Categoría: Union Comarcal Vigo

  • O persoal de LIDL Pontevedra elixe a CCOO Servizos como a forza maioritaria do comité

    CCOO Servizos logramos un importante avance nas eleccións sindicais celebradas en LIDL Pontevedra, establecéndonos como a forza sindical maioritaria. Os resultados mostran un claro respaldo do persoal á nosa organización, que obtivo un total de 6 representantes no comité de empresa.

    Resultados por colexios electorais

    No colexio de técnicos e responsables, CCOO obtivemos 1 representante con 30 votos, seguido por UGT con 1 representante e 20 votos, e CIG con 1 representante e 16 votos.

    No colexio de especialistas e caixeiros/as, CCOO logramos unha ampla maioría con 5 representantes e 91 votos. CIG e UGT obtiveron 2 representantes cada un, con 37 e 36 votos respectivamente. Valorian conseguiu 1 representante con 25 votos.

    Comparativa cos resultados anteriores

    Os resultados destas eleccións supoñen unha mellora significativa para CCOO respecto ás anteriores, onde obtivemos 5 representantes. Agora, cun total de 6 representantes, CCOO consolidámonos como a forza maioritaria no comité de empresa.

     

    Sindicato

    Resultados actuais

    Resultados anteriores

    CCOO

    6

    5

    CIG

    3

    5

    UGT

    3

    0

    Valorian

    1

    2

    Fetico

    0

    1

     

    Agradecemento ao persoal

    Desde CCOO queremos expresar o noso máis sincero agradecemento a todo o persoal de LIDL Pontevedra, que depositou a súa confianza en nós. Este apoio reafirma o noso compromiso de seguir traballando incansablemente para defender os dereitos e intereses de todas as persoas traballadoras da empresa.

    Este resultado é un claro reflexo do recoñecemento á nosa labor sindical e un estímulo para continuar mellorando as condicións laborais en LIDL Pontevedra. Comprometémonos a exercer esta responsabilidade con dedicación e transparencia, buscando sempre o beneficio colectivo de todo o persoal.

  • Pesar polo falecemento dunha traballadora no Hotel Balneario de Mondariz

    CCOO Servizos trasladamos as nosas condolencias aos familiares, compañeiros/as e amizades da traballadora, que perdeu a vida nun accidente laboral nas instalacións do Hotel.

    A Federación de Servizos de CCOO de Galicia sinalamos que a protección da seguridade das persoas e traballadoras é «unha das prioridades» nas relacións laborais nun estado de dereito. Por esta razón, «queremos lembrar a importancia e necesidade de reforzar nestas datas todas as medidas de Prevención de Riscos que permitan evitar situacións de tensión térmica que poidan derivar en situacións fatídicas».

    Á espera de confirmar oficialmente as causas do falecemento da traballadora, CCOO alerta do incremento «xeneralizado» da sinistralidade laboral no noso país, razón pola cal o sindicato reivindica políticas públicas en saúde laboral e un maior control por parte da Administración sobre a aplicación das ferramentas de prevención de riscos laborais en todas as empresas. Insistimos na necesidade de colaboración entre os diferentes axentes involucrados na prevención para evitar que traballadores e traballadoras sigan perdendo a vida a causa de accidentes laborais e esiximos a pronta e exhaustiva investigación do falecemento e a depuración de responsabilidades se as houbese.

    Onda de calor e traballo

    CCOO Servizos volvemos reclamar, como o levamos facendo desde hai moitos anos, que se actúe ante as temperaturas extremas no entorno laboral, pois as persoas traballadoras son un colectivo vulnerable. Debe actuarse, non só cando hai ondas de calor, senón que hai que previlas e estar preparado todo o ano. Co cambio climático estes episodios son cada vez máis numerosos e frecuentes, mesmo fóra dos períodos estivais. De feito, no mes de abril de 2024 soportamos as primeiras temperaturas anormalmente elevadas, sen chegar a ser cualificadas como onda de calor.

    Evitar a tensión térmica é unha obrigación para todas as empresas desde que existe a Lei de Prevención de Riscos Laborais. O Real Decreto de seguridade e saúde nos lugares de traballo, modificado o ano pasado, permite paralizar a actividade laboral ante unha alerta vermella ou laranxa para calquera risco relacionado con fenómenos meteorolóxicos adversos, incluídas as temperaturas extremas. Ampara a calquera persoa traballadora, especialmente ás que desenvolven a súa tarefa ao aire libre ou en lugares de traballo pechados non climatizados, se a aplicación de medidas preventivas non é suficiente para poder garantir a súa saúde.

    Este ano existe unha novidade importante no Plan nacional de actuacións preventivas dos efectos do exceso de temperaturas sobre a saúde (Ano 2024), que desenvolve o Ministerio de Sanidade para evitar os danos á saúde de toda a poboación. Nel inclúense como zonas isoclimáticas as que marca a AEMET, posto que non todas as rexións teñen o mesmo limiar de temperatura máxima para dar os seus avisos por calor (non afectan da mesma maneira 35 graos en Madrid que en Mondariz).

    *Mapa de niveis de risco para a saúde: https://www.sanidad.gob.es/excesoTemperaturas2024/meteosalud.do

    Desde o punto de vista da protección da saúde, tamén para a poboación traballadora, é necesario incluír estas alertas epidemiolóxicas, que se incluíron na páxina de AEMET como alertas METEOSALUD, nos plans fronte á calor das empresas, posto que se demostrou que os danos á saúde comezan moitas veces antes de que se disparen as alertas meteorolóxicas por ondas de calor.

  • Paradores: Concentrámonos polo desbloqueo da negociación do convenio

    Despois de 4 anos de negociacións infrutuosas do Convenio e de non recoñecer o fondo existente de 1.700.000 € para a constitución do Plan de Pensións, o 29 de maio CCOO concentrámonos na sede de Paradores en Madrid para reivindicar un cambio de actitude por parte da Hoteleira Pública. Ler máis

     

     

    Cuns resultados económicos históricos da empresa pública Paradores e tras anos de negociacións sen ningún tipo de resultado, CCOO dixo "abonda xa!" e expuxo unha serie de mobilizacións co fin de forzar un cambio na actitude da empresa pública. A primeira destas accións desenvolveuse fronte á sede da compañía en Madrid, na rúa José Abascal, 2-4, o mércores 29 de maio ás 12:00 h.

    Paradores é unha hoteleira pública con centros en todas as provincias do noso país, que se concreta en 97 Paradores Nacionais e un cadro de persoal de máis de 5.300 persoas, das cales, un 60 % son mulleres.

    O convenio colectivo atópase caducado e en negociación desde hai catro anos, e o Plan de Pensións comezou a funcionar hai máis de vinte anos, pero a Empresa négase a recoñecer as achegas acumuladas, que suman 1.700.000 €. Ademais, a conflictividade está disparada, tanto colectivamente como individualmente, o que leva a xudicializar a inmensa maioría dos conflitos.

    O cadro de persoal de Paradores leva anos arrastrando unha perda de poder adquisitivo con respecto ao sector público, e en moitos casos estando por debaixo dos convenios provinciais de Hostalería. Persoal que ve como a Empresa saca peito dos seus resultados económicos e de actividade, mentres que nunca é bo momento para abordar de forma seria os seus problemas. Isto provoca unha fuga de talento que pon en perigo a viabilidade e o futuro da empresa. CCOO reivindicamos a Paradores como unha empresa pública, cuns valores máis alá dos propiamente económicos (o cal é moi positivo) que contribúen a un desenvolvemento social e sostible das zonas onde se atopan situados, e que serven como motor turístico e económico, ademais de protexer e manter un patrimonio de gran valor histórico-artístico.

  • A loita por condicións laborais dignas no convenio de oficinas e despachos de Pontevedra. Concentración e rolda de prensa

    Trala convocatoria de folga convocada para os días 16, 17, 18 e 19 de abril pola Federación de Servizos de CCOO en Galicia e UGT, o 18 de abril levouse a cabo unha rolda de prensa onde se denunciou publicamente o bloqueo por parte da patronal do convenio de Oficinas e Despachos.

    Na devandita rolda de prensa tamén se denunciou por parte da Federación de Servizos a intención de seguir precarizando un sector altamente cualificado, con salarios cuxas táboas non alcanzarían nin sequera o Salario Mínimo Interprofesional, segundo as intencións da patronal.

    Pola tarde tivo lugar unha concentración diante da sede da CEP de Pontevedra en Vigo, con numerosas persoas persoas traballadoras do sector a reivindicar a non eliminación do plus de antigüidade e o dereito a unhas condicións e salarios dignos.

    Vídeo rolda de prensa

    Imaxes das concentracións

  • UGT e CCOO convocamos folga os días 16, 17, 18 e 19 de abril no sector de oficinas e despachos de Pontevedra

    A patronal manifestou a súa liña vermella de eliminar a antigüidade na última reunión da mesa negociadora do convenio de oficinas e despachos da provincia de Pontevedra do pasado 19 de marzo, á cal nos opoñemos frontalmente a parte social. Por este motivo nos emprazamos ao 12 de abril para tentar desbloquear a situación. Porén, onte á tarde comunicóusenos a anulación da xuntanza prevista para hoxe.

    É por iso que, dacordo tamén ás asembleas de traballadores/as levadas a cabo, UGT e CCOO convocamos unha folga na provincia de Pontevedra de 4 días, dende o 16 ata o 19 de abril, na que ti poderás escoller o día que queres facer folga sen necesidade de preavisar a ninguén. Ditas folgas convócanse en protesta respecto ao intento da patronal de seguir precarizando as condicións económicas e laborais do sector de Oficinas e Despachos de Pontevedra. As persoas traballadoras do sector non son persoal de segunda e merecen condicións laborais similares ás doutras provincias.

    Así mesmo, convocamos unha concentración o día 18 de abril as 19:30 horas diante da sede da CEP Pontevedra. Esperámosvos a todos/as, é o momento de dicir BASTA XA!!!