Categoría: Unión Comarcal A Coruña

  • «Ou salario ou conflito», advirte a secretaria xeral de CCOO

    "Levámolo dicindo durante todo o verán, despois de que a CEOE se erguese da mesa de negociación: "salario ou conflito". É unha cuestión de principios", sinalou a dirixente sindical ante os medios de comunicación.

    "A clase traballadora non pode pagar o custo da crise. Fálase moito de pacto de rendas, pero a patronal só quere oír falar del cando os traballadores e as traballadoras sexan quen asuman o custo da crise, por iso cómpre actuar tamén sobre os beneficios empresariais", clarificou a sindicalista.

    Hoxe venres, 7 de otubro, a secretaria xeral de CCOO, canda o seu homólogo da UGT, estarán na concentración convocada en Ourense, ás 12 horas, diante da patronal provincial.

    Mobilizacións do venres, 7 de outubro

    Xoves, 6 de outubro

    — Ourense: concentración ás 12.00 horas diante da Confederación de Empresarios de Ourense. Asistirán a secretaria xeral de CCOO e o secretario xeral de UGT

    — Lugo: concentración ás 12.00 horas diante da Confederación de Empresarios de Lugo (só CCOO)

    — Pontevedra: concentración ás 12.00 diante da Cámara de Comercio (só de CCOO)

    — Vigo: concentración ás 12.00 horas diante da Confederación de Empresarios de Pontevedra

  • O comité de Coremain denuncia o despedimento de ducias de persoas en Galicia

    O comité de empresa de Coremain denuncia a pretensión da empresa de despedir a ducias de persoas traballadoras. A empresa comunicou á representación sindical a súa decisión de presentar un ERE extintivo o pasado venres día 26 de agosto. O comité manifesta o seu máis rotundo rexeitamento tanto aos despedimentos como a posible deslocalización dos postos de traballo.

    A día de hoxe Coremain segue se concretar o número de despedimentos, que van de 30 a 80, creando incerteza entre as persoas que poden ser incluídas no ERE.

    O comité culpa a Coremain desa deslocalización ao teren apostado en anos anteriores por derivar parte da carga de traballo a Perú, apuntando o camiño que parece seguir a nova adxudicataria do proxecto Vodafone (CAU-Centro de Axuda ao Usuario), a cal pretende trasladar todo o servizo de atención a usuarias e usuarios a este país e non contempla a subrogación do persoal actual. Ler máis

    Isto supón seguir afondando na redución de postos de traballo do sector en Galicia, así como o traslado de datos de milleiros de persoas a un país que non está suxeito á normativa europea de protección de datos. Nos últimos 6 meses, as decisión empresariais de deslocalización levadas a cabo por parte de Vodafone, en servicios que se prestaban desde Galicia, supoñen una destrución de máis de 200 postos de traballo.

    Canda isto, o comité denuncia que a Xunta de Galiza segue sen exercer as súas competencias e non esixe ás empresas que operan no noso país que garantan a atención no noso idioma, obrigando a que os usuarios teñan que usar unha lingua distinta a súa lingua materna e facilitando a deslocalización de empresas. O obrigatoriedade de facilitar unha atención en galego podería garantir un mínimo de 2000 postos de traballo en Galicia.

    Rexeita tamén a pretensión de Vodafone de maximizar os seus beneficios a custo dos dereitos laborais deslocalizando os servizos a terceiros países con salarios aínda máis baixos que os establecidos no convenio colectivo de Consultoría.

  • Mobilización en Teleperformance: Clamor nas rúas da Coruña contra a deslocalización da atención telefónica de Naturgy

    O persoal de Teleperformance mobilizouse hoxe nas rúas da Coruña contra a deslocalización do servizo de atención telefónica que a compañía presta para unha das filiais de Naturgy. Entre berros como «Fenosa, escoita, estamos en loita», as traballadoras e traballadores esixiron o mantemento do emprego.

    A secretaria xeral de CCOO, Amelia Pérez, participou na manifestación e expresoulles ás traballadoras e traballadores o apoio do sindicato neste conflito. Así mesmo, denunciou a «cobiza» empresarial que motiva esta deslocalización, movida unicamente «por motivos económicos, sen ter en conta as persoas».

    Recorte do 80 % do persoal

    A decisión de Naturgy de trasladar a Colombia a maior parte do servizo de atención telefónica da súa filial Unión Fenosa Distribución (UDF) provocará que o 80 % do persoal deixe de ocuparse deste labor. Das 118 persoas empregadas para este cometido, continuarán dúas ducias, cifra que CCOO considera insuficiente para prestar un servizo de calidade. Ademais, a atención en lingua galega reducirase «á mínima expresión», denuncia o sindicato, que tamén reprocha a ausencia de compromisos de recolocación. Ler máis

     

    Desde CCOO ven nesta medida un paso máis na perda de vínculos con Galicia de Naturgy, que foron constantes desde a fusión en 2008 da antiga Unión Fenosa con Gas Natural. O sindicato lembra que Teleperformance leva máis de 25 anos encargándose da atención telefónica nas zonas xestionadas por Unión Fenosa, como Galicia, Castela e León ou Madrid.

    Naturgy foi reducindo nos últimos anos o persoal da campaña de UFD, que chegou a ser de cincocentas traballadoras e traballadores, un número que se xustifica pola gran cantidade de temas sobre os que teñen que dar atención —información técnica, xestión de avarías, atención comercial, altas, seguimento de reclamacións, entre outras—. Ademais, dado que UFD non ten oficinas físicas, a atención telefónica e o correo electrónico son as únicas vías de contacto.

    CCOO rexeita esta medida polo seu impacto negativo sobre o emprego, pero tamén polos prexuízos que lles vai ocasionar á clientela da compañía enerxética. Por unha banda, a perda de calidade na atención e o previsible aumento dos tempos de espera; por outra, o feito de que os datos persoais e de facturación estean nun país carente da estrita regulación que existe na Unión Europea, co problema que pode suscitar «nunha época en que as filtracións de datos e as fraudes están á orde do día».

    Ademais, no caso particular de Galicia, será case imposible poder ofrecer atención telefónica en galego cun equipo local tan reducido, pois unha vintena de persoas deberán atender varias comunidades autónomas, o que se traducirá nunha «espera interminable» para quen queira exercer o seu dereito a ser atendido nesta lingua.

    Ademais, as xestión das avarías de UFD esixen un elevado coñecemento das nomenclaturas e particularidades da xeografía galega que desde Colombia non poderán atender axeitadamente. Así mesmo, algúns servizos necesitan moita axilidade canto á súa resolución, mentres que outros están relacionados coa asistencia a persoas que, «de non se facer con rapidez e eficiencia, poden derivar en danos persoais».

    Mobilizacións

    Ademais da manifestación deste luns, o comité de empresa tamén convocou para hoxe paros nas distintas quendas de traballo que, de feito, xa comezaron na madrugada. O próximo xoves, día 8, retomarán as protestas cunha concentración diante do pazo de María Pita, coincidindo coa presentación no pleno municipal da Coruña dunha moción en defensa do emprego en Teleperformance.

  • Teleperformance leva a Colombia a xestión de servizos esenciais tales como bombeiros, emerxencias ou Forzas e Corpos de Seguridade do Estado

    O obxetivo destas actuacións é que a cidadanía coñeza as graves repercusións que esta deslocalización de Fenosa a Colombia vai supoñer:

    Que só 20 persoas traballadoras van atender dende A Coruña as chamadas en galego, o resto será xestionado dende Teleperformance Colombia.

    Que toda a información técnica, de avarías, de provisións de servizo, cortes e reenganches, reclamacións, xestión de subministracións vitais, ordes de servizo ao persoal técnico encargado da revisión de contadores, de lecturas, de peticións de acometidas para altas de subministración, a atención aos servizos de emerxencias, bombeiros e forzas e corpos de seguridade do Estado no caso de accidentes do tendido eléctrico, a coordinación dos servizos técnicos, do persoal de reforzo nas avarías masivas,… vanse xestionar dende Colombia.

    Naturgy non ten en conta a situación de Galicia, as súas características xeográficas e a súa poboación envellecida. Ademáis Fenosa non dispón de oficinas físicas e non é posible cambiarse de distribuídora de luz… o que vai dificultar e demorar a atención de incidencias que afectan a electricidade, subministración esencial.

    Os datos dos clientes da distribuídora Fenosa van a un país estranxeiro que carece da estrita regulación sobre protección de datos existentes na Unión Europea, co grave risco que pode levar en materias tan sensibles como venda de datos persoais e posibles fraudes.

    Teleperformance perde 100 postos de traballo no seu centro da Coruña e, a día de hoxe, non indicaron a este Comité se van manter as condicións do actual plantel. Ler máis

    Teleperformance, en A Grela, é unha empresa de Contact, que se publicita como referente mundial no seu sector con preto de 600 persoas traballadoras na Coruña, e que dá servicio a grandes multinacionais tanto de telecomunicacións, enerxéticas e outros sectores.

    O Comité de Empresa de Teleperformance Coruña denuncia que Teleperformance vai deslocalizar o servizo de atención ao cliente de Fenosa (grupo Naturgy) para que se xestione, na súa maior parte, dende Colombia. Ante esta situación decidimos levar adiante un calendario de movilizacións:

    – Manifestación o luns 5 de setembro ás 12:00 horas, dende a Praza de Pontevedra ata a oficina de “Naturgy” sita na rúa Betanzos.

    – Convocatoria de paros parciais en quendas de 00:00 a 03:00, de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas o luns 5 de setembro.

    – Concentración de delegadas/os na Praza de María Pita, diante do Concello, o xoves 8 de setembro, día da presentación da moción deste conflito.

  • CCOO-Servizos congratúlase de que Vigo non aumente a zona de afluencia turística e critica que A Coruña a amplíe

    CCOO-Servizos congratúlase de que Vigo non aumente a zona de afluencia turística, que permite a apertura todos os días do ano nos establecementos con máis de 300 metros cadrados de superficie. Porén, o sindicato critica que A Coruña non atendese o informe do sindicato e decidise ampliar a súa zona. Ler máis

    No caso de Vigo, CCOO propúxolle ao Concello manter a mesma zona que se aprobara hai cinco anos, ao entender que non hai motivos que xustifiquen facer ningún tipo de ampliación. Malia que no período de negociación houbo movementos para tentar ampliar esta zona, a insistencia e consistencia coa que o sindicato defendeu a súa postura, xunto coa doutras organizacións que estaban na mesma liña, fixo que o Goberno local optase por non facer cambios. 

    Esta zona abrangue o que se podería definir como o núcleo histórico vigués, incluíndo a zona de Bouzas e o ámbito perimetral entre as rúas San Francisco, Poboadores, Falperra, Cachamuíña, Paseo de Granada, II República, Porta do Sol, Policarpo Sanz, García Barbón, Pontevedra, Areal, Montero Ríos e Cánovas del Castillo (excluíndo a zona a carón do mar) ata San Francisco.

    CCOO considera moi positiva esta medida, aprobada no pleno municipal do 28 de xuño co consenso de todas as partes implicadas.

    Crítica ao Goberno local da Coruña

    Pola contra, o Concello da Coruña fixo caso omiso do informe emitido por CCOO e decretou a ampliación da zona de afluencia turística coruñesa. Ata o moento, a zona de afluencia turística coruñesa abranguía o centro da cidade, Riazor e a contorna da Torre de Hércules. Agora esténdese ata Monte Alto e Distrito Picasso.

    Para CCOO-Servizos, este tipo de medidas só benefician as grandes empresas de distribución en detrimento do pequeno e mediano comercio, rompendo o equilibrio entre uns e outros. Segundo o sindicato, está demostrado que a ampliación de horarios e a apertura en todos os festivos do ano non anima o consumo nin crea máis emprego. Pola contra, supón maior carga de traballo e empeoramento das condicións laborais, dificultando tamén a conciliación.

    Por esta razón, CCOO presentou un informe desfavorable á dita ampliación que, non obstante, foi obviada polo Goberno local, que no pleno desta semana aprobou a medida só co apoio do PP.