Categoría: Sector Financeiro

  • CCOO denunciamos que os beneficios récord de Caixabank se traducen en «máis presión e nulo recoñecemento»

    Representantes de CCOO de Galicia sumáronse este martes ás mobilizacións estatais para esixir un cambio de rumbo na política laboral de Caixabank. A protesta, que tivo lugar na oficina da rúa Corcubión da Coruña, serviu para visibilizar o descontento do cadro de persoal ante unha situación que cualifican de «insostible».

    A mensaxe dos sindicatos é clara: os resultados históricos da entidade deben repercutir nas persoas que os fan posibles, e non traducirse unicamente en maior carga de traballo.

    Máis obxectivos e presión sen incentivos en 2026

    Mentres a entidade financeira celebra un novo fito nos seus resultados económicos, o día a día nas oficinas descríbese como un escenario de presión comercial crecente. Segundo denuncian desde o sindicato, o plan para este 2026 impón obxectivos máis ambiciosos e maiores esixencias, sen que este esforzo extra veña acompañado de melloras salariais nin dun sistema de incentivos xusto.

    Juan Morais, representante de CCOO, foi contundente durante a concentración na Coruña: «As persoas traballadoras sosteñen estes resultados e merecen recoñecemento, respecto e unhas condicións laborais xustas».

    As cifras da desigualdade: beneficios vs. retribución

    Os datos económicos presentados por Caixabank ao peche do exercicio 2025 evidencian a desconexión entre a cúpula e o persoal de base que denuncia o sindicato:

    • Beneficio neto histórico: A entidade alcanzou os 5891 millóns de euros, un incremento do 1,8% respecto a 2024.

    • Reparto de dividendos: Destináronse 3255 millóns aos accionistas, aumentando a súa retribución un 15%.

    • Bonus directivos: O bonus do conselleiro delegado incrementouse un 47% no último ano.

    As reivindicacións de CCOO Servizos

    Desde CCOO Servizos, sindicato maioritario no sector financeiro, advirten que este modelo de negocio, centrado en maximizar a conta de resultados á custa do clima laboral, é crónico e inxusto.

    Para reverter esta situación, a organización sindical esixe a apertura inmediata dunha mesa de diálogo que aborde tres puntos fundamentais:

    1. A revisión do sistema de retribución variable.

    2. A implementación dunha paga de beneficios para o cadro de persoal.

    3. Medidas reais e efectivas para mellorar o clima laboral e reducir a presión.

    As concentracións, secundadas por centos de delegados e delegadas en toda España, (Barcelona, Madrid, Sevilla, Granada, Valencia, Murcia, Pamplona, Toledo, Tenerife, Burgos) marcan o inicio dunha campaña para dicir «basta xa» e recuperar o equilibrio nas relacións laborais dentro de Caixabank.

  • Marisol Gómez Freire: nova secretaria xeral da Sección Sindical de CCOO Caixabank Galicia

    Nun plenario extraordinario celebrado onte, os delegados e delegadas da Sección Sindical de Caixabank en Galicia elixiron por maioría á nova Secretaria Xeral. O proceso destacou a unidade interna e o compromiso de seguir defendendo os dereitos das persoas traballadoras.

    A nova líder asumirá o reto de fortalecer a organización e enfrontar os desafíos do sector con constancia e determinación.

    plenario CaixabankPlenario Caixabankplenario Caixabank

  • Abanca: 31M folga en Galicia

    Recibida a proposta da empresa para a reunión deste martes 28 de maio, na que unicamente se avanzou en materia de horarios, seguen sen atender as reivindicacións económicas demandadas co fin de recuperar o poder adquisitivo perdido. A inmobilidade da dirección impide avanzar para chegar a un acordo que sexa xusto para todo o cadro de persoal de ABANCA.

    É necesario que o cadro de persoal manifeste o seu desacordo e lle demostre á dirección que non se nos pode mercar con medidas unilaterais, que lonxe de supoñer melloras reais, intentan xustificar que resolveron as nosas demandas:

    • Establecer un Plus do 3% sobre o convenio do 2024 non é recuperar significativamente a perda de poder adquisitivo desde o 2014.
    • Subir unilateralmente o SRV de maneira aleatoria segundo o posto, é dividir e enfrontar, non mellorar.
    • Fixar unilateralmente unha carreira profesional sen un marco ou regulación, é abrir a porta á dedocracia non á meritocracia.
    • Establecer un horario flexible sen voluntariedade, limitación e ningunha compensación para todos, é volver a dividir e enfrontar, non é conciliar nin mellorar o clima laboral.
    • As propostas da empresa para ABANCA Conecta non solucionan o problema da unidade.

    Probablemente nos presionarán para non participar na convocatoria do 31 de Maio, incluso poden chegar á ameaza para evitar a participación, pero é hora de que saiban que non imos ceder ata conseguir un acordo xusto para un cadro de persoal farto de non poder conciliar e de sufrir unha presión comercial desmedida.

    CCOO, como continuación das concentracións de delegadas e delegados levadas a cabo nas oficinas da Coruña e Madrid, apela á unidade de todos/as os compañeiros e compañeiras de ABANCA para que a convocatoria do día 31 de Maio en Galicia sexa un éxito, sen siglas e cunha única petición:

    Por último, lamentamos que a data fixada para o 31 de Maio non se nos consultara previamente, para que todo o cadro de persoal de fóra de Galicia tamén poida exercer o seu dereito a participar. Pedir unidade (solicitada por todos e todas os compañeiros e compañeiras) e facer todo o contrario non é serio. Este comunicado enviámolo desde CCOO pero temos claro que non nos pertence, obedece a un sentimento que comparte todo o cadro de persoal.

    MELLORAS LABORAIS REAIS!!!   ESIXIMOS Á DIRECCIÓN QUE O MARTES CAMBIE A SÚA POSICIÓN

  • Declaración conxunta dos interlocutores sociais europeos do sector bancario sobre os aspectos laborais da intelixencia artificial

    A declaración, entre UNI Europa – a federación sindical europea de traballadores e traballadoras dos servizos, na que participa activamente CCOO Servicios como afiliada – e os empresarios – as patronais bancarias europeas EBF, EACB, ESBG – é a primeira deste tipo nun sector de actividade da UE. Esta Declaración Conxunta sobre os Aspectos Laborais da Intelixencia Artificial é o inicio dun proceso continuo sobre a IA, e tamén a culminación dunha ampla colaboración e diálogo entre as partes interesadas, tendo en conta os retos e oportunidades dinámicas do sector na introdución de procesos e sistemas que utilizan a IA. Ler máis

     

    Introducir a IA no lugar de traballo conleva tanto riscos como oportunidades para os empregados de banca. O diálogo social a todos os niveis é vital para garantir que os sistemas de IA se aplican de forma responsable. Recoñecemos o compromiso asumido hoxe polos interlocutores sociais dos bancos europeos a favor do diálogo social, incluída a negociación colectiva, a todos os niveis", declarou Michael Budolfsen, presidente de UNI Europa Finanzas.

    Esta declaración baséase no rico historial de declaracións conxuntas asinadas polos interlocutores sociais europeos nos últimos cinco anos, como a Declaración conxunta sobre o teletraballo no sector bancario europeo (2017), a Declaración conxunta sobre o impacto da dixitalización no emprego (2018) e a Declaración conxunta sobre o traballo a distancia e as novas tecnoloxías (2021).

    Ademais, baséase nas conclusións dun proxecto desenvolvido ao longo de dous anos, financiado pola Comisión Europea, e dirixido aos interlocutores sociais, "A banca en 2030: Como influirán as tendencias mundiais actuais, e especialmente a Intelixencia Artificial (IA), no futuro do sector bancario europeo e dos seus empregados?"

    O auxe da IA presenta tanto retos como oportunidades, como poñen de relevo as conclusións do proxecto "A banca en 2030". A dixitalización acelerada, agravada pola pandemia de COVID-19, impulsou a adopción da IA no sector bancario, remodelando as interaccións cos clientes e os paradigmas operativos para os seus empregados. Recoñecendo o potencial transformador da IA, os interlocutores sociais europeos subliñan a importancia dun compromiso conxunto proactivo e un uso responsable desta tecnoloxía.

     

    A Declaración significa que empresarios e sindicatos deben garantir que:

    • Aproveitan as vantaxes da IA mediante o diálogo social, incluída a negociación colectiva, en relación co uso, a aplicación e a supervisión continua da mesma
    • As aplicacións que utilizan sistemas de IA deben ser transparentes, xustas e imparciais, e os empregados teñen que asegurarse de que se utilizan en consecuencia de tal maneira.
    • Ningún traballador se quedará atrás**: os empresarios deben proporcionar a formación necesaria para adaptarse ás novas tecnoloxías. A declaración pide á UE e aos gobernos nacionais que proporcionen financiamento para a formación necesaria.
    • A vixilancia mediante IA para controlar o traballo dos empregados debe ser limitada, transparente e proporcional.
    • En relación coa IA e todos os demais aspectos da transformación dixital, os seres humanos manteranse no centro da organización do traballo, respectando plenamente o principio de control humano.

     

    A Declaración remarca que a IA debe respectar os dereitos humanos fundamentais, e promover a non discriminación así como a toma de decisións libre de sesgos.

    O diálogo social e a negociación colectiva serán claves en todo o proceso transformador do sector bancario, e destacamos que na Declaración se fai mención expresa á liberdade sindical, que debe ser respectada no contexto da IA.

    "Esta Declaración Conxunta é a primeira que establece normas mutuamente acordadas sobre IA que fixan límites claros e proteccións para os traballadores de todo o sector bancario europeo. A declaración é un bo comezo e agora temos que facer un esforzo conxunto para garantir a súa aplicación xeneralizada", dixo Elke Maes, Vicepresidenta de Finanzas de UNI Europa.

    Os interlocutores sociais europeos levarán a cabo unha avaliación completa desta Declaración Conxunta cara ao final do seu Programa de Traballo 2025-2026.

    Para concluír, os interlocutores sociais europeos reafirman o seu compromiso de fomentar un enfoque colaborativo e integrador para aproveitar o potencial da IA, salvagardando ao mesmo tempo os intereses de todas as partes interesadas do sector bancario europeo.

     

    Ligazón ao informe “A banca en 2030”. Dispoñible soamente en inglés.

  • OPA hostil BBVA-Sabadell: Reclamamos medidas antimonopolio a reguladores e supervisores, ademais de garantías laborais

    Ante o lanzamento de OPA hostil de BBVA sobre o Sabadell, que xera aínda maiores incertezas que o escenario de fusión, CCOO expresamos a nosa profunda preocupación e requirimos a supervisores e reguladores que pasen das palabras aos feitos con medidas "anti-trust" ante unha posible nova onda de concentración do sector. Desde CCOO, ademais, reiteramos a nosa esixencia de plenas garantías laborais e de emprego para o persoal de ambos os bancos. Ler máis

    Para CCOO, esta OPA hostil ten implicacións adicionais e máis preocupantes respecto do que tivera suposto unha fusión acordada. Lonxe de ser a última concentración do período anterior, pode ser a primeira dunha nova etapa de concentracións, impulsada pola exuberancia dos beneficios, que aumentaría os problemas de competencia, cohesión territorial e exclusión financeira.

    Desde o sindicato lémbrase que o proceso de reestruturación do sector tras a crise de 2008, cun axuste do 44% do emprego e o 61% das oficinas, non só tivo implicacións en termos oligopolísticos e de servizo, senón graves consecuencias nas condicións laborais dos cadros de persoal, cun insustentable empeoramento do clima laboral, con moita maior presión comercial e carga de traballo.

    Un proceso de reestruturación que, convén lembrar, alzou a estes grandes Bancos cunha inxente transferencia de fondos públicos (no caso de BBVA, Catalunya Caixa requiriu máis de 12.000 millóns de euros para a súa viabilidade e UNNIM case 3.000).

    Por iso, ante este anuncio e no caso de que a OPA finalmente frutifique, CCOO esixe:

    • Medidas a cargo dos reguladores e supervisores do sector financeiro, orientadas a garantir que este tipo de operacións non agudicen aínda máis os problemas derivados da concentración, exclusión e falta de competencia, con regulacións que garantan a inclusión financeira, o crédito á economía e unha mellor remuneración do aforro.
    • Un Acordo laboral que protexa as condicións e o emprego dos dous cadros de persoal, con:
      • Garantías de emprego.
      • Mecanismos de substitución xeracional con saídas voluntarias e creación de emprego.
      • Preservación e mellora das condicións salariais e laborais.
      • Proxecto de empresa con viabilidade futura.
    • Que se dea unha saída xusta á negociación do Convenio Colectivo sectorial, acorde cos excelentes resultados do sector.

    CCOO, en definitiva, no caso de que finalmente a operación saíse adiante, esixiría con aínda maior firmeza que a mesma se fixese con garantías laborais concretas e pactadas por escrito, á vez que emprazamos aos supervisores e reguladores para que pasen das declaracións aos feitos, adoptando medidas antimonopolio de presente e de futuro, para que este tipo de operacións non agudicen aínda máis o impacto para a sociedade, a clientela e o persoal dos procesos de concentración, falta de competencia e empeoramento do clima laboral.