Categoría: Planificación e Consultorías

  • CCOO e UGT congratúlanse do «éxito» da folga e da participación «masiva» nas mobilizacións

    O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia e UGT-Galicia congratúlanse do «éxito» da folga convocada hoxe polo sindicalismo de clase. O seguimento dos paros de dúas horas foi masivo, especialmente en grandes empresas e administracións públicas. Polo de agora, non houbo incidentes salientables nin no paro que da madrugada (entre as 00:00 e as 02:00), nin tampouco ao mediodía (das 12:00 ás 14:00). 

    Para CCOO e UGT, o «apoio maioritario» da sociedade galega a esta convocatoria é «a proba» de que as reivindicacións do sindicalismo de clase, compartidas polo movemento feminista, «son tamén maioritarias entre os galegos e as galegas»: cómpre «denunciar e desterrar» a brecha salarial, a precariedade laboral das mulleres e o acoso e a violencia de xénero.

    Sabio e Rodríguez coidan que a data de hoxe é «histórica» e marcará «un antes e un despois» na loita pola igualdade. O apoio á folga amosa «o total rexeitamento» da sociedade galega á situación que padecen as mulleres do noso país. «As reformas laborais impostas, os recortes e as medidas de austeridade non fixeron máis que incidir nas desigualdades», denuncian as dirixentes sindicais.

    Contra o «teito de cristal»

    As secretarias da Muller de CCOO e UGT denuncian a «discriminación laboral e salarial» das traballadoras galegas: a igual formación, os homes acadan maiores taxas de ocupación en todos os niveis formativos. Ademais, a brecha salarial é de 22 puntos, polo que as mulleres galegas terían que traballar 71 días máis ao ano para percibiren o mesmo salario que os homes nun ano. Tamén critican a existencia dun «teito de cristal» que é a causa de que só o 2,3 % da poboación ocupada feminina estea en postos de dirección ou xerencia.

    A «praga» da violencia machista e do acoso

    Ademais da situación laboral, as mulleres son vítimas doutra das grandes «pragas» da sociedade actual, a violencia machista. No 2017, foron asasinadas 49 mulleres e 8 nenos e nenas. O recente Pacto de Estado contra a violencia demóstrase insuficiente e case non recolle medidas de carácter laboral, que son «fundamentais» ?en opinión dos sindicatos? para que as mulleres poidan saír dunha situación de violencia de xénero.

    Rodríguez e Sabio lembran tamén a situación de acoso sexual nos centros de traballo. Aínda que a lei protexe contra estas situacións, «as denuncias son poucas polas dificultades probatorias ou polos medos a perder o emprego», lamentan.

    Galería de imaxes

  • CCOO denuncia as dificultades para a igualdade efectiva entre homes e mulleres no sector dos servizos

    Delegadas de Comisións Obreiras denuncian as dificultades para a
    igualdade efectiva entre homes e mulleres no sector dos servizos. Nun
    encontro sectorial que o sindicato organizou o mércores na Coruña co
    gallo da folga do vindeiro día 8, representantes de CCOO en diferentes
    empresas relataron as eivas detectadas no seu día a día, tanto do punto
    de vista profesional coma sindical.

    Procedentes de empresas da telemercadotecnia, do comercio téxtil,
    comercio de alimentación, banca, hostalaría, grandes almacéns e
    consultorías, detallaron todo tipo de situacións inxustas para as
    mulleres: dependentas do comercio téxtil relegadas a zonas «pouco
    visibles» cando chegan a certa idade, pobreza salarial ?e baixas
    pensións futuras? polo abuso da contratación a xornada parcial, falta de
    medidas para aplicar a corresponsabilidade ?as mulleres son maioría á
    hora de solicitar gardas legais?, o teito de cristal en sectores como a
    banca ?as mulleres son minoría en postos de alta dirección?, o acoso
    sexual ou por razón de sexo ?especialmente na hostalaría? ou a non
    aplicación de medidas de protección á maternidade ?como postos de
    traballo non adecuados? son algunhas das situacións que denunciaron.

    A folga está «plenamente xustificada»

    Isabel
    Fernández, secretaria da Muller de CCOO-Servizos, explica que aínda
    hoxe hai moitas empresas que son «bastante reticentes» a incluír no
    articulado dos convenios colectivos un artigo que expresamente fale da
    igualdade efectiva entre mulleres e homes. O sindicato tamén detecta
    «atrancos» á hora de elaborar protocolos contra o acoso sexual ou por
    razón de sexo, ou sobre a violencia machista.

    Segundo a
    sindicalista, é «especialmente lamentable» que estas eivas se detecten
    tamén nas empresas de máis de 250 traballadores e traballadoras xa que,
    nestes casos, a lei obriga á elaboración de plans de igualdade, que son a
    «foto fixa» que permite «identificar» onde se atopan as fendas
    salariais e laborais que separan homes e mulleres.

    Por último,
    sinala que, á luz das experiencias das compañeiras que interviron no
    encontro, «está claro que aínda queda moito que facer» en materia de
    igualdade, polo que está «plenamente xustificada» a convocatoria de
    folga do próximo 8 de marzo.

  • Precariedade e cambio tecnolóxico: dous retos para a recén constituída Agrupación de Servizos Técnicos e Administrativos

    O II Congreso da Federación de Servicios de CCOO determinou nos seus
    relatorios e Estatutos que o Consello Federal aprobaría durante o
    presente mandato a integración de Servizos Administrativos e Servizos
    Técnicos. Cabe salientar que a nova agrupación recolle os sectores de:
    Servizos Administrativos, Seguros e Mutuas de Accidentes de Traballo,
    Planificación e Consultorías (TIC), Contact Center, Enxeñerías e
    Inspección Técnica e Intermediación Laboral.

    Esta nova estrutura
    presenta aínda máis diversidade tendo en conta os distintos sectores que
    recolle a nova agrupación, ademais de retos organizativos e de acción
    sindical máis amplos, tales como combatir a precariedade e dotarse de
    novas ferramentas ante o cambio tecnolóxico e a dixitalización no
    traballo.

    A celebración deste Plenario de integración supón unha
    continuidade do proceso iniciado en 2014, así como unha importante
    ampliación do seu ámbito funcional e sectorial que dá lugar a unha nova
    realidade organizativa que require novos órganos de dirección. Neste
    caso, unha vez realizadas as votacións queda elixido como responsable da
    coordinadora da agrupación Héctor Ortega Sánchez.

    O presente
    plenario debe servir para integrar, ilusionar, comprometer e construír
    un sector que integrará unha ampla gama de subsectores, con
    heteroxeneidade nas súas características e maior variedade dos seus
    modelos de negociación colectiva.

  • A Federación de Servizos de CCOO reúnese cos grupos parlamentarios para tratar a situación do Banco Popular

    A Federación de Servizos de CCOO de Galicia está
    a manter reunións cos distintos grupos parlamentarios galegos para
    abordar a problemática xurdida por mor da venda do Grupo Banco
    Popular ao Banco Santander. Hoxe celebráronse reunións cos grupos
    políticos En Marea e Partido Popular , estando previsto para mañá,
    día 14, un encontro co PSG.

    Nas xuntanzas de hoxe, a delegación de
    CCOO-Servizos estivo integrada pola secretaria xeral, Lucía Trenor,
    a responsable da sección sindical do Banco Popular, Carmen Peteiro,
    e polo responsable do sector financeiro de CCOO, Francisco Villares. Segue


     Desde o sindicato alertaron das «graves» repercusións sociais que
    para a nosa terra tería o desmantelamento dunha entidade financeira
    «netamente galega» e pedíronlles aos partidos políticos que se
    impliquen na defensa do emprego e das condicións laborais.

    CCOO-Servizos estendeu esa petición tanto aos postos de traballo
    directos -case o 12% do persoal do Popular, unhas 1430 persoas,
    está en Galicia-, como ás empresas vinculadas  -comercializadoras
    do parque inmobiliario do banco, centros de chamadas, etc.,- que
    suman unhas 500 persoas.

    Reacción dos grupos

    O Grupo Parlamentario de En Marea coincidiu con CCOO no rexeitamento
    a posibles despedimentos e peches de oficinas, así como na defensa
    da Fundación Barrié, cuestións que levará ao debate
    parlamentario. Do Grupo Parlamentario Popular tamén amosaron
    preocupación por estes puntos e solicitarán a mediación do
    presidente da Xunta para a defensa dos dereitos laborais e dos
    intereses da cidadanía.

    Traballo coordinado de CCOO

    CCOO-Servizos ten a representación maioritaria no ámbito estatal e nas empresas afectadas, isto é, tanto nos dous bancos como nas
    empresas que lles prestan servizos. Asemade, todas as seccións
    sindicais implicadas están a traballar coordinadamente desde que se
    coñeceu a operación de compra.

    Isto entra dentro do calendario de encontros que
    se estenderán á dirección do Banco Santander e Universal Support -centro de chamadas, contact center,
    con máis de 200 persoas afectadas-, tamén nesta semana.