Categoría: Unión Comarcal A Coruña

  • CCOO rexeita a ampliación da zona de afluencia turística da Coruña, que se estende a Monte Alto e Distrito Picasso

    A Federación de Servizos de CCOO rexeita a ampliación da zona de afluencia turística da Coruña, que agora se estende ata Monte Alto de Distrito Picasso. Nestas zonas, os establecementos comerciais con máis de 300 metros cadrados de superficie poden abrir todo o ano.

    Para CCOO-Servizos, este tipo de medidas só benefician as grandes empresas de distribución en detrimento do pequeno e mediano comercio, rompendo o equilibrio entre uns e outros.

    Segundo o sindicato, está demostrado que a ampliación de horarios e a apertura en todos os festivos do ano non anima o consumo nin crea máis emprego. Pola contra, supón maior carga de traballo e empeoramento das condicións laborais, dificultando tamén a conciliación.

    Por esta razón, CCOO presentou un informe desfavorable á dita ampliación que, non obstante, foi obviada polo Goberno local, que no pleno desta semana aprobou a medida só co apoio do PP.

    Ata agora, a zona de afluencia turística coruñesa abranguía o centro da cidade, Riazor e a contorna da Torre de Hércules. Agora esténdese ata Monte Alto e Distrito Picasso.

     

     

    Noticia da ampliación en A Opinión de Coruña

  • Se continúa a degradación dos salarios, haberá conflito laboral e social

    As empresas seguen repercutindo a suba do IPC aos prezos dos seus produtos; cargan todo o peso da inflación na cidadanía, aproveitando a alza para elevar tamén a marxe de beneficio por unidade produtiva, o que provoca un forte efecto de segunda rolda tanto na inflación subxacente, 5,5 %, como na xeral, 10,2 %. Ler máis

    Ante esta situación, temos que seguir mobilizando para conseguir que os convenios garantan o poder adquisitivo dos salarios coas imprescindibles cláusulas de garantía salarial.

    A inflación avanzada do mes de xuño déixanos unha subida do 1,8 %, e coloca a alza dos prezos nun 10,2 % interanual e a inflación subxacente nun 5,5 %. Os preocupantes datos veñen ratificar a necesidade de fortalecer o desenvolvemento da negociación colectiva, no que a protección do incremento dos salarios, determinantes para o sustento e a dignidade da cidadanía, se garanta con cláusulas de revisión salarial para manter o poder de compra das persoas traballadoras e, con iso, unha vida digna. Esixencia que non só é de xustiza, senón fundamental para manter a economía e o emprego.

    Doutra banda, desde UGT e CCOO consideramos que o Goberno ten que apostar por medidas que conteñan os prezos, de forma especial os dos produtos de consumo básicos, e abordar políticas centrais redistributivas, como a fiscalidade, desde a negociación e o acordo no ámbito do diálogo social, ausentes na inquietante situación que atravesamos.

    As medidas adoptadas polo Goberno avanzan na dirección correcta; porén, cremos que unhas non son suficientes e outras non están a ter o efecto previsto.

    En todo caso, si tiveron un impacto positivo na contención dos prezos do gas e a electricidade, pero non serviron para frear os da gasolina e carburantes en xeral, polo que cómpre tomar medidas de contención de prezos que eviten que as subvencións efectuadas polo Goberno acaben absorbidas polas grandes petroleiras, como está a ocorrer, en lugar de repercutir no benestar da cidadanía.

    Non nos imos resignar ante este escenario, onde o empresariado deste país pretende que recaia sobre a clase traballadora o custo da crise de prezos xerada pola suba dos prezos enerxéticos e agravada coa guerra de Ucraína.

    As organizacións empresariais negáronse a acordar referencias para a negociación colectiva no marco do AENC, co obxectivo de frear o acordo nos convenios colectivos pretendendo a conxelación salarial. Por iso, debemos seguir coa nosa estratexia, en contacto directo coas persoas traballadoras, para poñer en valor a negociación colectiva, recuperar dereitos e mellorar os salarios para mellorar a calidade de vida. Demandamos das organizacións empresariais corresponsabilidade e altura de miras.

    Por iso, desde UGT e CCOO imos dar a batalla para garantir o poder adquisitivo dos salarios.

    Tivemos unha gran mobilización o 9 de xuño en Madrid, agora toca saír á rúa de novo en todas as comunidades autónomas o 6 de xullo.

    As patronais teñen que saber que seguiremos apoiando o número considerable de folgas e conflitos sectoriais e de empresas ao longo e ancho do país, motivados pola cerrazón e avaricia do empresariado, en defensa dos nosos convenios colectivos e dos nosos salarios.

    PORQUE SE NON HAI SUBA SALARIAL POLA VÍA DA NEGOCIACIÓN E DO ACORDO, HABERÁ CONFLITO

  • Asinado preacordo do convenio de comercio alimentación da Coruña, con aumento salarial e redución de xornada

    A Federación de Servizos de CCOO informa do asinamento, o mércores, do preacordo que pon fin ao conflito no sector do comercio de alimentación da provincia da Coruña. O convenio, cunha vixencia do 2022 ao 2025, recollerá importantes subas salariais —con revisión ligada ao IPC real— e redución da xornada laboral anual, entre outras importantes melloras de condicións. O texto tamén recolle cláusulas ligadas á desconexión dixital e á transición dixital, aspectos que cobran cada vez máis importancia.

    En materia salarial, o preacordo recolle aumentos do 5 % para o presente ano 2022, do 4 % no 2023 e do 3 % para o 2024 e o 2025. Así mesmo, páctase unha revisión salarial conforme ao IPC real, cun tope do 2,5 % para este ano, do 2 % no 2023 e do 1 % nos dous últimos anos de vixencia do convenio.

    Tamén se incorpora na redacción unha cláusula de rexistro de valores, para garantir a igualdade de salarios e complementos, co obxectivo de combater a fenda salarial.

    A xornada anual redúcese en vinte horas, de 1812 a 1792. Isto faise mediante a aplicación de tres fins de semana de calidade, gozando un sábado libre cada cuadrimestre —excepto no mes de decembro—. Tamén se acorda fomentar a xornada continua, como mínimo para o 70 % do persoal da tempo completo por tenda.

    Tamén se mellora o sistema de clasificación profesional, eliminando o grupo IV e cun grupo III con catro niveis e promoción automática de nivel cada tres anos, respectando antigüidades e experiencia acreditada.

    Outras cláusulas que se asinan teñen a ver co aspecto dixital. Por unha banda, a de desconexión, para evitar continuas chamadas de teléfono ou mensaxes ao saír do centro de traballo. Pola outra, a transición dixital, para regular a afectación da dixitalización e da venda online, para evitar a perda de postos de traballo.

    Finalmente, actualízase o contido en materia de xestación conforme a lexislación vixente e mellora a licenza retribuída no suposto de hospitalización, que é de catro días e poderase iniciar en calquera dos días que esta dure —e mesmo se poderá usar de maneira fraccionada.

  • CCOO denuncia a sobrecarga de traballo que padece o persoal de Quirón Prevención e esixe garantías para manter o poder adquisitivo dos salarios

    CCOO, UGT e CSIF convocaron para o día de hoxe, 23 de xuño, unha folga de dúas horas en todos os centros de traballo de Quirón Prevención. Houbo, así mesmo, concentracións diante da empresa. Con este paro parcial esixen o desbloqueo da negociación do convenio colectivo, que, ademais de mellorar as condicións laborais, regule o teletraballo. Ademais o sector bate récords de beneficios.

    CCOO esixe, tamén, que se tomen medidas ante a sobrecarga de traballo que padece o persoal e unha suba salarial que non poña en perigo o poder adquisitivo.

    Rotundo éxito de la primera huelga de Quirón Prevención

  • Concentración para esixir o desbloqueo do convenio de servizos de prevención alleos

    Comisións Obreiras (CCOO) e UGT convocaron hoxe venres unha concentración na Coruña para esixir o desbloqueo do convenio colectivo de servizos de prevención alleos. Os sindicatos reproban a actitude das empresas no que respecta a mellorar as condicións laborais duns traballadores e traballadoras que son “imprescindibles” no modelo de prevención de riscos do noso país. A protesta tivo lugar diante do centro sanitario do Ventorrillo, situado no n.º 30 da rúa Pasteur.

    CCOO sinala que este convenio leva tres anos “bloquedo unilateralmente” por parte das patronais ASPREN, ASPA e ANEPA. Malia que o sector “bate as súas marcas de beneficios”, vinte mil profesionais en todo o Estado continúan coas súas condicións laborais conxeladas.

    Para CCOO, isto é “especialmente grave no caso dos salarios”, porque a situación provoca un “empobrecemento sistemático e continuado” dos cadros de persoal. Neste contexto, as patronais ofrecen subas entre o 1,3 e o 1,5 %, malia que a inflación pechou o ano pasado no 6,5 % e continúa subindo mes a mes.

    No ámbito estatal, CCOO e UGT xa lles remitiron cartas aos grupos parlamentarios e entrevistáronse coa Dirección Xeral de Traballo á procura de solucións. Agora comeza un calendario de mobilizacións “que se intensificará no outono” se persiste o bloqueo, avanzan os sindicatos.

    Imaxes da concentración