Categoría: Union Comarcal Pontevedra

  • Comeza a Negociación Colectiva no sector do Comercio da Provincia de Pontevedra

    Neste ano 2016 cómpre negociar
    dez convenios de comercio nesta provincia, dos que catro terminaron a
    súa vixencia en 2015 (Comercio Alimentación, Comercio retallista
    téxtil, Comercio do moble e Comercio de materiais de construción) e
    seis fixérono en anos anteriores (Comercio de bazares, Comercio
    metal e Comercio almacenistas de froitas, en 2014 e Comercio de peixe
    fresco 2010, Venda por xunto de tecidos 2012 e Comercio da pel 2009).

    A primeira mesa que se constituiu
    foi a de Comercio de materiais de construción, na que despois de
    tres reunións a formulación da patronal segue sendo a conxelación
    salarial, baseándose na mala situación que segue soportando o
    sector. Por parte de CCOO as propostas seguen sendo a necesidade de
    incrementar as táboas salariais unida á inclusión de melloras
    normativas, sobre todo na xornada de traballo.

    Tamén se constituiron as mesas
    de negociación dos convenios de Comercio do Moble e de Comercio Alimentación. No primeiro caso a representación de CCOO é o 100%, polo que xa fixemos entrega da nosa plataforma, do mesmo xeito que no
    segundo, no que pola parte social estaremos CCOO, CIG, UGT e USO,
    sen que ningún dos tres sindicatos teña a maioría absoluta.

    Esperamos que axiña poidamos
    iniciar a negociación do convenio de Comercio retallista téxtil.
    Continuamos instando á patronal para que nos convoque.

    Sobre os Convenios que remataron
    a súa vixencia en anos anteriores sen sequera constituírense as
    mesas de negociación
    , seguimos insistindo e ante a falta de resposta
    por parte da patronal estamos a estudar outro tipo de medidas legais
    para conseguir sacar da parálise na que están os traballadores e
    traballadoras afectados polos mesmos.

    As formulacións que estamos a
    facer CCOO nas nosas plataformas baséanse na mellora dos salarios,
    das condicións de xornada de traballo para garantir a conciliación
    e na regulación da contratación.

  • CCOO Servizos interpón un conflito colectivo contra Adecco Outsourcing SAU (Eurocen)

    Tralos sucesivos
    incumprimentos da normativa laboral por parte de Adecco Outsourcing
    SAU, a Federación de Servizos de CCOO decidiu interpor o conflito
    colectivo en solitario. O persoal vese obrigada a axustarse a unha
    bolsa de horas imposta unilateralmente pola empresa, así como a
    traballar unha xornada moi superior á das empresas onde presta
    servizo, relacionadas todas elas coa automoción e a loxística do
    devandito sector.

    A noticia foi ben
    acollida polo persoal, que se atopa inmerso desde o pasado mes de
    xuño nun proceso de eleccións sindicais, torpedeado de maneira
    sistemática pola propia empresa e o sindicato afín FASGA, tamén
    presente en empresas como El Corte Inglés.

    Esta demanda e o
    proceso de eleccións sindicais enmárcanse na ofensiva de Comisións
    Obreiras para dotar dun marco legal adecuado ás empresas do sector
    de Outsourcing ou multiservicios, esixindo que se apliquen os
    respectivos convenios sectoriais e evitar a precariedade laboral e
    salarial.

    O traballo diario da
    candidatura e a maior parte do persoal en Adecco Outsourcing foron
    determinantes para continuar con este proceso.

  • Fórmanse as plataformas de Negociación Colectiva de Comercio e Hostalaría de Pontevedra

    Os días 1 e 2 de febreiro celebráronse reunións cos delegados e delegadas para confeccionar as plataformas de negociación dos convenios de comercio e hostalaría que teñen que iniciar a negociación neste ano 2016.
    Nestas reunións acordamos as plataformas de negociación coa participación activa e directa dos delegados e delegadas de CCOO, as cales serán trasladadas en breve ás diferentes patronais para comezar canto antes coa negociación que, a pesar da recuperación económica, cremos que será difícil. Queremos subliñar que a pesar das dificultades poñeremos todo da nosa parte para lograr mellorar as condicións de traballo dun colectivo moi importante e cada vez maior. Para iso a nosa formulación nas mesas de negociación basearase tanto na mellora das condicións económicas, como nas de calidade de vida.
    Os convenios que temos que negociar este ano son os de Comercio de Alimentación, Comercio do Téxtil Detallista, Comercio de Materiais de Construción, Hostalería, Comercio do Moble, Comercio de Bazares e Comercio do Metal, este último finalizado o pasado ano 2015 e sen mesa constituída.
    Ademais destes convenios temos pendente de anos anteriores a negociación dos de Comercio de bazares e artigos de agasallo, Comercio da pel, Comercio téxtil almacenista, Comercio da froita, Exportadores de peixe fresco e Oficinas e despachos, todos eles con grandes dificultades por carecer de patronal nalgúns casos ou por falta de representación sindical noutros.
    Nestes momentos xa temos data fixada para iniciar a negociación do convenio de Comercio de materiais de construción, que será o vindeiro martes día 9 de febreiro.

  • Período de consultas finalizado para o ERTE de Eurostars Gran Hotel La Toja

    No día de onte pechouse o período de consultas de negociación do ERTE proposto
    pola empresa ARCATIS, S.L.U. para o Eurostars Gran Hotel La Toja. 

    Finalmente no período de negociación acordouse modificar as condicións expostas
    de inicio pola dirección da empresa e o acordo rematou cunha redución de
    xornada durante a tempada baixa, mantendo a xornada completa na
    alta (do 15 de maio o 15 de outubro). 

    Este acordo terá unha duración dun ano e afectará á totalidade do persoal
    que  verá reducida a súa xornada no 50%
    (20 horas semanais) durante o período acordado, de febreiro ó 15 de maio e do
    15 de outubro ó 31 de decembro. A pretensión é que esta redución sexa menor no
    caso de que a ocupación do hotel faga necesaria unha maior presenza de persoal e non suporá ningunha merma nas condicións económicas. 

    A
    representación de CCOO, a pesar das dúbidas que temos sobre as
    intencións

    que poida ter a dirección con respecto ó futuro deste emblemático
    hotel,
    decidimos asinar este acordo tendo en conta que a asemblea de
    traballadores e traballadoras
    maioritariamente manifestou aceptar as condición do mesmo
    . Dende o
    principio da negociación a presión exercida polos representantes de
    CCOO conseguiu que a direción da empresa mudara a súa proposta inicial e
    reducir as consecuencias negativas que este tipo de medidas teñen para
    as persoas traballadoras.

  • Un ERTE pechará o Gran Hotel da Toxa durante seis meses

    Os membros do comité
    de empresa do Gran Hotel da Toxa recibiron a semana pasada a
    documentación que acredita a intención da dirección de impulsar un
    Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE), que afecta a 75
    membros da plantilla, e que pechará o único hotel-balneario de
    cinco estrelas de Galicia entre o 1 de febreiro e o 15 de maio; e, de
    novo, despois do verán, do 15 de outubro ata o remate de decembro. 

    Baseándose nunhas previsións económicas que estiman perdas para
    eses seis meses, os representantes de Hotusa anuncian a súa
    intención de xestionar o establecemento como un hotel
    estacional durante este ano 2016. Está previsto que o peche se
    comunique de maneira oficial ao conxunto dos traballadores o luns.

    Os empregados non
    entenden que a nova dirección opte por unha medida tan drástica tan
    so seis meses despois de ter asumido os mandos do hotel; máis nun
    ano no que se tiña percibido un repunte na ocupación. E temen que
    nun futuro estes axustes poidan traducirse en despedimentos.