Categoría: Muller

  • 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres

    Hoxe en día,
    ter un traballo e un salario non
    garante unhas mínimas condicións
    de vida porque os ingresos non
    abondan para cubrir as necesidades
    básicas das mulleres. Esta
    realidade, xunto coa destrución de
    emprego, o traballo a tempo
    parcial, a eventualidade e a
    segregación ocupacional,
    configuran un panorama no que é
    difícil pensar sequera en ter
    fillas ou fillos. Galicia
    despobóase, a media de idade
    aumenta. Galicia empobrécese
    porque as mulleres se empobrecen,
    vítimas da precariedade. Son
    imprescindibles políticas públicas
    que creen emprego de calidade e
    que corrixan con efectividade a
    desigualdade. Mentres non se actúe
    nesa dirección, as galegas
    seguirán abocadas á pobreza e á
    emigración. Segue


    8m Ourense8M Santiago

    Cada ano, a
    Secretaría da Muller do Sindicato
    Nacional de CCOO fai balance da
    situación das mulleres no emprego,
    con especial atención á calidade
    dos postos de traballo, ás
    diferenzas salariais, a como
    incide o desemprego entre a
    poboación feminina ou a que
    sectores están máis ou menos
    feminizados. Esta valiosa
    información bota luz sobre as
    brechas estruturais de xénero que
    perpetúan unha división sexual do
    traballo.

    Coa
    contundencia dos datos, podemos
    describir con fidelidade a dura
    realidade en que viven as mulleres
    galegas. Un país que non inviste
    na creación de emprego e no
    benestar das persoas, que non fai
    esforzo ningún para corrixir a
    desigualdade e a discriminación,
    ten un futuro escuro. É unha anomalía que
    perdura no tempo e conforma
    unha realidade de desemprego,
    precariedade, segregación
    ocupacional e pobreza salarial.
     E
    como adoita suceder, a realidade,
    tan teimuda, acábanos por dar a
    razón.

    As dificultades
    para poder vivir do seu traballo,
    a falta de oportunidades e de
    emprego digno e con salario
    suficiente empurran a mocidade á
    emigración. Así é como se chama,
    non «mobilidade exterior». As
    mozas e mozos que teñen que
    marchar á procura de oportunidades
    noutros países son emigrantes
    económicos. Coa súa partida,
    Galicia perde capital humano,
    intelectual e profesional, amais
    de provocar un drama persoal a
    estas persoas e as súas familias.

    Os datos do
    Instituto Galego de Estatística
    revelan que, desde o ano 2010,
    residen en Galicia 79.128 persoas
    menos, das que o 48,52 % serían
    mulleres. A poboación feminina
    mingua, especialmente no tramo en
    idade legal para traballar, con
    maior incidencia na franxa de 20 a
    34 anos. A idade media das
    mulleres galegas estaba nos 46,4
    anos en xaneiro do 2010 e cinco
    anos máis tarde subía ata os 47,8
    anos.

    A poboación
    estranxeira ten un peso pouco
    significativo en Galicia en
    comparanza coa media estatal. Ata
    o 1 de xaneiro de 2016
    representaba o 3,2 % da poboación
    total, mentres que no conxunto do
    estado se triplica ata o 9,5 %.
    Peso escaso que, á luz dos datos,
    intuímos que segue a baixar: desde
    xaneiro de 2010 hai empadroadas en
    Galicia 21.704 persoas menos de
    nacionalidade estranxeira. Por
    riba, Galicia está á cola do
    estado canto ao número de persoas
    refuxiadas que acolle.

    Os datos
    demográficos de Galicia amosan
    unha dura realidade de descenso de
    natalidade e envellecemento da
    poboación, de incapacidade de
    fixar poboación moza e inmigrante.
    Isto é indiscutible e débese á
    falta de expectativas laborais e a
    imposibilidade de desenvolver un
    proxecto de vida. A precariedade
    laboral, a temporalidade ou os
    atrancos para conciliar vida
    laboral e familiar tampouco
    axudan.

    Mención á parte
    merece a fenda salarial. As
    mulleres galegas cobran un 22,1 %
    menos que os homes, e ademais son
    maioría nos tramos salariais máis
    baixos. Segundo fontes da Axencia
    Tributaria, o 36,34 % das mulleres
    asalariadas teñen ingresos
    igual ou por debaixo do
    salario mínimo
    interprofesional. Isto chámase
    pobreza salarial, mulleres
    pobres con traballo.

    Esta é a
    realidade que lle queremos amosar
    ao presidente da Xunta, a
    realidade que Núñez Feijóo non
    coñece ou non quere ver. Cando se
    fan discursos mostrando
    preocupación polo problema
    demográfico pero durante anos non
    se poñen en marcha medidas
    estruturais para modificar a
    realidade, entendemos que non é
    unha preocupación real.

    Xa fracasaron
    dous plans de dinamización
    demográfica -ampuloso título para
    ridículas accións- do Goberno, por
    iso CCOO esixe este 8 de marzo
    medidas efectivas de carácter
    estrutural. Afrontamos a realidade
    que evidencian os datos, por iso
    esiximos investimentos en
    políticas públicas que eliminen as
    desigualdades e xeren empregos cos
    que as mulleres poidan emprender
    proxectos vitais e se fixe
    poboación no noso país.

    sindicato nacional de ccoo de galicia

    comisión executiva nacional

    secretaría da muller 

  • O dereito a gañar o mesmo

    Cando falamos de
    brecha salarial nosa cabeza vai a «as mulleres cobran menos que os
    homes por igual traballo» exclusivamente, sen mirar outros factores
    que inflúen directamente nesta diferenza.

    O primeiro que temos
    que reflexionar é que a brecha salarial é unha discriminación
    directa cara ao sexo feminino e vai aumentando coa idade. Que
    significa isto?, é ben sinxelo, a brecha salarial aumenta a medida
    que o fai a idade das traballadoras, e non deixa de crecer desde os
    30 ata a idade de xubilación, o que terá consecuencias nas pensións
    do futuro. Ao chegar a idade de xubilación os homes cobrarán máis
    que as mulleres co que nos atopamos ante unha circunstancia tan real
    como denunciable e é o empobrecimiento da muller unha vez finalizada
    a súa etapa laboral

    PDF en ES

    E por qué? Na nosa
    sociedade a muller segue encargándose das responsabilidades
    familiares e tanto a maternidade «real» como «a potencial» seguen
    sendo condicionantes para atopar emprego ou permanecer nel. Para
    solucionar isto é necesario que dunha vez haxa unhas políticas
    públicas sociais tanto para maiores como para menores que permitan o
    desenvolvemento profesional das mulleres e se deixe de encadrar á
    muller como coidadora ou como responsable do fogar. É necesario
    fomentar e sensibilizar na corresponsabilidade. 

    Tamén é certo, que
    o menor salario das mulleres obedece, non tanto aos factores
    controlados na negociación colectiva como a outro tipo de factores
    que deben ser tidos en conta e que van desde o tipo de xornada, a
    ocupación, o nivel de estudos, a idade ata a modalidade de contrato.
    A crise económica tivo un efecto negativo tanto no emprego masculino
    como no feminino, sendo este último o máis afectado pola
    precariedade. As mulleres son as que ocupan o primeiro posto en
    contratación a tempo parcial xa que non só traballan menos horas
    senón que a remuneración por unha hora a tempo parcial é inferior
    a remuneración por unha hora a tempo completo. 

    A ocupación das
    mulleres concéntrase en sectores feminizados onde as remuneracións
    son máis baixas e a posibilidade de formación está moi limitada.
    Debemos esixir actuacións públicas encamiñadas ao investimento
    público para a profesionalización e mellora de cualificación a
    través da formación destes sectores como son hostalaría, comercio,
    telemarketing? coa finalidade de incrementar o seu valor engadido. 

    Tampouco debemos deixar de mencionar outra realidade e é que un
    maior nivel de formación das mulleres non se traduce nun maior
    salario medio. Isto confírmanos que con independencia do nivel de
    formación, a diferenza salarial persiste e aumenta. Por último para
    combater esta situación de desigualdade e discriminación nas
    condicións laborais e salariais hai que adoptar medidas para
    fomentar o emprego de calidade entre as mulleres e que impulsen a
    contratación a xornada completa desde o inicio, hai que facer
    cumprir a obrigatoriedade de negociar plans e medidas de igualdade
    nas empresas e hai que desenvolver políticas que faciliten a
    conciliación da vida laboral, familiar e persoal que contribúan á
    permanencia das mulleres no mercado laboral, posibilitando así o seu
    desenvolvemento profesional.

    Berta Fernández
    Secretaria de Muller e Igualdade de CCOO Servizos Castela e León.

  • Guía: A negociación colectiva para combater a violencia de xénero

    A Negociación Colectiva adquire un papel relevante na loita contra a violencia machista e convértese nun instrumento que non só garante o cumprimento da LOMPIVG, senón que a desenvolve de maneira efectiva nas empresas, recoñecendo dereitos e ampliándoos, creando ferramentas e implicando ás persoas nesta tarefa.
    A Federación de Servicios ven de publicar unha guía, que se estrutura nos seguintes puntos:
    • Introdución. Por que traballar a violencia de xénero en todos os nosos ámbitos de negociación (Acordos Marcos, acordos sectoriais, Convenios Colectivos, Acordos de Empresa, Plans de Igualdade).
    • Boa prácticas na Negociacion Colectiva da Federación de Servizos
    • Liñas estratéxicas, para seguir avanzando nesta materia.

    Guía: A negociación colectiva para combater a violencia de xéneroVídeo: actúa
  • Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres 2016

    Ante un novo 25 de Novembro, manifestamos o noso máis contundente rexeitamento á insoportable violencia contra as mulleres, unha sanguenta consecuencia da discriminación e da ausencia de prevención, protección e dereitos necesarios para combater o que constitúe unha flagrante violación dos dereitos humanos.

    ACTOS CONVOCADOS (*):

    • A Coruña: concentración ás 20 h no Obelisco
    • Santiago de Compostela: manifestación con saída ás 20 h da praza do 8 de Marzo
    • Lugo: concentración ás 20 h na praza do Concello
    • Ourense: concentración ás 20 h diante da Subdelegación do Goberno
    • O Carballiño: concentración ás 19:30 h na praza Maior
    • Pontevedra: representación ás 19 h na praza da Peregrina
    • Vigo: acto simbólico so o título «Desmontando os mitos do amor
      romántico». De 11:50 a 12:20 h, diante do MARCO ou, se as foren adversas
      as condicións climáticas, no pavillón do IFEVI. Manifestación ás 20 h
      con saída da farola de Urzáiz

    _________

    (*) Esta información irase actualizando nos próximos días

    CCOO  e UGT  denunciamos que durante o 2015 foron asasinadas 60 mulleres (oito delas galegas) e 36 no que vai de 2016, con políticas e actuacións institucionais practicamente inexistentes, cun goberno en funcións ausente que ignora o seu compromiso e responsabilidade para combater e eliminar a violencia contra as mulleres, unha prioridade que debe considerarse cuestión de Estado.

    Os recortes en políticas de igualdade e contra a violencia de xénero, sumados á falta de compromiso na prevención da violencia de xénero por parte do Goberno do Partido Popular, impiden reducir a violencia estrutural que se agravou por factores como o desemprego das mulleres, a precariedade laboral, a feminización da pobreza, a desprotección social, os retrocesos en educación para a igualdade e a perda de dereitos laborais e sociais.

    CCOO e UGT denunciamos déficits no desenvolvemento, aplicación e avaliación da Lei orgánica 1/2004 contra a violencia de xénero, da Lei 11/2007 galega para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero e da Estratexia Nacional para a erradicación da violencia contra a muller (2013-2016), carencias que se evidencian nos ámbitos laboral, policial, xurídico, dos servizos sociais, sanitario e educativo.

    Causa impacto que en 2015, das 60 mulleres asasinadas, só 13 presentaran denuncia e só 4 tiñan medidas de protección en vigor. Unha realidade que hai que analizar tendo en conta os distintos mecanismos e elos que fallan na cadea de atención, seguimento e protección das vítimas; a deficiente coordinación institucional e policial e entre os órganos e servizos xudiciais; o insuficiente número de xulgados de violencia, de unidades de valoración integral do risco; a falta de formación en materia de igualdade e contra a violencia de operadores, profesionais e persoal que atende as vítimas. Son cuestións prioritarias que debe abordar o novo Executivo.

    É urxente acometer a problemática do elevado número de solicitudes de ordes de protección que son denegadas: 632 das 1564 solicitadas en Galicia e 10 non admitidas, o que supón o 41,4 % do total no ano 2015 nos xulgados de violencia sobre a muller. Isto implica indefensión e a imposibilidade de acceder aos dereitos establecidos como vítimas da violencia de xénero.

    No ámbito laboral, resulta alarmante o escaso uso que as vítimas de violencia fan de prestacións e dereitos laborais, o insuficiente desenvolvemento de medidas para a contratación e fomento do emprego e a falta de colaboración institucional coas organizacións sindicais, que podería garantir o acceso aos dereitos e a difusión das bonificacións existentes.

    O ámbito sanitario carece da adecuada coordinación multidisciplinar para a detección e o tratamento das situacións de violencia contra as mulleres nos centros sanitarios. O ámbito educativo e dos medios de comunicación continúa mostrando evidencias de sexismo, xa que non se desenvolven as estipulacións da normativa igualitaria, e a LOMCE supuxo un grave retroceso na promoción da igualdade entre mulleres e homes, clave para combater a desigualdade estrutural en que asenta a violencia contra as mulleres.

    DEMANDAMOS:

    • Un Plan integral para a igualdade e contra a violencia de xénero, acordado cos axentes sociais, que ofreza solucións reais e efectivas contra a violencia machista.
    • Pór en marcha novas actuacións e medidas para a contratación e fomento do emprego das mulleres vítimas da violencia de xénero.
    • Garantir e asegurar a difusión de información sobre o conxunto de recursos, dereitos e prestacións existentes.
    • Impulsar campañas de sensibilización e formación no ámbito laboral contra a violencia de xénero.
    • Abordar a problemática do alto número de denegacións de ordes de protección que imposibilita a acreditación como vítima e o acceso aos dereitos e prestacións.
    • Optimizar a coordinación institucional e a cooperación xudicial e policial entre todas as administracións públicas e os distintos profesionais implicados.
    • Implantar unha educación baseada en valores de igualdade entre mulleres e homes, coa implicación de todas as administracións educativas, profesionais e familias.
    • Desenvolver unha atención sanitaria integral, mediante o establecemento de equipos multidisciplinares que teñan como obxectivo a asistencia e prevención da violencia contra as mulleres.
    • Garantir unha carteira básica de servizos e prestacións sociais para a asistencia integral de mulleres vítimas da violencia de xénero.

    Desde UGT e CCOO seguiremos traballando no noso compromiso de impulsar a formación, prevención e sensibilización contra a violencia a través da negociación colectiva, de promover melloras na regulación dos dereitos laborais e protección social das mulleres que sofren violencia de xénero, reforzar a negociación de protocolos de actuación fronte ao acoso sexual e o acoso por razón de sexo, e colaborar co conxunto das administracións públicas e organizacións e asociacións de mulleres implicadas na eliminación deste grave problema social.

    CCOO e UGT condenamos as atrocidades, secuestros, torturas e violacións de mulleres e nenas, a violencia causada polos integrismos relixiosos, as guerras e conflitos armados, as vítimas do tráfico de persoas e a escravitude sexual, a extrema situación de vulnerabilidade que sofren as mulleres refuxiadas, que inclúe violencia física e sexual, así como os retrocesos en dereitos reprodutivos, incluído o dereito ao aborto, que pon en perigo a vida de mulleres e nenas.

    UGT-Galicia e o Sindicato Nacional de Comisións Obreiras en Galicia chamamos á participación nas distintas mobilizacións que as organizacións de mulleres, sociais e sindicais convoquen para o 25 de Novembro en todas as cidades do estado, para manifestar o noso compromiso coa erradicación da violencia contra as mulleres.

  • Convocatoria e normas para o desenvolvemento do Plenario en Galicia da Sección Sindical de CCOO en SUPERMERCADOS DIA

    A Comisión Executiva da
    Federación de Servizos de CCOO, na súa reunión do pasado 12 de
    setembro de 2016, aprobou a convocatoria do Plenario da Sección
    Sindical Estatal de SUPERMERCADOS DIA que se celebrará en Madrid
    o próximo 29 de novembro de 2016, así como as Normas de
    Funcionamento
    do mesmo.

    A Dirección Provisional de CCOO
    Servizos Galicia, en cumprimento das normas aprobadas para este
    proceso pola C.E. Federal, así como do Regulamento Interno de
    seccións sindicais aprobado polo Comité Federal o 20 de abril de
    2015, adopta as seguintes normas para o seu desenvolvemento en
    Galicia.

    Normas Plenario DIA Galicia GL Normas Plenario DIA Galicia ES