terase en conta para a negociación de salarios de 2024.

    acordo salarial hostalaría Pontevedra

  • CCOO Servizos esiximos á patronal axilidade para renovar o convenio da hostalaría de Pontevedra

    CCOO-Servizos denunciamos a falta de interese da patronal de hostalaría da provincia de Pontevedra, que mantén o convenio caducado desde o 31 de decembro do 2021, hai xa case dous anos. Nnon podemos pasar outro Nadal sen regular as condicións de traballo no sector, especialmente nun momento en que os datos de ocupación están en máximos históricos.

    Nunha conferencia de prensa que tivo lugar este luns en Vigo, os voceiros de CCOO, Jorge Carneiro e José Mirás, sinalaron que as patronais se queixan acotío da falta de persoal, cando ao mesmo tempo sorprenden «con declaracións ilegais e polémicas realizadas desde a patronal estatal, que defende xornadas escravistas de 12 horas diarias».

    CCOO coida que cómpre «regular decontado» nun novo convenio as condicións de traballo, para o que lle reclama «axilidade» á patronal. O novo texto deberá incluír medidas para garantir a conciliación da vida persoal e a familiar, así como a mellora da cualificación profesional e dos salarios, para facer atractivas as condicións laborais do sector.

    Precisamente, os baixos salarios, así como os incumprimentos en materia de xornada, os horarios que impiden a conciliación ou a falta de regulación das condicións dos fixos-descontinuos son algúns dos principais problemas.