Hostal dos Reis Católicos: desigualdade entre traballadores, sen convenio e líder en beneficios

O Comité de Empresa do Hostal dos Reis Católicos, en Santiago de
Compostela, integrado polos sindicatos CSIF, CIG, CUT e CCOO,
concentrouse este martes, día sete, na Cidade da Cultura coincidindo coa presenza da presidenta de Paradores de Turismo, co fin de reivindicar unha negociación real e a firma dun
convenio digno xa que o actual leva oito anos caducado.

O Comité do parador compostelán acudiu a esta concentración farto de reivindicar desde hai tempo a necesidade de que se recuperen as condicións e dereitos que tiñan os traballadores antes do ERE, no que se despediron a 13 persoas, e lembra que ese ERE foi innecesario xa que o Hostal é o parador da rede estatal que máis beneficios aporta. Por iso, insiste en que se restablezan de xeito inmediato as condicións económicas e sociais como son a actualización salarial ou os días de asuntos propios.

Para o Comité de Empresa, a negativa de Paradores de Turismo a
negociar supón que se manteñan ano tras ano os acordos dun más que
discutible ERE co que se sufriu, ademais de despidos, reducións de
xornadas laborais, especialmente no departamento de camareiras de
piso, o máis castigado pola regulación de emprego xa que se
externalizou o servizo que estas desempeñaban. É mais, os
sindicatos denuncian a brecha salarial das camareiras de piso, que
cobran menos que os seus compañeiros camareiros de restaurante xa
que, inxustamente, teñen una categoría inferior.

Así mesmo, esixen que se termine coas desigualdades entre
traballadores da mesma categoría e nivel profesional e que se iguale
a prima de produción co resto de empregados da rede de Paradores xa
que cobran a metade aínda que, insisten, o de Santiago é o parador
que máis beneficios xera.