Mobilizacións do persoal de cociña do Hospital do Salnés

Tras tentar negociar coa dirección da empresa un calendario laboral
acorde ao convenio e á lexislación vixente e tras pasar pola Inspección de Traballo sen conseguir unha solución acorde, os
traballadores e traballadoras de cociña do Hospital do Salnés
decidiron poñer un Conflito Colectivo ante a maxistratura e iniciar
mobilizacións que comezaron cunha concentración ás portas das
instalacións do hospital o pasado 5 de maio.

Xornadas de 50 horas semanais e de oito días consecutivos de
traballo sen descanso e a contratación insuficiente, en precario e
en fraude de lei dos traballadores e traballadoras que realizan
substitucións; son algunhas das cuestións que é necesario
solucionar.

Unido á reivindicación dun calendario laboral axustado, reclámase
tamén a necesidade de cubrir o persoal necesario convenientemente
para poder dar un servizo en condicións aos usuarios do hospital. A
presión por ter que sacar o traballo cun persoal insuficiente recae
ademais sobre os 15 traballadores e traballadoras ás que se lle
esixe que cubran un traballo que necesita dun maior persoal.

A negativa da dirección da empresa concesionaria do servizo, Eurest
Colectividades, de solucionar estes importantes problemas é a que
provocou que o persoal se vise na necesidade de mobilizarse e acudir
á xurisdición laboral.

Tras esta primeira concentración do 5 de maio realizarán outra,
tamén ás portas do hospital, o próximo día 11 de 11:15 a 11:30, e
ás portas da Audiencia Nacional de Pontevedra o próximo 23 de maio
de 10:45 a 11:15 aproveitando a celebración do xuízo.

Juan Bao, delegado de CCOO, explícao en «La Voz de Galicia»