Categoría: Union Intercom. Ourense

  • Asinado o convenio de comercio téxtil de Ourense

    Este acordo, con vixencia para o período 2023-2024, introduce cambios significativos nas condicións laborais das persoas traballadoras do sector.

    Un dos aspectos máis destacados do acordo é a introdución dun sobresoldo do 75% para o traballo nocturno, o cal supón unha importante mellora no pagamento das horas realizadas nesa franxa horaria.

    No que respecta á xornada laboral, establécese que os traballadores con xornada intensiva deberán finalizar o seu turno ás 15:30 horas, mentres que aqueles con xornada parcial o farán ás 14:30 horas. Neste último caso, o persoal recibirá unha compensación do 50% do valor da hora ordinaria por cada hora realizada a partir das 15:00 horas e do 30% do tempo excedente desde as 14:30 horas. Ademais, aquel que traballe máis de 5 horas terá dereito a un descanso retribuído de 20 minutos, mentres que aqueles que realicen xornadas intensivas de 8 ou máis horas poderán gozar dun descanso de 30 minutos, dos cales 20 serán retribuídos.

    No que respecta aos sábados, aquel traballador que desempeñe a súa actividade nun establecemento con xornada continua durante todo o ano terá dereito a gozar de dez sábados libres ao ano, agás no mes de decembro. A elección dos días libres será acordada entre a empresa e o traballador, aínda que poderá ser denegada por razóns organizativas. Con todo, garantirase que os traballadores poidan gozar destes días ao longo de todo o ano. Para o ano 2023, cada traballador terá un día libre por cada mes completo que reste ata o remate do ano, excluíndo decembro. Estes dez sábados libres para o ano 2024 deberán ser reflictidos no calendario anual de horarios. É importante destacar que o gozo destes días libres non implicará unha redución da xornada laboral. Ademais, contémplase un permiso non retribuído de 30 días naturais, que deberá ser solicitado por escrito con 30 días de antelación.

    O acordo tamén establece que o calendario de persoal deberá ser negociado e asinado antes do 1 de decembro para a súa aplicación a partir do 1 de xaneiro do ano seguinte. Nas empresas con menos de 4 traballadores manteranse os prazos establecidos no texto anterior.

    En canto á redución da xornada por motivos de garda legal, amplíase a posibilidade de reducir a xornada ata os 14 anos, sen especificar o horario concreto.

    Outra modificación importante é a eliminación da categoría de Axudante. O acordo tamén inclúe unha definición clara de grupos e categorías profesionais, co obxectivo de proporcionar máis claridade e transparencia no ámbito laboral.

    No que respecta aos aspectos salariais, establécese un incremento do 3% para o ano 2023 e do 3% para o ano 2024. Ademais, se a suma do IPC real dos anos 2023 e 2024 supera o 6%, con límite do 8%, as táboas salariais serán actualizadas coa diferenza como base para a negociación do ano 2025.

    Con este novo acordo, os traballadores do comercio téxtil de Ourense poderán gozar dunhas mellores condicións laborais e salariais para os próximos dous anos.

  • «Ou salario ou conflito», advirte a secretaria xeral de CCOO

    "Levámolo dicindo durante todo o verán, despois de que a CEOE se erguese da mesa de negociación: "salario ou conflito". É unha cuestión de principios", sinalou a dirixente sindical ante os medios de comunicación.

    "A clase traballadora non pode pagar o custo da crise. Fálase moito de pacto de rendas, pero a patronal só quere oír falar del cando os traballadores e as traballadoras sexan quen asuman o custo da crise, por iso cómpre actuar tamén sobre os beneficios empresariais", clarificou a sindicalista.

    Hoxe venres, 7 de otubro, a secretaria xeral de CCOO, canda o seu homólogo da UGT, estarán na concentración convocada en Ourense, ás 12 horas, diante da patronal provincial.

    Mobilizacións do venres, 7 de outubro

    Xoves, 6 de outubro

    — Ourense: concentración ás 12.00 horas diante da Confederación de Empresarios de Ourense. Asistirán a secretaria xeral de CCOO e o secretario xeral de UGT

    — Lugo: concentración ás 12.00 horas diante da Confederación de Empresarios de Lugo (só CCOO)

    — Pontevedra: concentración ás 12.00 diante da Cámara de Comercio (só de CCOO)

    — Vigo: concentración ás 12.00 horas diante da Confederación de Empresarios de Pontevedra

  • Carrefour Ourense deberá aumentarlle a xornada a unha traballadora e indemnizala polo lucro cesante

    O Xulgado do Social núm. 1 de Ourense condena a Centros Comerciales Carrefour, S. A., de Ourense a lle aumentar a xornada laboral a unha traballadora e a indemnizala economicamente polo lucro cesante. A empregada, con máis de 25 anos de antigüidade, tiña xornada a tempo parcial e solicitara ampliala para traballar a tempo completo, ao considerar que se reunían os requisitos fixados no convenio colectivo. Ler máis

    Segundo o artigo 9 do convenio, en caso de aumento do cadro de persoal ou vacante para cubrir, os traballadores ou traballadoras a tempo parcial «terán preferencia nas novas contratacións a tempo pleno», coa finalidade de poder ampliar a súa xornada ata o máximo permitido.

    Isto é o que fixo a denunciante, asesorada por CCOO, pero a empresa negouse a atender a súa petición. Por esta razón, a sentenza afirma que Carrefour incumpriu o disposto no convenio. A resolución xudicial tamén coida probado que a empresa ten a recorrente necesidade de ampliar o cadro de persoal, algo que fixo con ducias de contratos a tempo parcial formalizados nos últimos anos.

    Polo tanto, no caso levado a xuízo, «enténdese que concorren todos os requisitos» para que a denunciante poida ver ampliada a xornada laboral de 36 a 39 horas, «condenando a empresa demandada a estar e pasar por esta declaración», sinala a sentenza. Así mesmo, tamén obriga a que «lle aboe os salarios deixados de percibir como consecuencia do dito incremento desde o 14 de maio do 2020».

    Loita contra a precariedade

    Para a Federación de Servizos de CCOO, a Xustiza continúa a darlle a razón ao sindicato na súa loita contra a precariedade laboral, «que se ceba principalmente coas mulleres traballadoras», como pode comprobarse en empresas como Carrefour Ourense, onde máis do 80 % dos contratos a tempo parcial están cubertos por mulleres, ou onde a proporción de mulleres no equipo de mandos é do 16 %.

  • CCOO BBVA: Rotundo éxito das Mobilizacións do persoal de BBVA en 15 cidades do Estado

    O Banco alega razóns organizativas e económicas para acometer o despedimento masivo de 3.798 persoas, mentres a cúpula directiva consolida remuneracións de centenares de millóns de euros anuais. Por iso, 6.000 empregadas e empregados do banco e parte das súas familias, manifestámonos fronte á sede territorial de quince cidades de todo o territorio estatal, para dicir basta a este Despedimento Colectivo.

    Unha clara demostración de unidade do persoal e os seus representantes sindicais, que nos dá forza para afrontar unha negociación que empezou o pasado día 6 de maio coa entrega do Informe Técnico e que continuará o vindeiro mércores día 12 de maio.

     O persoal e as organizacións sindicais falaron e BBVA debe escoitarnos, porqué non estamos dispostos a calar ante esta maiúscula inxustiza.

    É incrible a actitude de desprezo do Banco pretendendo pechar centenares de oficinas, deixando en risco de exclusión financeira a amplos sectores sociais, como o das persoas maiores ou co peche da única oficina de moitas poboacións e, por iso, tamén cara ás traballadoras e traballadores das devanditas sucursais.

    Despois de que BBVA publicase a remuneración milloraria dos seus directivos -véxase por exemplo Carlos Torres (4,09 Millóns de €) e Onur Genç (3,43 Millóns de €)- teñen a ousadía de facernos a seguinte proposta de indemnizacións para as persoas que queren botar á rúa:

    • Maiores de 63 anos: 20 días por ano traballado, máximo 12 meses.
    • De 58 anos a 62 anos: Con antigüidade mínima de 15 anos, renda temporal do 65% do nivel retributivo anual (até os 63 anos), descontando a prestación por desemprego. abono do convenio especial á Seguridade Social até os 63 anos.
    • 56 e 57 anos: Con antigüidade mínima de 15 anos, renda temporal do 60% da NRA, descontando a prestación por desemprego. Abono do convenio especial á Seguridade Social, até os 61 anos.
    • Resto de persoal: 27 días por ano traballado, até un máximo de 18 mensualidades.

    Vídeo explicativo