Categoría: Planificación e Consultorías

  • A Xustiza recoñece a nulidade dun despedimento inxusto a un candidato de CCOO en Cedar Bay

    Unha loita que comezou en marzo de 2024

    No pasado mes de marzo de 2024, a empresa Cedar Bay, unha consultora coñecida pola súa actividade telemática, despediu de forma inxusta a un traballador afiliado a CCOO. O motivo? O compañeiro decidira presentar a súa candidatura para ser delegado sindical. Ese mesmo día no que Cedar Bay recibiu por correo electrónico a notificación da súa candidatura, procederon ao seu despedimento.
     

    Intento de evitar as eleccións sindicais

    Tras o despedimento, a empresa tentou anular o proceso electoral sindical, argumentando que, ao ser unha unidade de traballo telemática, non se podían facer eleccións sindicais. Presentaron un laudo arbitral para paralizar este dereito, pero a xustiza desestimou o recurso. O proceso electoral seguiu adiante, e o noso compañeiro, mesmo despedido, foi elixido como delegado sindical polas súas compañeiras e compañeiros.
     

    Reivindicacións xudiciais e resolución final

    Mentres tanto, iniciamos unha demanda para que se declarase a nulidade do despedimento. Durante o proceso no SMAC (Servizo de Mediación, Arbitraxe e Conciliación), Cedar Bay xa recoñecera que o despedimento era nulo, pero intentaba non pagar os salarios pendentes.

    Finalmente, onte mesmo, antes de entrar á sala xudicial, a empresa admitiu a nulidade do despedimento, aceptando abonar:

    • Os salarios pendentes.

    • Indemnizacións mínimas por danos e prexuízos

    Unha vitoria de todas e todos

    Desde CCOO queremos expresar a nosa satisfacción por este logro, que demostra que a unión e a loita pola xustiza son máis fortes que as inxustizas das empresas. Este caso é unha proba máis de que, cando defendemos os nosos dereitos, podemos gañar.

    Agradecemos o apoio de todos os compañeiros e compañeiras durante este proceso e animamos a quen enfronte situacións similares a denunciar e loitar polos seus dereitos.

    Seguimos traballando pola defensa de todas as persoas traballadoras. Xuntas somos máis fortes!

  • Reunión de Traballo entre a Federación de Servizos de CCOO e Delegadas de Tragsatec en Santiago: Estratexias Comúns para o Futuro

    Nunha iniciativa destinada a reforzar a colaboración e mellorar as condicións laborais na empresa Tragsatec, a Federación de Servizos de CCOO celebrou hoxe unha reunión de traballo na cidade de Santiago coas delegadas e delegados da mencionada empresa.

    O encontro tivo como obxectivo principal poñer en común estratexias de traballo que aborden diversos aspectos dentro da empresa, incluíndo a afiliación, plans de traballo, visitas a centros de traballo e inquedanzas diversas das persoas traballadoras.

    Durante a reunión, destacouse a importancia de reforzar a afiliación como unha ferramenta clave para a defensa dos dereitos laborais e o benestar. Discutíronse plans de traballo orientados a optimizar o rendemento e a calidade laboral.

    reunión Tragsatec  reunión Tragsatec

     

     

     

     

     

     

     

     

    Ademais, acordáronse estratexias para levar a cabo visitas aos centros de traballo co propósito de avaliar as condicións laborais in situ e abordar posibles áreas de mellora. Estas visitas considéranse esenciais para manter unha comunicación aberta e fluída entre as delegadas e o cadro de persoal.

    A reunión tamén serviu como plataforma para abordar as inquedanzas diversas das persoas empregadas de Tragsatec. Fomentouse o diálogo aberto e estableceuse un compromiso para abordar e resolver calquera preocupación que afecte á comunidade laboral.

    Á respecto, tanto Isabel Fernández, stria. de Organización de CCOO Servizos, como Iván Cordeiro, responsable de CCOO Servizos Técnicos, expresaron o seu optimismo e compromiso continuo na mellora das condicións laborais en Tragsatec: "Cremos firmemente na importancia da colaboración e o diálogo para construír un entorno laboral xusto e equitativo. Esta reunión é un paso significativo cara adiante na construción dun futuro laboral máis sólido e positivo para todos".

    Ambas partes concluíron a reunión reafirmando o seu compromiso mutuo de traballar xuntas para reforzar a relación laboral en Tragsatec e mellorar continuamente as condicións de traballo para todo o persoal.

  • O comité de Coremain denuncia o despedimento de ducias de persoas en Galicia

    O comité de empresa de Coremain denuncia a pretensión da empresa de despedir a ducias de persoas traballadoras. A empresa comunicou á representación sindical a súa decisión de presentar un ERE extintivo o pasado venres día 26 de agosto. O comité manifesta o seu máis rotundo rexeitamento tanto aos despedimentos como a posible deslocalización dos postos de traballo.

    A día de hoxe Coremain segue se concretar o número de despedimentos, que van de 30 a 80, creando incerteza entre as persoas que poden ser incluídas no ERE.

    O comité culpa a Coremain desa deslocalización ao teren apostado en anos anteriores por derivar parte da carga de traballo a Perú, apuntando o camiño que parece seguir a nova adxudicataria do proxecto Vodafone (CAU-Centro de Axuda ao Usuario), a cal pretende trasladar todo o servizo de atención a usuarias e usuarios a este país e non contempla a subrogación do persoal actual. Ler máis

    Isto supón seguir afondando na redución de postos de traballo do sector en Galicia, así como o traslado de datos de milleiros de persoas a un país que non está suxeito á normativa europea de protección de datos. Nos últimos 6 meses, as decisión empresariais de deslocalización levadas a cabo por parte de Vodafone, en servicios que se prestaban desde Galicia, supoñen una destrución de máis de 200 postos de traballo.

    Canda isto, o comité denuncia que a Xunta de Galiza segue sen exercer as súas competencias e non esixe ás empresas que operan no noso país que garantan a atención no noso idioma, obrigando a que os usuarios teñan que usar unha lingua distinta a súa lingua materna e facilitando a deslocalización de empresas. O obrigatoriedade de facilitar unha atención en galego podería garantir un mínimo de 2000 postos de traballo en Galicia.

    Rexeita tamén a pretensión de Vodafone de maximizar os seus beneficios a custo dos dereitos laborais deslocalizando os servizos a terceiros países con salarios aínda máis baixos que os establecidos no convenio colectivo de Consultoría.

  • Reunión coa conselleira de Promoción de Emprego e Igualdade

    A secretaria xeral da Federación de Servizos de CCOO, Lucía Trenor e o responsable de Servizos Técnicos, Iván Cordeiro, mantiveron hoxe unha reunión coa conselleira de Promoción de Emprego e Igualdade, Mª Jesús Lorenzana e a directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha para tratar a situación dos sectores de Centros de Chamadas, TICS, Enxeñerías e Servizos de Prevención. Ademais solicitouse a revisión dos pregos de contratación e a verificación de que se respecta a lexislación laboral e as condicións de traballo dos sectores.

    Os cadros de persoal estanse vendo empobrecidos pola negativa das súas patronais a realizar unha subida salarial nun contexto de inflación desorbitada. O volume de negocio que prestan estas empresas viuse incrementado durante o tempo de pandemia, e por tanto, tamén o seu nivel de facturación. Ademais, estas patronais coinciden en que non poden repercutir as subidas salariais ás súas empresas clientes, referíndose en numerosos casos á propia Administración Pública.

  • As empresas da AEC queren que traballes 12 horas ao día

    Pensabas que as empresas de consultoría ían conformarse con que traballes de balde os sábados? Non traemos boas noticias.

    As empresas da Asociación de Empresas de Consultoría propuxeron na mesa de negociación do convenio que traballemos quendas de 12 horas e sen compensación ningunha. Deámoslle a benvida ao novo concepto de «media xornada» para os integrantes da Asociación Española de Empresas de Consultoría (AEC)! Ler máis

    Pensabas ir ao parque cos teus fillos ao rematar a túa xornada ás 18:00? Síntoo, terá que ser outro día, hoxe toca quedar ata as 22:00.

    Cea de amigos despois do traballo? Imposible, hoxe quedas ata as 22:00.

    E así ata que a empresa queira! E completamente de balde!

    Mi madriña, que oferta tan boa, é imposible rexeitala! Apúntaste?

    Axúdanos a que retiren a súa proposta asinando esta petición en "Change.org" https://bit.ly/NOPrecaryTIC, apúntaste?

    E non esquezas darlle máxima difusión en redes sociais #ConvenioTICdigno #NoPrecaryTIC .Seguiremos informándovos.

    CCOO É O TEU SINDICATO, AGORA MÁIS CA NUNCA. AFÍLIATE!