Categoría: Union Intercom. Santiago Barbanza

  • CCOO Servizos reclamamos á Coruña, Santiago e Vigo un diálogo sobre a taxa turística e criticamos a exclusión sindical

    Desde CCOO Servizos dirixímonos hoxe aos Concellos da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo para reclamar a apertura dun diálogo serio e transparente sobre a taxa turística en Galicia. Denunciamos con firmeza a exclusión sindical deste debate, xa que, mentres na maioría dos casos se consultou ás asociacións empresariais do sector turístico e hostaleiro, non se nos deu a mesma oportunidade ás organizacións que representamos ás persoas traballadoras.

    Esta exclusión supón un debate incompleto e desequilibrado, xa que se silencia a voz do persoal do sector. O turismo non pode construírse só escoitando ás patronais: as persoas traballadoras tamén temos dereito a participar e a ser escoitadas. Desde CCOO Servizos, as Unións Comarcais de CCOO da Coruña, Santiago-Barbanza e Vigo, apostamos por un diálogo aberto e plural que permita avanzar cara a un modelo turístico máis xusto, sustentable e beneficioso para toda a sociedade galega.

    Defendemos que, se se xestiona de forma adecuada, a taxa turística pode converterse nunha ferramenta clave para reforzar a sustentabilidade e o equilibrio do turismo en Galicia. Por iso, reclamamos que os recursos recadados se destinen prioritariamente a:

    • Mellorar os servizos públicos básicos, que soportan unha forte presión pola chegada de visitantes.

    • Reforzar as condicións laborais no sector turístico e hostaleiro, garantindo emprego digno e estable.

    • Protexer o patrimonio cultural e natural galego, asegurando a súa conservación para as xeracións futuras.

    • Investir en transporte público, limpeza e seguridade cidadá, servizos esenciais que tamén se ven afectados pola actividade turística.

    En definitiva, desde CCOO Servizos reiteramos a nosa disposición ao diálogo cos concellos da Coruña, Santiago e Vigo e lembramos que un turismo sustentable en Galicia só é posible se se escoita tamén ás persoas traballadoras.

  • Tras demanda de CCOO, unha traballadora con fibromialxia logra que a Xustiza lle recoñeza a incapacidade absoluta

    O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ratificou unha sentenza que recoñece a incapacidade permanente absoluta para unha traballadora de 59 anos que padece fibromialxia, síndrome de fatiga crónica e múltiples síntomas severos. A defensa correu a cargo de Matilde Mallo Nieves, Graduada en Dereito e Graduada Social na asesoría xurídica na Unión Comarcal de CCOO Santiago-Barbanza.

    A afectada, cociñeira de profesión, experimenta unha serie de síntomas graves e debilitantes, como dores en todas as articulacións, fatiga extrema, depresión maior crónica, dificultades de concentración, insomnio e perda severa de peso (26 quilos en cinco meses). En 2019, obtivo a baixa laboral e, dous anos despois, o INSS concedeulle unha incapacidade total que só cubría o 75% da súa base de cotización. Sen embargo, dado o avance dos seus síntomas, a traballadora decidiu loitar polo recoñecemento da incapacidade absoluta, que lle permite recibir o 100% da base reguladora.

    O tribunal conclúe que os graves síntomas lle impiden desenvolver calquera traballo con eficacia, mesmo ocupacións non físicas. O TSXG entende que a incapacidade non se limita á imposibilidade de realizar un traballo concreto, senón que tamén inclúe aqueles casos nos que a persoa non pode levar unha vida laboral activa debido á gravidade da súa doenza.

    A sentenza, ao ser firme, marca un importante precedente para o recoñecemento de enfermidades incapacitantes como a fibromialxia. A Graduada en Dereito, Matilde Mallo, sinala que este é un gran paso para visibilizar unha enfermidade que afecta a moitas persoas en condicións similares.

    Desde CCOO Servizos queremos salientar a importancia desta sentenza, que supón un paso máis nun sector como o da hostalaría, no que se sofren múltiples doenzas músculo-esqueléticas debido ás longas xornadas de traballo de pé e en movemento, sen que estas cheguen a ser recoñecidas como enfermidades laborais.

    En La Voz de Galicia

  • CCOO Servizos avanzamos con forza nas eleccións sindicais de Eroski Vegalsa Sigüeiro -plataforma-

    No día de onte celebráronse as eleccións sindicais no centro de traballo de Eroski (Vegalsa) Sigüeiro, destacando un avance significativo de CCOO Servizos, que aumentamos a nosa representación en comparación cos anteriores comicios.

    Cun apoio cada vez maior das e dos traballadores, CCOO logramos pasar de 5 delegadas e delegados na última convocatoria a un total de 7 na presente, converténdonos nunha forza sindical de referencia. Este crecemento evidencia o recoñecemento do labor e o compromiso de CCOO na defensa dos dereitos laborais, así como a capacidade para conectar coas necesidades reais do persoal.

    Pola súa banda, Fetico obtivo 7 delegadas e delegados, con 1 técnico adicional. UGT mantén a súa representación con 2 delegados.
    Con estes resultados, o avance de CCOO é un claro sinal de que os traballadores e traballadoras confían cada vez máis no noso proxecto. Desde CCOO comprometémonos a seguir traballando para mellorar as condicións laborais e dar resposta ás demandas que nos expoña o persoal.
    Estes resultados son froito do esforzo colectivo e unha mostra de que o diálogo, a loita e a constancia seguen sendo ferramentas efectivas para acadar melloras no ámbito laboral.

    Moitas grazas a todas e todos os que confiastes en nós. Seguimos avanzando!

  • CCOO Servizos denunciamos discriminación e cargas de traballo insoportables en Froiz

    Persoas traballadoras de Froiz reuníronse diante dun supermercado da cadea para protestar contra as prácticas laborais abusivas. As principais queixas inclúen cargas de traballo insoportables por falta de persoal, cambios arbitrarios en quendas e horarios, así como discriminación cara aos encargados.

    A pesar de que o supermercado pechou o ano 2022 cun récord de facturación e un aumento do 14% na conta de explotación, as persoas traballadoras denuncian que as condicións laborais non reflicten este éxito económico. A falta de persoal leva a consecuencias directas, como traballo esgotador, multitarefa constante e a imposibilidade de planificar os seus calendarios laborais de forma mensual, trimestral ou anual.

    "Aumentan os ingresos, pero non vemos beneficios nas nosas condicións laborais. Estamos exhaustos e non podemos seguir así", sinaliza un dos delegados de CCOO.

    As protestas tamén subliñan a denegación de asuntos propios por falta de persoal e a existencia de contratos eventuais fraudulentos, o que agrava a inseguridade laboral.

    Os manifestantes esixen respecto, condicións laborais xustas e un trato digno por parte da dirección do supermercado. 

    A empresa en cuestión aínda non respondeu ás queixas formuladas polos traballadores. A situación está a recibir un seguimento estreito tanto polos medios como polos delegados e delegadas de CCOO.

    concentración Froiz  concentración Froiz

  • «Ou salario ou conflito», advirte a secretaria xeral de CCOO

    "Levámolo dicindo durante todo o verán, despois de que a CEOE se erguese da mesa de negociación: "salario ou conflito". É unha cuestión de principios", sinalou a dirixente sindical ante os medios de comunicación.

    "A clase traballadora non pode pagar o custo da crise. Fálase moito de pacto de rendas, pero a patronal só quere oír falar del cando os traballadores e as traballadoras sexan quen asuman o custo da crise, por iso cómpre actuar tamén sobre os beneficios empresariais", clarificou a sindicalista.

    Hoxe venres, 7 de otubro, a secretaria xeral de CCOO, canda o seu homólogo da UGT, estarán na concentración convocada en Ourense, ás 12 horas, diante da patronal provincial.

    Mobilizacións do venres, 7 de outubro

    Xoves, 6 de outubro

    — Ourense: concentración ás 12.00 horas diante da Confederación de Empresarios de Ourense. Asistirán a secretaria xeral de CCOO e o secretario xeral de UGT

    — Lugo: concentración ás 12.00 horas diante da Confederación de Empresarios de Lugo (só CCOO)

    — Pontevedra: concentración ás 12.00 diante da Cámara de Comercio (só de CCOO)

    — Vigo: concentración ás 12.00 horas diante da Confederación de Empresarios de Pontevedra