Categoría: Unión Comarcal A Mariña

  • Ramón Sarmiento: «Estabamos preocupados pola industria galega, pero tras coñecermos o plan do PP aínda o estamos máis»

    O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras fixo hoxe unha primeira valoración da proposición de lei (PDL) para a implantación de iniciativas empresariais en Galicia, que presentou pola vía de urxencia o Grupo Parlamentario Popular. O secretario xeral do sindicato, Ramón Sarmiento, expresou que, se xa estaban preocupados pola situación da industria galega, «a iniciativa do PP multiplica exponencialmente a nosa preocupación».

    Acompañado polo responsable de Política Industrial de CCOO-Industria, Pedro Comesaña, pola secretaria xeral de CCOO-Servizos, Lucía Trenor, e polo secretario xeral de Construción e Servizos, Sergio López, Ramón Sarmiento expuxo as eivas da proposta do Grupo Parlamentario Popular, remitida ao sindicato en pleno mes de agosto.

    Antes de nada, Sarmiento quixo aclarar que, malia se tratar dunha proposta do Grupo Parlamentario do PP, «realmente a iniciativa parte da Consellaría de Economía, Emprego e Industria, departamento que, de feito, é o que nola remite».

    Para o secretario xeral de CCOO, presentar a PDL en pleno agosto e camuflar como proposta dun grupo parlamentario algo que realmente provén da Xunta revela a intención do Goberno de saltar os preceptivos controis e de reducir á mínima expresión a contestación que poida suscitar a súa iniciativa.

    O principal aspecto positivo é o recoñecemento expreso «das dificultades que a nosa nación ten para a implantación ou desenvolvemento de novas iniciativas empresariais», apuntou Sarmiento. Con todo, unha análise polo miúdo revela a «traxectoria errática» da Xunta na materia. Tamén «pon en evidencia» as dificultades para coordinar dúas axencias que pertencen á mesma Consellaría: IGAPE e GAIN. «A falta de puntos en común entre os proxectos RIS3 e Axenda Industrial 4.0 é só un exemplo disto», criticou.

    Campaña propagandística

    A PDL afecta a un gran número de áreas e artigos de diversas leis, sen que en moitos casos se observe a relación coa suposta exposición de motivos, nin tampouco coa urxencia na tramitación. «Parece, máis ben, parte dunha campaña propagandística coa que xustificar a pobre resposta da Xunta» ata o momento, lamentou Sarmiento.

    O secretario xeral de CCOO coida que, se o Goberno galego tivese nitidamente identificado o problema, tomaría as medidas de curto prazo que considerase oportunas, sempre da man doutros grupos políticos e sociais. Pero, sobre todo, iría pensando nunha iniciativa de maior profundidade para identificar as forzas subxacentes de cambio estrutural no mundo e como nos están afectando.

    Falta de aposta pola innovación

    Ramón Sarmiento reprochoulle ao PP que poña énfase en sectores industriais «eminentemente extractivos» e deixe de lado as industriais manufactureiras, de transformación e creación de valor engadido. «Que imaxe ten a Xunta de Galicia e cal é o tipo de país ao que nos queremos parecer?», preguntouse o dirixente sindical.

    Medidas abocadas ao fracaso

    Por último, o secretario xeral de CCOO instou o PP a que calquera plan industrial ambicioso sexa consensuado co conxunto de forzas políticas e sociais. Do contrario, malia que goce de maioría absoluta no Parlamento, as medidas aplicadas estarán «abocadas ao fracaso».

  • Carta á Xunta de Galicia rexeitando a apertura de domingos e festivos no Comercio Galego

    Unha vez máis, como cada ano, desde a Xunta de Galicia e en cumprimento da lei de horarios comerciais, solicítasenos que entreguemos unha relación de dez domingos e festivos que puidesen considerarse como de posible apertura comercial.
    A apertura de domingos e festivos en comercio, permite e fomenta unha loita desigual entre as grandes superficies e o pequeno comercio de proximidade, e coa escusa do incremento de postos de traballo, precariza as condicións das traballadoras e traballadores do sector.
    A estas alturas, a experiencia xa nos indica claramente que o incremento de horas comerciais non implica un aumento substancial do emprego, senón que máis ben lévanos á precarización das condicións laborais con incrementos abusivos de xornada, con aumento do número de horarios irregulares e impedindo a conciliación da vida laboral e familiar.
    Ademais a apertura de domingos e festivos, potencia unha perniciosa identificación entre lecer e consumismo desmedido.
    A Federación de Servizos de CCOO, unha vez máis, realizou un escrito de contestación situándose contra a apertura de domingos e festivos.
    Podes velo aquí
  • Concentracion fronte á central de Inditex para denunciar a situación laboral das traballadoras de LEFTIES (Inditex)

    Hoxe, 22 de xuño, ás 12:00h, realizouse unha CONCENTRACIÓN diante da sede principal de lnditex en Arteixo en protesta pola reiterada actitude de desprezo da Dirección da empresa cara aos nosos dereitos e en demanda das melloras que levamos reclamando infrutuosamente desde hai moito tempo:

    1.-A nivel ECONÓMICO:

    -Incremento na porcentaxe de comisión de todo o persoal de Lefties.

    -Incentivos equitativos cos que se cobran no resto das tendas da mesma empresa. Recordemos que LEFTIES É ZARA ESPAÑA, S.A. E NON UNHA CADEA INDEPENDENTE.

    2.-A nivel LABORAL:

    -Redución da excesiva carga de traballo mediante a oferta de horas ou ampliación de persoal.

    -Eliminación da esixencia de xustificación nas solicitudes de redución de xornada por garda legal, xa que supón unha grave intromisión na intimidade e vida persoal das traballadoras.

    Coñecemos casos de acoso e discriminación laboral que, evidentemente, crean conflitos persoais e tensións entre as traballadoras. A Dirección da empresa e Dirección de Tendas non fixeron nada efectivo até o de agora para atallar de maneira efectiva estes comportamentos. O único que se lles ocorreu foi iniciar uns ?protocolos de averiguación? de maneira unilateral, Sen Consultar nin dar participación ao Comité de Empresa, polo que se realizaron sen a transparencia necesaria. NON IMOS PERMITIR ESTE ESTILO DE DIRECCIÓN. Queremos e esiximOS que Se nos Xulgue unicamente polo noso traballo, non por outras circunstancias discriminatorias e alleas á relación labOral.

    En canto á seguridade nas tendas, parece que, despois dunha longa loita por parte do Comité, a empresa vai contratar un VIXILANTE DE SEGURIDADE para a tenda do Torreiro. Esperamos que sexa unha medida permanente e non un APAÑO TEMPORAL como noutras ocasións.

    LEFTIES, SOLUCIÓN XA!!!

    CCOO UGT CIG

  • CCOO reitéralle ao Santander a petición dunha reunión formal sobre a adquisición do Popular

    A sección sindical de CCOO-Servizos no Banco Santander reiteroulle hoxe á entidade, como principal interlocutora, unha reunión formal para que informe sobre a adquisición do Banco Popular. O sindicato demanda «axilidade» para ter canto antes información «de primeira man» sobre este proceso, alén do que diariamente se publica nos medios de comunicación e que está a xerar «intranquilidade» nos cadros de persoal de ambas as dúas empresas. Segue

    Da Federación de Servizos de CCOO salientan que é a primeira vez que se aplica o mecanismo europeo de resolución de entidades financeiras, polo que no sindicato son «conscientes» de que os prazos poden alongarse. Con todo, as «incertezas» sobre o emprego directo e o indirecto requiren dunha resposta por parte da entidade compradora, neste caso o Banco Santander, xa que estamos a falar de case tres mil persoas en Galicia (1430 no Popular, 900 no Santander e 500 en empresas de servizos).

    A principal preocupación de CCOO son os postos de traballo. Calquera reordenación, tanto da rede de oficinas como de servizos centrais, con perda de personalidade xurídica do Banco Pastor e do Banco Popular, debe realizarse «sen medidas traumáticas e de xeito consensuado coa representación legal do persoal», insisten desde o sindicato. Como exemplo, o que se fixo no Pastor-Popular no pasado exercicio, co asinamento de acordos para a garantía do emprego e a homologación das condicións laborais.

    En segundo lugar, desde a Federación de Servizos do sindicato afirman que as garantías de emprego han estenderse ás diversas empresas en que o Popular é copartícipe.

    Outra das inquedanzas de CCOO é o restablecemento da confianza de clientes e persoal da entidade vendida. Neste sentido, o sindicato coida que o Banco Santander debe «ofrecer solucións» para os pequenos accionistas que viron desaparecer os seus investimentos ?bonos e accións? por mor da aplicación do mecanismo único de resolución.

    As persoas son o primeiro

    Desde CCOO-Servizos afirman que se o Banco Central Europeo e a Comisión Europea pretendían «transmitir tranquilidade» ao sistema financeiro español, decidindo nun tempo brevísimo a resolución do banco e evitando así un custo ás arcas públicas pola inminente creba do Popular, outro tanto debe acontecer con todas as incertezas. O sindicato pide que, unha semana despois, se despexen canto antes todas as dúbidas, especialmente as referentes aos prazos, o futuro das marcas Banco Popular e Banco Pastor e as garantías reclamadas tanto polo persoal como a clientela. «As persoas son o primeiro», enfatizan desde CCOO.

  • A Federación de Servizos de CCOO continúa a rolda cos grupos parlamentarios para tratar a situación do Banco Popular

    A Federación de Servizos de CCOO de
    Galicia continúa a rolda de conversas cos grupos parlamentarios
    galegos para abordar a problemática xurdida por mor da venda do
    Grupo Banco Popular. Tras as xuntanzas do martes con En Marea e PP,
    hoxe tivo lugar unha reunión con representantes do Grupo
    Parlamentario Socialista. Segue


    reunión PSOEreunión psoe

    A
    delegación de CCOO-Servizos estivo integrada pola secretaria xeral,
    Lucía Trenor, pola responsable da sección sindical do Banco
    Popular, Carmen Peteiro, e polo responsable do sector financeiro de
    CCOO, Francisco Villares. Os voceiros sindicais alertaron das
    «graves» repercusións sociais que para a nosa terra tería o
    desmantelamento dunha entidade financeira «netamente galega» e
    pedíronlles aos partidos políticos que se impliquen na defensa do
    emprego e das condicións laborais.

    CCOO-Servizos
    estendeu esa petición tanto aos postos de traballo directos- case
    o 12 % do persoal do Popular, unhas 1430 persoas, está en Galicia-,
    como ás empresas vinculadas -comercializadoras do parque
    inmobiliario do banco, centros de chamadas, etc.-, que suman unhas 500
    persoas.

    Reacción
    do PSdeG

    A
    delegación do Grupo Parlamentario Socialista afirmou «comprender e
    asumir» a complexidade da situación. Así mesmo, amosou a súa
    «receptividade e colaboración» tanto no eido parlamentario como no
    político-social.

    Traballo
    coordinado de CCOO

    CCOO-Servizos
    ten a representación maioritaria no ámbito estatal e autonómico
    nas empresas afectadas, isto é, tanto nos dous bancos como nas
    empresas que lles prestan servizos. Así mesmo, todas as seccións
    sindicais implicadas están a traballar coordinadamente desde que se
    coñeceu a operación de compra.

    Isto
    entra no calendario de encontros, que se estenderán á dirección do
    Banco Santander e Universal Support -centro de chamadas con máis
    de 200 persoas afectadas- tamén nesta semana.