Mobilizacións o día 19 en toda Galicia «por uns salarios e emprego dignos»

CCOO e UGT convocan mobilizacións nas principais cidades e vilas galegas
(A Coruña, Santiago, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo) para o
vindeiro domingo, día 19. Os sindicatos denuncian que, mentres soben os
prezos, os salarios perden poder adquisitivo e aumenta a desigualdade.

MANIFESTACIÓNS
-Santiago: 12 h, Alameda-Praterías
-Ourense: 12 h, ao redor da Subdelegación do Goberno

CONCENTRACIÓNS
-A Coruña: 12 h, Delegación do Goberno
-Ferrol: 12 h, edificio da Xunta
-Lugo: 12 h, Subdelegación do Goberno
-Pontevedra: 12 h, Subdelegación do Goberno
-Vigo: 11.30 h, museo MARCO

UGT e CCOO reiteran que nos últimos anos a cidadanía tivo que afrontar a
perda progresiva de poder adquisitivo dos salarios, das pensións e das
rendas de protección, o que está a xerar un crecemento sostido da
desigualdade. Isto é consecuencia do forte aumento do desemprego e da
xeneralización da precariedade laboral, así como da suba dos prezos das
subministracións básicas, electricidade, gas e auga.

A imposición
de políticas de austeridade e continuos recortes, tanto no eido social
como laboral, disparou as taxas de desemprego ata niveis insoportables e
provocou a dualidade do mercado de traballo. Isto derivou nunha
sociedade máis empobrecida e nun retroceso inxustificado de dereitos
sociais e laborais.

A tímida recuperación económica que se
rexistra desde o 2015 non está a chegar nin aos salarios nin á rede de
protección social. E, por se fose pouco, a cidadanía tense que enfrontar
á suba do custe dos servizos básicos.
Os gobernos non poden mirar
cara outro lado e as organizacións patronais tampouco. Son culpables do
que pasa, da suba incontrolada dos prezos, da perda de poder de compra
dos salarios, das pensións e das rendas de protección.

Por todo
isto, UGT-Galicia e o S. N. de CCOO de Galicia chaman a cidadanía galega
a saír á rúa este domingo contra o encarecemento da vida, especialmente
contra a suba dos servizos básicos esenciais.
Hai que saír á rúa
para demandar subas salariais, das pensións e das rendas de protección.
Subas que permitan recuperar o poder adquisitivo, retomando o IPC como
índice de actualización.

Hai que saír á rúa para reclamar máis e
mellor emprego; contra a precariedade laboral; contra a brecha salarial;
pola recuperación de dereitos e da calidade dos servizos públicos; por
unha prestación de ingresos mínimos que axude a combater a desigualdade e
a pobreza; e pola derrogación das reformas laborais.