UGT-Galicia e o S. N. de CCOO de Galicia convocaron para hoxe mércores, día 22 de febreiro, concentracións fronte ás sedes das patronais en
defensa da negociación colectiva. Os sindicatos lembran que o actual escenario
económico vén definido polo continuo do crecemento do produto interior bruto,
un 3,3 en Galicia en 2016 e uns prognósticos de aumento para 2017 do 2,4 %. CCOO
e UGT entenden que esta incipiente recuperación da economía se debe traducir
nunha mellora, tamén, do poder adquisitivo dos salarios, desvalorizados tras
máis de oito anos de crise.


Mediado xa o mes de febreiro, aínda non
foi posible consensuar coas patronais o díxito de aumento salarial para este
ano, tal e como se establecía no III Acordo sobre Emprego e Negociación Colectiva.
Os aumentos dos últimos meses sitúan a taxa interanual do IPC
no 3 % en xaneiro, prexudicando a capacidade de compra dos fogares. Porén, a
proposta das organizacións empresariais fica curta, con aumentos de «ata o 1,5
%», cifra inaceptable, pois suporía a perda de poder de compra dos
traballadores e as traballadoras nun contexto de expansión da actividade e dos
beneficios empresariais.
UGT e CCOO apostan por compatibilizar a
mellora de competitividade empresarial coa mellora dos salarios reais: subas do
1,8 ao 3 %, con cláusula de revisión para evitar que o aumento do IPC
por riba da previsión prexudique o pactado.
Ambos os dous sindicatos defenden a
recuperación dos salarios, pero tamén da calidade do emprego: nos últimos anos
non deixou de medrar a precariedade; hoxe, de cada 100 contratos que se asinan,
91 son temporais e 9 indefinidos, dos cales unicamente 5 son indefinidos a
tempo completo.
Isto, sumado a un paro de longa duración
que afecta ao 58 % do total de persoas desempregadas, un paro xuvenil que
alcanza ao 40 % da poboación activa galega menor de 25 anos, a caída en 16
puntos da cobertura das prestacións por desemprego ?só recibe prestación o 53 %
das persoas paradas e rexistradas nos servizos públicos de emprego? e unhas
baixas pensións que ocupan os últimos postos a nivel estatal ?e das que
dependen cada vez máis familias? conduce a unha situación insostible.
Os sindicatos defenden que a situación
actual esixe actuar con urxencia para rescatar as familias e construír un
modelo de crecemento que reduza o desemprego; que atalle a pobreza nas súas
múltiples manifestacións; que sirva para soster o modelo social recuperando a
calidade perdida na sanidade, a educación, a atención á dependencia; que aposte
pola industria e a innovación e a ciencia e por un marco democrático das
relacións laborais; que recupere a calidade do emprego, a negociación colectiva
e o tratamento do despedimento. Nesta orde de cousas non se pode esquecer a
necesidade de derrogar as reformas laborais impostas que tan lesivas están a
ser para o mercado laboral.