Categoría: Union Intercom. Ourense

  • Xuntanza de delegadas/os e afiliadas/os de Paradores de Galicia

     O pasado luns 5 de xuño tivo lugar nos locais de CCOO en Monforte de
    Lemos unha reunión de delegados e delegadas de Paradores de Galicia
    na que participamos a Sección Sindical de Galicia e delegados,
    delegadas, afiliados e afiliadas dos Paradores das provincias de Lugo
    e Ourense.

    Nesta reunión valoramos o plan de traballo desta Sección Sindical
    e debatemos sobre os problemas máis importantes que afectan ó
    persoal destes Paradores de cara a buscar solucións para cada un
    deles. Segue

     A conclusión máis importante que sacamos desta reunión é a
    necesidade que temos todos os traballadores e traballadoras de
    Paradores de reforzarnos sindicalmente para defender en conxunto os
    nosos intereses. Neste mundo globalizado é imporante que se
    globalicen tamén os dereitos que como clase traballadora nos
    corresponden e iso só se acada estando organizados, para o que
    entendemos que CCOO é a ferramenta axeitada e necesaria. Nestes
    momentos nos que se intenta por todos os medios desprestixiar as
    organizacións sindicais para eliminar a ferramenta que
    historicamente tivemos a clase traballadora para defendernos, temos
    que ser máis intelixente e non permitilo. Por isto un dos obxectivos
    principais que nos marcamos a representación de CCOO en Paradores de
    Galicia é trasladar ao conxunto dos traballadores e traballadoras a
    necesidade de afiliarse e organizarse.

    Tamén decidimos trasladar á dirección de Recursos Humanos da
    empresa a través do seu representante na zona norte, os conflitos
    que nestes momentos ocupan e preocupan a representación de CCOO
    nos
    Paradores de Galicia co obxectivo de buscar solucións negociadas en
    primeira instancia antes de iniciar outras vías de solución.

    A Sección Sindical de CCOO de Paradores de Galicia, queremos
    transmitir a todos os traballadores e traballadoras a nosa intención
    de seguir traballando na mellora das condicións de traballo para
    todo o colectivo, comezando pola recuperación de dereitos e
    condicións de traballo que tanto esforzo custou conseguir e que
    quedaron no camiño por mor da negociación do ERE
    .

  • Comezan as negociacións do Convenio do Comercio Alimentación de Ourense

    O
    pasado 9 de maio constituíuse a mesa de negociación do noso
    convenio. A representación sindical na mesa é a seguinte:

    USO:
    6 CCOO: 4 UGT: 3 CIG: 2

    Na
    próxima reunión coa patronal, que se vai celebrar o mércores 31 de
    maio, empezarán as negociacións propiamente ditas. Os
    catro sindicatos puxémonos de acordo en elaborar unha plataforma
    conxunta
    para defendela de forma unitaria, o que nos vai dar máis
    forza de cara a conquistar melloras.

    Tamén
    convimos en redactar follas – resumen das negociacións que se vaian
    mantendo- a fin de que todo o persoal estea puntualmente informado da
    marcha das mesmas. No seu caso, valoraremos convocar asembleas
    informativas.

    FAGAMOS
    VALER A UNIDADE, 
    A
    UNIÓN FAI A FORZA

    Principais reivindicacións

    PRINCIPAIS REIVINDICACIÓNS
    SINDICIAS

    Duración e vixencia:

    • 2 anos (2017 e 2018).

    • Garantir a ultractividade para que o
      convenio se manteña integramente en tanto non se negocie outro que
      o substitúa.

    Incremento salarial:

    • No 2017, incremento ata a
      equiparación co salario do convenio de Lugo.

    • En 2018: incremento do IPC real de
      2017 mais un 0,5%, (garantindo un mínimo do 2%).

    Horas extras e complementarias:

    • Recargo do 100% nas horas semanais e
      do 175% nas de domingos e festivos.

    • Consolidación anual dunha parte das
      horas complementarias realizadas polos tempos parciais.

    Xornada e horario:

    • Reducir considerablemente a actual
      xornada anual de 1820 horas/ano.

    • Establecemento de mecanismos de
      control de entrada e saída ao centro de traballo, mediante a fichaxe do persoal.

    • Coñecemento individualizado do
      calendario mensual de traballo.

    Licenzas:

    • Ampliar o permiso de paternidade a 4
      semanas.

    • Incluir licenzas por ingreso
      hospitalario, ampliar algunhas ata o segundo ou terceiro grado e
      tamén incorporar unha nova licenza non retribuída de 28 días.

    Excedencias:

    • Ampliación por coidado de fillos ata
      que a crianza cumpra os 14 anos.

    • Actualizar a lexislación das
      voluntarias e obrigatorias.

    Inclusión de novos artigos sobre:

    • Igualdade home muller, protocolos de
      acoso, prevención de riscos ou póliza de seguro.

    Outras condicións:

    • Tamén reivindicamos melloras noutros temas coma roupa de traballo, vacacións, inventarios, etc.

  • CCOO Servizos revalida a súa maioría nas eleccións de Allianz en Galicia

    O pasado oito de maio tiveron lugar as votacións de Allianz en todo o Estado, e en Galicia para elixir aos delegados dos centros de Coruña, Vigo, Lugo e Ourense. Nesta ocasión o persoal volveu a escoller de forma maioritaria a candidatura de CCOO.

    Partindo dun censo de 66 persoas os resultados quedaron da seguinte forma: CCOO obtivo 3 delegados na Coruña, e un en cada centro de Vigo, Lugo e Ourense; repartíndose un UGT en Lugo e outro a CIG en Ourense.
    A sección sindical de CCOO quere amosar o seu agradecimento a todas as persoas que participaron neste proceso e en especial ás que co seu voto depositaron a súa confianza nas Comisións Obreiras.
  • Primeiro de Maio en Galicia: que a recuperación chegue xa a toda a cidadanía

    Miles de persoas participaron nas manifestacións que CCOO e UGT convocaron en toda Galicia (A Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Viveiro, Ourense, Pontevedra, Vilagarcía e Vigo) para conmemorar este Primeiro de maio e reclamaron que a recuperación chegue xa ao conxunto da cidadanía. Para isto, cómpre que os gobernos, o central e galego poñan riba da mesa todos os mecanismos necesarios para garantir emprego estable, salarios xustos, pensións dignas e máis protección social.

    Porque «xa non hai escusas» para que os traballadores e as súas familias continúen á marxe da recuperación económica, insistiron os sindicatos.

    Neste Primeiro de Maio, os secretarios xerais de CCOO, Xosé Manuel Sánchez Aguión, e UGT, José Antonio Gómez, denunciaron que a tímida mellora da situación do emprego está «ensombrecida» por máis e máis precariedade. Aqueles persoas que teñen un posto de traballo están a ver día tras día diminuídos os seus ingresos, pois ter un traballo «xa non garante ter unha vida digna», lamentaron os dirixentes sindicais ao remate da manifestación principal, na Coruña.

    Tamén as persoas pensionistas ven diminuídos os seus ingresos, malia que as pensións, nos peores momentos da crise, foron dos principais baluartes para sustentar a moitas familias. Asemade, as persoas que continúan en situación de desemprego, aínda ven como resulta cada vez máis difícil acceder aos instrumentos de protección social habilitados.

    Os secretarios xerais de CCOO e UGT afirmaron hoxe que «é preciso que a clase traballadora poida vivir dignamente co froito do seu traballo, e que aquelas persoas que non teñen un emprego poidan acceder a un en condicións dignas».

    Os datos revelan que, malia que a economía medra, Galicia segue sen recuperar emprego. O PIB xerado en Galicia no 2016 medrou, en relación ao 2007, previo ao estalido da crise, en 1.611 millóns de euros. «Algo está fallando», advertiron Aguión e Gómez.

    Fronte a isto, entre o cuarto trimestre de 2007 e o cuarto trimestre de 2016 perdéronse en Galicia más de 146.000 ocupados. Galicia está entre as comunidades autónomas que máis emprego perde nestes anos, só superada por Estremadura e Valencia. O desemprego subiu neste mesmo período en 107.800 persoas, un 111,8 por cento máis.

    Con todo, os dirixentes sindicais alertaron dunha realidade «aínda máis preocupante»: a situación «límite» de moitas familias galegas a causa do paro de longa duración, que se converteu xa nun elemento estrutural e que está a xerar situacións de pobreza e exclusión social. O paro de longa duración pasou de representar o 27,7 por cento no 2007 ao 58,2 por cento na actualidade. «Xa son moitas as persoas, con familias detrás, que non conseguen escapar da lacra do desemprego e a realidade evidencia que canto máis tempo nesta situación máis difícil é saír da mesma», apuntaron.

    Por todo isto, criticaron que os mecanismos articulados pola Xunta en materia de emprego «é evidente que non funcionan», polo que instaron a Administración galega a pór riba da mesa todas as medidas necesarias para romper o «círculo vicioso» do desemprego que se instaurou no mercado laboral galego.

    Malia complexa realidade, a Xunta reduciu a dotación orzamentaria en políticas activas de emprego en máis de 137 millóns de euros dende o ano 2008. A este recorte de fondos hai que sumarlle o recorte en prestacións e o endurecemento no acceso ás mesmas, imposta polo Goberno central. De feito, en Galicia quedan fóra do sistema de protección 110.000 persoas en situación de desemprego.

    Neste contexto, as mulleres seguen a levar a peor parte. A taxa de actividade das mulleres galegas está a cola do Estado; a taxa de temporalidade entre as mulleres galegas é case catro puntos superior á dos homes; a taxa de paro segue sendo superior a das mulleres, en 1,3 puntos, e tan só o 43,3 por cento das mulleres en paro perciben prestacións, fronte ao 56,7 por cento dos homes. E que dicir dos mozos que vense obrigados a abandonar Galicia na busca dun futuro mellor ante a falta de expectativas de cara ao seu futuro.

    Segundo Aguión e Gómez, todo isto ten «consecuencias dramáticas»: as desigualdades, a pobreza e o aumento progresivo da exclusión social, afectando a máis do 22 por cento da poboación.

    Fronte a esta realidade, ambos sindicatos demandan:

    • A derrogación das reformas laborais, que instalan a precariedade como norma de contratación e só fomentaron a desigualdade e a perda de dereitos.
    • Pór en marcha un plan de choque polo emprego con recursos.
    • Devolver o equilibrio de forzas na negociación colectiva, para que os sindicatos e empresarios poidan negociar en igualdade de condicións.
    • Reformar o sistema de prestacións por desemprego para facer que chegue a todas as persoas en situación de desemprego.
    • Un SMI suficiente e estable, chegando aos 1.000 euros a finais da lexislatura.
    • Unha Lei de igualdade salarial.
    • Derrogar a reforma das pensións de 2013. As pensións teñen que subir por riba do IPC.
    • Hai que acometer unha reforma fiscal integral que consiga máis ingresos e reparta mellor os esforzos, así como loitar contra a fraude fiscal.
    • É preciso poñer en marcha unha prestación de ingresos mínimos para todas aquelas persoas que, querendo traballar, non o poden facer.
    • A recuperación progresiva do gasto en sanidade, educación, protección social e axuda á dependencia.
    • Un Plan Estratéxico para a industria.
  • 10 de Marzo – Día da Clase Obreira Galega do 2017

    Hoxe, 10 de Marzo de 2017, conmemoramos o aniversario daquela tráxica
    data de loita, pero tamén de honra e de dignidade da clase obreira
    galega. Daquela, os traballadores e traballadoras da Bazán pelexaban
    polo seu convenio colectivo, por un salario digno, contra a carestía da
    vida, por mellores condicións de vida e polas liberdades democráticas.
    Hoxe, 45 anos máis tarde, a cerna daquelas reivindicacións é a mesma:
    seguimos loitando polos convenios colectivos, porque son o único
    instrumento válido para mellorar as condicións laborais das
    traballadoras e traballadores e porque con eles se aplica a primeira
    repartición da riqueza nas empresas.

    Por iso agora é máis importante, se cabe, a negociación colectiva. E por
    iso a patronal está menos interesada nela. A economía recupérase e
    estase a xerar riqueza, pero a súa distribución é inxusta: as rendas
    salariais perden peso fronte aos beneficios empresariais. Van aló case
    nove anos de crise e de nefastas políticas que non nos sacaron dela; e,
    sobre todo, dúas reformas laborais deixan tras de si un mercado de
    traballo deteriorado, emprego escaso e precario, salarios desvalorizados
    e unha negociación colectiva desposuída da súa antiga forza.

    Que
    saiba a patronal que daremos a batalla convenio a convenio, empresa a
    empresa, para recuperar a negociación colectiva. Temos capacidade de
    mobilización e temos propostas para frear a perda de poder adquisitivo
    dos salarios e para repartir de maneira negociada a produtividade.
    Medidas, por exemplo, como as recollidas nos Acordos Interconfederais de
    Emprego e Negociación Colectiva.

    Sen convenios non hai nin
    emprego nin salarios dignos e a recuperación económica non será sólida
    nin xusta. Sen negociación colectiva, a maioría social que carga cos
    efectos da crise non recuperará os niveis de vida anteriores.
    Galicia
    é hoxe máis pobre, máis inxusta, máis desigual. Temos peores servizos
    públicos e menor protección social que ao comezo da crise. Necesitamos
    máis e mellores empregos. Necesitamos anular os devastadores efectos de
    dúas reformas laborais e de case nove anos de axustes e recortes.

    O
    Goberno galego debe liderar un novo modelo de crecemento económico
    equilibrado e duradeiro, respectuoso co medio ambiente, condición
    necesaria para que creza a produtividade. Só nesas condicións a
    sociedade galega ampliará o seu horizonte de desenvolvemento e de
    cohesión social.

    Este novo modelo de crecemento debe asentar na
    formación ao longo da vida, na innovación e na industria, na creación de
    emprego estable e con dereitos, na protección ás persoas desempregadas e
    na igualdade entre mulleres e homes. Tamén ha contar con garantías para
    a protección da saúde no traballo, para asegurar condicións de vida
    dignas, con medidas para que as pensións, a educación, a sanidade ou a
    atención ás persoas dependentes sexan dereitos consolidados.

    Porque eles foron hai 45 anos, somos. Pola loita que fagamos, serán.

    VIVA A CLASE OBREIRA GALEGA!!
    VIVA O DEZ DE MARZO!!
    VIVAN AS COMISIÓNS OBREIRAS!!
    DANIEL E AMADOR, NA MEMORIA!!