Categoría: Union Comarcal Pontevedra

  • Acordo salarial convenio hostalaría Pontevedra

    Co obxectivo de evitar atrasos derivados das dilacións nas negociacións, CCOO Servizos xunto con outras organizacións sindicais formalizamos esta mañá coa patronal un acordo exclusivamente centrado nos salarios para os anos 2022 e 2023. Comprometémonos a continuar as negociacións referentes ao texto do acordo e aos demais incrementos no mes de xaneiro de 2024.

    O acordo contempla un incremento en táboas do 8% para os anos 2022 e 2023, ademais dunha paga lineal de 1.250€ proporcional a xornada e tempo traballado. Se a suma dos IPCs 2022-2023 é superior ao 8% de incrementos acordados, a diferenza terase en conta para a negociación de salarios de 2024.

    acordo salarial hostalaría Pontevedra

  • Convocatoria de asemblea do sector de oficina e despachos de Pontevedra

    Os sindicatos CCOO e UGT convocamos unha asemblea para os traballadores do sector de Oficinas e Despachos de Pontevedra, en resposta ás dificultades enfrentadas durante as negociacións do convenio laboral.

    A decisión de convocar a asemblea foi tomada despois dunha nova reunión programada para a mesa de negociación. O obxectivo principal do encontro é explicar as propostas presentadas por cada sindicato, proporcionando aclaracións e respondendo ás dúbidas que os traballadores poidan ter.

    A asemblea está programada para o día 12 de decembro de 2023, ás 20:00 horas, e terá lugar na sede de UGT Vigo, situada na Rúa García Barbón número 67, 5º andar.

  • Convenio oficinas e despachos provincia de Pontevedra: A CEP suspende a súa participación

    O pasado 17 de novembro recibimos a noticia da decisión da Confederación de Empresarios de Pontevedra —órgano que asumira a negociación do Convenio de Oficinas e Despachos da Provincia de Pontevedra—, de suspender a súa participación nas conversas.

    A patronal trasladou a todos os sindicatos que esta decisión foi tomada en resposta ás mobilizacións que a CIG emprendeu nos últimos días.

    CCOO lamentamos tal decisión, máis tendo en conta que despois de 12 anos co convenio paralizado, conseguírase sentar á CEP para asumir a negociación grazas á mediación do CGRL.

    Como expresamos anteriormente, desde CCOO consideramos que, tras tan só 3 reunións, a situación non xustificaba a ruptura, con manifestacións e folgas precipitadas e sen ter en conta o resto da parte social.

    CCOO tomaremos medidas para poñernos en contacto con todas as partes involucradas co obxectivo de reconducir a situación. A nosa intención é lograr que todas as partes se volvan sentar á mesa de negociación para actualizar un convenio que urxe ser revisado, en beneficio de todo o persoal do sector. Estamos comprometidos co diálogo e a búsqueda de solucións que atendan ás necesidades dos traballadores e traballadoras deste ámbito.

  • CCOO Servizos esiximos á patronal axilidade para renovar o convenio da hostalaría de Pontevedra

    CCOO-Servizos denunciamos a falta de interese da patronal de hostalaría da provincia de Pontevedra, que mantén o convenio caducado desde o 31 de decembro do 2021, hai xa case dous anos. Nnon podemos pasar outro Nadal sen regular as condicións de traballo no sector, especialmente nun momento en que os datos de ocupación están en máximos históricos.

    Nunha conferencia de prensa que tivo lugar este luns en Vigo, os voceiros de CCOO, Jorge Carneiro e José Mirás, sinalaron que as patronais se queixan acotío da falta de persoal, cando ao mesmo tempo sorprenden «con declaracións ilegais e polémicas realizadas desde a patronal estatal, que defende xornadas escravistas de 12 horas diarias».

    CCOO coida que cómpre «regular decontado» nun novo convenio as condicións de traballo, para o que lle reclama «axilidade» á patronal. O novo texto deberá incluír medidas para garantir a conciliación da vida persoal e a familiar, así como a mellora da cualificación profesional e dos salarios, para facer atractivas as condicións laborais do sector.

    Precisamente, os baixos salarios, así como os incumprimentos en materia de xornada, os horarios que impiden a conciliación ou a falta de regulación das condicións dos fixos-descontinuos son algúns dos principais problemas.

  • Reunión da mesa do convenio de oficinas e despachos de Pontevedra

    Con data 4 de outubro do 2023 volveuse a reunir a mesa negociadora do convenio colectivo de Oficinas e Despachos da Provincia de Pontevedra. Na última reunión a patronal comprometeuse a expoñer unha proposta económica:

    Revalorización salarial

    • Ano 2023: 4%
    • Ano 2024: 3%
    • Ano 2025: 3%

    Devanditos incrementos aplicaríanse sobre as táboas salariais do ano 2011 sen pago de atrasos e creando un complemento para aqueles grupos profesionais cuxas táboas salariais quedasen por baixo do SMI.

    CCOO deixámos claro que se deben actualizar previamente todas as táboas salariais ao SMI e a partir de aí negociar sobre o incremento salarial.

     

    Antigüidade

    Eliminación da antigüidade. CCOO manifestamos que non estamos dispostos a eliminar unha antigüidade que foi a que permitiu durante todos estes anos un mínimo de incremento salarial.

     

    Seguinte reunión, 19 de outubro

    Tras apenas unha hora de reunión, a CIG como sindicato maioritario na mesa, deixou a porta aberta a poder aceptar a proposta de incremento salarial da patronal sen tocar o resto do convenio e mesmo a abordar a eliminación da antigüidade.

    Para iso propúxolle á patronal presentar unha proposta de táboas salariais que contemple o devandito escenario e así podelo consultar coa súa base afiliativa.

    Desde CCOO deixamos constancia que non estabamos de acordo con dita proposta e que non se trataba dunha postura conxunta da mesa negociadora.

    Seguiremos defendendo que as persoas traballadoras do sector de oficinas e despachos de Pontevedra se merecen uns salarios dignos e á altura do convenio doutras provincias da nosa comunidade autónoma.