Categoría: Union Intercom. Santiago Barbanza

  • As primeiras sentenzas contra o Hotel Balneario do Tremo decretan a nulidade dos despedimentos por existir fraude de lei

    Comisións Obreiras (CCOO) informa das primeiras sentenzas a favor dos traballadores e traballadoras despedidos do Hotel Balneario do Tremo, no concello de Brión. As tres resolucións xudiciais coñecidas ata o momento decretan a nulidade dos despedimentos por se considerar acreditada a existencia dunha fraude de lei para evitar cumprir cos dereitos de subrogación do persoal. CCOO, sindicato que asesora os demandantes, congratúlase desta vitoria xudicial e agarda que as restantes sentenzas que aínda están pendentes se pronuncien na mesma liña. Ler máis

    En termos moi similares, estas primeiras sentenzas coidan acreditada a existencia dunha fraude de lei para conculcar os dereitos laborais dos traballadores e traballadoras do complexo hoteleiro e termal. A empresa, anteriormente denominada Hotel Balneario de Compostela, pechou a comezos do 2021 no marco dun procedemento concursal previo á liquidación da sociedade. Contaba nese momento cun cadro de persoal de aproximadamente trinta persoas.

    A sentenza recolle como feitos probados que a empresa deu de baixa o persoal na Seguridade Social o 15 de xuño e que só dous días despois se constituía a nova empresa —que comparte cargos administrativos, instalacións, medios e provedores coa empresa extinta—. As novas contratacións comezan a producirse o 12 de xullo, menos dun mes despois, sendo incorporada á nova empresa aproximadamente a metade de traballadores e traballadoras que había antes do peche.

    A interrupción do vínculo laboral durante este tempo, menos dun mes, impediría automaticamente que as traballadoras e traballadores puidesen exercer o seu dereito a seren subrogados pola nova empresa nas condicións de traballo previas. Non obstante, a Xustiza ditamina que «si cabería derivar a responsabilidade excepcionalmente á nova empresa» en caso de constatarse a existencia dunha fraude de lei por parte das empresas codemandadas neste proceso.

    Así o consideran os xulgados composteláns, que verifican a existencia dunha fraude de lei por parte das empresas Hotel Balneario do Tremo S. L., Balneario do Tremo S. L. e Balneario de Compostela S. L., polo que decretan a nulidade dos despedimentos e instan ao pagamento dos salarios de tramitación e cantidades pendentes, así como á «readmisión inmediata» do persoal.

  • Reunión da mesa do convenio de Comercio Alimentación Coruña

    Tras varias reunións, a patronal de Alimentación da Coruña teimaba en non entrar a discutir a plataforma sindical e só se dedicaba a informar sobre a situación económica xerada pola COVID-19, sobre o incremento de gastos en epi e a repercusión negativa nas vendas.

    Non tiña en conta o esforzo feito polos cadros de persoal, nin os fortes incrementos de vendas e carga de traballo durante o confinamento, nin o risco persoal como sector esencial de abastecemento da poboación, nin que esta pandemia debe tratarse como o que é: un problema temporal que non pode utilizarse para rebaixar as condicións do convenio. Ler máis

    Por fin, na última reunión do 20 de outubro, vimos un pequeno avance. A patronal presentounos dúas propostas:

    1. Manter o actual convenio con vixencia para os anos 2020-2021, cun incremento do 0,25 % dos salarios e sen modificar nada do seu texto.

    Para CCOO, ante o esforzo dos traballadores e traballadoras durante a pandemia e o confinamento, un incremento salarial do 0,25 % é INACEPTABLE.

    2. Tratar unha parte da plataforma sindical, especialmente centrándose en categorías, xornada, licenzas, horas complementarias, pero sen presentar de momento unha proposta de incremento salarial.

    Desde CCOO entendemos que este pode ser un primeiro paso para entrar de vez e de forma seria na negociación, e lembramos que para nós existen temas importantes aos que hai que dar unha solución:

    • Por que temos unha das xornadas máis alta de todo o sector?: 1812 horas anuais

    • Como é posible un control de presenza asinado nunha folla de papel?, estamos na época das cavernas ou en plena era dixital?

    • Por que un exceso de horas complementarias convertidas case nunha xornada completa, pero con horarios irregulares que impiden a conciliación da vida laboral e familiar?

    • Por que non se implantan xornadas continuas e se teima en manter xornadas partidas, cando a pandemia demostrou que son totalmente realizables?

    • Que pasa cos cadros de persoal que fan traballos profesionalizados pero seguen no GRUPO SALARIAL IV, o que ten o salario máis baixo?

    • Que pasa coas persoas obrigadas a asumir responsabilidades de 2º encargado/a e sen recoñecemento salarial?

    • Que pasa cos gastos de quen debe desprazarse a outros centros de traballo?

    • Cando imos adaptar as sentenzas xudiciais sobre licenzas para que estas se gocen en días hábiles de traballo?

    • É imprescindible un INCREMENTO SALARIAL XUSTO, que recoñeza o esforzo das traballadoras e traballadores polo risco que están asumindo, a tremenda carga de traballo e o altísimo estrés.

    • E MOITOS OUTROS TEMAS QUE TEÑEN IMPORTANCIA E QUE TEMOS QUE TRATAR.

    Seguiremos informando

  • O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia condena á Fundación Monte do Gozo (Proxecto Home Galicia) por actitude antisindical

     Tal e como ven denunciando dende o ano 2017 a Federación de Servizos de CCOO de Galicia en diferentes reunións, mobilizacións e roldas de prensas, os informes da Inspección de Traballo da Coruña e Vigo recoñecían irregularidades graves na actuación da empresa e xeraban por iso unha
    serie de requirimentos e sancións. Súmase agora unha sentenza do TSXG de Galicia de data 23 de xullo de 2019, na que se ratifica de forma contundente a ACTITUDE ANTISINDICAL contra CCOO, contra a súa delegada e afiliadas e afiliados na Fundación Monte do Gozo, Proxecto Home Galicia. Ler máis

    A sentenza é demoledora tanto no relativo aos feitos probados, como aos fundamentos de dereito, nos que o tribunal fala de presións á hora de dirixir o voto contra CCOO, da manipulación por parte do xerente para tentar conseguir un convenio de empresa que empeore as condicións laborais do persoal e a represión interna tanto cara á afiliación de CCOO e a todas as persoas que discrepan coa actitude autoritaria e caciquil que se vive nos centros.
    A sentenza do TSXG Condena á Fundación monte Do Gozo-Proxecto Home Galicia ao cesamento inmediato de tal comportamento antisindical así como a abonar ao Sindicato demandante unha indemnización de 15.000 euros polos danos morais provocados e pola súa conduta antisindical.
    Esta indemnización, súmase ás importantes cantidades que A Fundación tivo que pagar en concepto de sancións á Inspección de Traballo e  indemnizacións a traballadoras despedidas de forma improcedente tal e como recoñecen diferentes sentenzas xudiciais.
    CCOO xa ten manifestado en roldas de prensa a xestión irresponsable da Fundación monte Do Gozo-Proxecto Home Galicia: non ten o máis mínimo escrúpulo en destinar miles de euros do diñeiro procedente de subvencións e doazóns, ao pago de sancións e indemnizacións, mentres mantén unha
    situación de precariedade no seu persoal que afecta gravemente á atención dos usuarios e usuarias dos seus centros, sen que a administración ou o padroado, coñecedores destes feitos, tomen ningún tipo de medida respecto diso.