A Federación de Servizos de CCOO de Galicia está
a manter reunións cos distintos grupos parlamentarios galegos para
abordar a problemática xurdida por mor da venda do Grupo Banco
Popular ao Banco Santander. Hoxe celebráronse reunións cos grupos
políticos En Marea e Partido Popular , estando previsto para mañá,
día 14, un encontro co PSG.
Nas xuntanzas de hoxe, a delegación de
CCOO-Servizos estivo integrada pola secretaria xeral, Lucía Trenor,
a responsable da sección sindical do Banco Popular, Carmen Peteiro,
e polo responsable do sector financeiro de CCOO, Francisco Villares. Segue


Desde o sindicato alertaron das «graves» repercusións sociais que
para a nosa terra tería o desmantelamento dunha entidade financeira
«netamente galega» e pedíronlles aos partidos políticos que se
impliquen na defensa do emprego e das condicións laborais.
CCOO-Servizos estendeu esa petición tanto aos postos de traballo
directos -case o 12% do persoal do Popular, unhas 1430 persoas,
está en Galicia-, como ás empresas vinculadas -comercializadoras
do parque inmobiliario do banco, centros de chamadas, etc.,- que
suman unhas 500 persoas.
Reacción dos grupos
O Grupo Parlamentario de En Marea coincidiu con CCOO no rexeitamento
a posibles despedimentos e peches de oficinas, así como na defensa
da Fundación Barrié, cuestións que levará ao debate
parlamentario. Do Grupo Parlamentario Popular tamén amosaron
preocupación por estes puntos e solicitarán a mediación do
presidente da Xunta para a defensa dos dereitos laborais e dos
intereses da cidadanía.
Traballo coordinado de CCOO
CCOO-Servizos ten a representación maioritaria no ámbito estatal e nas empresas afectadas, isto é, tanto nos dous bancos como nas
empresas que lles prestan servizos. Asemade, todas as seccións
sindicais implicadas están a traballar coordinadamente desde que se
coñeceu a operación de compra.
Isto entra dentro do calendario de encontros que
se estenderán á dirección do Banco Santander e Universal Support -centro de chamadas, contact center,
con máis de 200 persoas afectadas-, tamén nesta semana.