Categoría: Union Comarcal Vigo

  • Mobilización no comercio do metal de Pontevedra: Esixencias sindicais ante o bloqueo da negociación

    As centrais sindicais representadas na mesa do convenio do comercio do metal da provincia de Pontevedra (CCOO, UGT e CIG) convocaron unha mobilización para o vindeiro 17 de febreiro. O obxectivo é claro: esixirlle á patronal que retome as negociacións e abandone a súa postura inmobilista nun proceso que, segundo os representantes dos traballadores, «estase alongando demasiado».

    Esta convocatoria xurde como resposta directa ás propostas da parte empresarial, cualificadas polos sindicatos como «inasumibles» por supoñeren unha perda directa de dereitos e poder adquisitivo.

    As liñas vermellas: perda salarial e recortes en dereitos

    O principal escollo da negociación radica nas pretensións da patronal, que buscan modificar aspectos estruturais do convenio que afectarían negativamente ás nóminas dos traballadores e traballadoras do sector. Os sindicatos denuncian que aceptar estas medidas implicaría un «retroceso moi grande» e sinalan dous puntos críticos que deben ser retirados de inmediato:

    • Eliminación do complemento de incapacidade temporal (IT): A patronal pretende suprimir o complemento que garante o cobro do salario durante as baixas por enfermidade.

    • Compensación e absorción de melloras: Búscase permitir que as subas do convenio poidan ser absorbidas polas melloras voluntarias que as empresas xa estivesen a aplicar, o que na práctica conxela o salario real de moitos empregados.

    Antecedentes: tensión na mesa da industria e do comercio

    A decisión de mobilizarse o 17 de febreiro tomouse o pasado luns, 2 de febreiro, nun contexto de tensión crecente. Durante unha concentración previa no hotel Coia de Vigo, onde debía reunirse a mesa do convenio da industria do metal (na que tamén participa a patronal ATRA, presente na mesa do comercio), a parte empresarial decidiu suspender a reunión ao coñecer a protesta.

    Esta suspensión provocou unha resposta contundente da parte social, que a través dun escrito logrou forzar unha nova data de reunión para a industria, fixada finalmente para o 10 de febreiro.

    Un febreiro quente para o metal en Pontevedra

    Coa negociación da industria retomándose o día 10 e a mobilización do comercio programada para o 17, as vindeiras semanas preséntanse decisivas para o futuro laboral de miles de persoas na provincia. Os sindicatos manteñen a man tendida para negociar, pero advirten que non aceptarán recortes que precaricen as condicións laborais do sector.

  • CCOO reclamamos á Xunta medidas urxentes e compromiso co futuro do CTAG

    Reunión entre CCOO e a Xunta de Galicia polo CTAG

    Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2025.
    O secretario xeral da Federación de Servizos de CCOO de Galicia, Iván Cordeiro Fernández-Noriega, xunto coa secretaria xeral do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, Amelia Pérez Álvarez, e representantes da sección sindical de CCOO no Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), mantivemos unha reunión coa Xunta de Galicia para abordar a situación actual do centro.

    Na xuntanza participaron por parte do Goberno galego Pablo Fernández López (secretario xeral de Emprego), Covadonga Toca Carús (directora xeral do IGAPE) e Zeltia Lado Lago (directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego).

    CCOO alertamos sobre a perda de proxectos e os despedimentos no CTAG

    Durante o encontro, CCOO trasladamos a nosa preocupación pola perda de proxectos estratéxicos e polos 23 despedimentos executados nos últimos meses. Estes recortes supoñen unha descapitalización sen precedentes nun centro que, en máis de 20 anos de traxectoria, nunca afrontara unha crise similar.
    Lembramos que parte destas dificultades están ligadas á redución de encargas por parte dalgunhas empresas do padroado.

    Propostas de CCOO para garantir o futuro do CTAG

    Ante este escenario, CCOO reclamamos á Xunta:

    • Axilizar as liñas de financiamento público para dar resposta inmediata ás necesidades do centro.

    • Impulsar novos proxectos estratéxicos que aseguren estabilidade e futuro.

    • Apostar por novas áreas de negocio e reforzar o papel do CTAG como motor tecnolóxico e innovador da automoción en Galicia.

    Advertimos de que non abonda con medidas de curto prazo: é preciso un compromiso firme para consolidar o futuro do centro.

    Resposta da Xunta de Galicia

    A representación da Xunta expresou a súa vontade inequívoca de colaboración e subliñou que para o Goberno galego o CTAG é un centro estratéxico que “non se vai deixar caer”.
    Ademais, comprometeuse a explorar fórmulas de apoio que dean resposta ás necesidades inmediatas e consoliden a súa viabilidade a longo prazo.

    CCOO comprometémonos co persoal do CTAG

    Desde CCOO seguiremos defendendo o cadro de persoal con firmeza e responsabilidade, e reclamando a implicación de todas as partes para que o CTAG siga sendo referencia de innovación e emprego cualificado en Galicia.

  • Asinamos convenio na hostalaría de Pontevedra: Mellores salarios e novos dereitos

    Vigo, 17 de setembro de 2025.– CCOO Servizos asinamos onte o convenio colectivo da hostalaría da provincia de Pontevedra para 2024-2025. O acordo supón un avance histórico para o sector, con melloras salariais, novos dereitos sociais e maior estabilidade para o persoal fixo descontinuo.

    O convenio establece unha suba do 7% en dous anos, con cláusula de revisión segundo o IPC, así como permisos retribuídos para o acompañamento médico de fillos/as menores e un novo marco de recoñecemento profesional para camareiras de piso, axudantes e auxiliares a partir do ano 2027.

    Tamén incorpora unha regulación que garante maior previsibilidade e ingresos mínimos para o persoal fixo descontinuo, reducindo a estacionalidade e fortalecendo a estabilidade laboral.

    Desde CCOO destacamos que esta sinatura supón un paso adiante cara a unha hostalaría máis digna e sostible.

    sinatura convenio hostalaría Pontevedrasinatura convenio hostalaría Pontevedrasinatura convenio hostalaría Pontevedra

    Circular: Feito! Mellores salarios e máis dereitos

  • CCOO Servizos alertamos da descapitalización do CTAG e esiximos a reacción inmediata do padroado e da Xunta

    Vigo, 2 de setembro de 2025 – A Federación de Servizos de CCOO de Galicia expresamos a nosa profunda preocupación pola descapitalización que atravesa o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), derivada da perda de persoal cualificado, proxectos e recursos. En apenas mes e medio, a entidade executou 23 despedimentos (8 disciplinarios en xullo e 15 en agosto), unha situación inédita nos 23 anos de traxectoria do centro.

    Desde CCOO alértase de que estes despedimentos supoñen unha perda de capital humano e técnico,  que sostén a capacidade de innovación e competitividade do CTAG nun momento crítico para o sector da automoción.
     

    Inacción do padroado

    Criticamos a falta de implicación dos membros do padroado da Fundación CTAG, entre os que se atopan a Xunta de Galicia, Stellantis, Zona Franca, Borgwarner e outras entidades estratéxicas. O padroado permanece inactivo mentres o centro perde recursos e cadro de persoal, o que acelera un proceso de descapitalización que pode poñer en risco o seu futuro.
     

    Reclamacións sen resposta da Xunta

    CCOO Servizos solicitamos en dúas ocasións unha reunión urxente coa Consellería de Economía, Industria e Innovación, dirixida por María Jesús Lorenzana, sen obter até o momento resposta. Consideramos incomprensible a falta de reacción da Xunta, que forma parte do padroado e debería velar pola estabilidade dunha entidade estratéxica para Galicia.
     

    Intervención da Inspección de Traballo

    A denuncia interposta por CCOO a comezos de xullo perante a Inspección de Traballo por un posible ERE encuberto xa deu resultados: a autoridade laboral abriu actuacións e citou formalmente a empresa, obrigándoa a presentar documentación extensa sobre os despedimentos, xornada e salarios. CCOO consideramos este paso unha garantía para verificar se se están a cumprir as obrigas legais

    O CTAG é un centro estratéxico para Galicia. Non podemos permitir que a descapitalización e a inacción das institucións poñan en risco o seu futuro. CCOO seguirá defendendo o cadro de persoal con firmeza, responsabilidade e transparencia.

    Noticia en prensa:

    Cadena SER: CC.OO. denuncia la "descapitalización" del CTAG en O Porriño

    Diario de Santiago: CCOO alerta de «descapitalización» del centro tecnológico del automóvil de O Porriño

    Galicia Confidencial: CC.OO. alerta da "descapitalización" do CTAG e pide a "reacción" do seu padroado, no que se inclúe a Xunta

    GaliciaPress: El lento languidecer del CTAG, "descapitalizado por la Xunta", denuncia CC.OO.

    La Voz de Galicia: CC.OO. denuncia los despidos en el CTAG y reclama a la Xunta que actúe

  • CCOO Servizos reclamamos á Coruña, Santiago e Vigo un diálogo sobre a taxa turística e criticamos a exclusión sindical

    Desde CCOO Servizos dirixímonos hoxe aos Concellos da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo para reclamar a apertura dun diálogo serio e transparente sobre a taxa turística en Galicia. Denunciamos con firmeza a exclusión sindical deste debate, xa que, mentres na maioría dos casos se consultou ás asociacións empresariais do sector turístico e hostaleiro, non se nos deu a mesma oportunidade ás organizacións que representamos ás persoas traballadoras.

    Esta exclusión supón un debate incompleto e desequilibrado, xa que se silencia a voz do persoal do sector. O turismo non pode construírse só escoitando ás patronais: as persoas traballadoras tamén temos dereito a participar e a ser escoitadas. Desde CCOO Servizos, as Unións Comarcais de CCOO da Coruña, Santiago-Barbanza e Vigo, apostamos por un diálogo aberto e plural que permita avanzar cara a un modelo turístico máis xusto, sustentable e beneficioso para toda a sociedade galega.

    Defendemos que, se se xestiona de forma adecuada, a taxa turística pode converterse nunha ferramenta clave para reforzar a sustentabilidade e o equilibrio do turismo en Galicia. Por iso, reclamamos que os recursos recadados se destinen prioritariamente a:

    • Mellorar os servizos públicos básicos, que soportan unha forte presión pola chegada de visitantes.

    • Reforzar as condicións laborais no sector turístico e hostaleiro, garantindo emprego digno e estable.

    • Protexer o patrimonio cultural e natural galego, asegurando a súa conservación para as xeracións futuras.

    • Investir en transporte público, limpeza e seguridade cidadá, servizos esenciais que tamén se ven afectados pola actividade turística.

    En definitiva, desde CCOO Servizos reiteramos a nosa disposición ao diálogo cos concellos da Coruña, Santiago e Vigo e lembramos que un turismo sustentable en Galicia só é posible se se escoita tamén ás persoas traballadoras.