Categoría: Hostalaría

  • Burguer King despreza o seu persoal: irregularidades en salarios, horarios e saúde laboral

    CCOO-Servizos insta a Burger King a cumprir os dereitos do seu persoal, especificamente no que se refire ao pagamento dos salarios, quendas de traballo e protección da saúde. Este mediodía houbo unha concentración na Coruña, pero os problemas veñen de meses atrás. Durante o último ano, o sindicato convocou a empresa en diferentes ocasións para procurar solucións, pero ante a súa negativa houbo que recorrer á Inspección de Traballo.

    CCOO denunciou ante a autoridade laboral irregularidades en cadrantes horarios e tempo de traballo, así como no abono de salarios e complementos.
    Con todo, a Burger King teima na súa actitude e reincide canto ao pagamento das horas complementarias, o atraso no abono dos salarios, os horarios e calendarios, a excesiva carga de traballo pola falta de persoal, ou aspectos relacionados coa seguridade e a saúde laboral. Ler máis
     

    Estes problemas, xa de seu graves en calquera empresa, sono aínda máis nun sector tan precarizado como o da comida rápida, cun exceso de xornadas parciais que provocan salarios moi baixos e que levaron ao límite ao persoal destes centros, que ven como a empresa xoga coas súas remuneracións, utilizando a precariedade como medida de presión.

    A nova negativa da empresa a reunirse cos delegados de CCOO, representantes do persoal, é unha demostración clara e palpable dunha ineficacia absoluta na súa política de relacións laborais e non deixa outra alternativa máis que seguir denunciando esta situación ante a autoridade laboral, á vez que realizar mobilizacións que fagan saír á luz pública a grave situación que está a vivir o persoal dos centros de Burger King.
     

    Vídeo denuncia

    Imaxes das concentracións

  • Gañada a demanda de CCOO e outros sindicatos contra Paradores, que deberá compensar o seu persoal

    A Audiencia Nacional deulles a razón a CCOO e a outros sindicatos e estima parcialmente a demanda presentada contra Paradores. Segundo os denunciantes, con motivo do estado de alarma, a empresa deixou sen pagar diversos complementos salariais ao persoal, causándolle un notable prexuízo económico. Ante a negativa a corrixir a situación, non quedou máis solución que acudir á Xustiza, que agora dálle a razón á representación legal do persoal. Ler máis

     

    A sentenza, que ten carácter executivo, obriga a Paradores a aboar a prima de produción —atendendo á percibida por cada traballador ou traballadora no mes de marzo do 2020—. No referente ao complemento de manutención, deberase aboar conforme ao valor económico fixado nas táboas salariais do convenio.

    Canto ao complemento de nocturnidade, aboarase cunha recarga do 25 % do salario base para quen, durante o período entre o 14 de abril e o 24 de xuño do 2020, tivo que prestar servizos entre as 22:00 e as 06:00 horas —conforme as quendas horarias mensuais establecidas—. Por último, o complemento de quenda partida pagarase segundo o valor fixado nas táboas salariais —novamente, para o persoal que así o fixo entre o 14 de abri le o 24 de xuño.

    Desde a Federación de Servizos de CCOO instan a Paradores a acatar xa a sentenza —só cabe recurso de casación perante o Tribunal Supremo— para non dilatar máis a solución nin aumentar o custo para o erario, xa que se trata dunha empresa pública «e o diñeiro dos recursos sae dos petos de todas e todos nós.

  • Salvar a hostalaría

    Desde a Federación de Servizos de CCOO, vemos con gran preocupación a grave situación do Sector da Hostalaría na nosa Comunidade e o prexuízo que se está producindo no que respecta á supervivencia do sector e a posibilidade dunha gran perda de postos de traballo, especialmente con motivo das novas medidas adoptadas pola Xunta de Galicia.

    Non podemos asumir que desde a administración se criminalice á hostalaría, que as medidas máis duras e restritivas, dedicadas a frear a pandemia, se dirixan principalmente a este sector e que as axudas económicas sexan insuficientes para paliar a grave situación á que se está sometendo. Ler máis

    As diferentes administracións teñen a obrigación de realizar labores de control das medidas preventivas, distancias, aforamentos, etc., en todos os locais de uso ou acceso público, pero non é de recibo que se tomen estas medidas drásticas asfixiando á hostalaría, sobre todo cando isto se fai dunha forma especialmente restritiva na nosa comunidade con respecto ás medidas tomadas noutras.

    Se realmente se detecta pola autoridade sanitaria que este sector pode ser un dos máis importantes vectores de contaxio e son imprescindibles medidas restritivas, a administración debe ser consecuente respecto diso e asumir que deben ir acompañadas dunha serie de axudas económicas que non o aboquen á desaparición.

    A Xunta de Galicia e outras administracións, (concellos, deputacións) deben renovar e incrementar as axudas e as medidas paliativas, destinando novas cantidades a compensacións económicas a fondo perdido, reducindo impostos e taxas, atrasando o inicio de devolución dos créditos ICO mentres as medidas restritivas recorten a entrada de ingresos ou con axudas ao aluguer que permitan o mantemento da empresa e do emprego.

    Estas medidas deben ir acompañadas dunha serie de requisitos que consigan non só superar esta crise, senón aproveitar esta situación para conseguir unha imprescindible modernización e profesionalización do sector, que acabe cun dumping empresarial que só serve para precarizar as condicións de traballo do persoal e á que poden axudar os fondos destinados por Europa a paliar a crise derivada da pandemia do COVID-19.

    Desde a federación de Servizos de CCOO xa propuxemos anteriormente á administración unha serie de medidas paliativas en concepto de axudas e entendemos deben incrementarse de forma inmediata e instar o Goberno estatal a un compromiso nos mesmos termos.

  • CCOO esíxelle ao Concello de Santiago a adopción de medidas inmediatas para axudar as pemes

    A Federación de Servizos de CCOO de Galicia, que engloba os sectores de hostalaría e comercio, especialmente afectados pola pandemia, e a Unión Intercomarcal de CCOO de Santiago-Barbanza, esíxenlle ao Cocnello de Santiago a adopción de medidas inmediatas para axudar as pemes. A proposta sindical realízase sen prexuízo do diálogo establecido no Consello Económico e Social e no Plan Compostela Móvese Covid-19. Ler máis

    Así mesmo, ambas as dúas organizacións de CCOO dirixíronse por carta a todos os concellos das comarcas de Santiago e Barbanza pedíndolles que acorden medidas para o emprego na hostalaría e no comercio nos seus respectivos municipios.

    CCOO coida que a precaria situación en que se atopan as pemes e autónomos tamén repercute moi negativamente na situación do persoal asalariado. Para o sindicato é unha «prioridade absoluta» evitar que se perda tecido empresarial, polo que se propón apostar por mecanismos de financiamento, axudas, moratorias e liquidez, que permitan o sostemento das empresas, maioritariamente de autónomos e pemes, pero en termos recíprocos: as empresas deben comprometerse a soster o emprego.

    CCOO considera que hai que incidir prioritariamente en: axudas a contratación; renegociación dos alugueres; dixitalización; axudas ao turismo; adiamento, reducións ou eliminación temporal dos impostos locais, ou fomento do consumo da hostalería e comercios locais.

    Segundo CCOO, estas axudas deben ir ligadas a unha serie de requisitos por parte das empresas: non estar sancionadas pola inspección de traballo; estaren ao día coas nóminas e obrigas con Facenda e Seguridade Social; a obriga de ter medidas de seguridade; así como o fomento da igualdade, da conciliación e da non discriminación.

  • CCOO insta as administracións locais e autonómica a que acorden en diálogo social medidas de choque polo emprego

    Desde a Federación de Servizos, que engloba os sectores de hostalaría e comercio, especialmente afectados pola pandemia, propomos que todas as Administracións poñan en marcha medidas para soster o emprego e o tecido produtivo, e reclamámoslle tamén ao Goberno de España melloras na coordinación.

    CCOO expón unhas liñas de proposta para debater desde a Administración pública, tanto nos marcos de diálogo social autonómico, como desde a Administración local, con fin de evitar que se siga destruíndo emprego e tecido produtivo.

    Para o sindicato é unha prioridade absoluta evitar que se perda tecido empresarial, polo que se propón apostar por mecanismos de financiamento, axudas, moratorias e liquidez, que permitan o sostemento das empresas, maioritariamente de autónomos e pemes, pero en termos recíprocos: as empresas deben comprometerse a soster o emprego. Ler máis
     

    CCOO considera que estas axudas deben estar equilibradas, é dicir, que existan axudas directas tanto para empresas como para os sectores e as persoas traballadoras. As propostas de CCOO articúlanse nos distintos niveis de actuación: laboral, seguridade sanitaria, fiscal e institucional. Entre elas, destacamos:
    •    Axudas para a contratación de persoas que quedaron no paro por mor da COVID-19.
    •    Promover medidas de mediación para renegociar temporalmente o prezo do alugueiro cos propietarios dos inmobles.
    •    Subvencións para a modernización e dixitalización.
    •    Axudas a empresas de sectores relacionados co turismo e a súa actividade.
    •    Mecanismos para adiar o pagamento de débedas tributarias de pemes e autónomos, así como adiamento temporal, reducións ou eliminación temporal dos pagamentos dos impostos locais.
    •    Axilizar a liquidación de axudas económicas ás pemes e autónomos.
    •    Programas para fomentar o consumo na hostalaría e o comercio local.

    Entendemos que estas axudas deben ir ligadas a unha serie de requisitos por parte das empresas:
    •    Que non foran sancionadas pola inspección de traballo (fraude ERTE).
    •    Que estean ao día no pagamento de nóminas, obrigas con Facenda e Seguridade Social.
    •    Que teñan plans e medidas de seguridade na empresa e favorezan a igualdade, a conciliación e non discriminación por razón de sexo, amais dun compromiso co medioambiente e a saúde pública.
     

      |  Nota de prensa