Categoría: Union Comarcal Vigo

  • Un ano máis, volven os despedimentos a Media Markt Vigo!

    O Comité de Empresa de Media Markt Vigo, considera necesario manifestar publicamente a súa indignación e rexeitamento polos despedimentos inxustificados na nosa tenda. Unha vez mais a Empresa decide prescindir de persoas traballadoras cualificadas e cunha longa traxectoria na compañía, coa excusa de que non son produtivos.

    Esta multinacional está a afacerse a que os/as profesionais traballen baixo presión para conseguir os resultados que esperan, presionando para que vendan todo tipo de servizos sen importar como, e utilizando daquela as súas estatísticas para marcar a uns e premiar a outros inxustamente.

    Este caso é aínda mais sanguento se cabe, xa que os despedimentos coinciden coa incorporación á tenda dos estudantes de Formación Dual, que aínda que deberían de completar a súa formación na Empresa normalmente son utilizados para substituír as persoas traballadoras.

    Ademais estes días Media Markt presume nos medios de comunicación de incorporar algunhas tendas da competencia á súa marca e manter o emprego das mesmas, con todo vemos que non fai o mesmo cos traballadores/as que levamos anos dándoo todo por eles e situándoos como líderes no sector.

    Solicitamos por iso que se reincorpore aos traballadores despedidos e o cesamento da presión sobre os/as compañeiros/as para conseguir os obxectivos. Con esta actitude a Empresa empeza mal o camiño para conseguir ser un "BEST PLACE TO WORK", e unha Empresa con traballadores que crean nela para dar o mellor servizo aos seus clientes.

    BASTA DE DESPEDIMENTOS EN MEDIA MARKT, QUEREMOS TRABALLAR EN CONDICIÓNS E SEN PRESIÓNS INDISCRIMINADAS, SOMOS TRABALLADORES NON NUMEROS!

  • CCOO Servizos anuncia paros pola degradación das condicións de traballo en Bosch, a segunda maior empresa de Vigo

    A Federación de Servizos de CCOO anuncia paros pola degradación das condicións laborais en Bosch Service Solutions, a segunda maior empresa de Vigo por número de traballadores e traballadoras. Tras un expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) que afectou a máis de 800 persoas, hoxe en día conta cunhas 1200 teletraballando; a maior parte delas achegan os seus propios medios sen que lles compensen os gastos do xeito en que obriga a lexislación —RD 28/2020 sobre traballo a distancia.

    Desde o comezo da pandemia, a sección sindical de CCOO denuncia a «inadecuada» política de prevención de riscos laborais, especialmente en cuestións como a falta de ventilación axeitada ou sistemas de climatización estragados —que non se arranxaron ata que se denunciou na Inspección de Traballo—. «Isto pon en risco a saúde do persoal», advirten desde Comisións.

    Amais da non compensación dos gastos e das deficiencias en prevención de riscos, CCOO tamén denuncia que a empresa impuxo as vacacións a case 800 persoas, facendo caso omiso do acordo a que se chegara recentemente co comité de empresa ante o Consello Galego de Relacións Laborais.

    Horario dos paros

    Ademais de «interpoñer as medidas legais oportunas», CCOO-Servizos e o comité de empresas convocan paros parciais para as próximas semanas. Os primeiros terán lugar o xoves, día 17, de 11 a 12 e de 17 a 18 horas, e o venres, día 19, de 13 a 14 e de 17 a 18 horas.

  • A sección sindical de CCOO Bosch Service Solutions denuncia a inadecuada política de prevención de riscos laborais no seu centro en Vigo

    Bosch Service Solutions é a segunda empresa máis grande de Vigo por volume de persoal dedicada ao sector de contact center, que presta servizos a clientes como Vodafone, Repsol, Orange ou Iberdrola.

    O ano pasado sufriu un ERTE que afectou a máis de 800 persoas e a día de hoxe conta con aproximadamente 1200 persoas en teletraballo, que achegan —a maioría— os seus propios medios sen que exista unha compensación dos gastos como esixe o RD 28/2020 sobre traballo a distancia. Ler máis

    A sección sindical de CCOO leva denunciando desde o principio da pandemia unha inadecuada política de prevención de riscos laborais, que pon en claro risco a saúde dos traballadores e traballadoras (falta de ventilación adecuada, sistemas de climatización estragados que no se arranxaron ata que se denunciou á inspección, etc.) 

    A Sección Sindical de CCOO quere mostrar publicamente o seu rexeitamento á degradación continua das condicións de traballo impostas por BOSCH en Vigo. O último e claro exemplo é a imposición das vacacións a case 800 persoas de forma unilateral, saltando o acordo alcanzado recentemente co comité de empresa ante o Consello Galego de Relacións Laborais.

    Desde o sindicato anuncian a interposición das medidas legais oportunas así como a valoración de convocatoria de mobilizacións nas vindeiras semanas.

  • Asinado o Convenio Comercio-Alimentación de Pontevedra

    O pasado venres 18 asinamos o convenio de Comercio Alimentación da Provincia de Pontevedra. Este novo convenio mantén o anterior convenio excepto nos seguintes aspectos:

    • Ámbito territorial, persoal e funcional, no que se mellora a redacción para garantir a inclusión de tódalas actividades de comercio alimentación e gandería.

    • Promoción profesional. Inclúese a promoción aos tres anos das categorías de telefonista, persoal de limpeza, axudante do grupo C, que comezarán a promocionar a partir do 1 de xaneiro de 2021, e a categoría de profesional de oficio de 2ª – Chofer de 2ª para as que se crea unha nova categoría de promoción, estas a partir do 1 de xaneiro de 2023.   Ler máis

     

    • Creación dunha comisión para tratar ao longo da vixencia do convenio as cuestión referidas sobre todo a clasificación profesional (definición das categorías profesionais, inclusión das categorías de seccións) e xornada, ademáis da que obriga a lei e atingue aos Plans de Igualdade, transparencia retributiva e fenda salarial.

    • Seguro de vida por accidente laboral de 12.000 €

    • Incremento salarial en tódolos conceptos: (Adxuntamos as táboas)

    • Ano 2020: 1% con caracter retroactivo a 1 de xaneiro

    • Ano 2021: 1,5%

    • Ano 2022: 1,5%   

    Tras asinar o convenio o seguinte paso é que sexa revisado pola Consellería correspondente e que se publique no boletín para a súa aplicación definitiva. Nesta ocasión e debido a que a patronal se negou a facer no día da sinatura ningún cambio sobre o acordado con o AGA, temos claro que nos veremos obrigados a facer modificacións en artigos que non se axustan á legalidade polo que o texto definitivo non o teremos ata que sexa publicado.

    Como sempre, CCOO poñémonos a disposición das persoas traballadoras do sector, para que as condicións recollidas no convenio se cumpran. Temos claro que non podemos relaxarnos unha vez acadado o acordo, e que calquera convenio non é bo nin malo por si mesmo, senón porque realmente se aplique.

    En canto comece o ano 2021 temos que por en marcha a comisión para, como cuestión principal, regular as categorías profesionais. É preciso profesionalizar o sector e eso pasa por marcar as funcións das diferentes categorías e creas as categorías de seccións.

    Podes consultar os artigos actualizados do convenio no PDF adxunto

    Artigos actualizados e táboas salariais