Categoría: Muller

  • Feminismo de clase

    NÓS, as mulleres de CCOO organizámonos nun sindicato de clase, solidario, internacionalista, que busca transformar a sociedade para que sexa máis xusta. E moitas de nós estamos afiliadas e organizadas tamén en organizacións feministas. Ler máis

    Somos continuadoras da centenaria loita feminista como mulleres e como traballadoras. Foron miles de mulleres as que nos antecederon, as que loitaron pola desigualdade salarial, por melloras en saúde laboral, xornada, permisos de maternidade, fronte ao acoso sexual, etc. Loitaron polos dereitos, as melloras sociais e as liberdades. Era, o seu, un feminismo de clase, e desa xenealogía somos continuadoras. Son Flora Tristán, Clara Zetkin, Rosa Luxemburgo, Alexandra Kollontai… e os miles de mulleres anónimas que as acompañaron e as reforzaron.

    Do noso pasado recente, xa como CCOO, podemos dicir que somos continuadoras de Begoña San José, Nati Camacho, Ramona Parra…, e milleiros de compañeiras sindicalistas máis, ás que non deixaremos de render homenaxe e recoñecemento.

    As mulleres somos as máis precarias laboralmente. Denunciamos o crecemento da pobreza e das desigualdades, con especial impacto en nós, con crueza nalgúns grupos, como as maiores, as paradas de longa duración, as que están a cargo de menores en fogares monomarentales ou as inmigrantes, entre outras.

    Tamén denunciamos a persistencia da brecha salarial, o empeoramento das condicións de emprego en moitos sectores feminizados, como consecuencia das reformas laborais. E alertamos das brechas de xénero na protección social e nas pensións, especialmente no económico, a consecuencia da nosa desigual inserción laboral,

    Porque somos conscientes da nosa situación ante o emprego e a desigual distribución da riqueza que se xera por esa vía (conflito capital-traballo), sabémonos traballadoras e organizámonos nun sindicato de clase.

    CCOO leva desde a súa orixe a loita contra a dobre discriminación que nos afecta como mulleres, por ser mulleres e por ser traballadoras á que unimos a loita contra todo tipo de violencias. Unha loita que a levamos a todos os ámbitos nos que estamos como CCOO, sen tregua, sen ningún descanso.

    Dito doutro xeito, o noso traballo atópase principalmente situado na base do material, do compoñente económico e social como elemento crave do empoderamiento e a autonomía persoal das mulleres. No noso feminismo crúzanse os problemas de clase e de xénero, á vez que temos en conta os derivados por calquera outra circunstancia ou condición persoal ou social.

    A nosa posición, tanto a feminista como a sindicalista, baséase nos principios de xustiza, liberdade, igualdade e solidariedade. Sabemos que a nosa loita é colectiva e que os logros deben ser tamén colectivos. Ese é o valor do sindicalismo de clase.

    Respectando todos os enfoques teóricos, nós, as sindicalistas, que non somos teóricas, senón que primamos a acción ("fixemos, facemos, faremos" é o nosa lema) destacamos a necesidade de recoñecer o valor do traballo das mulleres, dos traballos (en plural), tanto o que realizan como asalariadas como o que realizan, por imposición da lóxica patriarcal da domesticidad, no ámbito do fogar, o traballo doméstico e de coidados, básico para o sostemento das sociedades.

    As desigualdades persisten, pero avanzamos na loita. O pasado 8 de Marzo cambiou o relato nos medios de comunicación. As desigualdades e a violencia cara ás mulleres abriron os telexornais, foron primeira páxina nos xornais. As problemáticas tantas veces denunciadas (brecha salarial, precariedade laboral con rostro de muller, violencias machistas…) foron, de súpeto, protagonistas do discurso mediático. Pero onde houbo moitos menos cambios, é sen dúbida, na nosa vida real como mulleres.

    Un logro substancial é que a axenda feminista forma parte xa da axenda sindical, non o imos a negar. O noso obxectivo é acabar coas desigualdades sociais, e as de xénero forman parte substancial delas. Como sinalei anteriormente, se o pasado 8M cambiamos o relato, agora trátase de cambios estruturais. Por iso, dicimos tamén, para CCOO é 8M sempre. Para o sindicalismo de clase de CCOO todos os días son 8 de Marzo.

    Algúns indicadores da desigualdade estrutural de xénero na nosa contorna: menor acceso a emprego (inactividade, paro, economía informal ou mergullada) e ao emprego de calidade (segregación, tempo parcial, temporalidade); discriminación salarial e salarios máis baixos (sectores feminizados); menor presencia en postos directivos en organismos económicos (menos poder en decisións económicas); menor acceso a prestacións sociais e prestacións de menor contía; menor acceso a pensións contributivas e brecha en pensións; traballo reprodutivo (doméstico e de coidados) asignado polo rol de xénero como obrigación principal, vitalicia e gratuíta. Esta obrigación de coidado causa abandono do emprego que pode ser definitiva ou temporal, mediante excedencias /redución de xornada; e cando non hai abandono do emprego o que hai é dobre ou tripla xornada de traballo.

    Todo iso remata producindo a desigualdade económica que sufrimos as mulleres: somos máis pobres e temos un acceso menor aos recursos que proporcionan a autonomía económica.

    Desde CCOO unimos os nosos intereses en defensa da clase traballadora, é dicir, a loita pola xustiza social, a redistribución da riqueza na pugna capital/traballo, vía salarios dignos así como vía prestacións sociais e servizos públicos como dereitos nun Estado de benestar, cos intereses como organización con obxectivos feministas. Estes son, fundamentalmente: incorporar a perspectiva de xénero nesta loita, integrando a xustiza de xénero na xustiza social.

    Temos os "enclave violeta", punto de visibilidade da loita sindical e feminista presente en todas e cada unha das mobilizacións sindicais, resultado de transversalizar a perspectiva feminista á esfera sindical. Só así se conseguirá o obxectivo perseguido de igualdade real e efectiva. E queremos que nunca máis haxa retrocesos nos nosos dereitos, e que a igualdade sexa un camiño sen retorno.

    As CCOO tivemos, temos e teremos o obxectivo irrenunciable de construír colectivamente unha sociedade inclusiva e igualitaria, na que non teñan cabida nin discriminacións nin violencias contra as mulleres. Nisto estamos e nunca nos renderemos.

    O sindicalismo de clase, o sindicalismo organizado, nos empodera ás sindicalistas, empodera a todas as mulleres. E non hai dúbida, mais mulleres en organizacións sindicais, fan sindicatos máis fortes.

    Elena Blasco Martín

    Publicación orixinal

  • CCOO logra constituir as mesas de igualdade no Grupo Inditex

    CCOO veu  impulsado que todas as empresas do Grupo Inditex puxesen en marcha o comezo da renovación e negociación dos plans de igualdade, como garantía de dereitos e oportunidades para as mulleres no ámbito laboral. A Federación de Servizos de CCOO aborda a negociación de cinco Plans de Igualdade do Grupo Inditex: Pull&Bear, Bershka, Oysho, Zara, que renovan o I Plan de Igualdade, que xa chegaran ao final da súa vixencia e o I Plan de Igualdade en Kiddy´s Class.

    A constitución das mesas encargadas de negociar os diferentes plans que xa chegaran ao seu fin de vixencia chega cuns meses de atraso no caso de Zara, onde a  vixencia finalizou fai máis dun ano. Tras meses desde que fósemos convocadas, e onde foi imposible constituír a mesa de negociación do II Plan de Igualdade pola irrupción da UGT coas súas pretensións de repartir a representatividade, constituíuse finalmente atendendo a criterios presentados pola Federación Servizos CCOO, é dicir co poder lexítimo que as traballadoras e trabadores dan á representación sindical na empresa a través dos procesos electorais.
    No caso de Kiddy’s Class, será o seu primeiro Plan de Igualdade. CCOO solicitou hai un tempo á dirección xeral da empresa que non fosen só algunhas as marcas ou empresas que tivesen plan de igualdade, senón que todas as traballadoras do Grupo Inditex, indistintamente de onde traballen, puidesen desenvolver a negociación propia dos seus plans de igualdade. O mesmo ocorre en Zara Home, onde CCOO ten o obxectivo para as súas traballadoras de que conten cun Plan propio e que se aborde a negociación en datas próximas.
    Coa negociación dos distintos Plans de Igualdade, CCOO queremos introducir propostas que se apliquen á totalidade do persoal, nos procedementos internos da empresa, e en aspectos que teñen que ver co acceso, contratación, formación, promoción, retribución etc. O obxectivo é establecer medidas que permitan manter unhas condicións laborais, onde a permanencia na empresa, o descanso semanal, as oportunidades de promoción da muller, sexan medidas que consigan a igualdade de oportunidades de mulleres e homes.

  • CCOO e UGT congratúlanse do «éxito» da folga e da participación «masiva» nas mobilizacións

    O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia e UGT-Galicia congratúlanse do «éxito» da folga convocada hoxe polo sindicalismo de clase. O seguimento dos paros de dúas horas foi masivo, especialmente en grandes empresas e administracións públicas. Polo de agora, non houbo incidentes salientables nin no paro que da madrugada (entre as 00:00 e as 02:00), nin tampouco ao mediodía (das 12:00 ás 14:00). 

    Para CCOO e UGT, o «apoio maioritario» da sociedade galega a esta convocatoria é «a proba» de que as reivindicacións do sindicalismo de clase, compartidas polo movemento feminista, «son tamén maioritarias entre os galegos e as galegas»: cómpre «denunciar e desterrar» a brecha salarial, a precariedade laboral das mulleres e o acoso e a violencia de xénero.

    Sabio e Rodríguez coidan que a data de hoxe é «histórica» e marcará «un antes e un despois» na loita pola igualdade. O apoio á folga amosa «o total rexeitamento» da sociedade galega á situación que padecen as mulleres do noso país. «As reformas laborais impostas, os recortes e as medidas de austeridade non fixeron máis que incidir nas desigualdades», denuncian as dirixentes sindicais.

    Contra o «teito de cristal»

    As secretarias da Muller de CCOO e UGT denuncian a «discriminación laboral e salarial» das traballadoras galegas: a igual formación, os homes acadan maiores taxas de ocupación en todos os niveis formativos. Ademais, a brecha salarial é de 22 puntos, polo que as mulleres galegas terían que traballar 71 días máis ao ano para percibiren o mesmo salario que os homes nun ano. Tamén critican a existencia dun «teito de cristal» que é a causa de que só o 2,3 % da poboación ocupada feminina estea en postos de dirección ou xerencia.

    A «praga» da violencia machista e do acoso

    Ademais da situación laboral, as mulleres son vítimas doutra das grandes «pragas» da sociedade actual, a violencia machista. No 2017, foron asasinadas 49 mulleres e 8 nenos e nenas. O recente Pacto de Estado contra a violencia demóstrase insuficiente e case non recolle medidas de carácter laboral, que son «fundamentais» ?en opinión dos sindicatos? para que as mulleres poidan saír dunha situación de violencia de xénero.

    Rodríguez e Sabio lembran tamén a situación de acoso sexual nos centros de traballo. Aínda que a lei protexe contra estas situacións, «as denuncias son poucas polas dificultades probatorias ou polos medos a perder o emprego», lamentan.

    Galería de imaxes

  • Preparando o camiño da folga para o 8 de Marzo: Multitudinaria asemblea en A Coruña

    O salón de actos do edificio sindical da Coruña quedou pequeno para a multitudinaria asemblea organizada por Comisións Obreiras para preparar o camiño da folga do vindeiro 8 de marzo. Neste encontro coa afiliación participaron o secretario xeral confederal, Unai Sordo, e a secretaria confederal da Muller, Elena Blasco, así como representantes das direccións nacional e comarcal do sindicato. Entre o público tamén cabe destacar a presenza de dirixentes de partidos políticos de diferente cor, que seguiron con interese o desenvolvemento da asemblea.

    Para os voceiros e voceiras de CCOO, a convocatoria de folga está «máis ca xustificada». De feito, os datos do paro rexistrado, coñecidos hoxe, «reafírmannos nas razóns da convocatoria», subliñaron.

    CCOO chama a traballadoras e traballadores a secundaren a convocatoria de paros laborais de dúas horas por quenda e a participaren nos distintos actos, manifestacións e mobilizacións que se celebren con motivo do 8 de marzo, para reiterar o «compromiso activo» coa eliminación da discriminación laboral, económica e social das mulleres.

    Imaxes

  • CCOO denuncia as dificultades para a igualdade efectiva entre homes e mulleres no sector dos servizos

    Delegadas de Comisións Obreiras denuncian as dificultades para a
    igualdade efectiva entre homes e mulleres no sector dos servizos. Nun
    encontro sectorial que o sindicato organizou o mércores na Coruña co
    gallo da folga do vindeiro día 8, representantes de CCOO en diferentes
    empresas relataron as eivas detectadas no seu día a día, tanto do punto
    de vista profesional coma sindical.

    Procedentes de empresas da telemercadotecnia, do comercio téxtil,
    comercio de alimentación, banca, hostalaría, grandes almacéns e
    consultorías, detallaron todo tipo de situacións inxustas para as
    mulleres: dependentas do comercio téxtil relegadas a zonas «pouco
    visibles» cando chegan a certa idade, pobreza salarial ?e baixas
    pensións futuras? polo abuso da contratación a xornada parcial, falta de
    medidas para aplicar a corresponsabilidade ?as mulleres son maioría á
    hora de solicitar gardas legais?, o teito de cristal en sectores como a
    banca ?as mulleres son minoría en postos de alta dirección?, o acoso
    sexual ou por razón de sexo ?especialmente na hostalaría? ou a non
    aplicación de medidas de protección á maternidade ?como postos de
    traballo non adecuados? son algunhas das situacións que denunciaron.

    A folga está «plenamente xustificada»

    Isabel
    Fernández, secretaria da Muller de CCOO-Servizos, explica que aínda
    hoxe hai moitas empresas que son «bastante reticentes» a incluír no
    articulado dos convenios colectivos un artigo que expresamente fale da
    igualdade efectiva entre mulleres e homes. O sindicato tamén detecta
    «atrancos» á hora de elaborar protocolos contra o acoso sexual ou por
    razón de sexo, ou sobre a violencia machista.

    Segundo a
    sindicalista, é «especialmente lamentable» que estas eivas se detecten
    tamén nas empresas de máis de 250 traballadores e traballadoras xa que,
    nestes casos, a lei obriga á elaboración de plans de igualdade, que son a
    «foto fixa» que permite «identificar» onde se atopan as fendas
    salariais e laborais que separan homes e mulleres.

    Por último,
    sinala que, á luz das experiencias das compañeiras que interviron no
    encontro, «está claro que aínda queda moito que facer» en materia de
    igualdade, polo que está «plenamente xustificada» a convocatoria de
    folga do próximo 8 de marzo.