Categoría: Multiservizos

  • Precariedade e cambio tecnolóxico: dous retos para a recén constituída Agrupación de Servizos Técnicos e Administrativos

    O II Congreso da Federación de Servicios de CCOO determinou nos seus
    relatorios e Estatutos que o Consello Federal aprobaría durante o
    presente mandato a integración de Servizos Administrativos e Servizos
    Técnicos. Cabe salientar que a nova agrupación recolle os sectores de:
    Servizos Administrativos, Seguros e Mutuas de Accidentes de Traballo,
    Planificación e Consultorías (TIC), Contact Center, Enxeñerías e
    Inspección Técnica e Intermediación Laboral.

    Esta nova estrutura
    presenta aínda máis diversidade tendo en conta os distintos sectores que
    recolle a nova agrupación, ademais de retos organizativos e de acción
    sindical máis amplos, tales como combatir a precariedade e dotarse de
    novas ferramentas ante o cambio tecnolóxico e a dixitalización no
    traballo.

    A celebración deste Plenario de integración supón unha
    continuidade do proceso iniciado en 2014, así como unha importante
    ampliación do seu ámbito funcional e sectorial que dá lugar a unha nova
    realidade organizativa que require novos órganos de dirección. Neste
    caso, unha vez realizadas as votacións queda elixido como responsable da
    coordinadora da agrupación Héctor Ortega Sánchez.

    O presente
    plenario debe servir para integrar, ilusionar, comprometer e construír
    un sector que integrará unha ampla gama de subsectores, con
    heteroxeneidade nas súas características e maior variedade dos seus
    modelos de negociación colectiva.

  • Continúan os despedimentos en ADECCO OUTSOURCING en Vigo

    Esta vez son 16 os traballadores despedidos tras perder o servizo que a empresa de multiservicios Adecco Outsourcing ten contratado con GEFCO España no centro denominado CTL3 en Mos e que se basea no almacenamento e preparación de pedidos para PSA-Peugeot-Citroen.

    Na Federación de Servizos de CCOO non entendemos que se sigan producindo situacións deste tipo que non teñen ningunha explicación lóxica e razoable. Tras conseguir unha mellora das condicións laborais e salariais coa firma de varios acordos con Adecco Outsorcing, atopámonos con que a decisión que toma a empresa principal é rescindir o contrato para, imaxinamos, cambiar a estes traballadores por outros con peores condicións. Non entendemos que un servizo que estaba a funcionar perfectamente, de súpeto e sen motivo aparente, deixe de ser interesante para GEFCO España.
    Desde CCOO estamos a facer un esforzo importante para conseguir mellorar ás paupérrimas condicións de traballo que están a sufrir os traballadores e traballadoras das empresas Multiservizos. Por iso non podemos deixar de denunciar actos como este, no que, baseado en non se sabe que tipo de intereses e utilizando armas legais que a reforma laboral puxo ao alcance das empresas, decídese despedir a uns traballadores que a través da negociación colectiva conseguiran unha pequena mellora das súas condicións de traballo, para sen dúbida ningunha pór no seu lugar a outros en peores condicións.

  • Asinado acordo económico en Randstad Project

    No día de hoxe asinouse o primeiro acordo económico entre a
    dirección de Randstad Project e o Comité de Empresa co que se
    consegue mellorar os salarios do colectivo que presta os seus
    servizos para a empresa GEFCO en Vigo, nun porcentaxe superior ó 8%.

    Este acordo baséase en dous aspectos fundamentais, os cales teñen
    un compoñente económico claro e que consegue mellorar os baixos
    salarios destes traballadores e traballadoras. Estes dous aspectos
    son por unha banda a regulación da xornada laboral e por outro as
    condicións económicas que se rexen por un moi baixo convenio de
    empresa. Segue

     No que respecta á xornada laboral, acordamos en resumo que todas as
    horas que se realicen en sábado e domingo despois das primeiras 21
    realizadas, se abonen ao prezo de hora extraordinaria e ao prezo
    establecido no grupo IV do convenio (supón un 1,8% de incremento no
    valor de cada hora). Antes deste acordo e por aplicación da xornada
    flexible establecida no Convenio moitas das horas que se realizaban
    en sábado ou domingo considerábanse ordinarias.

    En canto ás condicións económicas o acordo supón un incremento do
    salario bruto anual do 8,15%, pasando dun salario bruto anual de
    10.450 eur a 11.247,17 eur (10.839,17 eur de salario base, 308 eur de
    plus de asistencia e 100 eur de plus de sinistralidade). Ademais todo
    o persoal pasa do grupo I actual ao grupo III, con aplicación dos
    salarios correspondentes do grupo IV, o que suporá que se lles
    aplique ademais o incremento que se acorde para este último grupo na
    negociación que se está producindo actualmente a nivel estatal do
    Convenio Colectivo desta empresa.

    O 8,15% parece un incremento importante, pero en CCOO temos claro que
    cando se fala duns salarios tan baixos, un incremento deste tipo non
    se pode considerar significativo, polo que consideramos que temos a
    obriga como sindicato de seguir loitando por uns salarios dignos para
    este colectivo. Este acordo non pode ser máis que un primeiro paso
    en busca do obxectivo principal de lograr que os traballadores e
    traballadoras de Randstad Project, e de todas as empresas de
    multiservizos, gocen das mesmas condicións que teñen os que
    traballan para a empresa principal.

    Queremos significar e poñer en valor o labor dos cinco compoñentes
    do Comité de Empresa, todos eles de CCOO, que en menos de seis meses
    desde a súa constitución conseguiron mellorar as condicións de
    traballo dos seus representados. Cónstanos a CCOO que non están do
    todo satisfeitos e que seguirán loitando, co noso apoio e o do
    persoal, por mellorar ao máximo tanto as condicións económicas
    como as laborais de todos os traballadores e traballadoras.

  • Adecco Outsourcing despide o presidente do comité de empresa de Pontevedra, xesto que CCOO tacha de represión

    A Federación de Servizos de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO-Servizos) denuncia o despedimento do presidente do comité de empresa de Adecco Outsourcing en Pontevedra. O afectado, Rafael López, encabezara un proceso de eleccións sindicais que a compañía demorou un ano. So o pretexto da «estraña» (segundo o sindicato) desaparición do servizo en que López traballaba, a empresa «manobrou» para o despedir «por causas obxectivas».

    Desde CCOO-Servizos consideran que se trata dunha «represalia» por parte de Adecco, que se «libra» así dunha persoa que se significou na loita por dignificar o traballo na empresa. Os devanditos acordos permitiron «mellorar sensiblemente as condicións laborais», o que representou un «feito inédito no tenebroso panorama estatal do sector multiservizos», aseguran fontes sindicais.

    O sindicato acusa a Adecco de «agocharse tras das reformas laborais» para, deste xeito, danar a negociación colectiva. Faino, ademais, «con premeditación, actuando contra un representante legal do persoal».

    CCOO-Servizos, amais de «rexeitar publicamente este despedimento», considera que se trata dun «atropelo» contra o afectado e contra as persoas que o elixiron como o seu representante. O sindicato está a traballar en distintas liñas para procurar unha solución.