Categoría: Multiservizos

  • CCOO Servizos firma un preacordo con Adecco Outsourcing Pontevedra para mellorar as condicións de traballo

    O pasado sábado día
    4, tras ser exposto e debatido en asemblea xeral de traballadores,
    vén de ser aprobado pola unanimidade dos compañeiros presentes o
    preacordo que esta sección sindical alcanzou coa dirección da
    empresa acerca de bolsa de horas, xornada anual, prezo horas extra e
    ITs
    , e cuxa asina será ratificada nos próximos días, tendo unha
    validez que comprende desde o día 1 de xuño até o 31 de decembro
    do ano 2017.

    Desde a nosa sección
    sindical e xa desde un primeiro momento, comprendemos que este era un
    acordo de carácter urxente, xa que constituía o maior dos problemas
    que viñamos mantendo e que primeiro había que afrontar, dado que o
    futuro inmediato dos servizos estaba seriamente comprometido, e
    dedicamos todos os nosos esforzos e o noso tempo para tratar de
    conseguir a mellor das solucións posibles. É por este motivo que
    centros como o de Antolín non foron visitados e apenas informados, e
    entendemos a lóxica sensación de orfandade que poidan sentir pola
    cal, sinceramente, pedimos desculpas. En calquera caso, gustaríanos
    que comprendesen que non foi por abandono ou falta de interese, senón
    por dedicarnos por completo á consecución deste difícil acordo no
    que, en todo momento, como compañeiros que son, foron tidos en conta
    de igual maneira que os demais. Unha vez obtido este acordo, de agora
    en diante serán debida e igualmente informados que o resto dos seus
    compañeiros. Segue

    Doutra banda, é
    momento de empezar a traballar na solución doutros problemas, e é
    por iso que xa sido posta sobre a mesa da dirección a problemática
    de cobro dos traballadores do centro de Antolín que cobran as súas
    nóminas a día 10, do mesmo xeito que calquera ETT, e que, ademais
    dun agravio comparativo, suponlles un sobrecusto bancario en calidade
    de intereses ao ser a entidade a que adiante os pagos dos recibos,
    hipotecas, etc. A dirección deu resposta e di que pasará a estudar
    a situación e que contestará nos próximos días, non sen antes
    aclarar que esta fórmula de pago é a habitual na empresa fóra dos
    centros GEFCO, onde ao parecer existiría un acordo entre ambas as
    empresas para que se pagase a finais de mes.

    Aproveitamos para
    informarvos, ademais, da apertura das negociacións dun Convenio
    Nacional de Adecco Outsourcing
    , das que formaremos parte e de cuxa
    marcha seredes informados. No noso afán de cambiar e mellorar as
    cousas, namentres, e dado que as negociacións dun convenio poden dilatarse, tal e como fixemos co acordo alcanzado, comezaremos a
    establecer un paquete de problemas e medidas que podamos expor e aos
    que trataremos de buscar a mellor das solucións posibles sen ter que
    esperar á firma do devandito convenio.

    Sen outro
    particular, indicámosvos o correo electrónico ao que podedes
    dirixirvos e enviar calquera problema ou asunto que queirades expor e
    que será debidamente estudado, xa por nós como sección sindical,
    xa polo comité. Saúdos compañeiros.

    DELEGADOS SECCIÓN SINDICAL CCOO.

    correo electrónico:
    delecomitccoo@gmail.com

  • CCOO Servizos gaña as eleccións en Adecco Outsourcing Vigo

    A Federación de Servizos de CCOO gañou as eleccións sindicais en
    Adecco Outsourcing en Vigo. Coa vitoria de Comisións remata un proceso
    que o sindicato cualifica de «accidentado», pois prolongouse case dez
    meses.

    O proceso electoral foi obxecto de
    numerosas impugnacións dada a actitude da empresa, que o «bloqueou e
    retrasou» durante meses. Nesta actitude contou coa axuda do sindicato
    «corporativo» FASGA, así cualificado nunha sentenza xudicial sobre o
    caso.
    Malia os atrancos referidos, a
    candidatura de CCOO impúxose ás de FASGA, pois logrou catro dos cinco
    membros do comité, mentres que unha terceira candidatura, da UGT quedou,
    sen representación.
    CCOO atribúe boa parte do
    éxito da candidatura á «implicación» dos seus integrantes, así como á
    «sintonía» coa maior parte do persoal da empresa. Tamén influíu
    positivamente que o sindicato presentara recentemente un conflito
    colectivo pola bolsa de horas imposta por Adecco.
    Da Federación de Servizos de CCOO agradécenlle á candidatura o traballo realizado e ao conxunto do persoal o seu apoio. Reitera, ademais, o compromiso para «erradicar» a precariedade laboral, tanto nesta empresa como nas restantes darama de actividade denominada «multiservizo», cuxos convenios colectivos «condenan» o persoal  a soldos de 800 euros ao mes por xornadas de máis de 40 horas e en moitas ocasións bolsas horarias «abusivas».

    CCOO agradece ao plantel e á candidatura o apoio recibido e reitera o seu compromiso para erradicar a precariedade laboral e continúa a súa ofensiva nas empresas denominadas «multiservizos» ou «Outsourcing», onde os convenios colectivos propios condenan ao persoal  a soldos de 800 euros ao mes por xornadas de máis de 40 horas e en moitas ocasións bolsas horarias abusivas.

  • CCOO Servizos interpón un conflito colectivo contra Adecco Outsourcing SAU (Eurocen)

    Tralos sucesivos
    incumprimentos da normativa laboral por parte de Adecco Outsourcing
    SAU, a Federación de Servizos de CCOO decidiu interpor o conflito
    colectivo en solitario. O persoal vese obrigada a axustarse a unha
    bolsa de horas imposta unilateralmente pola empresa, así como a
    traballar unha xornada moi superior á das empresas onde presta
    servizo, relacionadas todas elas coa automoción e a loxística do
    devandito sector.

    A noticia foi ben
    acollida polo persoal, que se atopa inmerso desde o pasado mes de
    xuño nun proceso de eleccións sindicais, torpedeado de maneira
    sistemática pola propia empresa e o sindicato afín FASGA, tamén
    presente en empresas como El Corte Inglés.

    Esta demanda e o
    proceso de eleccións sindicais enmárcanse na ofensiva de Comisións
    Obreiras para dotar dun marco legal adecuado ás empresas do sector
    de Outsourcing ou multiservicios, esixindo que se apliquen os
    respectivos convenios sectoriais e evitar a precariedade laboral e
    salarial.

    O traballo diario da
    candidatura e a maior parte do persoal en Adecco Outsourcing foron
    determinantes para continuar con este proceso.