- Festivos locais A Coruña
- Festivos locais Lugo
- Festivos locais Ourense
- Festivos locais Pontevedra
- Festivos Galicia (DOG)
- Apertura domingos e festivos comercio (DOG)
- Festivos resto comunidades (BOE)
Categoría: Union Comarcal Vigo
-
Cuarta e Quinta reunión da Mesa do Convenio de Comercio Alimentación Pontevedra
Nesta cuarta reunión por primeira vez a patronal presentou a súa proposta de negociación, na que modifica e fai unha distribución distinta do articulado do convenio que teremos que ver en profundidade. De inicio destaca a conxelación da antigüidade, a compensación e absorción das condicións máis beneficiosas, unha modificación dos grupos profesionais, en principio tendo como base o establecido neste senso no Convenio da provincia de Coruña, e modificación nas licenzas.
CCOO negociaremos cada un dos apartados cando corresponda, tendo en conta a nosa plataforma e o obxectivo de mellora das condicións do convenio, sen aceptar nada que poida supoñer un retroceso.Ler máis
Comezamos a negociación por orde dos artigos de convenio, o que nos levou a valorar o ámbito de aplicación e a duración, a clasificación profesional e a contratación.
CCOO deixamos claro como aspectos principais nestas materias que queremos unha clasificación profesional moderna e que garanta o encadramento profesional de cada categoría, creando o mesmo tempo as categorías de seccións. Ademais aclaramos que non vamos a aceptar a compensación e absorción e na contratación queremos máis garantías e estabilidade para as persoas que están a tempo parcial.
CCOO apostamos por unha negociación áxil. Con isto esgotamos a sesión de negociación e quedamos para a seguinte reunión, na que comezamos co capitulo de xornada, vacacións e licenzas.
O luns, vinte e un de setembro, celebrouse a quinta reunión de negociación na que fixemos unha breve revisión dalgunhas materias tratadas na reunión anterior. A parte patroal comunícanos que vai facer unha proposta diferente á que se presentou no seu día e que supoñíamos conxunta. Nestes momentos temos unha proposta de ASAP, que engloba basicamente os supermercados, e unha futura que presentará FEGACOIN, a outra patronal que integra a mesa negociadora.
As principais novidades da proposta da patronal na materia de xornada son:
- Que no descanso semanal se acumulen os medios días, e se gocen nun período de ata catro semanas
- Que os 16 días mínimos de vacacións que establece o convenio actual a gozar entre xuño e setembro nos centros de traballo de máxima actividade non se gocen nese período
- Unha modificación nas licencias aumentando os días para algunhas cuestións e diminuíndoas ou poñendo trabas noutras.
Por parte de CCOO expuxemos o recollido na nosa plataforma facendo fincapé:
- Na necesidade de establecer a xornada máxima anual que ciframos en principio en 1753 horas, e que se garanta o goce dos festivos que estean establecidos por lei, que en moitos casos non teñen que coincidir parcialmente con vacacións.
- No relativo ás vacacións solicitamos que se abonen todos os conceptos económicos cando se gozan, incluído algúns como a nocturnidade, cuestión esta que está xa recollida tamén na proposta da patroal.
- A posibilidade de en caso de desacordo na fixación das vacacións, que a persoa traballadora poida elixir cando gozar cando menos 15 días.
Sobre a réplica da patroal nesta materia e deixando a un lado a súa proposta sobre licencias que queremos valorar en profundidade, manifestamos o noso total desacordo con que unhas persoas por estar os seus centros de traballo nunha zona concreta non poidan gozar de un período mínimo de vacación en época estival, e entendemos que os 16 días establecidos actualmente no convenio son perfectamente asumibles polas empresas incluso nestas situación de máxima actividade.
Rematada a sesión, quedou fixada a próxima para o luns 28 ás 16:30, na que continuaremos a negociar por artigos.
Nestes comunicados pretendemos ser o mais concisos posible, pero calquera información que queirades ampliar estamos o voso dispor por medio das nosas delegadas ou delegados ou no propio sindicato.
-
Constituída a Mesa do Convenio de Comercio Alimentación de Pontevedra
O pasado 22 de xullo constituíuse a mesa do Convenio de comercio de alimentación da provincia de Pontevedra, que terá representación de CCOO e na que, coma en todas as ocasións que nos enfrontamos á negociación deste convenio, exporemos e defenderemos as nosas reivindicacións para facer que continúe mellorando.
Nesta primeira reunión presentamos a nosa plataforma, na que procuramos recoller todas aquelas cuestións que coidamos necesario mellorar no actual convenio.
Por suposto, para CCOO o máis importante é manter as cousas boas do actual convenio, que tanto custou conseguir e manter ao longo da historia. A antigüidade, a promoción profesional e o complemento de incapacidade temporal (IT) é posible que sexan, un ano máis, os temas estrela na negociación, e CCOO volverá defendelos coma en ocasións anteriores, sobre todo porque sabemos que son temas moi importantes para o colectivo de persoas que traballades neste sector. Ler máis
Ademais, na nosa plataforma expoñemos outras cuestións que nos parecen importantes e, algunhas delas, necesarias para adaptarse aos novos tempos que nos chegan:
-
Na cuestión salarial, propoñemos un incremento lineal de 35 € no salario base e o 3,5 % no resto dos conceptos en cada un dos anos de vixencia, en principio ata o 2022. A pesar de que a evolución do ipc nos últimos anos está a ser moi estable, seguiremos insistindo na necesidade de recoller unha cláusula de revisión que garanta unha mellora do poder adquisitivo, como mínimo, do 0,5 %.
-
A posibilidade de que algunha empresa propoña desvincularse do convenio tamén queremos modificala na nova redacción, para evitar ao máximo as consecuencias negativas que este tipo de situacións teñen para as persoas traballadoras e que, de ser inevitable, estea perfectamente regulado para impedir abusos.
-
Canto á xornada de traballo, tentaremos unha vez máis que se estableza, ademais de semanalmente, de forma anual e que se acorde unha xornada máxima anual de 1753 horas.
-
Queremos regular a posibilidade de acumulación do permiso por lactación, tendo en conta a lexislación vixente e os diferentes tipos de xornada que se dan no sector. Nestes momentos, o convenio fai táboa rasa e establece 22 días sexa cal for a xornada que figure no contrato.
-
Para unha mellor conciliación da vida familiar e laboral, consideramos importante que se recolla a posibilidade de, sen reducila, poder comezar ou finalizar a xornada cunha marxe de flexibilidade de dúas horas.
-
No relativo ás vacacións, cómpre recoller o que xa recoñece a lei: a obriga de aboar conceptos como nocturnidade, traballo en cámaras conxeladoras, comisións, etc.
-
Tamén nos parece importante que os festivos que coincidan no noso período de vacacións se recuperen e gocen noutro momento. Consideramos totalmente inxusto que por este motivo se gocen menos festivos dos que marca a lei e, ao final do ano, terminemos traballando máis días.
-
Por último, no referente ás vacacións, queremos que se recolla que, de non haber acordo no establecemento do período de vacacións, o traballador ou traballadora teña o dereito de elixir cando gozar, polo menos, 15 días.
-
No que respecta ás licenzas, ademais de incrementar a cinco días a licenza por nacemento de fillos, accidente, enfermidade grave, hospitalización ou intervención cirúrxica sen hospitalización de parentes, queremos establecer con claridade que todas as licenzas comezan a gozarse a partir do primeiro día laborable seguinte a aquel en que se produza o feito causante, e que para o gozo das licenzas que o requiran e que se establecen no tempo necesario, terase en conta o tempo de desprazamento e os medios con que se conta para facelo.
-
Un ano máis, tentaremos modificar todo o apartado de excedencias e crear unha única excedencia voluntaria con reserva do posto de traballo.
-
Sendo este un sector sen demasiados vaivéns, entendemos que o emprego debe ser basicamente indefinido, polo que propoñemos que do total do persoal, como mínimo o 90 % debe ter esta condición. Consideramos en CCOO que se debe terminar xa coa rotación na contratación e que todos os postos que teñen carácter indefinido deben estar cubertos con este tipo de contrato.
-
No que se refire á contratación a tempo parcial, durante a negociación presentaremos unha proposta concreta, na liña de lles garantir ás persoas que teñen este tipo de contrato unha estabilidade nos horarios e o establecemento da xornada continuada obrigatoria.
-
En CCOO consideramos que xa é tempo de que no comercio da alimentación se recoñeza a profesionalidade dos postos e, para iso, só hai un camiño, que é recoñecer definitivamente as categorías de seccións. Xeneralizar en dependentes profesións que necesitan unha cualificación concreta, como son as de carnicería, peixaría, chacinaría ou froitería, non nos parece de recibo, por iso cremos que, ao tempo que se retiran outras categorías que están totalmente obsoletas, estas hai que incluílas necesariamente no novo convenio.
-
Por último, para adaptarnos aos novos tempos —e aínda que pareza que estes temas non teñen cabida neste convenio—, desenvolveremos unha proposta sobre teletraballo para aquelas categorías e funcións en que se poida aplicar e, doutra banda, estableceremos unha regulación para a desconexión dixital.
Este é o resumo das formulacións que CCOO levamos á mesa de negociación e que defenderemos coa participación activa das nosas delegadas e delegados. Pero isto non vai ser suficiente: un ano máis, será moi importante, sobre todo, a participación de todas as persoas traballadoras do sector coa que, coma en anos anteriores, contamos sen dúbida ningunha.
As dúas próximas reunións da mesa de negociación fixáronse os días 4 e 14 de setembro. Nelas esperamos obter unha primeira resposta por parte das patronais ás nosas plataformas.
Un ano máis, será case seguro unha negociación complicada pero, un ano máis, sacarémola adiante.
-
-
Magníficos resultados nas primeiras eleccións de CCOO en Prosegur AVOS Vigo
Con data vinte de novembro celebráronse eleccións no centro de Prosegur Avos en Vigo cuxos resultados foron en número de delegadas/os de CCOO 2 e CIG 3.
Esta son as primeiras eleccións nas que CCOO obtén representación no centro de Vigo e nas que até a data existía un comité composto por tres delegadas de CIG e dúas delegadas de UGT.
Damos os nosos parabéns ao traballo realizado pola nosa candidatura e máis tendo en conta que a cabeza de lista se atopa inmersa nun proceso por despedimento loitando pola nulidade do mesmo.
Desde a Federación de Servizos agradecemos tanto ás persoas que nos deron o seu apoio como ao resto do persoal pola participación nesta xornada electoral. Desde aquí trasladamos o noso compromiso para levar a cabo o mellor traballo posible en defensa dos intereses de todo o persoal.
