Categoría: Union Intercom. Santiago Barbanza

  • A Federación de Servizos de CCOO reúnese cos grupos parlamentarios para tratar a situación do Banco Popular

    A Federación de Servizos de CCOO de Galicia está
    a manter reunións cos distintos grupos parlamentarios galegos para
    abordar a problemática xurdida por mor da venda do Grupo Banco
    Popular ao Banco Santander. Hoxe celebráronse reunións cos grupos
    políticos En Marea e Partido Popular , estando previsto para mañá,
    día 14, un encontro co PSG.

    Nas xuntanzas de hoxe, a delegación de
    CCOO-Servizos estivo integrada pola secretaria xeral, Lucía Trenor,
    a responsable da sección sindical do Banco Popular, Carmen Peteiro,
    e polo responsable do sector financeiro de CCOO, Francisco Villares. Segue


     Desde o sindicato alertaron das «graves» repercusións sociais que
    para a nosa terra tería o desmantelamento dunha entidade financeira
    «netamente galega» e pedíronlles aos partidos políticos que se
    impliquen na defensa do emprego e das condicións laborais.

    CCOO-Servizos estendeu esa petición tanto aos postos de traballo
    directos -case o 12% do persoal do Popular, unhas 1430 persoas,
    está en Galicia-, como ás empresas vinculadas  -comercializadoras
    do parque inmobiliario do banco, centros de chamadas, etc.,- que
    suman unhas 500 persoas.

    Reacción dos grupos

    O Grupo Parlamentario de En Marea coincidiu con CCOO no rexeitamento
    a posibles despedimentos e peches de oficinas, así como na defensa
    da Fundación Barrié, cuestións que levará ao debate
    parlamentario. Do Grupo Parlamentario Popular tamén amosaron
    preocupación por estes puntos e solicitarán a mediación do
    presidente da Xunta para a defensa dos dereitos laborais e dos
    intereses da cidadanía.

    Traballo coordinado de CCOO

    CCOO-Servizos ten a representación maioritaria no ámbito estatal e nas empresas afectadas, isto é, tanto nos dous bancos como nas
    empresas que lles prestan servizos. Asemade, todas as seccións
    sindicais implicadas están a traballar coordinadamente desde que se
    coñeceu a operación de compra.

    Isto entra dentro do calendario de encontros que
    se estenderán á dirección do Banco Santander e Universal Support -centro de chamadas, contact center,
    con máis de 200 persoas afectadas-, tamén nesta semana.

  • Santander adquire Banco Popular: A principal preocupación é a defensa do emprego

    Ante
    a difusión hoxe en medios da decisión da Xunta de Resolución
    Bancaria Europea da adxudicación de Banco Popular a Banco
    Santander, dende a Federación de Servizos de CCOO en Galicia
    queremos pór de manifesto que esta noticia debe significar a
    finalización da incerteza que levan padecendo nas últimas semanas
    os máis de 1.400 traballadores e traballadoras do Grupo Banco
    Popular en Galicia. Segue

    A
    integración do Grupo Banco Popular a Banco de Santander debe
    representar a incorporación dun persoal moi preparado, que sabe e
    entende o negocio bancario. Grupo Banco Popular levou a cabo moi
    recentemente unha reestruturación do seu persoal e non require novos
    axustes de persoal.

    Para
    a Federación de Servizos de CCOO en Galicia, especialmente afectada
    pola relevancia de Banco Pastor no noso territorio, a
    principal preocupación

    é a mesma que a dos traballadores e as traballadoras: a
    defensa do emprego

    e que a homoxeneización das condicións de traballo entre o persoal
    se faga de forma ordenada, progresiva e pactada. CCOO esiximos un
    Protocolo
    de Garantías de Emprego

    que renuncie á utilización de medidas traumáticas.

    CCOO
    somos o sindicato maioritario no Sector Financeiro. A nosa
    experiencia acumulada, ao liderar diferentes procesos de integración,
    serviranos para levar a cabo unha negociación con alternativas
    razoables, tanto para o persoal como para o desenvolvemento eficaz da
    integración en Banco de Santander. Somos a garantía de que o
    proceso contará cos intereses dos traballadores e das traballadoras
    de ambas as Entidades.

    Lucía Trenor

    Secretaria Xeral Federación
    de Servizos CCOO Galicia

  • A Federación de Servizos celebra unha asemblea de delegados da comarca de Santiago

    Onte, 10 de maio,
    celebrouse unha asemblea de delegadas/os da comarca de Santiago para
    presentar o proxecto da Executiva da Federación de Servizos. A
    participación activa de todas las persoas asistentes propiciou un
    enriquecedor intercambio de ideas e inquedanzas, ademais de consenso
    sobre as liñas de traballo propostas pola Secretaría Xeral e
    Executiva desta Federación.

    Como ideas
    principais do proxecto para implementar no futuro máis inmediato
    cabe destacar a comunicación categorizada e fluída entre as
    diversas estruturas así como o traballo en equipo ordenado en
    función das distintas áreas e sectores, co fin de aproveitar e
    compartir a experiencia entre os mesmos nesta nova etapa.

    Desde a Federación
    de Servizos queremos agradecer a asistencia á xuntanza, e o empeño
    das delegadas e delegados da Comarca de Santiago para defender un dos
    principios básicos de CCOO, que é a defensa do emprego digno e de
    calidade.

  • Primeiro de Maio en Galicia: que a recuperación chegue xa a toda a cidadanía

    Miles de persoas participaron nas manifestacións que CCOO e UGT convocaron en toda Galicia (A Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Viveiro, Ourense, Pontevedra, Vilagarcía e Vigo) para conmemorar este Primeiro de maio e reclamaron que a recuperación chegue xa ao conxunto da cidadanía. Para isto, cómpre que os gobernos, o central e galego poñan riba da mesa todos os mecanismos necesarios para garantir emprego estable, salarios xustos, pensións dignas e máis protección social.

    Porque «xa non hai escusas» para que os traballadores e as súas familias continúen á marxe da recuperación económica, insistiron os sindicatos.

    Neste Primeiro de Maio, os secretarios xerais de CCOO, Xosé Manuel Sánchez Aguión, e UGT, José Antonio Gómez, denunciaron que a tímida mellora da situación do emprego está «ensombrecida» por máis e máis precariedade. Aqueles persoas que teñen un posto de traballo están a ver día tras día diminuídos os seus ingresos, pois ter un traballo «xa non garante ter unha vida digna», lamentaron os dirixentes sindicais ao remate da manifestación principal, na Coruña.

    Tamén as persoas pensionistas ven diminuídos os seus ingresos, malia que as pensións, nos peores momentos da crise, foron dos principais baluartes para sustentar a moitas familias. Asemade, as persoas que continúan en situación de desemprego, aínda ven como resulta cada vez máis difícil acceder aos instrumentos de protección social habilitados.

    Os secretarios xerais de CCOO e UGT afirmaron hoxe que «é preciso que a clase traballadora poida vivir dignamente co froito do seu traballo, e que aquelas persoas que non teñen un emprego poidan acceder a un en condicións dignas».

    Os datos revelan que, malia que a economía medra, Galicia segue sen recuperar emprego. O PIB xerado en Galicia no 2016 medrou, en relación ao 2007, previo ao estalido da crise, en 1.611 millóns de euros. «Algo está fallando», advertiron Aguión e Gómez.

    Fronte a isto, entre o cuarto trimestre de 2007 e o cuarto trimestre de 2016 perdéronse en Galicia más de 146.000 ocupados. Galicia está entre as comunidades autónomas que máis emprego perde nestes anos, só superada por Estremadura e Valencia. O desemprego subiu neste mesmo período en 107.800 persoas, un 111,8 por cento máis.

    Con todo, os dirixentes sindicais alertaron dunha realidade «aínda máis preocupante»: a situación «límite» de moitas familias galegas a causa do paro de longa duración, que se converteu xa nun elemento estrutural e que está a xerar situacións de pobreza e exclusión social. O paro de longa duración pasou de representar o 27,7 por cento no 2007 ao 58,2 por cento na actualidade. «Xa son moitas as persoas, con familias detrás, que non conseguen escapar da lacra do desemprego e a realidade evidencia que canto máis tempo nesta situación máis difícil é saír da mesma», apuntaron.

    Por todo isto, criticaron que os mecanismos articulados pola Xunta en materia de emprego «é evidente que non funcionan», polo que instaron a Administración galega a pór riba da mesa todas as medidas necesarias para romper o «círculo vicioso» do desemprego que se instaurou no mercado laboral galego.

    Malia complexa realidade, a Xunta reduciu a dotación orzamentaria en políticas activas de emprego en máis de 137 millóns de euros dende o ano 2008. A este recorte de fondos hai que sumarlle o recorte en prestacións e o endurecemento no acceso ás mesmas, imposta polo Goberno central. De feito, en Galicia quedan fóra do sistema de protección 110.000 persoas en situación de desemprego.

    Neste contexto, as mulleres seguen a levar a peor parte. A taxa de actividade das mulleres galegas está a cola do Estado; a taxa de temporalidade entre as mulleres galegas é case catro puntos superior á dos homes; a taxa de paro segue sendo superior a das mulleres, en 1,3 puntos, e tan só o 43,3 por cento das mulleres en paro perciben prestacións, fronte ao 56,7 por cento dos homes. E que dicir dos mozos que vense obrigados a abandonar Galicia na busca dun futuro mellor ante a falta de expectativas de cara ao seu futuro.

    Segundo Aguión e Gómez, todo isto ten «consecuencias dramáticas»: as desigualdades, a pobreza e o aumento progresivo da exclusión social, afectando a máis do 22 por cento da poboación.

    Fronte a esta realidade, ambos sindicatos demandan:

    • A derrogación das reformas laborais, que instalan a precariedade como norma de contratación e só fomentaron a desigualdade e a perda de dereitos.
    • Pór en marcha un plan de choque polo emprego con recursos.
    • Devolver o equilibrio de forzas na negociación colectiva, para que os sindicatos e empresarios poidan negociar en igualdade de condicións.
    • Reformar o sistema de prestacións por desemprego para facer que chegue a todas as persoas en situación de desemprego.
    • Un SMI suficiente e estable, chegando aos 1.000 euros a finais da lexislatura.
    • Unha Lei de igualdade salarial.
    • Derrogar a reforma das pensións de 2013. As pensións teñen que subir por riba do IPC.
    • Hai que acometer unha reforma fiscal integral que consiga máis ingresos e reparta mellor os esforzos, así como loitar contra a fraude fiscal.
    • É preciso poñer en marcha unha prestación de ingresos mínimos para todas aquelas persoas que, querendo traballar, non o poden facer.
    • A recuperación progresiva do gasto en sanidade, educación, protección social e axuda á dependencia.
    • Un Plan Estratéxico para a industria.
  • CCOO Servizos obtén toda a representatividade en DÉCIMAS (A Coruña, Ferrol e Santiago)

    CCOO gañou as eleccións sindicais ao ter sido elexidas as tres delegadas de personal que se presentaron, quedando a CIG sen representación.

    CCOO mellora os resultados obtidos nas anteriores eleccións en Sport Street S.L., empresa da que provén Décimas SLU, despois da segregación en distintas marcas.

    Cabe salientar que o plantel é maioritariamente feminino e que estre feito se reflectiu na elección das representantes. CCOO quere expresar o seu agradecemento ás persoas que participaron neste proceso e en especial ás que co seu voto depositaron a súa confianza nas Comisións Obreiras.