Categoría: Union Comarcal Lugo

  • CCOO Servizos mellora a súa representatividade en DIA SA (Lugo)

    Onte luns, día 3,
    celebráronse eleccións en DIASA Lugo (Supermercados DIA% Lugo) cun
    resultado de dúas delegadas CCOO e tres de Fetico.
    Excelente
    resultado se temos en conta que o anterior comité de empresa estaba
    conformado por nove delegadas (tres de CCOO), pero que a diminución do persoal debido
    entre outras causas ao franquiciado de varias tendas provocou que o
    novo comité estea conformado agora por 5 delegadas.
    As
    representantes de CCOO iniciarán agora o seu traballo sindical cunha
    meta definida, que é conseguir mellorar e resolver todos aquelas cuestións que propoñiamos na nosa campaña electoral:

    • Acabar co
      costume de poñer diñeiro en caixa para compensar os descadres. 
    • Acabar coas horas de máis que non están compensadas nin pagas,
      coa implantación dun sistema de fichaxe. 
    • Acabar coas xornadas
      maratonianas, cando se fai unha implantación pola apertura dunha
      nova tenda.
    • Acabar co risco e perigo de estar soas na tenda.

    CCOO Servizos quere agradecer
    ao persoal a súa participación no proceso e especialmente a quen
    apostou pola nosa candidatura á hora de elixir a súa papeleta de
    votación.

  • 10 de Marzo – Día da Clase Obreira Galega do 2017

    Hoxe, 10 de Marzo de 2017, conmemoramos o aniversario daquela tráxica
    data de loita, pero tamén de honra e de dignidade da clase obreira
    galega. Daquela, os traballadores e traballadoras da Bazán pelexaban
    polo seu convenio colectivo, por un salario digno, contra a carestía da
    vida, por mellores condicións de vida e polas liberdades democráticas.
    Hoxe, 45 anos máis tarde, a cerna daquelas reivindicacións é a mesma:
    seguimos loitando polos convenios colectivos, porque son o único
    instrumento válido para mellorar as condicións laborais das
    traballadoras e traballadores e porque con eles se aplica a primeira
    repartición da riqueza nas empresas.

    Por iso agora é máis importante, se cabe, a negociación colectiva. E por
    iso a patronal está menos interesada nela. A economía recupérase e
    estase a xerar riqueza, pero a súa distribución é inxusta: as rendas
    salariais perden peso fronte aos beneficios empresariais. Van aló case
    nove anos de crise e de nefastas políticas que non nos sacaron dela; e,
    sobre todo, dúas reformas laborais deixan tras de si un mercado de
    traballo deteriorado, emprego escaso e precario, salarios desvalorizados
    e unha negociación colectiva desposuída da súa antiga forza.

    Que
    saiba a patronal que daremos a batalla convenio a convenio, empresa a
    empresa, para recuperar a negociación colectiva. Temos capacidade de
    mobilización e temos propostas para frear a perda de poder adquisitivo
    dos salarios e para repartir de maneira negociada a produtividade.
    Medidas, por exemplo, como as recollidas nos Acordos Interconfederais de
    Emprego e Negociación Colectiva.

    Sen convenios non hai nin
    emprego nin salarios dignos e a recuperación económica non será sólida
    nin xusta. Sen negociación colectiva, a maioría social que carga cos
    efectos da crise non recuperará os niveis de vida anteriores.
    Galicia
    é hoxe máis pobre, máis inxusta, máis desigual. Temos peores servizos
    públicos e menor protección social que ao comezo da crise. Necesitamos
    máis e mellores empregos. Necesitamos anular os devastadores efectos de
    dúas reformas laborais e de case nove anos de axustes e recortes.

    O
    Goberno galego debe liderar un novo modelo de crecemento económico
    equilibrado e duradeiro, respectuoso co medio ambiente, condición
    necesaria para que creza a produtividade. Só nesas condicións a
    sociedade galega ampliará o seu horizonte de desenvolvemento e de
    cohesión social.

    Este novo modelo de crecemento debe asentar na
    formación ao longo da vida, na innovación e na industria, na creación de
    emprego estable e con dereitos, na protección ás persoas desempregadas e
    na igualdade entre mulleres e homes. Tamén ha contar con garantías para
    a protección da saúde no traballo, para asegurar condicións de vida
    dignas, con medidas para que as pensións, a educación, a sanidade ou a
    atención ás persoas dependentes sexan dereitos consolidados.

    Porque eles foron hai 45 anos, somos. Pola loita que fagamos, serán.

    VIVA A CLASE OBREIRA GALEGA!!
    VIVA O DEZ DE MARZO!!
    VIVAN AS COMISIÓNS OBREIRAS!!
    DANIEL E AMADOR, NA MEMORIA!!

  • Concentracións fronte ás sedes das patronais en defensa da negociación colectiva

    UGT-Galicia e o S. N. de CCOO de Galicia convocaron para hoxe mércores, día 22 de febreiro, concentracións fronte ás sedes das patronais en
    defensa da negociación colectiva. Os sindicatos lembran que o actual escenario
    económico vén definido polo continuo do crecemento do produto interior bruto,
    un 3,3 en Galicia en 2016 e uns prognósticos de aumento para 2017 do 2,4 %. CCOO
    e UGT entenden que esta incipiente recuperación da economía se debe traducir
    nunha mellora, tamén, do poder adquisitivo dos salarios, desvalorizados tras
    máis de oito anos de crise.

    22f convenio colectivo22f convenio colectivo

    Mediado xa o mes de febreiro, aínda non
    foi posible consensuar coas patronais o díxito de aumento salarial para este
    ano, tal e como se establecía no III Acordo sobre Emprego e Negociación Colectiva.
    Os aumentos dos últimos meses sitúan a taxa interanual do IPC
    no 3 % en xaneiro, prexudicando a capacidade de compra dos fogares. Porén, a
    proposta das organizacións empresariais fica curta, con aumentos de «ata o 1,5
    %», cifra inaceptable, pois suporía a perda de poder de compra dos
    traballadores e as traballadoras nun contexto de expansión da actividade e dos
    beneficios empresariais.

    UGT e CCOO apostan por compatibilizar a
    mellora de competitividade empresarial coa mellora dos salarios reais: subas do
    1,8 ao 3 %, con cláusula de revisión para evitar que o aumento do IPC
    por riba da previsión prexudique o pactado.

    Ambos os dous sindicatos defenden a
    recuperación dos salarios, pero tamén da calidade do emprego: nos últimos anos
    non deixou de medrar a precariedade; hoxe, de cada 100 contratos que se asinan,
    91 son temporais e 9 indefinidos, dos cales unicamente 5 son indefinidos a
    tempo completo.

    Isto, sumado a un paro de longa duración
    que afecta ao 58 % do total de persoas desempregadas, un paro xuvenil que
    alcanza ao 40 % da poboación activa galega menor de 25 anos, a caída en 16
    puntos da cobertura das prestacións por desemprego ?só recibe prestación o 53 %
    das persoas paradas e rexistradas nos servizos públicos de emprego? e unhas
    baixas pensións que ocupan os últimos postos a nivel estatal ?e das que
    dependen cada vez máis familias? conduce a unha situación insostible.

    Os sindicatos defenden que a situación
    actual esixe actuar con urxencia para rescatar as familias e construír un
    modelo de crecemento que reduza o desemprego; que atalle a pobreza nas súas
    múltiples manifestacións; que sirva para soster o modelo social recuperando a
    calidade perdida na sanidade, a educación, a atención á dependencia; que aposte
    pola industria e a innovación e a ciencia e por un marco democrático das
    relacións laborais; que recupere a calidade do emprego, a negociación colectiva
    e o tratamento do despedimento. Nesta orde de cousas non se pode esquecer a
    necesidade de derrogar as reformas laborais impostas que tan lesivas están a
    ser para o mercado laboral.

  • O dereito a gañar o mesmo

    Cando falamos de
    brecha salarial nosa cabeza vai a «as mulleres cobran menos que os
    homes por igual traballo» exclusivamente, sen mirar outros factores
    que inflúen directamente nesta diferenza.

    O primeiro que temos
    que reflexionar é que a brecha salarial é unha discriminación
    directa cara ao sexo feminino e vai aumentando coa idade. Que
    significa isto?, é ben sinxelo, a brecha salarial aumenta a medida
    que o fai a idade das traballadoras, e non deixa de crecer desde os
    30 ata a idade de xubilación, o que terá consecuencias nas pensións
    do futuro. Ao chegar a idade de xubilación os homes cobrarán máis
    que as mulleres co que nos atopamos ante unha circunstancia tan real
    como denunciable e é o empobrecimiento da muller unha vez finalizada
    a súa etapa laboral

    PDF en ES

    E por qué? Na nosa
    sociedade a muller segue encargándose das responsabilidades
    familiares e tanto a maternidade «real» como «a potencial» seguen
    sendo condicionantes para atopar emprego ou permanecer nel. Para
    solucionar isto é necesario que dunha vez haxa unhas políticas
    públicas sociais tanto para maiores como para menores que permitan o
    desenvolvemento profesional das mulleres e se deixe de encadrar á
    muller como coidadora ou como responsable do fogar. É necesario
    fomentar e sensibilizar na corresponsabilidade. 

    Tamén é certo, que
    o menor salario das mulleres obedece, non tanto aos factores
    controlados na negociación colectiva como a outro tipo de factores
    que deben ser tidos en conta e que van desde o tipo de xornada, a
    ocupación, o nivel de estudos, a idade ata a modalidade de contrato.
    A crise económica tivo un efecto negativo tanto no emprego masculino
    como no feminino, sendo este último o máis afectado pola
    precariedade. As mulleres son as que ocupan o primeiro posto en
    contratación a tempo parcial xa que non só traballan menos horas
    senón que a remuneración por unha hora a tempo parcial é inferior
    a remuneración por unha hora a tempo completo. 

    A ocupación das
    mulleres concéntrase en sectores feminizados onde as remuneracións
    son máis baixas e a posibilidade de formación está moi limitada.
    Debemos esixir actuacións públicas encamiñadas ao investimento
    público para a profesionalización e mellora de cualificación a
    través da formación destes sectores como son hostalaría, comercio,
    telemarketing? coa finalidade de incrementar o seu valor engadido. 

    Tampouco debemos deixar de mencionar outra realidade e é que un
    maior nivel de formación das mulleres non se traduce nun maior
    salario medio. Isto confírmanos que con independencia do nivel de
    formación, a diferenza salarial persiste e aumenta. Por último para
    combater esta situación de desigualdade e discriminación nas
    condicións laborais e salariais hai que adoptar medidas para
    fomentar o emprego de calidade entre as mulleres e que impulsen a
    contratación a xornada completa desde o inicio, hai que facer
    cumprir a obrigatoriedade de negociar plans e medidas de igualdade
    nas empresas e hai que desenvolver políticas que faciliten a
    conciliación da vida laboral, familiar e persoal que contribúan á
    permanencia das mulleres no mercado laboral, posibilitando así o seu
    desenvolvemento profesional.

    Berta Fernández
    Secretaria de Muller e Igualdade de CCOO Servizos Castela e León.

  • Mobilizacións o día 19 en toda Galicia «por uns salarios e emprego dignos»

    CCOO e UGT convocan mobilizacións nas principais cidades e vilas galegas
    (A Coruña, Santiago, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo) para o
    vindeiro domingo, día 19. Os sindicatos denuncian que, mentres soben os
    prezos, os salarios perden poder adquisitivo e aumenta a desigualdade.

    MANIFESTACIÓNS
    -Santiago: 12 h, Alameda-Praterías
    -Ourense: 12 h, ao redor da Subdelegación do Goberno

    CONCENTRACIÓNS
    -A Coruña: 12 h, Delegación do Goberno
    -Ferrol: 12 h, edificio da Xunta
    -Lugo: 12 h, Subdelegación do Goberno
    -Pontevedra: 12 h, Subdelegación do Goberno
    -Vigo: 11.30 h, museo MARCO

    UGT e CCOO reiteran que nos últimos anos a cidadanía tivo que afrontar a
    perda progresiva de poder adquisitivo dos salarios, das pensións e das
    rendas de protección, o que está a xerar un crecemento sostido da
    desigualdade. Isto é consecuencia do forte aumento do desemprego e da
    xeneralización da precariedade laboral, así como da suba dos prezos das
    subministracións básicas, electricidade, gas e auga.

    A imposición
    de políticas de austeridade e continuos recortes, tanto no eido social
    como laboral, disparou as taxas de desemprego ata niveis insoportables e
    provocou a dualidade do mercado de traballo. Isto derivou nunha
    sociedade máis empobrecida e nun retroceso inxustificado de dereitos
    sociais e laborais.

    A tímida recuperación económica que se
    rexistra desde o 2015 non está a chegar nin aos salarios nin á rede de
    protección social. E, por se fose pouco, a cidadanía tense que enfrontar
    á suba do custe dos servizos básicos.
    Os gobernos non poden mirar
    cara outro lado e as organizacións patronais tampouco. Son culpables do
    que pasa, da suba incontrolada dos prezos, da perda de poder de compra
    dos salarios, das pensións e das rendas de protección.

    Por todo
    isto, UGT-Galicia e o S. N. de CCOO de Galicia chaman a cidadanía galega
    a saír á rúa este domingo contra o encarecemento da vida, especialmente
    contra a suba dos servizos básicos esenciais.
    Hai que saír á rúa
    para demandar subas salariais, das pensións e das rendas de protección.
    Subas que permitan recuperar o poder adquisitivo, retomando o IPC como
    índice de actualización.

    Hai que saír á rúa para reclamar máis e
    mellor emprego; contra a precariedade laboral; contra a brecha salarial;
    pola recuperación de dereitos e da calidade dos servizos públicos; por
    unha prestación de ingresos mínimos que axude a combater a desigualdade e
    a pobreza; e pola derrogación das reformas laborais.