Categoría: Unión Comarcal A Coruña

  • Santander adquire Banco Popular: A principal preocupación é a defensa do emprego

    Ante
    a difusión hoxe en medios da decisión da Xunta de Resolución
    Bancaria Europea da adxudicación de Banco Popular a Banco
    Santander, dende a Federación de Servizos de CCOO en Galicia
    queremos pór de manifesto que esta noticia debe significar a
    finalización da incerteza que levan padecendo nas últimas semanas
    os máis de 1.400 traballadores e traballadoras do Grupo Banco
    Popular en Galicia. Segue

    A
    integración do Grupo Banco Popular a Banco de Santander debe
    representar a incorporación dun persoal moi preparado, que sabe e
    entende o negocio bancario. Grupo Banco Popular levou a cabo moi
    recentemente unha reestruturación do seu persoal e non require novos
    axustes de persoal.

    Para
    a Federación de Servizos de CCOO en Galicia, especialmente afectada
    pola relevancia de Banco Pastor no noso territorio, a
    principal preocupación

    é a mesma que a dos traballadores e as traballadoras: a
    defensa do emprego

    e que a homoxeneización das condicións de traballo entre o persoal
    se faga de forma ordenada, progresiva e pactada. CCOO esiximos un
    Protocolo
    de Garantías de Emprego

    que renuncie á utilización de medidas traumáticas.

    CCOO
    somos o sindicato maioritario no Sector Financeiro. A nosa
    experiencia acumulada, ao liderar diferentes procesos de integración,
    serviranos para levar a cabo unha negociación con alternativas
    razoables, tanto para o persoal como para o desenvolvemento eficaz da
    integración en Banco de Santander. Somos a garantía de que o
    proceso contará cos intereses dos traballadores e das traballadoras
    de ambas as Entidades.

    Lucía Trenor

    Secretaria Xeral Federación
    de Servizos CCOO Galicia

  • CCOO Servizos revalida a súa maioría nas eleccións de Allianz en Galicia

    O pasado oito de maio tiveron lugar as votacións de Allianz en todo o Estado, e en Galicia para elixir aos delegados dos centros de Coruña, Vigo, Lugo e Ourense. Nesta ocasión o persoal volveu a escoller de forma maioritaria a candidatura de CCOO.

    Partindo dun censo de 66 persoas os resultados quedaron da seguinte forma: CCOO obtivo 3 delegados na Coruña, e un en cada centro de Vigo, Lugo e Ourense; repartíndose un UGT en Lugo e outro a CIG en Ourense.
    A sección sindical de CCOO quere amosar o seu agradecimento a todas as persoas que participaron neste proceso e en especial ás que co seu voto depositaron a súa confianza nas Comisións Obreiras.
  • Primeiro de Maio en Galicia: que a recuperación chegue xa a toda a cidadanía

    Miles de persoas participaron nas manifestacións que CCOO e UGT convocaron en toda Galicia (A Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Viveiro, Ourense, Pontevedra, Vilagarcía e Vigo) para conmemorar este Primeiro de maio e reclamaron que a recuperación chegue xa ao conxunto da cidadanía. Para isto, cómpre que os gobernos, o central e galego poñan riba da mesa todos os mecanismos necesarios para garantir emprego estable, salarios xustos, pensións dignas e máis protección social.

    Porque «xa non hai escusas» para que os traballadores e as súas familias continúen á marxe da recuperación económica, insistiron os sindicatos.

    Neste Primeiro de Maio, os secretarios xerais de CCOO, Xosé Manuel Sánchez Aguión, e UGT, José Antonio Gómez, denunciaron que a tímida mellora da situación do emprego está «ensombrecida» por máis e máis precariedade. Aqueles persoas que teñen un posto de traballo están a ver día tras día diminuídos os seus ingresos, pois ter un traballo «xa non garante ter unha vida digna», lamentaron os dirixentes sindicais ao remate da manifestación principal, na Coruña.

    Tamén as persoas pensionistas ven diminuídos os seus ingresos, malia que as pensións, nos peores momentos da crise, foron dos principais baluartes para sustentar a moitas familias. Asemade, as persoas que continúan en situación de desemprego, aínda ven como resulta cada vez máis difícil acceder aos instrumentos de protección social habilitados.

    Os secretarios xerais de CCOO e UGT afirmaron hoxe que «é preciso que a clase traballadora poida vivir dignamente co froito do seu traballo, e que aquelas persoas que non teñen un emprego poidan acceder a un en condicións dignas».

    Os datos revelan que, malia que a economía medra, Galicia segue sen recuperar emprego. O PIB xerado en Galicia no 2016 medrou, en relación ao 2007, previo ao estalido da crise, en 1.611 millóns de euros. «Algo está fallando», advertiron Aguión e Gómez.

    Fronte a isto, entre o cuarto trimestre de 2007 e o cuarto trimestre de 2016 perdéronse en Galicia más de 146.000 ocupados. Galicia está entre as comunidades autónomas que máis emprego perde nestes anos, só superada por Estremadura e Valencia. O desemprego subiu neste mesmo período en 107.800 persoas, un 111,8 por cento máis.

    Con todo, os dirixentes sindicais alertaron dunha realidade «aínda máis preocupante»: a situación «límite» de moitas familias galegas a causa do paro de longa duración, que se converteu xa nun elemento estrutural e que está a xerar situacións de pobreza e exclusión social. O paro de longa duración pasou de representar o 27,7 por cento no 2007 ao 58,2 por cento na actualidade. «Xa son moitas as persoas, con familias detrás, que non conseguen escapar da lacra do desemprego e a realidade evidencia que canto máis tempo nesta situación máis difícil é saír da mesma», apuntaron.

    Por todo isto, criticaron que os mecanismos articulados pola Xunta en materia de emprego «é evidente que non funcionan», polo que instaron a Administración galega a pór riba da mesa todas as medidas necesarias para romper o «círculo vicioso» do desemprego que se instaurou no mercado laboral galego.

    Malia complexa realidade, a Xunta reduciu a dotación orzamentaria en políticas activas de emprego en máis de 137 millóns de euros dende o ano 2008. A este recorte de fondos hai que sumarlle o recorte en prestacións e o endurecemento no acceso ás mesmas, imposta polo Goberno central. De feito, en Galicia quedan fóra do sistema de protección 110.000 persoas en situación de desemprego.

    Neste contexto, as mulleres seguen a levar a peor parte. A taxa de actividade das mulleres galegas está a cola do Estado; a taxa de temporalidade entre as mulleres galegas é case catro puntos superior á dos homes; a taxa de paro segue sendo superior a das mulleres, en 1,3 puntos, e tan só o 43,3 por cento das mulleres en paro perciben prestacións, fronte ao 56,7 por cento dos homes. E que dicir dos mozos que vense obrigados a abandonar Galicia na busca dun futuro mellor ante a falta de expectativas de cara ao seu futuro.

    Segundo Aguión e Gómez, todo isto ten «consecuencias dramáticas»: as desigualdades, a pobreza e o aumento progresivo da exclusión social, afectando a máis do 22 por cento da poboación.

    Fronte a esta realidade, ambos sindicatos demandan:

    • A derrogación das reformas laborais, que instalan a precariedade como norma de contratación e só fomentaron a desigualdade e a perda de dereitos.
    • Pór en marcha un plan de choque polo emprego con recursos.
    • Devolver o equilibrio de forzas na negociación colectiva, para que os sindicatos e empresarios poidan negociar en igualdade de condicións.
    • Reformar o sistema de prestacións por desemprego para facer que chegue a todas as persoas en situación de desemprego.
    • Un SMI suficiente e estable, chegando aos 1.000 euros a finais da lexislatura.
    • Unha Lei de igualdade salarial.
    • Derrogar a reforma das pensións de 2013. As pensións teñen que subir por riba do IPC.
    • Hai que acometer unha reforma fiscal integral que consiga máis ingresos e reparta mellor os esforzos, así como loitar contra a fraude fiscal.
    • É preciso poñer en marcha unha prestación de ingresos mínimos para todas aquelas persoas que, querendo traballar, non o poden facer.
    • A recuperación progresiva do gasto en sanidade, educación, protección social e axuda á dependencia.
    • Un Plan Estratéxico para a industria.
  • CCOO Servizos gaña as eleccións en Aliseda SGI A Coruña

    Onte, 26 de abril,
    celebráronse eleccións para escoller o delegado de persoal que
    corresponde ao censo dos 18 traballadoras/es de Aliseda A Coruña. A
    actividade desta empresa intégrase dentro do sector Servicer, e os
    seus traballadores proceden dos sectores de banca e inmobiliario

    Cabe destacar que
    son as primeiras eleccións neste centro de traballo, as segundas a
    nivel do Estado, carecendo até o de agora de representación
    sindical. Do mesmo xeito que na Coruña, CCOO está promovendo
    procesos electorais noutros centros, tales como Valencia e Málaga.

    É importante
    resaltar o esforzo que está a facer CCOO para que ningún centro de
    traballo vencellado ao sector bancario quede sen representación
    sindical. Os traballadores de Aliseda Coruña agradecen a axuda
    prestada para exercer o seu dereito a elixir ao seu representante
    ante a empresa.

    CCOO quere expresar
    o seu agradecemento ás persoas que participaron neste proceso e en
    especial ás que co seu voto depositaron a súa confianza nas
    Comisións Obreiras.  

  • Firmado o Convenio Colectivo de Hostalaría da provincia de A Coruña que beneficiará a 20.000 traballadoras e traballadores

    O 24 de abril de 2017, despois
    dunha intensa negociación que viña desenvolvéndose desde a
    finalización da vixencia do anterior convenio en decembro de 2015,
    conseguimos chegar a un acordo de Convenio Colectivo para o sector da
    hostalaría da Provincia da Coruña.

    O acordo está asinado polas
    centrais sindicais CCOO e UGT sobre a base do anterior texto de
    Convenio Colectivo, cunha serie de melloras que queremos destacar:

    – Vixencia 2016-2018.

    – Xornada máxima anual de
    1792 horas, con control de presenza diario e rexistro de hora de
    entrada e saída.

    – Descanso de 15 minutos para
    xornadas de cinco horas ou máis.

    – Salario 2016 sen incremento.

    – Salario 2017 Incremento
    sobre táboas do 1,5% con revisión de IPC

    – Salario 2018 Incremento
    sobre táboas do 2% con revisión de IPC

    – Ultraactividade do convenio
    unha vez finalizado e mentres se negocia un novo, ata 24 mes máis do
    que indique a lei.

    Conseguimos
    que por fin apareza por escrito no Convenio Colectivo a
    OBRIGATORIEDADE
    DE CONTROL DE PRESENZA DIARIO CON REXISTRO DE ENTRADA E SAÍDA
    ,
    como un paso primordial para poder controlar os excesos de xornada
    diarios, a falta de descanso diario e semanal, o traballo en festivos
    sen que estes se
    recuperen
    ou a fraude da contratación a tempo parcial daquelas persoas que fan
    tantas horas extras que chegan a tempo completo.

    A dificultade de incluír este
    artigo, vese reflectida en que unha parte da patronal negouse a
    asinar o acordo de Convenio Colectivo.

    CCOO non vai parar ata
    conseguir que a famosa frase de que «na hostalaría non hai
    horarios», quede no esquecemento e os traballadores e traballadoras
    de Hostalaría poidan ter unhas condicións de traballo que lles
    permitan conciliar a súa vida laboral e familiar, tal e como fan o
    resto de traballadores e traballadoras deste país.

    Entrevista na cadea SER: A partir do minuto 12:05, Juan Zas, Secretario de Acción Sindical da Federación de Servizos de CCOO analiza a recente firma do Convenio de Hostalaría de A Coruña e a inclusión da obrigatoriedade de control de presenza diario con rexistro de entrada e saída.