Categoría: Sector Financeiro

  • A Sección Sindical de CCOO-Servizos Galicia de Banco Santander celebrou hoxe o su Plenario Extraordinario.

    A Coruña, 16 de novembro de 2021. A Sección Sindical de CCOO-Servizos en Banco Santander celebra hoxe o seu Plenario Extraordinario en Galicia.

    O obxectivo do mesmo é a renovación dos seus órganos de dirección e a validación dun plan de traballo enfocado a buscar fórmulas que permitan o mantemento do emprego e das condicións laborais do persoal ante a transformación dixital acelerada por mor da pandemia do Covid-19, transformación que propicia un cambio no modelo comercial e de contacto cos clientes.

    Nesta entidade, CCOO é o sindicato maioritario, cunha representatividade en Galicia do 29% dos delegados e delegadas e un 40% de afiliación.

    A sección sindical renovada hoxe está integrada polas traballadores e traballadoras afiliadas a CCOO que forman parte do total de 1.289 persoas distribuídas en 163 centros en Galicia.

    Como secretaria xeral da sección sindical en Galicia foi elixida Agnes Servier, quen empezou a traballar en Banco Pastor no ano 2005. Presentouse ás primeiras eleccións sindicais na candidatura de CCOO no ano 2019 resultando elixida delegada na provincia de A Coruña.

    Actualmente ocupa a Secretaria Xeral da Sección Sindical de Banco Santander en Galicia, posto na que resultou reelixida por unanimidade.

    Xunto a ela, foron elixidas membros da Executiva Ana Otero, Ignacio Castro, Manuel A. García e Trini Martínez.

  • CCOO denuncia a teimosía da dirección do Sabadell, que só reduce en 206 persoas o alcance do ERE

    A sección sindical de CCOO no Banco Sabadell denuncia a «teimosía» da dirección da entidade bancaria, que unicamente reduciu en 206 persoas a afectación prevista para o despedimento colectivo. Agora serían 1730 os despedimentos previstos, cifra incompatible coas saídas voluntarias que defende o sindicato.

    Ante a gran distancia das posturas, CCOO volveu saír hoxe ás rúas en distintas localidades do Estado. En Galicia houbo unha concentración diante da oficina da rúa Colón, seguida unha manifestación polas rúas próximas.

    Desde a Federación de Servizos de CCOO tamén critican que aínda non haxa unha proposta por escrito para valorar se a última proposta da empresa ten encaixe no obxectivo do sindicato de que o ERE sexa de adscrición voluntaria.

    A isto, desde o Sabadell comprometéronse a trasladar a proposta por escrito a vindeira semana.

  • CCOO inicia en Santiago de Compostela as mobilizacións contra o ERE no Banco Sabadell

    Comisións Obreiras (CCOO) iniciou este xoves as mobilizacións contra o ERE no Banco Sabadell, convocando concentracións en diversas localidades do Estado. En Galicia, a protesta tivo lugar en Santiago de Compostela, entre as 11 e as 12 horas, na oficina que a entidade bancaria ten no número 33 da rúa do Hórreo.

    Desde CCOO rexeitan a «inamovible» posición do Sabadell na mesa de negociación do ERE —que afecta a 1936 persoas— e defenden medidas alternativas. «Hai carga de traballo, non sobra persoal nin moito menos», sinala Arturo Cruzado, voceiro do sindicato. Ler máis.

    Malia que o Sabadell pretende despedir a case dúas mil persoas en todo o Estado, «verase prexudicado todo o persoal, máis de trece mil traballadores e traballadoras», sinala Cruzado, porque o banco pretende impoñer tamén medidas como a mobilidade xeográfica.

    CCOO reitera que «hai alternativas» aos despedimentos, como as saídas voluntarias, un acordo de prexubilacións e xubilacións anticipadas, recuperar traballos externalizados, teletraballo, recolocación en empresas do grupo ou reaxustes de salarios da alta dirección.

    Calendario de mobilizacións

    A seguinte protesta terá lugar en Vigo o xoves, 30 de setembro, tamén en horario de 11 a 12 horas. Se o Sabadell non rectifica a súa postura, CCOO convocaría folga a comezos do mes de outubro, incluíndo mobilizacións noutras localidades galegas.

  • CCOO rexeita o ERE anunciado polo Banco Sabadell, que xa tiña previsto o peche de 31 oficinas en Galicia

    A Federación de Servizos de CCOO de Galicia rexeita o expediente de regulación de emprego (ERE) anunciado polo Banco Sabadell. Malia que a entidade non comunicou polo momento o alcance desta regulación de emprego, o sindicato avanza que «non llo poremos fácil» e manterá unha «firme defensa do emprego», como nas outras reestruturacións que xa houbo no sector nos últimos meses

    Actualmente, o Banco Sabadell emprega en Galicia a 428 persoas que traballan en 98 oficinas. Porén, antes de se anunciar o ERE xa estaba previsto o peche de 31 destes centros de traballo, co que esta regulación de emprego «podería implicar a fin de máis oficinas e agravar a carencia de servizos financeiros en numerosos concellos galegos».

    Sen xustificación

    Para CCOO-Servizos, non concorren causas que xustifiquen o despedimento colectivo. De feito, no que vai de ano, malia o axuste de 1800 empregos no primeiro trimestre —40 deles en Galicia— entre prexubilacións e saídas voluntarias, fixo máis de 200 novas contratacións en todo o Estado, «sinal de que non sobra ninguén».

    O sindicato explica que tampouco o xustifican causas económicas, porque o Sabadell pechou o primeiro semestre do ano cun beneficio neto atribuído de 220 millóns de euros —un 51,5 % de incremento interanual— e prevé pagar un dividendo do 30 % do beneficio.

    Tampouco se dan razóns técnicas ou produtivas, pois non houbo cambios nin nos medios nin nos instrumentos de produción —que son financeiros e non sofren obsolescencia—, nin variou a demanda dos produtos e servizos financeiros. De feito, debido á pandemia hai máis demanda de refinanciamentos, avais do ICO e doutros organismos públicos, e proximamente os bancos serán os canalizadores dos fondos europeos Next Generation, o que incrementará a carga de traballo.

    Finalmente, CCOO sinala que non hai causas organizativas que se poidan aducir para este despedimento colectivo, xa que os posibles cambios de sistemas ou métodos de traballo non son alleos á entidade, «senón forzados por ela». Neste punto, a única razón organizativa podería ser a dixitalización, «pero nin sequera os clientes están tan familiarizados co contorno dixital como se quere dar a entender e como proba a afluencia ás oficinas», puntualiza o sindicato.

    Por todo iso, CCOO rexeitará calquera medida traumática en materia de emprego; calquera saída deberá ser voluntaria ou mediante prexubilacións anticipadas e xubilacións —no Banco Sabadell hai uns dous mil traballadores e traballadoras maiores de 55 anos—, na liña do asinado o pasado mes de decembro.

  • Nova xornada de folga contra o «despropósito» de ERE en Caixabank

    Desde CCOO denuncian que o volume de despedimentos que pretende realizar a empresa non está xustificado, xa que «é imposible atender a rede coa redución de persoal que se pretende».

    O sindicato tamén rexeita que as extincións de emprego sexan forzosas, máis aínda cando se trata dunha empresa con beneficios «e das máis produtivas do país», polo que tampouco ten necesidade de reducir custos.

    O último paso dado por Caixabank foi o de «endurecer a súa proposta», tanto pola nova distribución provincial como polos topes para saír entre os 55 e os 52 anos —o que aumentaría a cifra de despedimentos forzosos.

    «É un despropósito que, despois de dous meses de negociación, teñamos que vernos obrigados o ultimo día a manter convocada a segunda xornada de folga porque se endureceu a formulación nos excedentes ,cando este é ademais o motivo principal do desacordo», denuncia CCOO.

    Vídeo do manifesto