Categoría: Unión Comarcal A Coruña

  • Nova reunión do convenio comercio alimentación de A Coruña

    Nesta última reunión tratáronse os seguintes puntos:

    Eliminación do grupo IV: A patronal propón un grupo 3 con 4 niveis, pero seguen querendo que a promoción, polo menos no primeiro nivel, sexa aos 4 anos.
    CCOO non lle dá máis voltas, o período de promoción non pode superar o tres anos, como até agora.

    Redución da xornada laboral. De 1812 horas anuais a 1798 horas anuais en dous anos e 2 fins de semana de calidade, un iniciaríase no 2023 e dous a partir de 2024.
    CCOO expuxo que a xornada anual ten que baixar como mínimo a 1790 horas, que se podería facer con tres fins de semana de calidade libres, uns cada cuadrimestre.

    Xornada Continua. Parece que por fin a patronal entende que hai un problema, pero presentan unha proposta tan aberta e con tantas condicións, QUE É INASUMIBLE.
    CCOO lembra unha vez máis que a xornada partida penaliza o gasto de acudir ao centro de traballo e agora máis coa subida do combustible, que ademais xa se fai ou se fixo en pandemia e que non regular a xornada para evitar quendas partidas, só obedece  a un capricho e a querer castigar ao persoal.

     

    Incremento salarial: Mantén a proposta anterior de Incremento Salarial: 2022 – 2´75% 2023 – 2´5 % 2024 – 2´25% 2025 – 2´25% 2026 – 2 % 2027 – 2%

    O IPC continúa subindo e parece que a patronal non entende os problemas do persoal para asumir os gastos que esta inflación disparada está a ter na súa economía. Mentres eles soben os prezos para manter os beneficios, NÓS/AS pagamos máis polos artigos co salario conxelado.
    CCOO expuxo alto e claro que chegou a hora de que a patronal se implique na solución desta crise, que pense nas persoas traballadoras e presente unha subida de salarios digna, é o momento de pensar no persoal e se é á conta de recortar un pouco os seus beneficios, TEN QUE SER.

  • Centros de Chamadas: Hoxe folga estatal para desbloquear o convenio

    O persoal do sector dos centros de chamadas está convocado hoxe a unha folga de 24 horas a nivel estatal por CCOO e UGT. O motivo é o bloqueo das negociacións do convenio por mor a actitude obstrucionista da patronal, pois non houbo avances nas negociacións nos últimos dous anos e medio.

    A Federación de Servizos de CCOO denuncia que ao persoal do sector se lle conxela o soldo desde o ano 2019. É un persoal moi profesional e que non percibe ningunha compensación de gastos por teletraballar. Ademais, en moitas perciben o SMI, polo que padece de xeito especial o impacto da inflación.

    As traballadoras e traballadores dos centros de chamadas son as persoas que están do outro lado do teléfono cando a cidadanía pide asistencia en sectores tan importantes como a banca, a enerxía, a sanidade ou as telecomunicacións e operan para empresas como Santander, Abanca, Inditex, Orange, R Cable, Vodafone, Natural, Iberdrola, Endesa, etc.

    CCOO realizou unha manifestación o propio 13 de maio que partiu ás 11:30 do Obelisco da Coruña e rematou na praza de Mina.

    Máis información sobre o conflito e seguimento da folga

    Vídeo e lectura do manifesto

  • Convenio Comercio Alimentación Coruña: Por un convenio digno e salarios xustos

    O persoal do Comercio de Alimentación fomos considerados esenciais durante toda a pandemia, expoñendo a nosa saúde e a das nosas familias para atender a toda a cidadanía, e evitar desabastecementos en momentos tan complicados.

    Agora toca negociar o noso convenio colectivo e é o momento de que se recoñeza este traballo.

    A diferenza doutros sectores, non se pode dicir que o sector da alimentación fose un sector especialmente afectado por problemas económicos derivados do covid-19, máis ben todo o contrario. Ler máis.

    Nestes tempo complicados, onde a guerra e a pandemia están a provocar unha situación crítica para os traballadores e traballadoras deste país, é o momento de que as empresas do sector da alimentación, fagan un esforzo, recoñezan este traballo e atendan ás solicitudes do seu persoal:

    • Incrementando salarios de forma que teñan en conta a situación actual de IPC.

    • Reducindo unha xornada anual de 1812 horas, a maior con respecto ao resto do comercio.

    • Elaborando quendas en xornada continua para evitar o gasto dun dobre desprazamento ao centro de traballo.

    • Poñendo encima da mesa solucións ao futuro inmediato da transición e a desconexión dixital.

    • E outra serie de medidas de conciliación da vida laboral ou familiar, que xa se aplican no resto do comercio, como conseguir un número mínimo de fins de semana libres ao ano.

    Para esixir ás empresas do sector, que dean un paso adiante na negociación e compensen a seu persoal como se merecen, as centrais sindicais CCOO, UGT e CIG, imos realizar as seguintes concentracións o vindeiro venres día 22 de abril:

    12:00 Frente GADIS de Rúa Menéndez y Pelayo, 4-6 – A Coruña

    13:00 Frente FROIZ de Avenida de Oza, 16, 15006 – A Coruña

    Imaxes das concentracións

  • Empeza a negociación no convenio Comercio Alimentación Coruña

    Por fin recibimos por parte da patronal unha proposta, que aínda que está lonxe dun acordo, trata sobre os temas que nos preocupan e que desde CCOO valoramos que nos permite empezar a negociar:

    • Un convenio a 6 anos (2022-2027): Para CCOO é excesivo nuns tempos de tanta incerteza e coas variacións actuais de IPC, sobre todo cando a patronal descarta unha posible revisión salarial.
    • Eliminar o grupo IV: Crear un novo nivel no Grupo III  (teriamos 4 niveis), cambiando o tempo mínimo para promoción de 3 a 4  anos. Neste novo nivel porían ás persoas que contraten e non teña unha  experiencia demostrable de 3 anos no posto a cubrir.
      Desde CCOO temos que analizar con calma a repercusión que pode  ter, ademais NON PODEMOS ACEPTAR que o tempo para promocionar se suba de 3 a 4 anos. Ler máis
    • Reducir a xornada laboral: De 1.812 horas anuais a 1.805 horas anuais, con 2 fins de semana de calidade (un recuperable e outro non recuperable). A cambio  queren regular os 3 días de asuntos propios e que só se poida coller 1 cada 4  meses e sen unir a vacacións, sábados, festivos ou o mes de decembro.
      Para CCOO é imprescindible reducir a xornada anual. Por fin falamos de fins  de semana de calidade, pero NON NOS GUSTA relacionalo con regulación da licenza por asuntos propios, nin que aparezan días recuperables xa que iso non reduce a xornada.
    • Consolidación en contrato del 50% de las horas complementarias realizadas: Por motivos estruturais, de media nos últimos 12 meses, sempre se realizaron horas complementarias polo menos durante 11 meses nese mesmo período. Prodúcese unha mellora con respecto á situación de texto actual con 15 e 12 meses respectivamente.
    • Xornada Continua: A patronal segue a estudala e comprométense a presentar unha proposta. Lembramos que a xornada partida penaliza o gasto de acudir ao centro de traballo e agora coa subida do combustible, moito máis. HAI QUE BUSCAR UNHA SOLUCIÓN.
    • Transición Dixital: Están dispostos a estudar e negociar sobre a proposta presentada. Para CCOO é fundamental regular como pode afectar a dixitalización e a venda online, é prioritario evitar que esta se resolva no futuro con perda de postos de traballo.
    • Licenzas retribuidas: Buscar unha redacción para que poidan empezar no primeiro día hábil. Entendémolo como un avance, pero temos que ver cal é a redacción final para trasladar ao texto do convenio.
    • Incremento salarial: 2022: 2,75%, 2023: 2,5%, 2024: 2,25%, 2025: 2,25%, 2026:2%, 2027: 2%

    Desde CCOO só podemos facer unha interpretación: ESCASO. Non se corresponden coa realidade económica do sector, porque non sufriron 
    como outros esta crise; non se corresponde co sacrificio do persoal nestes tempos tan duros, e ademais sen incluír revisión salarial a subida poderíase quedar en nada se os IPCs se disparan.

  • CCOO advirte que o peche patronal anunciado pola Asociación de Hostelería da Coruña non pode afectar aos dereitos laborais

    A Federación de Servizos de CCOO de Galicia advirte que o peche patronal anunciado pola Asociación de Hostelería da Coruña para o vindeiro luns, 28 de marzo, non pode afectar aos dereitos laborais. O sindicato aclara que este paro non é unha folga de traballadores e traballadoras asalariadas, senón unha medida promovida polas empresas, de maneira que non pode ter impacto ningún nas condicións de traballo.

    Entre outras cuestións, CCOO-Servizos recalca que esta decisión empresarial non pode repercutir nos salarios das persoas traballadoras nin no seu dereito ao descanso semanal ou día libre correspondente; tampouco cabe ningún desconto nas nóminas, nin modificación de xornada ou compensación con día de libranza establecido.

    En resumo, a Federación de Servizos de CCOO non vai consentir que un peche patronal, xestionado de forma unilateral e por iniciativa das empresas, «se leve a cabo á custa do salario e o dereito ao descanso do persoal da hostalaría».

    Por esta razón, CCOO-Servizos ponse ao dispor de todas as persoas traballadoras para que, en caso de incumprimentos, «nos comuniquen as incidencias co fin de denunciar ante a Inspección de Traballo as irregularidades ou ilegalidades cometidas».

    Entrevista en radio SER A Coruña