Categoría: Hostalaría

  • As primeiras sentenzas contra o Hotel Balneario do Tremo decretan a nulidade dos despedimentos por existir fraude de lei

    Comisións Obreiras (CCOO) informa das primeiras sentenzas a favor dos traballadores e traballadoras despedidos do Hotel Balneario do Tremo, no concello de Brión. As tres resolucións xudiciais coñecidas ata o momento decretan a nulidade dos despedimentos por se considerar acreditada a existencia dunha fraude de lei para evitar cumprir cos dereitos de subrogación do persoal. CCOO, sindicato que asesora os demandantes, congratúlase desta vitoria xudicial e agarda que as restantes sentenzas que aínda están pendentes se pronuncien na mesma liña. Ler máis

    En termos moi similares, estas primeiras sentenzas coidan acreditada a existencia dunha fraude de lei para conculcar os dereitos laborais dos traballadores e traballadoras do complexo hoteleiro e termal. A empresa, anteriormente denominada Hotel Balneario de Compostela, pechou a comezos do 2021 no marco dun procedemento concursal previo á liquidación da sociedade. Contaba nese momento cun cadro de persoal de aproximadamente trinta persoas.

    A sentenza recolle como feitos probados que a empresa deu de baixa o persoal na Seguridade Social o 15 de xuño e que só dous días despois se constituía a nova empresa —que comparte cargos administrativos, instalacións, medios e provedores coa empresa extinta—. As novas contratacións comezan a producirse o 12 de xullo, menos dun mes despois, sendo incorporada á nova empresa aproximadamente a metade de traballadores e traballadoras que había antes do peche.

    A interrupción do vínculo laboral durante este tempo, menos dun mes, impediría automaticamente que as traballadoras e traballadores puidesen exercer o seu dereito a seren subrogados pola nova empresa nas condicións de traballo previas. Non obstante, a Xustiza ditamina que «si cabería derivar a responsabilidade excepcionalmente á nova empresa» en caso de constatarse a existencia dunha fraude de lei por parte das empresas codemandadas neste proceso.

    Así o consideran os xulgados composteláns, que verifican a existencia dunha fraude de lei por parte das empresas Hotel Balneario do Tremo S. L., Balneario do Tremo S. L. e Balneario de Compostela S. L., polo que decretan a nulidade dos despedimentos e instan ao pagamento dos salarios de tramitación e cantidades pendentes, así como á «readmisión inmediata» do persoal.

  • CCOO advirte que o peche patronal anunciado pola Asociación de Hostelería da Coruña non pode afectar aos dereitos laborais

    A Federación de Servizos de CCOO de Galicia advirte que o peche patronal anunciado pola Asociación de Hostelería da Coruña para o vindeiro luns, 28 de marzo, non pode afectar aos dereitos laborais. O sindicato aclara que este paro non é unha folga de traballadores e traballadoras asalariadas, senón unha medida promovida polas empresas, de maneira que non pode ter impacto ningún nas condicións de traballo.

    Entre outras cuestións, CCOO-Servizos recalca que esta decisión empresarial non pode repercutir nos salarios das persoas traballadoras nin no seu dereito ao descanso semanal ou día libre correspondente; tampouco cabe ningún desconto nas nóminas, nin modificación de xornada ou compensación con día de libranza establecido.

    En resumo, a Federación de Servizos de CCOO non vai consentir que un peche patronal, xestionado de forma unilateral e por iniciativa das empresas, «se leve a cabo á custa do salario e o dereito ao descanso do persoal da hostalaría».

    Por esta razón, CCOO-Servizos ponse ao dispor de todas as persoas traballadoras para que, en caso de incumprimentos, «nos comuniquen as incidencias co fin de denunciar ante a Inspección de Traballo as irregularidades ou ilegalidades cometidas».

    Entrevista en radio SER A Coruña

  • Traballadores e traballadoras do Hotel Balneario do Tremo concentráronse hoxe para esixir a súa subrogación ou que os indemnicen

    Traballadores e traballadoras do Hotel Balneario do Tremo, no concello de Brión, concentráronse hoxe, 26 de febreiro, para esixir a súa subrogación ou ben que os indemnicen pola rescisión dos seus contratos. A protesta tivo lugar fronte ao propio hotel entre as 13 e as 14 horas.

    Segundo CCOO, sindicato que asesora os traballadores, a empresa —anteriormente denominada Hotel Balneario de Compostela— pechou a comezos do ano 2021 no marco dun procedemento concursal previo á liquidación da sociedade. Contaba nese momento cun cadro de persoal de aproximadamente trinta persoas.

    O proceso concursal pechouse o 21 de maio. Menos dun mes despois, o 17 de xuño, rexístrase a nova sociedade Hotel Balneario do Tremo, que se fai cargo das instalacións e contrata só unha parte do persoal que previamente había, sen subrogarse nas súas condicións de traballo.

    CCOO apoia os traballadores e traballadoras nas súas reivindicacións, esixindo que a nova sociedade —que comparte mandatarios, apoderados, socios e colaboradores do grupo de empresa matriz da anterior— se faga cargo das obrigas adquiridas pola empresa extinguida. En resumo, que readmita a totalidade do persoal ou ben proceda ao pagamento da indemnizacións correspondentes a un despedimento improcedente.

  • CCOO esixe aproveitar o pulo da reforma laboral para reducir a precariedade da hostalaría en Galicia

    Comisións Obreiras (CCOO) inicia unha campaña co obxectivo de aproveitar o pulo da reforma laboral para reducir a precariedade da hostalaría en Galicia, unha situación que padecen de maneira especial as mulleres. Para CCOO, non hai escusas para non reducir as taxas de traballo temporal, de contratación a tempo parcial ou de horas extras non remuneradas. Neste punto, o sindicato advírtelles ás empresas que «traballar gratis é escravitude». Ler máis

    A secretaria xeral de CCOO, Amelia Pérez, considerou moi acaída no tempo a presentación desta campaña, xusto no día a seguir da aprobación da reforma laboral que se pactou no diálogo social. «Este sector é un exemplo da precariedade que esta reforma vai corrixir», apuntou. «Non podemos consentir que se minusvalore un sector tan importante como é a hostalaría. Non son traballadoras ou traballadores de segunda», insistiu a sindicalista.

    En relación coas críticas ao texto aprobado, a secretaria xeral de CCOO asegurou que «a realidade vai colocar a cada un no seu sitio», en especial «a aqueles partidos que se din de esquerdas e votaron en contra».

    Precariedade con rostro de muller

    Segundo a secretaria xeral de CCOO-Servizos, Lucía Trenor, a hostalaría recuperou practicamente os niveis de actividade previos á pandemia, pero aínda falta por recuperar o mesmo volume de emprego, principalmente polo uso abusivo dos contratos temporais e a tempo parcial, así como a prorrogación das xornadas laborais. Actualmente, o 45 % dos contratos no sector son temporais e o 29 % do persoal traballa a tempo parcial, moi por riba do promedio doutros sectores —25 e 16 %, respectivamente.

    A precariedade e baixos salarios teñen, ademais, rostro de muller. «Un home en calquera sector cobra o que dúas mulleres na hostalaría», denunciou.

    Patronais reaccionarias

    O secretario de Acción Sindical de CCOO-Servizos, Juan Zas, relatou as dificultades con que bate a negociación colectiva neste ámbito, principalmente debido ás actitudes «reaccionarias» dalgunhas patronais.

    Como exemplo, sinalou a actitude abertamente contraria dalgunhas empresas a que se negocien cuestións «tan básicas» como protocolos contra o acoso sexual no traballo. «Se se opoñen a algo tan elemental, xa non falemos de que nos dean acceso aos rexistros retributivos para combatermos a discriminación salarial contra as mulleres», reflexionou o sindicalista.

    Neste punto, a secretaria xeral de CCOO-Servizos foi contundente. «Se non cumpres coas túas obrigas como empresario, non podes ter unha empresa».

  • Primeira reunión do convenio de hostalaría de Lugo

    O pasado mércores 24 de Novembro tivemos a primeira reunión da negociación do convenio de hostalaría provincial de Lugo, logo da formalidade de constituir a mesa negociadora.

    Expuxemos a necesidade de actualizar o convenio tanto na súa parte social como na parte salarial, donde entendemos que os salarios non se corresponden ca media xeral da hostalaría de Galicia. A nosa proposta é clara e presentamos uns incrementos salariais que afectan á totalidade das categorías profesionais.

    A resposta da patronal limítase a sinalar que a situación actual da pandemia impide poder aplicar incrementos salariais, salvo en casos contados a onde non chega o SMI.

    Por outra banda, con respecto ás melloras sociais que pretendemos incorporar ao convenio en puntos como vacacións, licenzas festivos etc, non se pararon a debatilas, quedando emprazados para unha próxima reunión o vindeiro 15 de decembro de 2021.