Categoría: Muller

  • Feminismo sindical para mellorar a vida das mulleres

    CCOO, como sindicato feminista, manifesta o seu firme compromiso de seguir loitando contra a discriminación laboral das traballadoras en calquera das súas formas e negociando propostas que melloren as condicións de vida das mulleres.

    O feminismo está sendo o maior motor de transformación social, e de aí o empeño en condenalo das faccións sociais máis reaccionarias; pero detrás del hai máis de corenta anos de historia de loita de moitas mulleres. Loitas constantes, comprometidas e arriscadas pero libradas coa alegría que produce ir acabando coas múltiples discriminacións e apostar con creatividade, sororidade e alegría por unhas condicións de vida xustas.
     

    Estas loitas libráronse en todos os ámbitos, e o laboral non foi o menor. As mulleres necesitamos independencia tamén económica para sermos autónomas e non dependermos de ninguén. O traballo asalariado é unha desas fontes de autonomía, e a necesaria batalla polo acceso ao emprego, a promoción profesional, a corresponsabilidade, a igualdade salarial ou a fin da violencia son obxectivos sindicais. Por esta razón, desde CCOO tamén reivindicamos o feminismo sindical, que colabora co resto de feminismos para conseguir dinamitar o machismo que aínda persiste e estender o feminismo a todos e cada un dos espazos.

    O 8M tamén reivindicamos este feminismo sindical que nos é propio e a loita polos dereitos laborais dentro do movemento feminista e, aínda que nos sumamos a gozar deste día lúdico de reivindicación feminista, actualizamos o feminismo nos centros de traballo todos os días do ano a través do noso activo sindical, porque os dereitos non se paran nas portas dos centros de traballo. Día a día denunciamos a discriminación laboral e achegamos propostas para mellorar as condicións laborais e de vida mediante o diálogo social en aspectos como o salario mínimo interprofesional. O SMI pasou de 736 euros ao mes en 2018 a 1134 euros brutos en 14 pagas en 2024; é un incremento de máis do 46 %. A suba do SMI beneficia máis as mulleres, ao sermos nosoutras as que temos as peores condicións laborais e salariais. Ler máis

    A suba do SMI  #ÉFeminismo

    A fenda salarial actual é do 18,6 % e, aínda que é a máis baixa dos últimos quince anos, hai que seguir reducindo a diferenza salarial entre homes e mulleres. Desde CCOO seguiremos poñendo un soldo mínimo nos convenios, cuestionando a falta de complementos salariais para as habilidades tipicamente femininas, diminuíndo a parcialidade e elevando o SMI.

    Reducir a fenda salarial  #ÉFeminismo

    A reforma laboral mellorou a contratación indefinida e reduciu a temporalidade, conseguindo maior estabilidade do emprego feminino. Nos últimos doce meses, o número de mulleres sen emprego reduciuse en 23 400. É dicir, houbo máis de 21 000 novos contratos laborais con selo feminino. A Enquisa de Poboación Activa demostra que a temporalidade diminuíu ata o 13,24 % e creáronse 783 000 empregos. Hai máis mulleres traballando ca nunca. Das 21 246 900 persoas ocupadas, o 46,7 % son mulleres; porén, o 75 % dos contratos a tempo parcial son femininos. En CCOO apostamos por reducir a parcialidade e mellorar as súas condicións laborais. 

    A reforma laboral  #ÉFeminismo

    A suba do SMI permite tamén reducir a fenda que existe nas pensións. No caso das pensións de xubilación, a fenda é dun 31,91 %, malia que se negociaron mellores condicións para integrar as lagoas de cotización. Considerados como cotizados ao 100 % ata tres anos os casos de redución de xornada ou excedencia por coidado de familiares e/ou menores e de aumentar o complemento para reducir nelas a fenda de xénero, aínda existe unha fenda nas pensións de xubilación do 31,4 %. É vital o noso compromiso sindical para acabar con esta fenda nas pensións.

    A reforma das pensións  #ÉFeminismo

    Tamén se mellora a vida das mulleres traballadoras negociando convenios colectivos que racionalizan a xornada e introducen medidas que favorecen a corresponsabilidade e plans de igualdade. Este ano rexistráronse case 5000 plans de igualdade no REGCON e actualmente hai 10 729 planes de igualdade en activo. Porén, un 66 % das máis de 31 400 empresas que deberían ter plan de igualdade non o teñen. Desde CCOO seguiremos denunciando a falta de negociación, reclamando a convocatoria das mesas de negociación e vixiando o seguimento das medidas adoptadas neles.

     

    Negociar plans de igualdade  #ÉFeminismo

    Aínda que é obrigatoria a existencia de protocolos de prevención e tratamento do acoso sexual e por razón de sexo para todas as empresas, só contan con protocolos aquelas que teñen plan de igualdade, ao ser estes unha parte dos plans de igualdade. A maioría de empresas, sobre todos as PEMES e microPEMES, carecen de protocolo contra o acoso sexual e por razón de sexo e, ademais, hai mulleres —como as empregadas de fogar ou as de axuda a domicilio— que sofren acoso sexual nas casas dos seus empregadores. Para orientar tanto profesionais como sindicalistas e as vítimas, contamos co Observatorio de Acoso sexual y por razón de sexo, no que seguiremos traballando.

     

    A loita contra o acoso sexual  #ÉFeminismo

    Pero tamén é feminismo romper os estereotipos de xénero no acceso, impedir preguntas sexistas, acabar coa penalización da redución de xornada, conseguir permisos para as menstruacións incapacitantes, lograr flexibilidade da xornada, sensibilizar contra a homofobia, reducir a xornada laboral, facer rexistros retributivos para ver os nesgos nos complementos salariais, avaliar o posto de traballo atendendo a capacidades e habilidades femininas historicamente solicitadas, pero nin recoñecidas nin pagadas, pór en marcha unha prevención de riscos laborais acorde cos corpos e realidade das mulleres. 

    Todo isto e moito máis #ÉFeminismo e ademais de animar a afiliación a se sumar ás convocatorias do movemento feminista nos distintos lugares, manifestamos o noso compromiso cun #FeminismoSindical que fará as mulleres máis autónomas, felices e independentes.

    ____________________________________________________________

    MOBILIZACIÓNS 8M

    — A Coruña: ás 20 h desde o Obelisco

    — Ferrol: ás 20 h desde a praza de Amada García

    — Santiago de Compostela: ás 20 h desde a praza 8 de Marzo

    — Lugo: ás 20 h desde a delegación da Xunta

    — Ourense: ás 20 h desde a Subdelegación do Goberno

    — Pontevedra: ás 20:30 h desde a praza de España

    — Vigo: ás 20 h desde a praza de España

    Manifesto 8 de Marzo de 2024, Día Internacional das Mulleres

  • #25N – Acabouse. Imos contalo

    A violencia de xénero, entendida no seu sentido amplo, é dicir, comprendendo todas as manifestacións da violencia contra as mulleres, é o delito máis estendido en todo o mundo:

    — Cada 3 segundos, unha nena é obrigada a casar.

    — Unha de cada 3 mulleres do mundo sufriu ao longo da súa vida violencia física ou sexual.

    — 3 millóns de nenas son vítimas de ablación cada ano.

    — As violacións como arma de guerra están xeneralizadas nas zonas de conflito.

    — Unha gran parte dos asasinatos de mulleres cometéronos as súas parellas ou exparellas.

    — O 71 % das vítimas de trata son mulleres e nenas (ACNUR 2019).

    E non podemos esquecer as mulleres migrantes, moitas veces violadas ou vítimas de trata no proceso migratorio e que tampouco teñen asegurado o status de refuxiadas nos países de chegada. Nin esquecemos tampouco as mulleres palestinas asediadas polas bombas na Franxa de Gaza, sen alimentos, nin electricidade, nin medicinas, nin auga, 50 000 delas embarazadas. Nin moito menos esquecemos a forte represión que padecen as nosas irmás en países como Afganistán, Irán, Libia, Sudán ou Bangladesh, entre outros.

     

    Negacionismo da violencia contras as mulleres

    En España asistimos a unha rearticulación do patriarcado debida ao avance das forzas reaccionarias de extrema dereita, que están impoñendo nas institucións onde cogobernan o seu negacionismo da violencia contra as mulleres, restrinxindo —cando non eliminando directamente— as políticas, servizos e recursos dirixidos á prevención e á atención integral das mulleres vítimas.

    As denuncias por violencia de xénero aumentaron, como tamén se incrementa o número de mulleres asasinadas:

    — Desde o ano 2003, un total de 1234 mulleres, que deberían estar vivas, foron asasinadas. Este ano, a cifra de mulleres asasinadas (51) xa supera a do ano 2022.

    — En España, segundo a Macroenquisa de violencia contra a muller de 2019, case unha de cada dúas mulleres (o 44 %) sufriu algún acto de violencia sexual ao longo da súa vida e, porén, hai que denunciar que na maioría das provincias aínda non se puxeron en marcha os centros de atención 24 horas previstos na lei de liberdade sexual.

    Ademais, determinadas expresións da violencia de xénero, como o acoso sexual e o acoso por razón de sexo, seguen sen ser contabilizadas de forma específica. O único dato que ofrece a Macroenquisa de violencia contra a muller de 2019 é que no ámbito laboral máis de 1,4 millóns de mulleres afirman ter sufrido acoso sexual no seu lugar de traballo e que o 98 % dos agresores eran homes.

     

    Acoso sexual e por razón de sexo

    O acoso sexual e por razón de sexo é un delito oculto e ocultado. A súa invisibilidade parte de que aínda se considera unha «mancha», tanto para a que o padece como para a empresa en que se produce.

    Por un lado, a tradicional naturalización de certos comportamentos masculinos, ata o de agora tolerados nunha sociedade presidida pola cultura patriarcal, minimízao. Desgraciadamente, o foco sitúase na vítima en lugar de facelo na persoa que acosa e delinque.

    Por outro lado, en moitos casos, as empresas considérano un asunto externo, ignórano ou ocúltano, cando son elas, precisamente, as que «deben promover condicións de traballo que eviten o acoso sexual e o acoso por razón de sexo e arbitrar procedementos específicos para a súa prevención e para dar canle ás denuncias ou reclamacións que poidan formular quen fosen obxecto de acoso» (art. 48 LOIMH).

     

    CCOO DÁ UN PASO ADIANTE

    Fronte a esta ocultación e para acabar co que é, sen dúbida, unha manifestación de violencia contra as mulleres, CCOO deu un paso adiante. Dicimos #Acabouse. Dicímolo as mulleres, pero tamén os homes deste sindicato, porque a loita contra as violencias machistas é unha loita común.

    Desde o sindicato #ImosContalo dándolles a palabra ás mulleres. Con novas e útiles ferramentas sindicais como é o Observatorio de Acoso e por Razón de Sexo de CCOO. Imos contalo:

    — Cada día, coa nosa acción sindical, a través das e dos representantes das persoas traballadoras nos centros de traballo. O noso activo sindical, mulleres e homes de CCOO, supoñen un cordón preventivo e dobremente activo. Porque acompañan, asesoran e orientan as mulleres vítimas e porque actúan fronte ás denuncias dos casos que se presentan.

    — En cada unha das mesas de negociación colectiva, expoñendo e incluíndo nos convenios e plans de igualdade os comportamentos de acoso sexual e por razón de sexo, para mellorar a súa detección e prevención, incluíndoos entre as medidas sancionadoras.

    — En todas as negociacións de protocolos de prevención e tratamento do acoso sexual e por razón de sexo nas empresas e, de modo moi especial, naquelas empresas e Administracións públicas en que se acordan plans de igualdade.

    — E, de modo exclusivo, en avanzar na concienciación, dar atención, orientación e acompañamento ás vítimas, información e formación ás delegadas e delegados sindicais sobre como actuar e ofrecer bibliografía, lexislación e xurisprudencia a xuristas e investigadoras mediante a web do Observatorio de Acoso Sexual e por Razón de Sexo de CCOO.

    Este #25N, CCOO facemos un chamamento para actuar decididamente nas empresas e Administracións públicas contra esta forma de violencia de xénero para, por fin, poder dicir: #Acabouse.

    O Observatorio é unha ferramenta nova e pioneira en Europa, que cada delegado e delegada debe coñecer e aproveitar.

     

    ACABAR COA VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES

    — CCOO, como sindicato feminista, asume a responsabilidade sindical de actuar fronte ao acoso sexual e por razón de sexo, así como contra o ciberacoso notraballo, e dese xeito contribuír á prevención, á asistencia ás vítimas e á redución da violencia de xénero, actuando no seu ámbito, o laboral, o do día a día dos centros de traballo.

    — Hai que actuar sindicalmente e sumar o noso esforzo ao de organismos, institucións públicas e movementos feministas para terminar con todas as formas de violencia contra as mulleres.

    — Coma cada ano, sumámonos aos actos e manifestacións unitarias convocadas polos movementos feministas en cada territorio.

    NOSOUTRAS E NOSOUTROS, AS XENTES DE CCOO, IMOS DEIXAR OÍR AS NOSAS VOCES NOS CENTROS DE TRABALLO:

    NON AO ACOSO SEXUAL!NON MÁIS VIOLENCIAS MACHISTAS!

    O ACOSO SEXUAL TAMÉN É VIOLENCIA MACHISTA!TRABALLOS LIBRES DE ACOSO SEXUAL!

  • Os novos permisos e dereitos para a conciliación da vida laboral, persoal e familiar

    Sobre os novos permisos e dereitos de conciliación:

    • 5 días de permiso retribuído: por accidente ou enfermidade grave, hospitalización ou intervención cirúrxica sen hospitalización pero que precise repouso. Inclúe a familiares de ata 2º grao e conviventes.
    • 4 días de permiso retribuído ao ano: por causa de forza maior cando sexa necesario por motivos familiares urxentes ou imprevisibles. Trátase dun permiso que busca permitir atender situacións familiares urxentes (distribuirase por horas e poderá alcanzar ata 4 días ao ano).
    • Permiso "parental" de 8 semanas ata que o menor cumpra 8 anos, que poderá utilizarse a tempo completo ou parcial e de forma continua ou discontinua.
    • Redución de xornada: amplíase o dereito á redución de xornada para quen precise encargarse do coidado directo dun familiar ata o segundo grao de consanguinidade, ademais do coidado de fillos ou fillas ou persoas a cargo con discapacidade menores de 26 anos e que teñan cancro ou outra enfermidade grave (cando o grao de discapacidade supere o 65% e esta condición se acredite antes de cumprir os 23).
    • Adaptación de xornada: amplíase o dereito a persoas con persoas dependentes a cargo (fillos e fillas maiores de 12 anos, cónxuxe parella de feito, familiares por consanguinidade ata o segundo grao e persoas conviventes cando non poidan valerse por si mesmas). No caso de negativa, a empresa deberá xustificala.
    • Parellas de feito: recoñécese o permiso retribuído regulado no art. 37.3 do Estatuto dos Traballadores de 15 días naturais polo rexistro de parella de feito, equiparándoo así co dos matrimonios.
    • Máis protección: establécense novas garantías para que as persoas traballadoras non poidan sufrir discriminación, trato desfavorable ou despedimento por exercer dereitos de conciliación.

    Se tes dúbidas, podes preguntarnos enviando a túa consulta POR AQUÍ

    INFOGRAFÍA

    Infografía conciliación

  • #25N – Día Internacional para a Erradicación da Violencia de Xénero

    As Confederacións Sindicais de Comisións Obreiras (CCOO) e da Unión Xeral de Traballadoras e Traballadores (UGT) reiteramos o noso compromiso coa erradicación de calquera forma de violencia contra as mulleres e facemos un chamamento ás traballadoras e os traballadores e á cidadanía para combatelas ata a súa erradicación, tanto nos centros de traballo como no conxunto da sociedade. Chamamos a combatela atallándoa desde as súas causas, e a aumentar todos os recursos de prevención para que no suceda. Chamamos tamén ao rexeitamento frontal e á condena dos discursos negacionistas que poñen en perigo os avances, cuestionan as políticas públicas contra as violencias machistas e a educación en igualdade e revitimizan as mulleres superviventes. Ler máis

    Denunciamos que, ante a desvergonza da ultradereita e a cegueira de quen non quere ver, estas violencias non só persisten, senón que en moitos casos están a aumentar, tal e como mostran reiteradamente numerosas estatísticas.

    Denunciamos tamén que este é un problema político e social de primeira orde que supón un déficit nos nosos sistemas democráticos que cómpre abordar desde todas as frontes e sen escatimar recursos. 

    Recordamos que as cifras da violencia son escandalosas, comezando polas asasinadas por ser mulleres no marco da Lei orgánica de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, 1/2004, é dicir, as asasinadas pola súa parella ou exparella:

    — Un total de 37 mulleres, que foron asasinadas ata o 8 de novembro de 2022.

    — 26 menores que quedaron orfos e orfas por mor da violencia de xénero.

    — En todo o ano 2021, 47 mulleres foron asasinadas e 31 menores quedaron orfos e orfas. 

    — O número de mulleres asasinadas desde 2003 ascende a 1165, mulleres que son moito máis ca números, son vidas arrebatadas. 

     

    Datos sobre violencias machistas

    Ademais, por primeira vez desde que se recollen datos sobre violencias machistas, en cumprimento do establecido no Convenio de Istambul e do que viñamos reclamando tamén as organizacións sindicais, este 2022 están a rexistrarse xa outros feminicidios que van alén do ámbito da parella e a exparella e que comprenden os feminicidios sexuais (relacionados con agresións sexuais, incluídas as vítimas de tráfico e explotación sexual); os feminicidios familiares (cometidos no círculo familiar e que inclúen os crimes de honra); os feminicidios sociais (perpetrados por parte de homes que non sexan familia nin parella ou exparella, como amigos, veciños ou compañeiros de traballo) e feminicidios vicarios ou por substitución (asasinato dos fillos e fillas para danar a nai ou ben dunha muller para danar a outra). 

    As cifras son tamén arrepiantes:

    — Durante os meses de xaneiro a xuño de 2022, 19 mulleres en total foron asasinadas fóra do ámbito da parella e/ou exparella, deixando tres orfos/as. 

    — O 100 % dos agresores eran coñecidos das vítimas.

    — Cerca do 60 % destes feminicidios prodúcense no ámbito familiar; o presunto agresor foi o fillo en seis casos e o neto en tres casos.

    — Os feminicidios sociais representan neste primeiro semestre de 2022 o 32 % do total, dos cales, en tres casos, o presunto agresor era un veciño, en dous era un compañeiro de piso e nun, outro coñecido.

    — O resto de asasinatos, o 10 %, corresponden a feminicidios sexuais. Os presuntos agresores foron un veciño e un coñecido, e en ambos os casos as mulleres asasinadas eran menores de 16 anos.

    — No 89,5 % dos casos, as vítimas non denunciaran.

    Lembramos que as asasinadas non son senón a punta do iceberg das violencias machistas que, segundo algúns indicadores, están crecendo. Por exemplo, no último informe do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), sinálase que: 

    — Entre abril e xuño de 2022 contabilizáronse 44 543 vítimas de violencia machista, un 10,89 % máis que no mesmo período de 2021.

    — Esta cifra indica que case 20 de cada 10 000 mulleres sofren este tipo de violencia en España.

    —Trátase de cifras máis altas ca as que se rexistraron antes da irrupción da covid-19 (40 687 no último trimestre de 2019 e 36 185 no primeiro trimestre de 2020).

     

    A fotografía máis completa da extensión das violencias machistas no noso país, máis alá dos asasinatos ou das denuncias no marco da Lei 1/2004, ofrécea a macroenquisa sobre violencias contra as mulleres de 2019, elaborada polo Centro de Investigacións Sociolóxicas por encarga da Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero, que sinala que unha de cada dúas mulleres (57,3 %) residentes en España de 16 ou máis anos sufriron violencia ao longo das súas vidas. Case doce millóns de mulleres. Ademais, unha de cada cinco (19,8 %) sufrírona nos últimos doce meses. Más de catro millóns de mulleres.

    En Europa, un terzo das mulleres da UE sufriron violencia física ou sexual, segundo datos da Axencia Europea de Dereitos Humanos. Unha de cada dúas, acoso sexual. De aí a iniciativa da Comisión Europea para sacar adiante unha directiva para combater a violencia contra as mulleres e a violencia doméstica, proposta aínda suxeita ás pertinentes revisións e negociacións, pero que debería servir para elevar a rango de lei europea as disposicións do Convenio de Istambul. Esperamos e esiximos que isto sexa posible o máis axiña posible.

    No plano internacional, cabe destacar que os obxectivos da Axenda 2030 de Nacións Unidas sitúan a igualdade de xénero e o apoderamento de mulleres e nenas no centro do desenvolvemento sostible, para o que se require garantirlles o dereito a unha vida libre de violencias machistas. A meta 5.2 fala explicitamente de «eliminar todas as formas de violencia contra todas as mulleres e as nenas nos ámbitos público e privado, incluídas o tráfico e a explotación sexual e outros tipos de explotación».

    Ante estes números e esta realidade, como é posible permitir o discurso mentireiro da extrema dereita antifeminista? Os seus exabruptos non só son un insulto, senón que teñen nefastas consecuencias que se traducen en recortes de recursos institucionais e perigosas ideas que se estenden entre as xeracións máis novas: un de cada cinco homes de entre 15 e 29 anos considera que a violencia machista non existe e que é só un «invento ideolóxico», segundo se recolle no barómetro sobre xuventude e xénero da Fundación de Axuda contra a Drogadicción (FAD), publicado no 2021.

     

    Consenso fronte ás violencias machistas

    A Unión Xeral de Traballadoras e Traballadores (UGT) e a Confederación Sindical de Comisións Obreiras cremos que é deber das forzas democráticas reforzar o consenso fronte ás violencias machistas e rexeitar de cara os discursos negacionistas que minimizan a súa incidencia e poñen en risco todo o avanzado. Esiximos tolerancia cero fronte ás violencias contras as mulleres. Instamos, ademais, a reforzar a educación en igualdade co obxectivo de identificar e neutralizar estas violencias e desterrar estereotipos. 

    CCOO e UGT instamos o Goberno central e os Gobernos autonómicos e locais a que dediquen recursos e garantan servizos de prevención e de atención integral ás vítimas de todas as violencias machistas.

    Instamos as forzas democráticas a realizar unha avaliación coidadosa e pormenorizada das 290 medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e a elaborar propostas máis ambiciosas e eficaces para a Estratexia Estatal que ha poñerse en marcha a partir de 2023. Celebramos, en todo caso, que o Pacto de Estado se convertera nunha ferramenta permanente. E demandamos que o seu financiamento sexa tamén suficiente e estable, para garantir a plurianualidade dos fondos do Pacto de Estado. Tamén pedimos que se garanta unha rede pública de atención integral a vítimas destas violencias machistas que lles asegure unha atención especializada e interdisciplinaria 24 horas 365 días ao ano, sen interrupción, porque esta violencia tampouco descansa.

    Subliñamos a importancia do ámbito laboral para garantir a autonomía das mulleres superviventes das violencias machistas. Neste sentido, celebramos a extensión de dereitos que supón a aplicación dos dereitos laborais (suspensión de contratos, mobilidade xeográfica e funcional, etc.) ás vítimas de violencias sexuais na recentemente aprobada Lei orgánica 10/2022, de 6 de setembro, de garantía integral da liberdade sexual.

    Canto aos contratos bonificados, un total de 845 mulleres vítimas de violencia de xénero accederon a un destes contratos nos seis primeiros meses de 2022, segundo datos do SEPE. O total no 2021 foi de 1231 contratos. Malia os esforzos, é unha porcentaxe aínda exigua das vítimas. Por iso reclamamos o reforzo e a revisión das políticas activas de emprego para estas mulleres, e a formación específica dos operadores que interveñen.

    Tamén recordamos que existen violencias machistas no ámbito laboral, como o acoso sexual e por razón de sexo, que fican ocultas e invisibilizadas porque non se contan, e por iso esiximos a mellora dos instrumentos estatísticos para evitar que permanezan.

     

    Ratificación Convenios 189 e 190

    UGT e CCOO felicitámonos pola ratificación do Convenio 189 sobre as traballadoras e traballadores domésticos e polo Convenio 190 sobre a violencia e o acoso no mundo do traballo, ambos instrumentos historicamente reclamados polas nosas organizacións e que teñen que servir para eliminar as violencias. Instamos á inmediata posta en marcha dos instrumentos necesarios para lles dar cumprimento. 

    No ámbito da nosa competencia sindical, CCOO e UGT comprometémonos a: 

    — Formar e sensibilizar o noso activo sindical fronte ás violencias machistas.

    — Formar e sensibilizar o persoal nos centros de traballo.

    — Que os nosos delegados e delegadas exerzan de barreira fronte a calquera manifestación de violencias contra as mulleres.

    — Negociar e aplicar os protocolos de acoso sexual e por razón de sexo previstos na lexislación.

    — Negociar plans de igualdade e medidas de acción positiva na negociación colectiva que contribúan á erradicación das discriminacións, os estereotipos e a violencia.

    — Colaborar permanentemente coas Administracións públicas e as asociacións de mulleres no obxectivo de erradicar estas violencias.

    — Asesorar as vítimas e mulleres superviventes.

     

    Chamamos os traballadores e traballadoras e a toda a cidadanía a participar xunto co movemento feminista nos actos reivindicativos do 25N para sumarnos ao berro global contra as violencias machistas. 

    Fronte á violencia contra as mulleres, nin un paso atrás. 

  • Manifesto 25N. #ImosContalo. Traballos Libres de Acoso Sexual

    Este 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, a Confederación Sindical de CCOO redobra o seu compromiso mediante feitos concretos para continuar loitando contra todas as violencias machistas e a discriminación das mulleres na que aquelas se sustentan.

    Na sociedade actual, as mulleres lograron unha igualdade de dereitos cos homes maior da que tiveron noutras épocas. A teoría, a práctica e a mobilización feministas de dous séculos de loita deron os seus froitos ata converter os feminismos no maior axente de transformación social. A igualdade de dereitos de homes e mulleres eríxese no principio regulador da orde social moderna. As formulacións feministas traspasan o imaxinario colectivo e a mentalidade social. Ninguén se atreve a manifestarse contra a igualdade formal que figura nos «papeis», porén, é obvio que a igualdade real non só non chegou, senón que está sendo progresiva e perigosamente ameazada ante a vaga reaccionaria. Por iso, hoxe máis ca nunca, non só reforzamos o noso compromiso, senón que, ademais, #ImosContalo. Ler máis

    E #ImosContalo porque os patriarcados de coerción amosan as súas feroces gadoupas en países como Afganistán, Irán ou Catar —onde todos aceptaron xogar un mundial de fútbol—, pero tamén nos de consentimento onde se intentan agudizar a diferenciación de roles sexuais e volver a modelos de masculinidade e feminidade de épocas pretéritas.

    Estamos asistindo a unha rearticulación do patriarcado polo avance das forzas reaccionarias de extrema dereita. E, mentres se aposta pola volta do «home de verdade» e «a muller como Deus manda», convértese os feminismos en inimigos que hai que derribar polo que significan de xustiza, democracia e liberdade. Precisamente por iso temos que contalo e contrarrestar unha extrema dereita que empezou por borrar as imaxes das xenealoxías feministas do ámbito público, seguiu cuestionado dereitos que coidabamos fortemente asentados, como o do aborto, e acabou negando a violencia de xénero aínda que haxa 1171 mulleres asasinadas desde 2003 e unha de cada cinco mulleres que viven en España afirme que sufriu violencia durante o último ano, segundo datos da Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero. Os feitos contradín o discurso negacionista: as cifras de asasinatos, violacións e agresións sexuais non se deteñen. A violencia, por desgraza, ten sexo. Só no ámbito laboral, máis de 1,4 millóns de mulleres afirman que sufriron acoso sexual no seu lugar de traballo e o 98 % dos agresores eran homes.

    Esta violencia estrutural esixe un compromiso colectivo. Neste sentido, CCOO, como sindicato feminista, non só asume a súa responsabilidade actuando fronte ao acoso sexual e por razón de sexo no traballo, senón que ademais traballa acotro para acabar coa discriminación laboral en que se asenta esta violencia. Nos últimos anos conseguiuse elevar o salario mínimo (que afecta a moitas máis mulleres, por ocuparen os peores postos); actuar sobre a temporalidade coa última reforma laboral; aprobar (mediante o diálogo social) o Real decreto 901/2020, polo que se regulan os plans de igualdade e o seu rexistro, e mais o 902/2020, de igualdade retributiva entre mulleres e homes. Ao tempo, delegadas e delegados propoñen a diario protocolos de actuación en caso de violencia de xénero e pactan novas medidas de corresponsabilidade. Medidas todas elas que, en conxunto, tenderán a diminuír as fendas laborais entre homes e mulleres.

    É este traballo silencioso de desmontar o machismo que zumegan as relacións laborais o que hoxe #ImosContalo e a este debe engadirse a actuación fronte á violencia que padecen as mulleres nos centros de traballo en forma de acoso sexual. Agora é o momento, non se pode esperar máis e hai que actuar sindicalmente e sumar o noso esforzo ao dos movementos feministas para acabar con todas as formas de violencia.

    A responsabilidade de centros de traballo libres de acoso sexual e acoso por razón de sexo é unha responsabilidade empresarial, pero como sindicato tamén actuamos para que isto sexa posible.

    Traballos libres de acoso sexual

    Desde un feminismo sindical, CCOO céntrase en previr, formar, concienciar e tratar laboralmente o acoso sexual e o ciberacoso nos centros de traballo. As empregadas pasan unha porcentaxe importante da súa vida no traballo e hai que asegurar ámbitos laborais seguros. Para conseguir que ninguén vaia traballar con medo, CCOO ofrece o seu activo sindical para que sirva de cordón preventivo contra o acoso.

    A negociación de protocolos de prevención e tratamento do acoso sexual e por razón de sexo é unha gran ferramenta que está servindo para informar e formar contra o acoso nos centros de traballo e investigar de forma rápida e confidencial as denuncias; pero a representación sindical non chega a todos os centros e por iso a Confederación Sindical de CCOO puxo en marcha o Observatorio de Acoso Sexual e por Razón de Sexo (ligar a web https://observatorioacoso.ccoo.es/). Con el pretende vixiar os centros de traballo, para que non se produzan acosos e que, se chegan a producirse, as mulleres teñan un espazo onde acudir en busca de orientacións para saber como actuar.

    Co Observatorio de Acoso Sexual e por Razón de Sexo preténdese visibilizar un tipo de violencia de xénero que polo xeral está oculto. A propia existencia do observatorio é unha apelación contra esta violencia e unha denuncia dela.

    O observatorio quere airear unha forma de violencia que, aínda que a padecen moitas mulleres, se denuncia moi pouco porque non se cre a quen o fai e mesmo as responsabilizan do acoso que reciben. Porén, hai unha responsabilidade colectiva e non se pode seguir situando as vítimas nin como culpables nin como responsables. Sindicalmente, trátase de realizar un traballo de prevención contra as violencias e os acosos e de sinalar tanto o sistema que permite que o machismo campe polos seus respectos como a quen acosa. O acoso sexual e o acoso por razón de sexo son un problema para as mulleres, pero son un problema social e de quen agride; tamén dun tipo de relacións laborais marcadamente sexistas coas que hai que acabar. Por iso hai que nomear o acoso e este 25 de Novembro desde CCOO #ImosContalo.

    E a través da nosa campaña imos contar situacións intolerables que acontecen no traballo ou en relación con el, pero tamén imos contabilizalo, porque o que non se conta non existe. Pórlle dimensións ao problema permitirá concienciar a toda a sociedade.

    O observatorio pretende ofrecer un espazo web á representación sindical e ofrece ferramentas e orientacións de como actuar fronte a este tipo de acosos. Unha das principais ferramentas fronte ao acoso é saber identificalo, para o cal se proporciona en aberto unha serie de formacións e recursos legais e de investigación que axuden a avanzar no estudo e tratamento profesional. Asemade, o observatorio pretende contribuír a facilitar a negociación de protocolos e boas prácticas ás persoas negociadoras que participan nas mesas de negociación de plans de igualdade.

    Ademais de á afiliación, o observatorio está pensado para orientar, axudar e acompañar a toda a poboación nas actuacións máis pertinentes ante este delito; isto é particularmente necesario para a pequena empresa e as persoas que traballan soas en fogares, como a empregadas de fogar ou as asistentes de axuda a domicilio, por exemplo.

    As traballadoras deben sentir que contan cunha ventá a través da cal poidan berrar que están sufrindo este tipo de violencia e sentir que alguén as escoita, acompaña e orienta.

    Fronte a esta conduta laboral delituosa, as mulleres e homes de CCOO, este 25N, reforzamos o noso compromiso contando as nosas prácticas con feitos e non só con palabras porque #ImosContalo, sumándonos tamén aos actos e manifestacións convocados polos movementos feministas en cada un dos territorios e, ademais, nos centros de traballo coreamos:

    Non ao acoso sexual!

    Non máis violencias machistas!

    O acoso sexual tamén é violencia machista! #ImosContalo.Traballos Libres de Acoso Sexual