Categoría: Union Comarcal Lugo

  • Carmen Sangil, elixida Secretaria Xeral da Sección Sindical de Banco Santander en Galicia.

    Hoxe,
    vinte e catro de maio, celebrouse en Santiago de Compostela o
    Plenario Extraordinario da Sección Sindical de CCOO Banco de
    Santander Galicia e integración da Sección Sindical de CCOO Grupo
    Banco Popular Galicia.

    Coa
    previsión dun inminente proceso de integración de ambas entidades
    presentouse unha única candidatura á Secretaría Xeral e á
    executiva, quedando esta última integrada na súa maioría polas
    delegadas e delegados que xa participaban nese órgano de goberno nas
    súas respectivas seccións.

    Na
    súa intervención, Carmen Sangil quixo agradecer «a xenerosidade e
    o esforzo pola confianza depositados na súa persoa» xa que «nos
    imos enfrontar a importantes retos de aquí ao próximo ano».
    Destacou tamén o valor de demostrar a fortaleza da organización a
    través do «contacto directo, cercano e persoal cos nosos
    compañeiros, resolvendo cantas cuestións nos expoñan». Gañar as
    eleccións que se celebrarán en febreiro do próximo ano foi outra
    ideal central do seu discurso: «dado o actual momento de
    dificultade debemos poñer en valor o liderazgo histórico e
    tradicional dun sindicato de clase como CCOO nos últimos procesos
    electorais, que é garantía de esforzo, e respaldo ás traballadoras
    e traballadores»

    A
    partir de agora iníciase unha nova etapa que estará marcada polo
    proceso de integración das redes de oficinas de ambos bancos. Cabe
    salientar que CCOO é o sindicato maioritario tanto en Banco
    Santander como Grupo Banco Popular, e que ambas entidades veñen de
    pasar por dous Expedientes de Regulación de Emprego que foron
    afrontados e resoltos de forma notablemente satisfactoria.

  • CCOO Servizos renova a súa representatividade por quinta vez no Parador de Vilalba

    Desde
    a Sección Sindical de CCOO en Paradores e a Federación de Servizos
    de Galicia queremos agradecer a confianza que puxeron en CCOO e no
    noso candidato os traballadores e traballadoras do Parador de
    Vilalba.

    Nas
    eleccións sindicais celebradas este mércores, día dezaseis, o resultado
    foi contundente a favor de CCOO. Por 12 votos dun total
    de 18 foi elixido o compañeiro Domingo, delegado de CCOO que revalida o seu mandato por quinta vez e que de novo viu recoñecido o
    traballo realizado nestes catro anos.

    O
    noso compromiso cos traballadores e traballadoras deste Parador
    seguirá sendo o mesmo que ata agora, poñendo o noso total empeño en conseguir mellorar as condicións de traballo de
    todo o cadro de persoal, dando continuidade na implicación como sindicato
    e proporcionando soporte ao noso delegado, que seguirá traballando con lealdade para os seus compañeiros e compañeiras.

    Queremos dar as grazas a todo o persoal pola confianza depositada, na seguridade de que non vos
    defraudaremos.

  • Paradores: Sentenzas sobre vacacións en Villalba e modificación de quendas a persoal do departamento de pisos en Monforte

    Dúas sentenzas en Paradores dan a razón a CCOO en senllos conflitos colectivos, un no Parador de Vilalba sobre fixación de vacacións por peche temporal do Parador e o outro no Parador de Monforte por modificación de quendas ao persoal do departamento de pisos.

    No caso de Vilalba reclamábase que na imposición por parte da empresa das vacacións 2018 por peche do Parador non se negociou coa representación dos traballadores de boa fe, non se solicitou informe previo do Comité de Empresa e alterouse de forma substancial o sistema de vacacións que viña establecendo regularmente.
    A xuíz basea a súa sentenza na falta de informe previo do Comité de Empresa (Requisito imprescindible segundo sentenza do TS) e en que se modificou o sistema para a negociación das vacacións que viña utilizando nos últimos anos sen aplicar o establecido no artigo 41 do Estatuto dos Traballadores de modificación substancial de condicións de traballo, ademais de non acreditarse causas técnicas organizativas ou de produción que xustificasen a medida.
    A conclusión final da xuíz é que declara nulos os calendarios de vacacións impostos pola empresa para o ano 2018 no Parador de Vilalba, establecendo a posibilidade de interpor recurso nun prazo de cinco días.
    No caso de Monforte o que se reclamou foi a modificación das quendas de traballo como modificación substancial das condicións de traballo e que non se entregaron os calendarios xerais aos traballadores e traballadoras.
    A cuestión a debate foi que no departamento de pisos os meses de xuño e xullo de 2017 se modificou no calendario mensual a rotación dos descansos e se establece por primeira vez o descanso en luns e martes separado do fin de semana.
    Entende a xuíz que o que se produce no mes de xuño e xullo non é un simple cambio na rotación, o que realmente hai é unha modificación substancial de condicións de traballo e por tanto a empresa tería que aplicar o artigo 41 do Estatuto e xustificar a necesidade de tal modificación. Queda claro que o acordo do ERE no que respecta á confección dos calendarios mensuais non lle permite á empresa actuar con discrecionalidade.
    Como decisión final establece que a empresa deberá repor ás traballadoras afectadas do Parador de Monforte as condicións de quendas e distribución de xornada que tiñan antes de xuño de 2017. Tamén se establece a posibilidade de interpor recurso nun prazo de cinco días.

    A conclusión final está clara. Só tentándoo podemos conseguir cambiar as cousas e o movemento demóstrase andando, aos poucos pero firmemente. Nestes dous casos a unidade do persoal do Parador de Vilalba e do departamento de pisos do Parador de Monforte xunto coa axuda e o apoio de CCOO conseguiron cambiar as cousas e que a dirección da empresa non poida aplicar unhas medidas que nos dous casos non estaban de ningunha das maneiras xustificadas.

  • CCOO e UGT congratúlanse do «éxito» da folga e da participación «masiva» nas mobilizacións

    O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia e UGT-Galicia congratúlanse do «éxito» da folga convocada hoxe polo sindicalismo de clase. O seguimento dos paros de dúas horas foi masivo, especialmente en grandes empresas e administracións públicas. Polo de agora, non houbo incidentes salientables nin no paro que da madrugada (entre as 00:00 e as 02:00), nin tampouco ao mediodía (das 12:00 ás 14:00). 

    Para CCOO e UGT, o «apoio maioritario» da sociedade galega a esta convocatoria é «a proba» de que as reivindicacións do sindicalismo de clase, compartidas polo movemento feminista, «son tamén maioritarias entre os galegos e as galegas»: cómpre «denunciar e desterrar» a brecha salarial, a precariedade laboral das mulleres e o acoso e a violencia de xénero.

    Sabio e Rodríguez coidan que a data de hoxe é «histórica» e marcará «un antes e un despois» na loita pola igualdade. O apoio á folga amosa «o total rexeitamento» da sociedade galega á situación que padecen as mulleres do noso país. «As reformas laborais impostas, os recortes e as medidas de austeridade non fixeron máis que incidir nas desigualdades», denuncian as dirixentes sindicais.

    Contra o «teito de cristal»

    As secretarias da Muller de CCOO e UGT denuncian a «discriminación laboral e salarial» das traballadoras galegas: a igual formación, os homes acadan maiores taxas de ocupación en todos os niveis formativos. Ademais, a brecha salarial é de 22 puntos, polo que as mulleres galegas terían que traballar 71 días máis ao ano para percibiren o mesmo salario que os homes nun ano. Tamén critican a existencia dun «teito de cristal» que é a causa de que só o 2,3 % da poboación ocupada feminina estea en postos de dirección ou xerencia.

    A «praga» da violencia machista e do acoso

    Ademais da situación laboral, as mulleres son vítimas doutra das grandes «pragas» da sociedade actual, a violencia machista. No 2017, foron asasinadas 49 mulleres e 8 nenos e nenas. O recente Pacto de Estado contra a violencia demóstrase insuficiente e case non recolle medidas de carácter laboral, que son «fundamentais» ?en opinión dos sindicatos? para que as mulleres poidan saír dunha situación de violencia de xénero.

    Rodríguez e Sabio lembran tamén a situación de acoso sexual nos centros de traballo. Aínda que a lei protexe contra estas situacións, «as denuncias son poucas polas dificultades probatorias ou polos medos a perder o emprego», lamentan.

    Galería de imaxes

  • Precariedade e cambio tecnolóxico: dous retos para a recén constituída Agrupación de Servizos Técnicos e Administrativos

    O II Congreso da Federación de Servicios de CCOO determinou nos seus
    relatorios e Estatutos que o Consello Federal aprobaría durante o
    presente mandato a integración de Servizos Administrativos e Servizos
    Técnicos. Cabe salientar que a nova agrupación recolle os sectores de:
    Servizos Administrativos, Seguros e Mutuas de Accidentes de Traballo,
    Planificación e Consultorías (TIC), Contact Center, Enxeñerías e
    Inspección Técnica e Intermediación Laboral.

    Esta nova estrutura
    presenta aínda máis diversidade tendo en conta os distintos sectores que
    recolle a nova agrupación, ademais de retos organizativos e de acción
    sindical máis amplos, tales como combatir a precariedade e dotarse de
    novas ferramentas ante o cambio tecnolóxico e a dixitalización no
    traballo.

    A celebración deste Plenario de integración supón unha
    continuidade do proceso iniciado en 2014, así como unha importante
    ampliación do seu ámbito funcional e sectorial que dá lugar a unha nova
    realidade organizativa que require novos órganos de dirección. Neste
    caso, unha vez realizadas as votacións queda elixido como responsable da
    coordinadora da agrupación Héctor Ortega Sánchez.

    O presente
    plenario debe servir para integrar, ilusionar, comprometer e construír
    un sector que integrará unha ampla gama de subsectores, con
    heteroxeneidade nas súas características e maior variedade dos seus
    modelos de negociación colectiva.