Categoría: Unión Comarcal A Mariña

  • CCOO e UGT congratúlanse do «éxito» da folga e da participación «masiva» nas mobilizacións

    O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia e UGT-Galicia congratúlanse do «éxito» da folga convocada hoxe polo sindicalismo de clase. O seguimento dos paros de dúas horas foi masivo, especialmente en grandes empresas e administracións públicas. Polo de agora, non houbo incidentes salientables nin no paro que da madrugada (entre as 00:00 e as 02:00), nin tampouco ao mediodía (das 12:00 ás 14:00). 

    Para CCOO e UGT, o «apoio maioritario» da sociedade galega a esta convocatoria é «a proba» de que as reivindicacións do sindicalismo de clase, compartidas polo movemento feminista, «son tamén maioritarias entre os galegos e as galegas»: cómpre «denunciar e desterrar» a brecha salarial, a precariedade laboral das mulleres e o acoso e a violencia de xénero.

    Sabio e Rodríguez coidan que a data de hoxe é «histórica» e marcará «un antes e un despois» na loita pola igualdade. O apoio á folga amosa «o total rexeitamento» da sociedade galega á situación que padecen as mulleres do noso país. «As reformas laborais impostas, os recortes e as medidas de austeridade non fixeron máis que incidir nas desigualdades», denuncian as dirixentes sindicais.

    Contra o «teito de cristal»

    As secretarias da Muller de CCOO e UGT denuncian a «discriminación laboral e salarial» das traballadoras galegas: a igual formación, os homes acadan maiores taxas de ocupación en todos os niveis formativos. Ademais, a brecha salarial é de 22 puntos, polo que as mulleres galegas terían que traballar 71 días máis ao ano para percibiren o mesmo salario que os homes nun ano. Tamén critican a existencia dun «teito de cristal» que é a causa de que só o 2,3 % da poboación ocupada feminina estea en postos de dirección ou xerencia.

    A «praga» da violencia machista e do acoso

    Ademais da situación laboral, as mulleres son vítimas doutra das grandes «pragas» da sociedade actual, a violencia machista. No 2017, foron asasinadas 49 mulleres e 8 nenos e nenas. O recente Pacto de Estado contra a violencia demóstrase insuficiente e case non recolle medidas de carácter laboral, que son «fundamentais» ?en opinión dos sindicatos? para que as mulleres poidan saír dunha situación de violencia de xénero.

    Rodríguez e Sabio lembran tamén a situación de acoso sexual nos centros de traballo. Aínda que a lei protexe contra estas situacións, «as denuncias son poucas polas dificultades probatorias ou polos medos a perder o emprego», lamentan.

    Galería de imaxes

  • Precariedade e cambio tecnolóxico: dous retos para a recén constituída Agrupación de Servizos Técnicos e Administrativos

    O II Congreso da Federación de Servicios de CCOO determinou nos seus
    relatorios e Estatutos que o Consello Federal aprobaría durante o
    presente mandato a integración de Servizos Administrativos e Servizos
    Técnicos. Cabe salientar que a nova agrupación recolle os sectores de:
    Servizos Administrativos, Seguros e Mutuas de Accidentes de Traballo,
    Planificación e Consultorías (TIC), Contact Center, Enxeñerías e
    Inspección Técnica e Intermediación Laboral.

    Esta nova estrutura
    presenta aínda máis diversidade tendo en conta os distintos sectores que
    recolle a nova agrupación, ademais de retos organizativos e de acción
    sindical máis amplos, tales como combatir a precariedade e dotarse de
    novas ferramentas ante o cambio tecnolóxico e a dixitalización no
    traballo.

    A celebración deste Plenario de integración supón unha
    continuidade do proceso iniciado en 2014, así como unha importante
    ampliación do seu ámbito funcional e sectorial que dá lugar a unha nova
    realidade organizativa que require novos órganos de dirección. Neste
    caso, unha vez realizadas as votacións queda elixido como responsable da
    coordinadora da agrupación Héctor Ortega Sánchez.

    O presente
    plenario debe servir para integrar, ilusionar, comprometer e construír
    un sector que integrará unha ampla gama de subsectores, con
    heteroxeneidade nas súas características e maior variedade dos seus
    modelos de negociación colectiva.

  • O sector financeiro de CCOO renova órganos co reto de lograr unha solución non traumática no ERE do Pastor-Popular-Santander

    O II Plenario da agrupación do sector financeiro da Federación de Servizos de CCOO de Galicia, que tivo lugar na Coruña, reelixiu hoxe a Francisco Villares Cousillas como secretario xeral. Os delegados e delegadas tamén votaron os membros da Comisión Executiva que dirixirá os próximos catro anos esta agrupación.

    O plenario aprobou por unanimidade unha resolución na que se lle esixe ao Banco Santander unha solución non traumática para o axuste de persoal no grupo bancario. CCOO considera que isto pode conseguirse en boa medida mantendo en Galicia a marca Banco Pastor, xa que a galega é, xunto coa asturiana, case a única comunidade en que a maioría das oficinas presentan duplicidades coas marcas actuais.

    Alén desta proposta, CCOO apunta outras alternativas, como medidas de mobilidade funcional e redución «considerable» das idades de prexubilación inicialmente previstas polo banco.

    Sindicato líder no sector financeiro

    Comisións Obreiras é o sindicato líder no sector financeiro galego, cun 31 % de representación, segundo os resultados das eleccións sindicais nos sectores do aforro, banca, cooperativas de crédito e outros intermediarios financeiros.

    Malia o contexto negativo en que tivo que facer o seu traballo, CCOO logrou no último período boa parte dos obxectivos propostos. Entre outros, destaca a preservación do marco sectorial de negociación colectiva ?asináronse os convenios da banca, aforro, rurais e financeiras?, minimizando así a aplicación da reforma laboral. Tamén se gañaron as eleccións sindicais e conseguíronse acordos satisfactorios na maioría dos procesos de reestruturación das empresas do ámbito.

    Loita contra a prolongación da xornada

    A defensa do emprego e o mantemento da súa calidade tras estes procesos de axuste son prioridades de CCOO para o novo período. Neste punto, CCOO fará fincapé na loita contra a prolongación sistemática da xornada, pois dificulta a conciliación familiar e laboral ?especialmente no caso das mulleres? e deteriora a saúde das persoas.

    Resolución aprobada no II Plenario da agrupación do sector financeiro de CCOO [PDF]